DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 26 de marzo de 2004 Páx. 4.182

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 12 de marzo de 2004 sobre concesión de axudas para a formación, promoción sociocultural e divulgación nas comunidades mariñeiras e o sector pesqueiro.

A formación do colectivo de traballadores do sector pesqueiro é unha necesidade cada vez máis urxente nuns momentos en que este está asumindo unha participación máis directa na xestión dos recursos pesqueiros.

Nesta formación, que atinxe cada vez máis áreas, tendo que atender a aspectos non só técnicos e biolóxicos, senón aos económicos e de organización, é preciso que participen máis activamente as organizacións do sector, debendo asumir unha iniciativa e protagonismo que nalgúns casos son o único xeito de alcanzar resultados positivos. Neste obxectivo é preciso considerar aqueles aspectos educativos, culturais ou sociais ou de recuperación de valores ou tradicións que contribúan á dinamización das comunidades mariñeiras.

Dada a necesidade recoñecida de incrementar o nivel tecnolóxico e de coñecementos dos nosos mariñeiros, mariscadores e acuicultores, e tendo en conta que isto se consegue a través dun conxunto de acti

vidades que van desde a organización de cursos ás visitas e viaxes formativas, parece necesario incentivar a súa realización por parte das organizacións do sector para lograr este obxectivo. Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas destinadas á organización de actividades para a formación, promoción sociocultural e divulgación da tecnoloxía no sector pesqueiro conforme as normas contidas na presente orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

As axudas, polo importe global de cento trinta mil euros (130.000 euros), concederanse con cargo á partida orzamentaria 12.04.480.1 do programa 612.B dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2004.

Artigo 2º.-Fins.

As actividades que poderán acollerse a estas axudas serán aquelas que teñan por finalidade:

1. Organización de actividades de formación e promoción sociocultural e profesional ou de divulgación

sobre a pesca, o mar ou a cultura mariñeira, dirixidas ás comunidades mariñeiras.

2. Recuperación patrimonial de embarcacións tradicionais e outros elementos da cultura mariñeira para uso en actividades de promoción sociocultural.

3. Organización de visitas formativas e de viaxes de formación ou intercambio para mariñeiros, mariscadores e acuicultores.

4. Realización ou adquisición de publicacións, material audiovisual e multimedia de divulgación e calquera outro material didáctico dirixido á formación ou promoción sociocultural de mariñeiros, mariscadores e acuicultores.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas:

1. As confrarías de pescadores, as organizacións de productores pesqueiros recoñecidas e as centrais sindicais.

2. As agrupacións ou asociacións de acuicultores e mariscadores.

3. Outras entidades de carácter social e cultural sen fin de lucro.

Todos os beneficiarios relacionados anteriormente deberán ter o seu domicilio social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Contía e límites da axuda.

As axudas concederanse para as distintas finalidades nas contías e cos límites máximos que se indican:

1. Os gastos de organización, profesorado e conferenciantes de calquera actividade cun límite do 80% do custo e unha contía máxima de 6.000 euros.

2. Os gastos de recuperación de embarcacións tradicionais ou outros elementos patrimoniais para o uso en actividades de promoción sociocultural, cunha contía máxima de 12.000 euros.

3. Os gastos de viaxes colectivas ata a cantidade de 60 euros por persoa e día, en viaxes dentro de España e de 120 euros por persoa e día, en viaxes ao estranxeiro, cun límite máximo do 80% do custo e unha contía máxima de 12.000 euros.

4. O importe da realización ou adquisición de material didáctico cun límite do 80% do custo e unha contía máxima de 3.600 euros.

Artigo 5º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o conxunto delas non supere as limitacións establecidas no artigo 4º desta orde, coa excepción das axudas para recuperación de embarcacións tradicionais e outros bens patrimoniais, que poderán superar o límite fixado no punto 2 do citado artigo, sempre que non se supere o custo global de rea

lización do proxecto. As ditas axudas son incompatibles co uso da embarcación para a pesca e a acuicultura, e con calquera das axudas incluídas no programa comunitario ou autonómico de construción e modernización de embarcacións pesqueiras.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais agás o establecido no parágrafo anterior, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 6º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo da presente orde, debendo ser presentadas nos rexistros das delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación por duplicado (orixinal e fotocopia):

1. Fotocopia compulsada do DNI do asinante da solicitude.

2. Ademais:

a) Fotocopia compulsada dos estatutos da persoa xurídica ou sociedade.

b) Certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

c) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

4. Fotocopia compulsada do documento que acredite a inscrición no rexistro de asociacións, se é o caso.

5. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

6. Memoria que conteña unha descrición detallada do programa de actividades, do calendario, do per

soal, dos medios necesarios, do material educativo e calquera outro aspecto que se considere de interese.

7. Plan económico indicando a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera administración estatal, autonómica, local ou institucional.

8. Declaración que faga fe de que se encontra ao día no cumprimento das obrigas fiscais e tributarias, coa Seguridade Social e de non ter débedas contraídas coa Xunta de Galicia.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

Unha vez recibidas as instancias e a documentación, estas serán examinadas polas seccións de Formación Pesqueira e Investigación das delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, as cales, se observan algunha deficiencia, concederanlle ao solicitante un prazo de 10 días para emendalas consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

Efectuadas as comprobacións e estudios pertinentes, formularase a correspondente proposta de resolución, que conterá unha relación dos solicitantes para os cales se propón a concesión de subvencións e a contía, así como daqueles para os cales se propón a denegación da subvención solicitada.

A dita proposta elevarase ao conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, quen dictará a pertinente resolución de concesión ou denegación da axuda, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta orde, no prazo máximo de catro meses contados desde o inicio do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dictase resolución expresa, as solicitudes quedarán desestimadas. Contra a dita resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación e segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na

Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Consonte o establecido no artigo 78.3º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, delégase nos delegados territoriais a resolución destas axudas.

Artigo 10º.-Criterios obxectivos de prioridade.

1. Os criterios de baremación que se terán en conta para a concesión das axudas, en orde de prioridade descendente son os seguintes:

a) As solicitudes que teñan como fin a realización de cursos e/ou outras actividades de formación sobre outras finalidades.

b) As confrarías de pescadores e organizacións de productores pesqueiros terán preferencia sobre outros solicitantes.

c) O número de permisos de explotación ou asociados da entidade solicitante.

d) O interese para a zona onde se vaia realizar.

2. Na concesión das axudas terase en conta o grao de cumprimento das obrigas derivadas das axudas recibidas, se é o caso, en anteriores convocatorias, para os mesmos fins.

3. O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, á vista das solicitudes presentadas, distribuirá a contía global consignada no concepto orzamentario entre as delegacións territoriais.

Artigo 11º.-Prazo de realización.

O prazo en que debe ser realizada a actividade obxecto da axuda será fixado na resolución de concesión de axuda, sen que en ningún caso poida exceder o 30 de outubro do ano 2004. Cando o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns por que non pode cumprir co devandito prazo e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada.

O delegado territorial dictará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada, non poderá exceder dous meses a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 12º.-Control das actividades obxecto da axuda.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, como ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. É obriga do beneficiario facilitar toda a información que sexa requirida por estes organismos para as súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos reserva para si a facultade de realizar as comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin o beneficiario deberá comunicar por escrito

as datas e horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectua-las comprobacións que se estimen necesarias.

No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria de solicitude ou calquera outra modificación, será comunicada á delegación territorial coa antelación suficiente para que poida realizar as comprobacións que considere necesarias, para efectos de aprobar ou denegar a devandita modificación.

As delegacións territoriais establecerán as medidas necesarias para efectos de facer a comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

O pagamento tramitarase logo de xustificación da execución do proxecto no prazo sinalado, ou o que resultase como consecuencia da prórroga concedida; para tal efecto o beneficiario deberá presentar na delegación territorial correspondente e dentro do prazo dun mes a seguinte documentación por duplicado (orixinal e fotocopia):

a) Memoria sinxela de realización da actividade indicando datas de realización, número de asistentes e outros aspectos de interese, á cal se xuntará documentación relacionada coa actividade tal como programas, folletos, notas de prensa e outros, polo menos en dúas copias orixinais.

b) Facturas en duplicado, orixinal ou fotocopias compulsadas, dos gastos realizados, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude. No caso de pagamentos de salarios, gratificacións, etc., deberá constar a retención correspondente polo IRPF e achegarse o xustificante de ingreso na Facenda.

c) Declaración responsable en que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autónomo, local ou institucional.

d) Certificación que acredite que o beneficiario non ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

e) Certificacións xustificativas de que o beneficiario está ao día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Se a actividade axudada correspondese á fixada no artigo 2.4º, entregarase no lugar establecido no parágrafo anterior un orixinal do material realizado ou 25 exemplares no caso de que sexa publicado, cunha memoria que indique o seu destino e forma de distribución gratuíta, xustificando a dita distribución.

A Sección de Formación Pesqueira e Investigación de cada delegación territorial certificará a execución completa das actividades obxecto da axuda despois de realizar as comprobacións oportunas.

A non presentación da xustificación da realización da actividade obxecto da axuda no prazo marcado será motivo da súa revogación.

Artigo 14º.-Pagamentos parciais e anticipos.

Poderán realizarse pagamentos parciais ou anticipos consonte o establecido no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15º.-Outras condicións.

En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda farase constar a frase «Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos». Nos exemplares de distribución gratuíta farase constar impreso neles a frase «exemplar gratuíto».

Artigo 16º.-Obriga de reintegro.

O beneficiario que incumpra as condicións de concesión da axuda está obrigado a reintegra-lo importe total ou parcial da axuda percibida, segundo corresponda, consonte o establecido no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 17º.-Infraccións e sancións.

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

Directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Delegado/as territoriais da Consellería de Pesca

e Asuntos Marítimos na Coruña, Lugo e Pontevedra.

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL