DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 26 de marzo de 2004 Páx. 4.174

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 5 de febreiro de 2004 pola que se regula a concesión de axudas para o desenvolvemento nas zonas dependentes da pesca de pequenas empresas de servizos, turísticas e artesanais de actividades produtivas vinculadas ao mar.

As políticas de pesca responsable implican, á vez que a protección dos recursos, a busca de alternativas á redución das frotas e da actividade pesqueira. Nas zonas dependentes da pesca esta afecta, non só polo que ten de diminución da actividade económica, senón polo que supón de abandono dunha cultura e un saber facer que se acumulou ao longo de anos de experiencia.

Evitar esta perda ou, alomenos, minimizala, precisa que se xeren novas actividades vinculadas ao mar que axuden a soster estas comunidades e, polo tanto, a manter unha masa crítica suficiente de poboación portadora da cultura mariñeira. Estas deben, ademais, xerarse fóra da pesca extractiva e ligarse á diversificación das actividades económicas na comunidade, desenvolvendo recursos endóxenos.

As limitacións das frotas e da actividade pesqueira teñen unha gran incidencia naquelas zonas altamente dependentes da pesca, non só polo que teñan de diminución da actividade económica, senón polo que se refire ás esperanzas das poboacións afectadas que parecen verse abocadas a un futuro sen saída. Paliar isto precisa de accións de apoio ao desenvolvemento de novas actividades que se apoien nos recursos locais de calquera tipo con prioridade ás que se sustentan na actividade pesqueira ou a apoian coa prestación de servizos e ás vinculadas ao mar.

Por outra banda, a diversificación de actividades nas zonas dependentes da pesca precisa fomentar a xeración de novas empresas fóra do sector pesqueiro. Dentro destas, as actividades dirixidas ao lecer e ao turismo teñen grandes posibilidades, tendo en conta as características do noso litoral, onde se encontran moi pouco desenvolvidas, máis aínda se temos en conta o amplo pulo que nos últimos anos tivo o turismo rural.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ten entre os seus programas de actuación o apoio ao desenvolvemento endóxeno das zonas dependentes da pesca a través de axudas á creación ou desenvolvemento de pequenas empresas artesanais ou de servizos ligadas ao desenvolvemento dos recursos locais e vinculadas ao sector do mar, ben sexa pola orixe das súas materias primas, polo obxecto das actividades que realiza, ou pola vinculación dos seus membros ás poboacións pescadoras. O mantemento destas actuacións no ano 2004 é necesario ao ser unha ferramenta de apoio ao desenvolvemento pesqueiro a través das actuacións da Axencia de Desenvolvemento do Litoral, polo que a concesión destas axudas se vincula ás actuacións promovidas por ela a través das actividades de formación e de fomento.

No orzamento da Comunidade Autónoma para o ano 2004 inclúese unha liña de apoio á creación ou desen

volvemento deste tipo de empresas, que é conveniente desenvolver tendo en conta a situación de moitas das nosas comunidades pesqueiras e vinculalas a procesos de formación de mozos e ás empresas de economía social.

Polo exposto,

RESOLVO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas ao desenvolvemento nas zonas dependentes da pesca de pequenas empresas de servizos, turísticas e artesanais de actividades produtivas vinculadas ao mar conforme as normas contidas nesta orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade. O réxime de axudas previsto na seguinte orde axústase aos requisitos previstos no Regulamento (C.E.) 70/2001, da comisión, do 12 de xaneiro.

As axudas concederanse con cargo ás partidas orzamentarias 12.04.770.1 e 12.04.770.2 do programa 612.B «Promoción cooperativa e social e divulgación da tecnoloxía pesqueira» do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 2004 por un importe máximo de 270.000 e 210.000 euros respectivamente.

Artigo 2º.-Actuacións elixibles.

As actuacións que poderán acollerse a estas axudas serán aquelas que teñan por finalidade:

1. A construción de novas instalacións ou a modernización das existentes cando implique a instalación de novos equipamentos e/ou maquinaria e non supoñan a reposición do existente, cando a finalidade delas sexa a prevista no artigo 3º punto 1.

2. A construción de novas instalacións, tanto en terra coma no mar, e o seu equipamento ou a modernización das existentes cando implique a instalación de novos equipamentos e/ou maquinaria e non supoñan a reposición do existente, cando a finalidade delas sexa a prevista no artigo 3º punto 2, agás as que teñan carácter portuario ou hostaleiro, tanto as de aloxamento como as de restauración.

3. A adquisición e instalación de maquinaria e equipamentos novos necesarios para o desenvolvemento da actividade e non supoñan a reposición do existente.

4. A adquisición de vehículos novos de uso industrial adaptados cando sexan o soporte para o desenvolvemento da actividade ou imprescindibles no proceso produtivo.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas as persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas en empresas que cumpran os requisitos desta orde e representen microempresas (definición segundo a Recomendación 96/280/CE da Comisión Europea do 3 de abril de 1996, DOCE do 30 de abril) que non teñan máis de 10 traballadores, cun volume de negocios non superior a 7 millóns de euros e cumpran o criterio de independencia fixado na dita recomendación, cando:

1. Teñan como fin o desenvolvemento de actividades de servizos ás actividades marítimas ou que sexan

auxiliares ou complementarias das actividades pesqueiras ou de actividades de mantemento destas, sempre e cando non sexan auxiliables polas liñas de apoio do IFOP.

2. Teñan como fin o desenvolvemento de actividades ou a prestación de servizos de tipo turístico, cultural ou de lecer vinculadas ao mar, agás as de formación.

3. Teñan como fin a realización de actividades artesanais e sempre que estean constituídas por mulleres ou mozos de comunidades pescadoras, que teñan participado en cursos de formación orientados a este tipo de actividade, impartidos ou controlados por unha Administración pública, realizados con posterioridade ao 1-1-2003.

Todos os beneficiarios relacionados anteriormente deberán ter, segundo corresponda, ben o seu domicilio social ben delegacións permanentes, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, ou comprometerse a abrilas no caso de concesión da axuda.

Deberá acreditarse o cumprimento de todos estes requisitos no momento da finalización da presentación das solicitudes.

Artigo 4º.-Contía e límites da axuda.

As axudas concederanse en relación coas cantidades solicitadas e nas contías que permitan as dispoñibilidades orzamentarias e co límite máximo do 40% do importe elixible, segundo o proxecto presentado para a solicitude da axuda e cunha contía máxima de 90.000 euros. Nos investimentos acollidos á finalidade do artigo 2º.2, se o obxecto do investimento inclúe a recuperación de bens patrimoniais de carácter cultural ou histórico, a contía da axuda poderá acadar ata o 60% do investido na recuperación do dito ben.

Artigo 5º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o seu conxunto non supere a limitación establecida no artigo 4º desta orde. No caso de que fosen superadas estas limitacións, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos minorará o importe da axuda concedida ata alcanzar o máximo porcentual permitido.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, agás o establecido no parágrafo anterior, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 6º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes axustaranse ao modelo que figura como anexo I desta orde, debendo ser presentadas no rexistro central da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en calquera dos rexistros das súas delegacións territoriais, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 8º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI do solicitante.

2. Ademais:

a) Fotocopia compulsada dos estatutos da persoa xurídica ou sociedade.

b) Certificación do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

c) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Fotocopia do código de identificación fiscal ou NIF, segundo se trate de persoas xurídicas ou físicas.

4. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

5. Memoria descritiva do obxecto do investimento, onde conste cales son os investimentos que se van realizar ou os bens que se van adquirir, o seu importe por unidade e o global, xustificados con proxecto técnico, orzamentos ou facturas proforma, a súa localización e características principais e a súa xustificación; relación das actividades que xa realiza ou proxecte realizar a empresa, da función que dentro delas vai realizar a nova infraestrutura, relación con outras actividades propias ou da zona, impacto económico e social que representa, postos de traballo fixos e temporais que crea, e outras que se consideren de interese.

6. Proxecto técnico (se é necesario) de realización da infraestrutura ou equipamento, indicando características físicas e xeométricas das distintas instalacións, planos e orzamento de execución, asinado por técnico competente segundo corresponda.

7. Memoria económica que recolla os seguintes aspectos:

a) Plan económico e estudio de viabilidade indicando a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera Administración estatal, autonómica, local ou institucional, resultados esperados, amortización do investimento, etc.

b) Calendario de investimentos e plan de financiamento por anos.

En calquera caso deberanse achegar os datos requiridos no modelo do anexo II e IV.

8. Declaración de calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida ou que se pretenda solicitar a calquera Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto presentado para acollerse a esta orde, segundo o modelo do anexo III.

9. Declaración que faga fe de estar ao día nas obrigas fiscais e tributarias e de non ter débedas coa Xunta de Galicia, segundo o modelo do anexo III.

10. Acreditación de que o solicitante está en posesión das autorizacións e permisos necesarios para a realización da actividade e o investimento. En calquera caso, será necesaria a súa presentación para o pagamento da axuda.

11. Certificado de non inicio da realización do investimento para que se solicita a axuda no momento da solicitude, expedida polo técnico redactor do proxecto. De non ser necesario proxecto, declaración que faga fe desta circunstancia asinada polo solicitante cando se trate de adquisición de bens ou equipamentos, ou solicitude para a súa realización por persoal da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, cando se trate de instalacións fixas.

12. Acreditación dos datos rexistrais da empresa ou entidade (escrituras, poderes e imposto de actividades económicas ou equivalentes), se é o caso.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

Unha vez recibidas as instancias e a documentación, estas serán examinadas pola Sección de Formación e Investigación Pesqueira da delegación territorial correspondente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, o cal, se observase algunha deficiencia, concederalle ao solicitante un prazo de 10 días para emendala consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

No seu estudo e valoración, elaborará un informe de viabilidade e interese para a zona onde se realice o investimento, solicitará a ampliación de datos ou outros informes que considere necesarios, así como tamén efectuará as comprobacións pertinentes; seguidamente formulará a proposta de resolución favorable ou denegatoria de cada solicitude ao conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, na contía que se considere oportuna en función das dispoñibilidades do crédito existente.

