DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 26 de marzo de 2004 Páx. 4.168

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 59/2004, do 11 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da autoestrada de peaxe Santiago-Ourense (A-53), treito: Alto de Santo Domingo-A-52. (Clave: OU/03/042.1).

Mediante Decreto 254/2003, do 24 de abril, en cumprimento do disposto na disposición adicional sétima da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, creouse a Sociedade Pública Autoestrada Alto Santo Domingo-Ourense, S.A., co obxecto de levar a cabo as actividades de construción, explotación e conservación do treito Alto de Santo Domingo-Ourense da autoestrada A-53, Santiago de Compostela-Ourense, cos puntos de orixe e fin, localizacións de enlaces, ramais, área de servizo e estacións de cobro previstos no proxecto de trazado da obra autoestrada de peaxe Santiago-Ourense (A-53), treito: Alto de Santo Domingo-A-52. (Clave: OU/03/042.1).

Para a construción da dita autoestrada, a Sociedade Pública Autoestrada Alto Santo Domingo-Ourense, S.A., precisa dispoñer dos terreos necesarios para

a execución das obras comprendidas no proxecto de trazado anteriormente mencionado, o cal foi aprobado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o 18 de agosto de 2003 coa clave: OU/03/042.1.

De conformidade co artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a aprobación dos proxectos de estradas de titularidade autonómica implicará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos correspondentes aos fins de expropiación, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto de trazado, o cal, no seu momento, foi sometido a información pública.

A declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras comprendidas no proxecto técnico sinalado, considérase necesaria para completar o eixe viario que une Santiago de Compostela e Ourense, fundamental para equilibrar internamente o sistema viario da nosa comunidade, unha vez executada a primeira fase da citada autoestrada ata o Alto de Santo Domingo, actuación declarada de recoñecida urxencia e interese público debidamente fundada pola Orde do 26 de maio de 1997, BOE nº 133, do 4 de xuño.

Así mesmo, a dita actuación permitirá dotar o centro xeográfico de Galicia dunha infraestructura viaria de gran capacidade, apta para mellorar as comunicacións existentes, de elevada sinistrabilidade e deficiente servizo, entre as vilas e cidades polas que atravesa, ao tempo que impulsará o desenvolvemento destes núcleos de poboación nas súas vertentes económicas e administrativas.

A competencia para declarar a urxente ocupación correspóndelle ao Concello da Xunta segundo o disposto no artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia, o artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda así como o artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día once de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución do proxecto de trazado da obra: autoestrada de peaxe Santiago-Ourense (A-53), treito: Alto de Santo Domingo-A-52. (Clave: OU/03/042.1).

Santiago de Compostela, once de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda