DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 26 de marzo de 2004 Páx. 4.195

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 5 de marzo de 2004 pola que se regula a concesión de axudas económicas aos concellos de Galicia para a contratación temporal de auxiliares de policía local durante a tempada de verán.

A Lei do Parlamento de Galicia 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, procedeu a coordinar as policías locais de Galicia nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade do Estado.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece entre outros principios o de que as entidades locais galegas e a Xunta de Galicia adecuarán a súa actuación aos de colaboración, cooperación e auxilio que puidesen precisar conxunturalmente para o eficaz cumprimento das súas tarefas; entre estas está a de seguridade en lugares públicos.

Conforme o Decreto 226/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, correspóndelle á Dirección Xeral de Administración Local desta consellería as relacións coas corporacións locais, así como as convocatorias, selección e adxudicación das subvencións e axudas que se destinan ás entidades locais que sexan competencia desa dirección xeral.

Por medio desta orde preténdese dar cumprimento ó mandato xenérico de coordinación establecido na Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de corpos e forzas de seguridade, polo que, ó abeiro do disposto no artigo 4 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais de Galicia e o Decreto 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa vixente en materia de coordinación de policías locais, en tanto a coordinación abrangue entre outras medidas as de colaboración que lles permitan aos servicios de policía dos concellos galegos acadar unha acción conxunta e eficaz, regulándose por medio desta orde o procedemento para a concesión de axudas destinadas aos concellos que incrementen considerablemente a súa poboación turística na tempada de verán para a contratación temporal de auxiliares de policía local nese período; neste sentido incorpórase como requisito dos concellos beneficiarios a acreditación de incremento poboacional durante esta tempada, tal e como se vén

exixindo para a declaración de municipio turístico galego polo Decreto 239/1998, do 30 de xullo.

Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local contribuirá cos concellos, co fin de aumentar a eficacia dos seus corpos de policía local, no desenvolvemento das funcións que lle son propias durante a tempada de verán (xuño, xullo, agosto e setembro), convocando axudas en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a sufragar os custos de contratación temporal de auxiliares de policía local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar os beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten con corpo de policía local.

b) Concellos que vexan aumentada de forma significativa a súa poboación durante os meses de verán, e que faga necesario aumentar o número de policías para prestar os servizos que veñen desenvolvendo o resto do ano.

2. O número de contratos temporais que subvencionará a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local non poderá superar o número de membros que integran o cadro de persoal do corpo de policía local do concello peticionario.

3. Corresponderalle ao concello peticionario o pagamento do 25% do importe total do contrato formalizado co/s auxiliar/es de policía local, sendo por conta da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o pagamento do 75%, incluídos custos sociais.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución deste obxectivo ao que se refire a orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de cento setenta e dous mil cincocentos catro euros (172.504 A), con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.123.A.460.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2004.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos aos que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse aos seus beneficios, deberán presentar a solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios aos que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do Portal dos Concellos Eido Local, poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, cubrindo os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no Portal dos Concellos Eido Local (http://eidolocal.es), segundo procedemento que se recolle nas instruccións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://xunta.es/servicios, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía Internet a través desta web, se ben o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. Xunto coa solicitude, tanto se esta se remite por vía ordinaria como telematicamente, presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ao acordo adoptado polo órgano competente do concello, polo que se acorda a contratación temporal do/s auxiliar/es de policía local, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante, que acredite a constitución do

corpo de policía local, conforme determina a lexislación vixente.

c) Orzamento de gastos para a realización da actividade para a que se solicita axuda, cuantificando o importe correspondente ao 75% solicitado en concepto de subvención, así como o custo total por auxiliar contratado.

d) Memoria sobre o cadro de persoal do corpo de policía local, actualizada á data de publicación desta orde, que inclúa as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

e) Número de auxiliares que a corporación prevexa contratar e período de contratación (meses).

f) Respecto á poboación deberán remitir:

-Certificación do secretario xeral do concello, co visto e prace do alcalde, na que se faga constar a poboación de dereito a 31 de decembro de 2003, segundo os datos do último padrón de habitantes do concello.

-Memoria asinada polo órgano de goberno competente en que se cuantifique a afluencia turística anual ao concello, desagregada por meses, e na que se describirán os criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

Estarán exentos de presentar as certificacións requiridas nesta letra f) aqueles concellos que fosen declarados municipio turístico galego conforme o Decreto 239/1998, do 30 de xuño, polo que se regula a declaración de municipio turístico galego.

g) Memoria, asinada polo órgano do goberno competente, sobre o número de habitantes e núcleos de poboación atendidos.

h) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia ) (anexo II desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectase ao seu contido ou á súa vixencia, non será necesario presentalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos concellos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das admi

nistracións públicas e do procedemento administrativo común.

A notificación aos interesados poderá practicarse, así mesmo, por medios telemáticos, a través do Portal dos Concellos Eido Local, cando aqueles así o manisfestasen expresamente, indicando o medio telemático como preferente para a recepción de notificacións na súa solicitude.

Cando, existindo constancia da recepción da notificación por vía telemática, transcorresen dez días naturais sen que se acceda ó seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unicamente cando concorran causas técnicas xustificadas, o interesado poderá requirir á Dirección Xeral de Administración Local que as notificacións sucesivas non se practiquen por medios telemáticos, segundo o artigo 12.4º do Real decreto 263/1999, do 16 de febreiro, polo que se regula a utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas pola Administración xeral do Estado.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes ponderaranse os seguintes aspectos de acordo coas seguintes porcentaxes:

a) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición. (20%).

b) Recursos humanos con que conta o corpo de policía do concello solicitante (cadro de persoal real de postos de traballo cubertos e vacantes, así como, se é o caso, posibles previsións de aumento). (10%).

c) Crecemento poboacional do concello nos meses de verán debido á súa afluencia turística. (30%).

d) Declaración de municipio turístico. (15%).

e) Número de habitantes e núcleos de poboación atendidos. (25%).

Artigo 6º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida polo director xeral de Administración Local e da que formarán parte o subdirector xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico e os delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local. Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Administración Local con nivel mínimo de xefe de servizo. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase proposta de resolución ao conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, quen resolverá.

Artigo 7º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada aos solicitantes aos que se lles conceda a axuda económica, na forma prevista no artigo 59 da

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente por silencio administrativo. Todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, a notificación da resolución da consellería poderá realizarse telematicamente a través do Portal dos Concellos Eido Local, sempre que os concellos interesados teñan sinalado na súa solicitude a opción telemática como medio de notificación.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local no prazo dun mes contado a partir do seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

A aceptación poderá realizarse por vía telemática, cando os interesados así o manifestasen expresamente, a través do Portal dos Concellos Eido Local, segundo procedemento que se recolle nas instruccións dispoñibles nesta web, e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anular a concesión da subvención.

Artigo 9º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento dos contratos subvencionados.

2. A xustificación poderá levarse a cabo de dous modos, segundo o tipo de tramitación polo que se opte, ordinario ou telemático:

2.1. Procedemento ordinario:

Para recibir a subvención, os concellos seleccionados deberán remitir, por triplicado, á Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de

Xustiza, Interior e Administración Local, antes do día 20 de outubro de 2004, os seguintes xustificantes:

a) Copia compulsada do contrato que o concello formalice co/os auxiliar/es.

b) Copia compulsada do diploma acreditativo de ter superado o curso básico para auxiliares de policía local expedido pola Academia Galega de Seguridade, de acordo co disposto na disposición adicional segunda da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais de Galicia.

c) Certificación do pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado, incluídos os gastos de Seguridade Social, conformada polo interventor do concello.

d) No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia) (anexo II desta orde).

2.2. Procedemento telemático:

As xustificacións poderán ser remitidas, no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria, por vía telemática a través do Portal dos Concellos Eido Local, mediante envío das correspondentes certificacións do secretario-interventor ou do secretario e interventor, nas que se acrediten: primeiro, os datos referidos ao contrato formalizado entre o concello e os auxiliares; segundo, que estes últimos teñen superado o curso básico para auxiliares da policía local expedido pola Academia Galega de Seguridade; e terceiro, o pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado, incluídos os gastos de Seguridade Social.

Así mesmo, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo modelo normalizado dispoñible no Portal dos Concellos Eido Local.

3. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme os xustificantes, proporá o libramento dos fondos, que en ningún caso superará o 75% do importe dos xustificantes presentados.

4. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios, poderán dedicarse a subvencionar a outros concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ó abeiro desta orde.

6. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 2º sen ter presentadas as correspondentes xustificacións poderase anular a concesión da subvención a ese concello, podendo esta consellería utilizar o dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 10º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; e, se procede, instruirá expediente sancionador conforme o previsto no citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde haberá que aterse ao disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2004.

Jesús C. Palmou Lorenzo.

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE

E VOLUNTARIADO