DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 26 de marzo de 2004 Páx. 4.200

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 23 de marzo de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións para a realización de obras de construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas e para a adquisición de equipamentos deportivos.

Por medio da presente orde, preténdese poñer en marcha un ambicioso programa de fomento daquelas actividades que persigan a mellora do parque de

inmobles vinculados a usos deportivos, xa pertenzan a concellos ou a entidades deportivas sen ánimo de lucro.

Mediante este programa levarase a cabo, se ben de modo indicativo, unha laboura de planificación no plano de mellora das instalacións deportivas, de modo que coa acción pública da administración autónomica tentarase orientar e priorizar aquelas que se xulgan máis relevantes para a actividade deportiva.

A regulación detallada dos aspectos máis relevantes da acción programada, identifica con claridade os benefeciarios no artigo 2 e as actuacións subvencionables no seguinte precepto, para establecer

posteriormente os trámites esenciais do procedemento administrativo que a acción exixirá.

No procedemento destaca a intención de facilitar o máximo contacto dos potenciais beneficiarios coa Administración autonómica, finalidade que explica a intervención dos servizos administrativos das delegacións provinciais da consellería, tanto nas fases iniciais como finais del.

O outorgamento das subvencións será efectuado baixo estrictos criterios obxectivos que se explicitan con suficiente detalle no artigo 9 na norma reguladora.

Finalmente para permitir acoller e prestar apoio a aquelas actuacións de máis entidade, prevese a posibilidade de que as actuacións a subvencionar posúan carácter plurianual.

Nos orzamentos xerais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, para o exercicio de 2004, existe crédito axeitado e suficiente, nas aplicacións orzamentarias 14.04.355A.760.0 (800.000 A), 14.04.355A.780.0 (500.000 A) e 14.04.355A.780.1 (330.000 A), para as axudas que se establecen nesta orde. Téñense efectuado as pertinentes retencións de crédito polos importes citados.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve, constitúen a normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais que resultan de xeral aplicación.

Polo exposto e en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios destinados para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas e subvencións para a construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas de titularidade pública ou privada e para a adquisición de equipamentos deportivos por parte das entidades ás que refire o artigo seguinte.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios do presente programa as seguintes entidades, públicas ou privadas, en tanto reúnan os demais requisitos exixidos para ter tal condición.

-Concellos.

-Entidades deportivas (clubs e federacións deportivas galegas), con inscrición vixente como tales no

Rexistro de Asociacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

No marco do presente programa só resultarán susceptibles de seren subvencionadas aquelas actuacións que resulten subsumibles nalgúns dos seguintes puntos, atendendo á necesidade ou fin que hai que satisfacer.

3.a) Construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas de titularidade pública ou privada, cando esta corresponda a algunha das entidades identificadas no artigo 2º precedente.

As actuacións anteriores deberán, atendendo á natureza da instalación deportiva, pretender a mellora dalgún dos aspectos que deseguido se identifican:

1. Campos de fútbol: só serán susceptibles de seren subvencionadas obras que comporten melloras respecto dos seguintes aspectos:

-Terreo de xogo.

-Vestiarios.

-Iluminación.

Non serán obxecto de subvención as actuacións relativas aos peches perimetrais, urbanización do contorno ou a construción ou reforma de bancadas e cubertas de tribunas.

2. Pavillóns polideportivos: só serán susceptibles de seren subvencionadas obras que comporten melloras respecto dos seguintes aspectos:

-Pavimento da zona de xogo.

-Vestiarios.

-Obras para mellorar a estanquidade do inmoble.

Non serán obxecto de subvención obras que comporten ou pretendan o mantemento ordinario do inmoble (reposición de vidros, pintado interior/exterior e análogas).

3. Piscinas descubertas: só serán susceptibles de seren subvencionadas obras que comporten melloras respecto dos seguintes aspectos:

-As que pretendan a adecuación do vaso/s ou da instalación á normativa sanitaria vixente, a mellora da súa estanquidade e ou a reducción da súa profundidade.

-Vestiarios.

Non serán obxecto de subvención as obras que garden relación coas zonas de lecer vinculadas ou próximas ás piscinas, peches perimetrais das instalacións, urbanización do contorno, iluminación do complexo, etc.

4. Piscinas cubertas: só serán susceptibles de seren subvencionadas obras que comporten melloras respecto dos seguintes aspectos:

-Sistemas de depuración da auga.

-Sistema de climatización.

-Incremento das superficies vinculadas a usos deportivos e complementarios (ximnasios de musculación ou mantemento e saunas).

-Introducción de sistemas de aforro enerxético.

Non serán obxecto de subvención obras que comporten ou pretendan o mantemento ordinario do inmoble (reposición de vidros, pintado interior/exterior e análogas).

5. Pistas de tenis: só serán susceptibles de ser subvencionadas obras que comporten melloras respecto dos seguintes aspectos:

-Construción de cubertas sobre pistas existentes.

-Iluminación das zonas de xogo.

-Terreo de xogo en pistas cubertas.

Non serán obxecto de subvención as actuacións en pistas de tenis descubertas que refiran o seu terreo de xogo, e aquelas operacións que pretendan o mantemento ordinario da instalación.

6. Instalacións vinculadas a deportes náuticos: só serán susceptibles de seren subvencionadas obras que comporten melloras respecto dos seguintes aspectos:

-Hangares para embarcacións.

-Vestiarios e ximnasios de musculación.

-Saunas.

-Adecuación dos edificios existentes ó contorno.

-Mellora do acceso ás zonas de adestramento e de regata dos deportistas.

7. Outras instalacións deportivas: só serán susceptibles de seren subvencionadas obras que comporten melloras respecto dos seguintes aspectos:

-Aquelas accións que garden relación directa cos espacios adicados á práctica deportiva respecto daquelas modalidades recoñecidas polos distintas federacións deportivas galegas e as edificacións auxiliares que puidesen estar vinculadas con aqueles.

3.b) Adquisición de equipamento deportivo inventariable.

Poderá ser obxecto de subvención a adquisición de todo tipo de equipamento deportivo inventariable para ser destinado á práctica deportiva ou a realización de adestramentos.

Non serán obxecto de subvención as adquisicións que consistan en equipacións deportivas, balóns e pequeno material de análogas características.

Artigo 4º.-Financiamento orzamentario.

As subvencións e axudas económicas reguladas na presente orde faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias, que posteriormente se identifican, pertencentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, ata os importes máximos que para cada finalidade se sinala:

4.1. Construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas de titularidade pública e adquisición de equipamento deportivo, con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.355A.760.0, por importe de 800.000 A.

4.2. Idem., de titularidade privada (entidades sen ánimo de lucro), con cargo á aplicación 14.04.355A.780.0, por importe máximo de 500.000 A.

4.3. Construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas vinculadas a deportes náuticos, de titularidade privada (entidades sen ánimo de lucro), e adquisición de equipamento deportivo con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.355A.780.1, por importe máximo de 330.000 A.

No caso de que a acción ou obra que se vaia subvencionar teña carácter plurianual a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado poderá comprometerse a subvencionar fases de execución futura das obras, con suxeición ás limitacións contidas no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ata unha contía máxima en cada unha das aplicacións orzamentarias e anualidades seguintes:

-Aplicación orzamentaria 14.04.355A.760.0:

Ano 2005: 700.000 A.

Ano 2006: 600.000 A.

Ano 2007: 500.000 A.

-Aplicación orzamentaria 14.04.355A.780.0:

Ano 2005: 350.000 A.

Ano 2006: 300.000 A.

Ano 2007: 250.000 A.

-Aplicación orzamentaria 14.04.355A.780.1:

Ano 2005: 231.000 A.

Ano 2006: 198.000 A.

Ano 2007: 165.000 A.

Artigo 5º.-Importe de subvencións ou axudas máximas.

O importe máximo das subvencións ou axudas económicas que hai que outorgar no marco do presente programa, cando se trate de obras, non excederá de 60.000 A, cando a actuación non teña carácter plurianual, suposto en que a axuda económica poderá acadar os 90.000 A/anualidade.

O importe máximo susceptible de ser subvencionable, en cada actuación, relativa a obras, será do 80% do investimento que se realizará cando o solicitante sexa unha entidade local e do 90% cando sexa unha entidade privada sen ánimo de lucro.

Para a adquisición de equipamento deportivo o importe máximo das subvencións, en cada actuación, non poderá exceder de 18.000 A, nin do 70% do investimento total.

Para determinar o importe da acción ou actuación subvencionable poderán terse en conta os seguintes gastos: honorarios facultativos de redacción do proxectos técnicos, dirección de obra e análogos; prezo dos contratos de obra adxudicados ou de adquisición de equipamentos deportivos; taxas ou impostos municipais vinculados á expedición das oportunas autorizacións e licencias.

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes formalizaranse no impreso oficial, segundo o modelo que se xunta á presente orde como anexo I.

6.1. Para obras de construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas, achegarase a seguinte documentación:

6.1.a) Documento acreditativo da titularidade do terreo ou inmoble no que se pretenda realizar a actuación. Os terreos deberán ser de titularidade da entidade solicitante, ou no seu defecto, esta deberá posuír título bastante que a habilite para a realización das obras e o uso posterior do construído ou reformado por período non inferior a dez (10) anos.

6.1.b) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade solicitante pola que se aproban as obras que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

6.1.c) Memoria xustificativa da necesidade das obras para as que se solicita subvención, así como número de equipamentos e categoría das competicións en que estes participen, con mención do número de usuarios que fagan uso da instalación.

6.1.d) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III).

6.1.e) Anteproxecto técnico ou memoria valorada da obra que se pretende realizar, subscrito por técnico competente.

Os solicitantes que resulten beneficiarios das subvencións ou axudas económicas a que refire o presente punto, quedarán obrigados a presentar o correspondente proxecto técnico e as autorizacións administrativas municipais e sectoriais oportunas, se a entidade e complexidade das obras que se van executar o exixiren.

6.1.f) Nas solicitudes presentadas polas entidades locais e se a obra que se vai subvencionar é obxecto de contratación ó abeiro dos artigos 56 e 121 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas unicamente será exixible o orzamento detallado, sen prexuízo da existencia de proxecto cando as normas específicas así o requiran.

6.2. Para a adquisición de equipamentos deportivos, achegarase a seguinte documentación:

6.2.a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade solicitante pola que se aproba o programa de adquisicións que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

6.2.b) Memoria xustificativa da necesidade de proceder á adquisición do equipamento deportivo de

competición ou adestramento que se pretende adquirir, así como número de equipos e categoría das competicións en que estes participen, con mención do número de usuarios que fagan uso da instalación.

6.2.c) Orzamento detallado do equipamento para o que se solicita subvención.

6.2.d) Nas solicitudes presentadas polas entidades locais e se o equipamento que se vai subvencionar é obxecto de contratación ó abeiro dos artigos 56 e 176 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, unicamente será esixible o orzamento detallado.

6.2.e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III).

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes e emenda.

As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado ou dirixidas a estas mediante a súa presentación por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes rematará aos corenta (40) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Recibidas as solicitudes e a documentación complementaria, serán analizadas polos servizos de deportes das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, co obxecto de comprobar que estas se atopan debidamente cubertas e suficientemente documentadas. En caso contrario, requirirán o solicitante, para que no improrrogable prazo de dez (10) días hábiles, proceda a emendar as deficiencias observadas.

Realizadas as operacións anteriores as solicitudes seranlle enviadas á Dirección Xeral para o Deporte.

Artigo 8º.-Comisión avaliadora.

A comisión avaliadora encargada de valora-las solicitudes, estará formada do seguinte xeito:

Presidente:

-O director xeral para o Deporte, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-O subdirector xeral de Deportes.

-O xefe do Servizo de Infraestructuras Deportivas.

-Os xefes dos servizos de deportes das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Secretario:

-Un funcionario da Dirección Xeral para o Deporte.

Artigo 9º.-Criterios para o outorgamento da subvención.

A proposta de outorgamento da subvención será formulada pola comisión avaliadora, unha vez aplicados os criterios de valoración, e logo de agrupación ou ordenación das diversas solicitudes nos respectivos puntos ou finalidades perseguidas coa presente orde, co obxecto de garantir que a competencia entre os proxectos ou accións concorrentes se produza entre accións que persigan finalidades análogas.

9.1.a) Criterio de avaliación de solicitudes relativas a obras de construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas.

1. O outorgamento de axudas económicas e subvencións efectuarase atribuíndo preferencia ás actuacións programadas nas instalacións deportivas destinadas a campos de fútbol e pavillóns polideportivos, e consecuentemente o 60% do importe total das axudas destinadas a esta finalidade terán por beneficiarios proxectos que os afecten.

2. As restantes finalidades serán priorizadas atendendo a seguinte orde:

-Piscinas cubertas.

-Pistas de tenis.

-Piscinas descubertas.

-Outras instalacións deportivas.

Os criterios anteriores non serán de aplicación respecto de actuacións referidas a deportes náuticos, por posuír esta liña unha dotación específica.

3. Atendendo as prioridades anteriores as solicitudes serán valoradas do seguinte xeito:

a) Necesidade das obras proxectadas, atendendo á urxencia que presenten polo estado no que se poidan atopar os inmobles en atención á súa seguridade, salubridade e ornato.

b) Categoría das competicións deportivas en que toman parte os equipos usuarios da instalación deportiva.

c) Número de equipos usuarios da instalación que participen en competicións oficiais.

d) Porcentaxe da achega comprometida pola entidade solicitante.

e) Cando se posúan dereitos temporais para o uso e desfrute da instalación ou inmoble, a duración deles.

9.2.b) Criterios de avaliación de solicitudes relativas á adquisición de equipamentos deportivos.

-O outorgamento de axudas económicas e subvencións efectuarase atribuíndolles preferencia ás solicitudes que pretendan adquirir equipamento destinado á preparación física en ximnasios para o adestramento de deportistas que participen en competicións de carácter oficial; as restantes analizaranse atendendo á adquisición de material destinado ao desenvolvemento de competicións oficiais segundo o rango e ou carácter destas.

-Porcentaxe da achega comprometida pola entidade solicitante.

Non serán obxecto de subvención en ningún caso a adquisición de equipamentos destinados á súa utilización ou dotación en espacios non destinados á práctica deportiva reglada.

Artigo 10º.-Outorgamento de subvencións.

A comisión avaliadora, a través do seu presidente elevaralle proposta á conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para a resolución das subvencións.

Non obstante e diante do volume de solucitudes e a súa complexidade a comisión avaliadora, poderá elevar propostas diferenciadas por puntos para a súa resolución.

A resolución das subvencións seralles notificada ós solicitantes nun período máximo de cinco (5) meses contados desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

Unha vez notificadas as axudas os beneficiarios, estarán obrigados a presentar no prazo de trinta (30) días naturais, unha declaración de que aceptan a axuda.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da oportuna notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Por solicitude do interesado o proxecto poderá ser modificado porcentualmente á axuda recibida co visto e prace da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, sempre e cando se cumpra a finalidade ou función para a que foi promovida, se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros e que os elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supusexen a denegación da axuda ou subvención.

Naqueles casos en que non se produza contestación ou non presenten a documentación requirida, no prazo indicado, entenderase que se renuncia á subvención. A comisión avaliadora reunirase de novo para propoñer nova concesión de subvencións con cargo ós créditos obtidos das renuncias producidas.

Artigo 11º.-Xustificación e aboamento da subvención.

Os beneficiarios das axudas deberán xustificar a realización das accións subvencionadas antes do 31 de outubro de 2004. O incumprimento do prazo de xustificación poderá dar lugar á perda do dereito a percibi-la axuda outorgada e posibilitará a rea

signación de tales créditos nos termos previstos no último parágrafo do artigo 10º.

Con anterioridade a formular proposta de pagamento da subvención, unha vez rematadas as obras ou adquirida a subministración do equipamento deportivo levarase a cabo un acto de comprobación do investimento efectuado, ao cal asistirá un representante da Dirección Xeral para o Deporte e do que quedará constancia a medio da oportuna acta.

A xustificación documental da realización da actuación obxecto de subvención estará integrada polos documentos que a seguir se enumeran:

1. Acordo/s adoptado/s, polo órgano competente da entidade en virtude do cal se aprobe o proxecto técnico comprensivo das obras, ou no seu defecto memoria valorada ou orzamento cando a entidade da actuación o permita.

2. Acordo, logo dos trámites oportunos e legalmente esixibles, de adxudicación do contrato de obra ou subministracións obxecto da actuación.

3. Contrato administrativo de obra ou de subministración ou os seus correspondentes contratos privados sempre que se trate de obras de contía superior a 30.050,61 A, ou equipamentos deportivos por importe superior a 12.020,24 A.

Cando se trate de obras ou equipamentos de contía inferior non será preciso achegar documento contratual específico ningún, bastando a achega da documentación a que refire o punto seguinte.

4. Certificación ou certificacións de obra, acompañada da preceptiva factura e dos documentos acreditativos da súa aprobación por órgano competente. O modelo da primeira folla de tal certificación incorpórase á presente como anexo II.

Tratándose de adquisición de equipamentos será suficiente a achega das facturas xustificativas dela.

5. Acta de recepción, cando proceda.

6. Licencia municipal de obras, que ampare aquelas actuacións que a precisen. Trámite este que non será preciso acreditar cando o promotor da acción sexa o concello respectivo.

7. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo III).

En cumprimento do disposto na letra d) do artigo 42.1º da Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, cando o beneficiario das subvencións que se outorguen no marco desta orde resulte ser un concello, quedará este exento de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas ás que se refire a letra c), do número 4º do artigo 78, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Nos restantes casos será preciso acreditar que o beneficiario da subvención ou axuda se encontra

ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

A documentación anterior será presentada diante do Servizo Provincial de Deportes da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado que corresponda, quen procederá a comprobar a corrección dela e, se é o caso, a confeccionar os documentos pertinentes para instrumentalizar o oportuno recoñecemento de obrigas e se é o caso a subseguinte proposta de pagamento.

Artigo 12º.-Obrigas das entidades perceptoras da subvención.

As entidades ás que se lle conceda subvención quedarán obrigadas a asumir o seu cargo os aumentos que se produzan, no caso de que o custo das obras ou equipamentos resulte superior á valoración prevista no orzamento, ou ben, por revisión dos prezos adicionais, prórrogas e outros supostos.

Non poderán modificar o programa aprobado sen expresa autorización da Dirección Xeral para o Deporte.

Quedarán sometidas ao control financeiro que lle corresponda a Consellería de Economía e Facenda e as previstas polo Consello de Contas e ou do Tribunal de Contas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise o disposto nesta orde, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado poderá revogar a subvención concedida logo da audiencia do interesado. Neste caso non poderá solicitar outra subvención mentres non sexa devolta a anterior, no suposto de que fose revogada de acordo co réxime previsto no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

Nos aspectos non contidos nesta orde, haberá que aterse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, resultando de aplicación supletoria para todo o non previsto nas precitadas normas o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normas de xeral aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral para o Deporte para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o mellor desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude,

Deporte e Voluntariado