O conselleiro ditará resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta disposición, no prazo máximo de catro meses contados desde o inicio do prazo para a presentación de solicitudes. No caso de non recaer resolución expresa de concesión, a solicitude quedará desestimada. Contra a dita resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación e segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional conten

cioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Consonte o establecido no artigo 78.3º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, deléganse nos delegados territoriais correspondentes a resolución destas axudas.

Artigo 10º.-Criterios obxectivos de prioridade.

Os criterios de baremación que se terán en conta para a concesión das axudas en orde de prioridade descendente son os seguintes:

a) Terán preferencia as solicitudes presentadas por empresas formadas por mulleres ou xente nova sobre o resto de peticionarios.

b) Terán preferencia as solicitudes presentadas por empresas de economía social e autónomos sobre o resto de peticionarios.

c) Terán preferencia as solicitudes presentadas para empresas de servizos sobre as demais.

d) Terán preferencia as empresas que se instalen en concellos costeiros dependentes da pesca e menores de 5.000 habitantes en primeiro lugar, menores de 10.000 habitantes en segundo lugar e menores de 20.000 en terceiro lugar.

e) Terán preferencia as solicitudes que xeren máis empregos por investimento realizado.

En caso de igualdade terase en conta a actividade inducida polo investimento, a innovación da actividade obxecto da axuda e o interese para a zona onde se vaia realizar.

Artigo 11º.-Prazo de realización.

O prazo no que debe ser realizada a actividade auxiliada será fixado na resolución de concesión da axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 15 de outubro do ano 2004.

Cando o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga expoñendo as razóns por que non pode cumprir co devandito prazo e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade para que se concede a axuda.

A directora xeral ditará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada non poderá exceder de doce meses a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 12º.-Control das actividades obxecto das axudas.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos como ás de

control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. É obriga do beneficiario facilitar toda a información que sexa requirida por estes organismos para as súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da correspondente Delegación territorial e da Sección de Formación e Investigación Pesqueira, realizará o seguimento e apoio do investimento auxiliado, e reserva para si a facultade de realizar as comprobacións, inspeccións e controis que consideren oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito o inicio do investimento obxecto da axuda con prazo suficiente para poder efectuar as comprobacións que se consideren necesarias.

No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución do investimento sinalado na memoria de solicitude ou en calquera outro aspecto, seralle comunicada á correspondente delegación territorial coa antelación suficiente para que poida realizar as comprobacións que considere necesarias, para os efectos de aprobar ou denegar a devandita modificación.

A delegación territorial establecerá as medidas necesarias, para efectos de facer a comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

Finalizada a execución do proxecto no prazo sinalado ou no que resultase como consecuencia da prórroga concedida, a entidade beneficiaria deberá presentarlle á correspondente delegación territorial dentro do prazo dun mes a seguinte documentación:

a) Facturas xustificativas dos gastos realizados en copia orixinal ou fotocopia compulsada, xunto cos documentos bancarios xustificativos do seu aboamento, e unha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude.

b) Declaración en que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera outra Administración ou ente público.

c) Memoria sinxela da realización do investimento onde se indiquen as incidencias habidas na súa execución.

d) Certificación de estar ao día nas obrigas fiscais e tributarias expedidas pola Axencia Tributaria e a Tesourería da Seguridade Social segundo corresponda.

e) Certificación de non ter débedas coa Xunta de Galicia expedido pola Consellería de Economía e Facenda.

A delegación territorial certificará a execución completa do investimento obxecto da axuda despois de realizar as comprobacións oportunas.

Artigo 14º.-Pagamentos parciais e anticipos.

Os beneficiarios poderán solicitar pagamentos parciais ata un máximo do 80% da axuda concedida. O seu aboamento farase logo de solicitude polo bene

ficiario nas condicións establecidas nos artigos 16.2º e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, debendo presentar a xustificación dos gastos realizados e aboados, segundo o estipulado no artigo 13º desta orde.

O resto da axuda librarase unha vez rematado o investimento, segundo o disposto no artigo anterior. No caso de non rematar o investimento, o beneficiario está obrigado a reintegrar as cantidades recibidas con carácter de pagamentos parciais.

O beneficiario poderá solicitar un anticipo á conta da axuda concedida nos termos e condicións establecidos nos artigos 16.2º e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15º.-Mantemento da actividade e obriga de reintegro.

O beneficiario comprométese a manter aberta e en funcionamento a instalación obxecto da axuda por un período mínimo de cinco (5) anos contados a partir da data de xustificación da finalización do investimento.

O beneficiario que incumpra as condicións de concesión da axuda, incluído o compromiso de mantemento da actividade, está obrigado a reintegrar o importe total ou parcial da axuda percibida, segundo corresponda, consonte o establecido no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 16º.-Infraccións e sancións.

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 17º.-Obrigas de información.

En toda a documentación pública relacionada co investimento obxecto da axuda, farase constar que estas se realizarán cunha axuda da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2004

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos