DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 26 de marzo de 2004 Páx. 4.187

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 60/2004, do 26 de febreiro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia acordou na asemblea xeral extraordinaria celebrada o 29 de marzo de 2003 a aprobación dos estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade.

Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de febreiro do dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por ser adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de febreiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

ANEXO

Estatuto do ilustre Colexio Oficial de Xestores

Administrativos de Galicia

TÍTULO I

Do colexio

Artigo 1º.-Denominación.

Coa denominación de Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, continuará constituído este colexio, formando corporación profesional, que terá de se rexer polas leis de colexios profesionais do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, o Estatuto orgánico da profesión de xestor administrativo, o presente estatuto e o Regulamento de réxime interior.

Artigo 2º.-Domicilio.

A sede oficial do colexio será a cidade da Coruña e o seu domicilio social ou legal o andar 1º dos números 2, 4 e 6 da rúa Durán Loriga da cidade.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

O seu ámbito e demarcación comprende as provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que actualmente o integran.

Artigo 4º.-Personalidade xurídica.

O Colexio de Xestores Administrativos de Galicia, como corporación de dereito público amparada pola lei e recoñecida polo Estado, gozará de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, que o faculta para adquirir, posuír, gravar e allear toda clase de bens e exercer toda clase de accións e dereitos, para que o faculten tanto as leis estatais e autonómicas como o Estatuto orgánico da profesión, transmitir e renunciar uns e outros atendendo ás atribucións conferidas ós seus órganos rectores.

Non obstante, o colexio non poderá exercer ningunha das facultades que no vixente Estatuto orgánico da profesión se confiren ó Consello Xeral de Colexios, que é órgano representativo coordinador superior.

Artigo 5º.-Funcións.

Competen ó colexio, dentro do seu ámbito territorial, as seguintes funcións:

I) Representar e defender a profesión perante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais e exercer o dereito de petición.

II) Elaborar o seu propio estatuto e normas que o desenvolvan.

III) Cumprir e facer cumprir o Estatuto orgánico da profesión, o presente estatuto, o Regulamento de réxime interior e as normas e acordos adoptados polos órganos colexiais.

IV) Informar dos proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten ós

xestores administrativos ou se refiran ós fins ou funcións que teñan encomendados.

V) Exercer cantas funcións lle sexan delegadas ou encomendadas pola Administración ou poidan ser obxecto de convenios de colaboración, mediante a realización de actividades relacionadas cos fins e competencia profesional dos xestores administrativos que lle sexan requiridas ou solicitadas ou acorde formular por propia iniciativa.

VI) Ordenar a actividade profesional dos colexiados, velando polo maior prestixio, dignidade e ética da profesión, así como polo respecto debido ós dereitos dos particulares e de cantos requiran os seus servizos.

VII) Elaborar o seu orzamento anual e establecer e exixir as achegas económicas dos colexiados.

VIII) Establecer, con carácter orientativo, os honorarios que percibirán os xestores administrativos.

IX) Exercer a potestade disciplinaria e vixiar o cumprimento das súas obrigas polos colexiados.

X) Perseguir perante os tribunais os que realicen actos de competencia desleal ou intrusismo nas funcións profesionais dos xestores administrativos.

XI) Implantar a canalización colexial de trámites, para a súa axilización, sen menoscabo da libre competencia.

XII) Organizar aquelas actividades e servizos comúns de carácter profesional, formativo, cultural, asistencia, de previsión e análogos, que se estimen de interese para os colexiados, así como de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas por eles no exercicio da súa profesión.

XIII) Manter relacións coas autoridades administrativas e outras corporacións profesionais.

XIV) Intervir con carácter conciliador, mediador ou arbitral.

XV) Cantas outras funcións lle estean legal, regulamentaria ou estatutariamente atribuídas.

TÍTULO II

Dos colexiados

Capítulo I

Incorporación e exercicio da profesión

Artigo 6º.- Exercicio profesional.

Para exercer a profesión de xestor administrativo en calquera localidade do ámbito territorial do colexio, será obrigatorio acharse incorporado a el para tales efectos, ou estando incorporado a outro colexio ter comunicado a este colexio as actuacións específicas que se van realizar, de conformidade co establecido no Estatuto orgánico da profesión.

Regulamentariamente se determinarán os supostos en que poida dispensarse a comunicación aludida no parágrafo anterior e os efectos que esta vaia producir.

Artigo 7º.-Incorporación.

A incorporación ao colexio deberá realizarse en forma, facendo constar na solicitude a localidade de residencia e aquela en que se vaia exercer a profesión, debéndose acreditar ademais os seguintes extremos:

a) Ser maior de idade.

b) Non ter sido condenado a penas que inhabiliten para o exercicio de funcións públicas.

c) Acreditar a non constancia de antecedentes desfavorables nos arquivos do Consello Xeral de Colexios mediante a achega de certificación do dito órgano.

d) Estar en posesión do título académico de licenciado en dereito, ciencias económicas, ciencias empresariais ou ciencias políticas.

e) Superar as probas de aptitude que se esixan.

Artigo 8º.-Causas que impiden a incorporación.

Non poderán incorporarse ó colexio:

a) Os que fosen condenados por intrusismo no exercicio da profesión de xestor administrativo, por sentenza firme ata que cumpran a pena correspondente.

b) Os que fosen expulsados doutro Colexio Oficial de Xestores Administrativos ou inhabilitados para o exercicio da profesión por sentenza firme.

c) Os que estean incursos en casos de incompatibilidade, de acordo co establecido no Estatuto orgánico da profesión.

d) Os que fosen condenados por delitos dolosos.

Artigo 9º.-Competencia para acordar sobre a incorporación.

Corresponde á Xunta de Goberno acordar respecto das solicitudes de incorporación, sendo o seu acordo susceptible de recurso perante o Consello Xeral do Colexio no prazo dun mes.

Artigo 10º.-Requisitos adicionais.

Aceptada pola Xunta de Goberno a solicitude de incorporación ao colexio, en situación de exercente, o solicitante deberá cumprir os seguintes requisitos dentro do prazo de trinta días:

a) Estar dado de alta nos impostos que correspondan á profesión de xestor administrativo.

b) Subscribir un contrato de seguro para garantir as responsabilidades en que poida incorrer no exercicio da súa profesión.

c) Satisfacer os gastos de incorporación ao colexio e os de expedición de título profesional.

d) Ter solicitado o ingreso na Mutualidade Xeral de Xestores Administrativos e satisfacer a cota de incorporación a esta ou no réxime da Seguridade Social que corresponda, de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 11º.-Suspensión, baixa e interinidade na profesión.

Os xestores administrativos poderán ser suspendidos no exercicio da profesión e causarán baixa nos supostos recollidos polo estatuto orgánico da profesión.

Así mesmo, rexerase polo disposto na dita norma a representación interina que os habentes causa ou cónxuxes supérstites dos xestores administrativos falecidos poidan conferir a outro profesional para a continuación dos asuntos profesionais pendentes.

Así mesmo, o xubilado terá o mesmo prazo dun ano para rematar os asuntos en trámite.

Artigo 12º.-Baixa no colexio.

Causarán baixa na corporación os colexiados incursos nalgún dos seguintes supostos:

a) En execución de sentenza xudicial.

b) En execución dunha sanción disciplinaria.

c) Por falta de pagamento da cota colexial. Neste suposto, se transcorrese un ano sen que fose cancelado o débito, para recuperar a situación de alta deberá efectuarse unha nova colexiación, sen prexuízo do levantamento das cargas atrasadas.

Artigo 13º.-Comunicacións obrigatorias ao colexio.

É obriga dos colexiados presentar toda alta, baixa ou cambio de domicilio no exercicio da profesión, para efectos fiscais, e comunicar o domicilio onde se exerza a profesión para o seu visado ou recoñecemento polo colexio.

Artigo 14º.-Non exercente.

Admitirase a colexiación como xestor non exercente, cos requisitos, dereitos e obrigas que se determinen regulamentariamente.

Os xestores administrativos que cesen no exercicio da profesión por causas que non impliquen a súa expulsión do colexio, poderán continuar incorporados como xestores non exercentes.

Capítulo II

Obrigas e dereitos dos colexiados

Artigo 15º.-Obrigas.

Son obrigas xerais dos colexiados:

I) Exercer a profesión con probidade, decoro e moralidade.

II) Conservar constancia dos asuntos tramitados, de acordo coa natureza específica de cada despacho, durante un período de cinco anos, contados desde o remate do asunto.

III) Facer constar en todos os documentos e escritos relativos á súa actividade profesional, o seu nome e apelidos, condición de colexiado e selo profesional, e, de ser o caso, o logotipo.

IV) Gardar a consideración e respecto debidos aos membros da Xunta de Goberno e demais superiores xerárquicos.

V) Asistir ás xuntas, reunións e citacións colexiais para as que fose convocado.

VI) Participar no levantamento das cargas colexiais.

VII) Aplicar nas súas intervencións a correspondente póliza de xestión.

VIII) Solicitar a venia para facerse cargo da xestión de asuntos encomendados previamente a outros compañeiros.

IX) Cumprir con fidelidade e dilixencia as normas estatutarias, as do Regulamento de réxime interior e os acordos adoptados polo Consello Xeral e polo colexio.

X) Facilitar as inspeccións que se poidan realizar.

XI) Gardar o segredo profesional do que se coñeza por razón da actividade profesional.

XII) Manter a súa formación profesional en permanente estado de actualización.

XIII) Subscribir a correspondente póliza de responsabilidade civil.

XIV) Informar, aconsellar e asesorar os seus clientes, para os efectos do máis eficaz desenvolvemento do procedemento administrativo en que teña lugar a súa actuación, actuando en todo caso en réxime de libre competencia.

Artigo 16º.-Dereitos.

Os colexiados gozarán dos seguintes dereitos:

I) Promover, solicitar e realizar calquera clase de trámites requiridos para o exercicio dos dereitos e cumprimento das obrigacións, perante calquera órgano das administracións públicas, en interese e por solicitude de calquera persoa natural ou xurídica, con excepción das facultades reservadas legalmente a outras profesións tituladas.

II) Ser electores e elixibles para cargos colexiais.

III) Acudir á Xunta de Goberno en demanda de protección e en defensa dos seus dereitos.

IV) Percibir os suplidos e honorarios correspondentes.

V) Recibir as distincións honoríficas de que se fagan acredores.

VI) Recibir prestacións e axudas nas condicións que estableza o colexio.

VII) Asistir aos actos organizados polo Consello Xeral e o colexio.

VIII) Ser incluídos naqueles servizos que poida establecer o colexio ou o Consello Xeral.

IX) Colaborar coa Administración coa finalidade de axilizar a tramitación dos procedementos a través das medidas que se adopten para facilitar a presentación de documentos, sen prexuízo das facultades administrativas de compulsa.

Capítulo III

Dos honorarios

Artigo 17º.-Carácter orientativo dos honorarios.

O Colexio poderá aprobar os honorarios que percibirán os xestores administrativos, que terán unicamente carácter orientativo.

Artigo 18º.-Intervención da Xunta de Goberno.

En caso de que fosen impugnados os honorarios dun xestor administrativo, a Xunta de Goberno poderá intervir para a resolución do conflito xa sexa con carácter mediador ou conciliador, ou resolvéndoo en sentido arbitral -cando mediase submisión voluntaria expresada por escrito por todos os interesados ou emitindo ditame cando fose requirida para iso por colexiado ou persoa interesada.

Artigo 19º.-Protección de datos.

Os datos gardados no colexio, relativos aos honorarios percibidos polos colexiados, non poderán ser utilizados máis que para os fins que motivasen o expediente en que figuren anotados.

Capítulo IV

Dos empregados dos xestores administrativos

Artigo 20º.-Empregados.

Sen prexuízo do exercicio persoal da profesión, os colexiados poderán auxiliarse de empregados autorizados, para a realización de xestións de trámite, que actuarán en todo caso baixo a dirección, vixilancia e responsabilidade do colexiado empregador.

Aos empregados dos xestores administrativos, para acreditar a súa condición, expediráselles un carné polo colexio, por petición do titular.

En ningún caso poderá expedirse carné acreditativo da condición de empregado de xestor administrativo:

a) Aos que non cumprisen a idade de dezaseis anos.

b) A todos aqueles que fosen condenados por intrusismo nos dous anos anteriores á solicitude, ou estivesen procesados por tal concepto.

c) Aos que lles alcance a incompatibilidade establecida para os xestores administrativos no estatuto orgánico.

O colexio retirará o carné aos empregados dos xestores administrativos, cando causen baixa ao servizo dun xestor por acordo, despedimento firme, ou despedimento declarado procedente en sentenza firme da xurisdición laboral. O empregado estará obrigado a entregar o carné ao colexiado de quen dependa para que o devolva ao colexio.

TÍTULO III

Réxime e administración do colexio

Capítulo I

Do réxime económico do colexio

Artigo 21º.-Recursos económicos.

Os recursos para o sostemento do colexio serán ordinarios e extraordinarios:

1. Serán recursos ordinarios:

a) As cotas que se establezan e teñan que achegar os colexiados, e aqueloutras que o colexio deba repercutir nos colexiados por imperativo do Estatuto orgánico da profesión.

b) Os dereitos de incorporación ao colexio.

c) Os dereitos polos servizos colexiais, xestións, trámites de expedientes, expedición de carnés, certificacións, os que estableza a lexislación autonómica e calquera outro que sexa aprobado pola Xunta Xeral do Colexio.

d) Os rendementos que produzan os bens de toda clase que integran o patrimonio colexial.

2. Serán recursos extraordinarios:

a) Calquera ben que, por herdanza ou outra clase de título, acrecente o patrimonio colexial.

b) As subvencións ou doazóns ao colexio feitas polo Estado, comunidade autónoma, provincia ou municipio, ou por calquera outra clase de corporacións, entidades públicas ou privadas ou por persoas físicas.

c) As derramas entre os colexiados ou por cotas extraordinarias que para atender a unha necesidade determinada do colexio, e a proposta da Xunta de Goberno, acordase a Xunta Xeral.

Artigo 22º.-Demoras no pagamento de cotas.

As demoras dos colexiados no pagamento das cotas colexiais ordinarias ou extraordinarias, por máis de tres meses, devengarán o xuro legal do diñeiro.

Artigo 23º.-Administración de bens.

A custodia e administración dos bens e recursos do colexio, así como o investimento dos fondos que non fosen necesarios para as atencións e previsións correntes, corresponderán á Xunta de Goberno.

Artigo 24º.-Auditoría.

A corrección das contas e realidade dos ingresos e gastos do colexio deberá ser auditada, mediante informe emitido por persoa habilitada legalmente, cando menos ao se producir a renovación ordinaria, total ou parcial, de membros da Xunta de Goberno.

Capítulo II

Do réxime de funcionamento do colexio

Artigo 25º.-Órganos.

O colexio actuará por medio:

a) Da Xunta Xeral de Colexiados.

b) Da Xunta de Goberno.

c) Da Comisión Permanente.

d) Das delegacións colexiais.

Artigo 26º.-Recursos.

Os actos emanados dos órganos colexiais serán impugnables perante o Consello Xeral no prazo dun mes desde a súa notificación, e a resolución deste será directamente impugnable ante os órganos da xurisdición contencioso-administrativa.

Sección primeira

Xuntas xerais

Artigo 27º.-Xuntas xerais.

A xunta xeral, integrada por todos os colexiados, é o órgano soberano de decisión do colexio e exercerá

as competencias que, con carácter exclusivo, lle atribúe a lexislación autonómica sobre colexios profesionais.

As xuntas xerais que se celebrarán terán o carácter de ordinarias e extraordinarias.

Artigo 28º.-Xuntas xerais ordinarias.

A xunta xeral ordinaria deberá celebrarse no primeiro trimestre de cada ano, co obxecto de acordar, se procedese, sobre as propostas de renovación de cargos da Xunta de Goberno, coñecer a memoria anual, aprobar, se é o caso, a xestión dos membros directivos, a liquidación de contas do exercicio anterior e os orzamentos para o exercicio seguinte, que deberán ser visados polo Consello Xeral.

Artigo 29º.-Xuntas xerais extraordinarias.

As xuntas xerais extraordinarias celebraranse sempre que o considere necesario a Xunta de Goberno, ou cando o solicite un número de colexiados mínimo equivalente ao vinte por cento do censo colexial, mediante escrito dirixido á Xunta de Goberno en que se faga expresa mención dos motivos polos que se solicita a convocatoria de xunta.

Artigo 30º.-Constitución.

Para a válida constitución das xuntas xerais precisarase a concorrencia da metade máis un do número de colexiados. De non se reunir o dito número a Xunta Xeral constituirase vinte e catro horas despois da sinalada para a primeira, en segunda convocatoria, sendo válida a súa constitución calquera que fose o número dos asistentes.

Artigo 31º.-Orde do día.

Nas xuntas xerais só se poderán tratar os asuntos que figuren na orde do día establecida.

Artigo 32º.-Acordos.

Os acordos tomaranse por maioría de asistentes e dirimirá os empates o voto de calidade do presidente.

Os acordos obrigarán a todos os colexiados, desde o momento da súa adopción.

Sección segunda

Xunta de Goberno

Artigo 33º.-Composición.

A Xunta de Goberno estará integrada por un presidente, un vicepresidente, un contador, un tesoureiro, un secretario, un vicesecretario e un vogal para cada unha das delegacións que integran o colexio, ademais dos delegados colexiais que terán a consideración de vocais natos.

O seu mandato durará catro anos e renovarase por metade cada dous anos, permitíndose a reelección, aínda indefinida.

Artigo 34º.-Vacantes.

As vacantes que se produzan antes da expiración do mandato que non sexan as do cargo de presidente ou secretario, poderán ser cubertas por acordo da

Xunta de Goberno e o nomeado desempeñarao só polo tempo que lle quedase ao substituído.

Se a vacante producida fose a de presidente ou secretario, desempeñarán o cargo mentres non chegase a renovación regulamentaria, o vicepresidente e o vicesecretario, respectivamente.

Se se producise a vacante de máis da metade dos cargos, procederase a convocar eleccións.

Artigo 35º.-Presidente.

O presidente terá a representación oficial do colexio ante calquera autoridade e organismo do Estado, comunidade autónoma, provincia ou municipio e ante as entidades, corporacións e personalidades de calquera orde.

Artigo 36º.-Competencias.

Correspóndelle á Xunta de Goberno:

a) A representación do colexio, que será desempeñada polo presidente.

b) Fixar a contía da cota mensual para o sostemento do colexio, que satisfarán os colexiados, que precisará da aprobación do Consello Xeral de Colexios, e propoñer a este os dereitos de incorporación e demais que integren os recursos económicos do colexio, recadalos e administralos, redactar o estado e liquidación de contas de cada exercicio económico e formular o proxecto de orzamento anual.

c) Adoptar os acordos que procedan nas materias da súa competencia.

d) Convocar as xuntas ordinarias e extraordinarias, sinalando a orde do día de cada unha.

e) Exercer a potestade disciplinaria.

f) Nomear as comisións ou seccións de colexiados que estime convenientes, para mellor cumprimento dos fins colexiais.

g) Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados e ditaminar sobre as minutas de honorarios que lle fosen requiridas.

h) En xeral, exercer as funcións que resulten da súa competencia por disposición legal, regulamentaria ou estatutaria.

Artigo 37º.-Acordos.

Os acordos da Xunta de Goberno, en pleno ou en comisión permanente, tomaranse por maioría de asistentes, dirimindo os empates o voto de calidade do presidente.

Sección terceira

Xunta de Goberno en Comisión Permanente

Artigo 38º.-Composición.

A Xunta de Goberno en Comisión Permanente estará integrada polo presidente e vicepresidente, secretario, tesoureiro, contador ou vogais que, respectivamente os substitúan, e deberá reunirse unha vez ao mes, excepto cando se reúna en sesión plenaria.

Artigo 39º.-Competencias.

Atínxelle á Xunta de Goberno en Comisión Permanente:

a) Adoptar as medidas pertinentes para o estrito cumprimento de cantas disposicións que, afectando o colexio e os colexiados, emanen das leis, regulamentos, acordos da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno constituída en pleno, ou dos seus propios.

b) Resolver sobre as solicitudes de incorporación ao colexio, logo de informe da delegación.

c) Velar porque os colexiados observen os máis elevados principios de ética profesional nas súas relacións coa Administración, cos seus compañeiros ou cos seus clientes.

d) Amparar en todos os seus dereitos os colexiados e xestionar en representación do colexio, cantas melloras estime convenientes para os xestores administrativos.

e) Nomear, suspender e remover os empregados do colexio.

f) Realizar cantos demais actos lle correspondan, residualmente, en virtude das atribucións que lle sexan conferidas polo estatuto orgánico da profesión, o regulamento de réxime interior e o presente estatuto, e en todo aquilo que pola súa escasa transcendencia non sexa da competencia da xunta en pleno.

Sección cuarta

Delegacións colexiais

Artigo 40º.-Delegacións.

O colexio organizarase a través dunha delegación territorial en cada provincia, se ben polas súas especiais características na provincia de Pontevedra funcionarán dúas, unha na capital e outra en Vigo, esta última con xurisdición limitada ao seu partido xudicial.

A tal fin a Xunta de Goberno designará un delegado, subdelegado, tesoureiro, secretario e contador en cada delegación.

A Delegación da Coruña terá o seu domicilio no andar 1º, do número 2, 4 e 6 da rúa Durán Loriga.

A Delegación de Lugo terá o seu domicilio no local 3, entreplanta, do número 2 da rúa Bolaño Rivadeneira.

A Delegación de Ourense terá o seu domicilio na entreplanta do número 14 da rúa Concello.

A Delegación de Pontevedra terá o seu domicilio no andar 1º do número 9 da rúa Blanco Porto.

A Delegación de Vigo terá o seu domicilio no andar 1º do número 14 da rúa Montero Ríos.

Artigo 41º.-Competencias.

Cada delegación está facultada para adoptar as medidas que resulten necesarias e convenientes para a boa marcha da delegación e dos intereses dos colexiados integrantes da mesma.

Artigo 42º.-Xuntas ou reunións das delegacións.

Para a adopción das ditas medidas as delegacións, por delegación da Xunta de Goberno, poderán promover ou convocar xuntas ou reunións cos colexiados que compoñen e forman parte delas, para o cal serán citados por escrito polo menos con tres días de antelación á data prevista para estes actos.

Artigo 43º.-Réxime de acordos.

Os acordos ou conclusións que se acaden nestas xuntas ou reunións non terán carácter resolutorio, nin vinculante, debendo ser elevados á Xunta de Goberno para a súa aprobación e ratificación, se procedese, para que o acordado poida gozar de plena vinculación para todos os colexiados da demarcación de cada delegación.

Capítulo III

Réxime electoral

Artigo 44º.-Requisitos para a elixibilidade.

Os membros da Xunta de Goberno serán elixidos pola Xunta Xeral de entre os colexiados que non fosen sancionados durante os cincos anos anteriores á elección por faltas no exercicio da profesión, debendo ter unha antigüidade de cinco anos de exercicio para optar ao cargo de presidente e de tres para o resto de cargos da Xunta de Goberno.

Os aspirantes deberán presentar unha proposta de candidatura subscrita por, polo menos, dez colexiados máis con dereito a voto.

Artigo 45º.-Asemblea electoral.

Para a elección de cargos da Xunta de Goberno, a Xunta Xeral constituirase en asemblea electoral, na forma prevista no Regulamento de réxime interior.

Artigo 46º.-Votos.

Todos os colexiados con dereito a voto poderán votar a totalidade dos cargos que saian a elección, computándose os votos dos colexiados exercentes con dobre valor dos emitidos polos que non exercen a profesión.

Alternativamente, os colexiados poderán facer uso do voto por correo na forma establecida no Regulamento de réxime interior.

En ningún caso se admitirá o voto por delegación.

Artigo 47º.-Reclamacións.

A Xunta de Goberno será competente para resolver as reclamacións relativas á lista de colexiados con dereito a seren elixidos, previas á elaboración da lista definitiva que estará na secretaría do colexio dez días antes da elección.

Artigo 48º.-Comunicación dos membros da Xunta de Goberno.

No prazo de cinco días, desde a constitución dos órganos de goberno, deberá comunicarse esta ás consellerías da Xunta de Galicia competentes en materia

de colexios profesionais e por razón da profesión de xestor administrativo, e a través do Consello Xeral de Colexios, ao Ministerio de Administracións Públicas. Así mesmo, comunicarase a composición dos órganos elixidos e o cumprimento dos requisitos legais. Procederase do mesmo xeito cando se produzan modificacións.

Artigo 49º.-Moción de censura.

A Xunta Xeral, por iniciativa dunha terceira parte dos seus compoñentes, poderá propoñe-la moción de censura da Xunta de Goberno mediante escrito motivado que terá que incluír candidaturas ao órgano de goberno.

Instada unha moción de censura, convocarase a Xunta Xeral para a votación, constituíndose unha mesa de censura composta polos dous primeiros asinantes da moción, dous membros da Xunta de Goberno, designados por esta, e o colexiado de maior antigüidade que reúna as circunstancias de non ser membro da Xunta de Goberno nin asinante da moción.

Ata quince días antes da celebración da votación poderán presentarse mocións alternativas, que terán que reunir os mesmos requisitos esixidos no parágrafo primeiro do presente artigo, correspondendo á mesa de censura a comprobación do seu cumprimento.

Na votación, que se desenvolverá de xeito semellante ao previsto para a elección de cargos colexiais, os votos dos colexiados exercentes computarán dobre valor respecto dos emitidos polos colexiados non exercentes.

A aprobación, que, en todo caso, requirirá o voto favorable da maioría absoluta dos compoñentes da Xunta Xeral, provocará o cesamento dos membros da Xunta de Goberno nos seus cargos e o acceso a eles dos candidatos incluídos na moción aprobada.

Ningún asinante dunha moción de censura poderá subscribir outra nos catros anos subseguintes.

Capítulo IV

Dos empregados do colexio

Artigo 50º.-Designación de cadro de persoal.

Para as tarefas propias da corporación, a Xunta de Goberno designará os empregados que teñan que constituír o cadro do persoal do colexio, o cal estará suxeito aos dereitos e obrigas sinalados polas disposicións vixentes en materia laboral.

TÍTULO IV

Da potestade disciplinaria

Artigo 51º.-Responsabilidade disciplinaria.

Os colexiados están suxeitos á responsabilidade disciplinaria derivada das infraccións dos seus deberes profesionais e colexiais.

Sección primeira

Infraccións e sancións

Artigo 52º.-Infraccións moi graves.

Son infraccións moi graves:

a) O exercicio da profesión existindo causa de incompatibilidade.

b) O exercicio non persoal da profesión ou por medio de persoa interposta.

c) O encubrimento do intrusismo profesional.

d) A realización de actividades, constitución de entidades ou pertenza a estas cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias do colexio profesional ou as interfiran dalgún xeito.

e) O atraso inxustificado ou o incumprimento inescusable na tramitación encargada, cando cause prexuízos graves ao cliente.

f) Tolerar ou encubrir a comisión de faltas graves ou moi graves, con prexuízo para o cidadán.

g) As que así se tipifiquen mediante regulamento do Consello Xeral de Colexios.

Artigo 53º.-Infraccións graves.

Son infraccións graves:

a) O atentado contra a dignidade ou honor das persoas que integren a Xunta de Goberno do Colexio, os demais órganos colexiais ou o Consello Xeral de Colexios, así como o desprezo ou falta de consideración ás ditas persoas cando actúen no exercicio das súas funcións, e así mesmo contra os compañeiros con ocasión do exercicio profesional.

b) A falta de probidade, decoro e moralidade profesional.

c) A neglixencia grave na tramitación dos asuntos encomendados.

d) A competencia desleal.

e) O uso das denominacións prohibidas.

f) O incumprimento das obrigas establecidas nos puntos cuarto, oitavo e décimo do artigo 24 do Estatuto orgánico da profesión.

g) O incumprimento grave das normas estatutarias, regulamentarias ou dos acordos adoptados polo Consello Xeral ou polo colexio.

h) A falta de respecto e a manifesta oposición e falta de axuda ou colaboración cos investigadores, ao realizar calquera clase de inspección, ou á comisión instrutora do expediente disciplinario que se lle instrúa ó infractor.

i) A realización de actividades propias do exercicio profesional estando colexiado como non exercente.

j) A comisión de delitos dolosos en calquera grao de participación, excepto o de autor, como consecuencia do exercicio da profesión.

k) A culpa ou neglixencia na comisión dos encargos que cause prexuízo ou dano económico de certa consideración ou de apreciable contía aos seus clientes.

l) A condena en sentenza firme por feitos degradantes ou gravemente afrontosos.

m) A percepción ou emisión de honorarios que non estean debidamente xustificados.

n) As que así se tipifiquen mediante regulamento do Consello Xeral de Colexios.

Artigo 54º.-Infraccións leves.

Son infraccións leves:

a) O incumprimento das obrigas enumeradas no artigo 24 do Estatuto orgánico, excepto as tipificadas como infraccións graves no artigo anterior.

b) Os prexuízos ou danos económicos causados aos seus clientes en grao mínimo e os simples ou breves atrasos na tramitación dos asuntos que lle fosen encomendados.

c) As que así se tipifiquen mediante regulamento do Consello Xeral de Colexios.

d) Calquera outro incumprimento das normas estatutarias non sancionado como falta grave ou moi grave, e o incumprimento das obrigas contidas en disposición estatutaria ou regulamentaria, así como a resistencia ou o deliberado ou neglixente atraso no cumprimento dos acordos colexiais.

Artigo 55º.-Sancións.

As sancións disciplinarias susceptibles de imposición son:

1. Pola comisión de infraccións moi graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión por un período superior a seis meses e inferior a un ano.

b) Expulsión do colexio.

2. Pola comisión de infraccións graves:

Suspensión do exercicio da profesión por un período non superior a seis meses.

3. Pola comisión de infraccións leves:

a) Apercibimento escrito.

b) Reprensión privada.

Artigo 56º.-Criterios de gradación.

Na determinación da sanción atenderase á gravidade da infracción, á natureza dos prexuízos ou danos causados e á conduta anterior do infractor.

Artigo 57º.-Prescrición.

As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses, contados desde o día en que se cometesen os feitos que as motivaron.

As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por infraccións graves aos dous anos e as impostas por infraccións leves ao ano, contado desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción.

Sección segunda

Exercicio da potestade e disciplinaria

Artigo 58º.-Esixencia de procedemento.

A imposición de sancións disciplinarias aos colexiados precisará da previa tramitación do correspondente procedemento sancionador, con respecto dos principios informadores da potestade sancionadora, contidos no título IX da Lei 30/1992, na medida en que estes resulten de aplicación á potestade disciplinaria.

O expediente disciplinario iniciarase mediante acordo de incoación da Xunta de Goberno que lle será notificado ao interesado, advertíndose da posibilidade de formular alegacións e presentar probas. Á vista das actuacións practicadas, o instructor formulará prego de cargos, con exposición dos feitos imputados, e formulará proposta de resolución que será sometida á consideración da Xunta de Goberno, debendo conferirse trámite de audiencia ao interesado. A resolución motivada da Xunta de Goberno poderá ser impugnada perante o Consello Xeral de Colexios e a súa resolución será directamente impugnable ante os órganos da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 59º.-Órganos competentes.

Para o coñecemento e resolución dos expedientes seguidos fronte aos colexiados será competente a Xunta de Goberno.

Para o coñecemento e resolución dos expedientes seguidos fronte a membros da Xunta de Goberno será competente o Consello Xeral de Colexios.

Artigo 60º.-Recurso.

As resolucións disciplinarias motivadas da Xunta de Goberno poderán ser impugnadas perante o Consello Xeral de Colexios no prazo dun mes, e a resolución deste será directamente impugnable ante os órganos da xurisdición contencioso-administrativa.

TÍTULO V

Honores e recompensas

Artigo 61º.-Distincións.

A Xunta de Goberno poderá acordar a concesión de distincións honoríficas a aquelas persoas que pertencendo á profesión salienten de maneira notoria no exercicio dela e as que, sen pertenceren á profesión, prestasen relevantes servizos ao Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, coa categoría e forma previstas no Regulamento de réxime interior.

TÍTULO VI

Disolución e liquidación

Artigo 62º.-Causas de disolución.

O Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia só poderá ser disolto:

a) En virtude de disposición oficial de rango bastante para anular as disposicións dictadas para a súa creación.

b) Cando dun xeito continuado, en sucesivos exercicios económicos, os seus orzamentos presenten un déficit continuado, ou non poida cumprir por razóns económicas ou doutra índole os fins de organización colexial.

Artigo 63º.-Acordo de disolución.

A disolución a que se refire a alínea b) do artigo anterior poderá ser promovida por acordo adoptado en xunta xeral extraordinaria, con suxeición ao establecido na lexislación vixente en materia de colexios profesionais, debendo procederse, entre outras cuestións, ao traspaso dos colexiados ás corporacións que procedan por razóns xeográficas.

Artigo 64º.-Liquidación.

Adoptado o acordo, nomearase unha comisión liquidadora e se ao rematar a súa xestión existise algún remanente, será distribuído entre entidades benéficas de cada provincia que comprende a demarcación do colexio, en proporción ao número de colexiados de cada unha delas, logo de autorización do Consello Xeral de Colexios.

Disposición derradeira

Reforma estatutaria

Para a reforma deste Estatuto será preciso convocar xunta xeral extraordinaria con este fin e que se adopte o oportuno acordo por maioría de votos.

Todas as supresións, adicións ou modificacións que se pretendan estarán de acordo coas leis de colexios profesionais vixentes e co Estatuto orgánico da profesión e o acordado elevarase ao Consello Xeral de Colexios para o seu visado.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados todos aqueles acordos e normas colexiais de inferior rango en canto contradigan ou se opoñan ó presente Estatuto.