DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Xoves, 25 de marzo de 2004 Páx. 4.086

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 12 de marzo de 2004 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas a empresas e organizacións para a súa adhesión a un sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS).

A sustentabilidade converteuse na base sobre a que debemos desenvolver calquera iniciativa que se pretenda levar a cabo. Se somos capaces de apoiar e impulsa-lo desenvolvemento dun mercado máis ecolóxico, as empresas responderán con innovacións tecnolóxicas e de xestión que estimularán o crecemento, a competitividade, a rendibilidade e a creación de emprego.

A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, o Decreto 185/1999, de 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación na Comunidade Autónoma galega dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental, e o Regulamento 761/2001 do Parlamento Europeo e o Consello polo que se permite que as organizacións se adhiran a un sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS), constitúen a lexislación aplicable para tal efecto na Comunidade Autónoma de Galicia, e incide na importancia de incentiva-los sistemas de ecoxestión e ecoauditoría voluntarios das empresas.

Na súa virtude, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Cuestións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto a concesión de axudas para a implantación dun sistema de xestión ambiental, de acordo cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade regulados no artigo 3 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas, e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e segundo o disposto no Regulamento (CE) Nº 761/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de marzo, polo que se permite que as organizacións se adhiran con carácter voluntario a un sistema de xestión e auditoría ambientais (EMAS). Coa implantación deste sistema de xestión ambiental minimizaranse gradualmente os impactos producidos polas organizacións sobre o medio receptor.

2. Estas axudas concederanse para apoia-lo proceso de implantación dun sistema de xestión ambiental mediante adhesión ó sistema EMAS comunitario.

3. As actuacións obxecto desta orde non se iniciarán antes do 1 de novembro de 2003, debendo estar rematadas antes do 30 de setembro de 2004.

Artigo 2º.-Contía.

Ata un máximo do 90% do custo dos traballos realizados se se implanta EMAS directamente. Ata un máximo do 75% do custo dos traballos realizados se se implanta EMAS a partir de ISO 14001.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas e outras organizacións que cumpran os seguintes requisitos:

1. Te-lo seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e materializa-lo proxecto obxecto de axuda no ámbito territorial de Galicia.

2. Estar ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

3. Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.

4. Posuír personalidade xurídica propia, suficiente capacidade para obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

Artigo 4º-Solicitudes.

1. As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente e deberán ser presentadas no modelo normalizado recollido para o efecto no anexo desta orde. Sen perxuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de axuda presentaranse preferentemente na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

2. As solicitudes deberán ser presentadas no prazo de 40 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Documentación que hai que presentar.

Coas solicitudes irán os seguintes documentos:

1. A instancia de solicitude, segundo as indicacións recollidas no artigo 4º.1.

2. Acreditación da personalidade:

2.1) Persoas xurídicas:

a) Copia compulsada da certificación rexistral na que conste a súa constitución e os estatutos vixentes.

b) Copia compulsada do documento acreditativo do poder co que actúa o representante en nome da entidade, no caso de que tal poder non conste na certificación, e copia compulsada do seu documento nacional de identidade.

c) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

2.2) Persoas físicas:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade do titular ou titulares solicitantes, así como do seu representante, se é o caso.

b) Copia compulsada da declaración censual de alta en obrigas tributarias (modelo 037) na Axencia Estatal Tributaria, referida a tódolos titulares, se é o caso.

3. Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale o número de conta do beneficiario onde se debe realiza-lo pagamento.

4. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes e das axudas de minimis dos 3 últimos anos.

5. Presentarase, por duplicado, un estudio que non supere as 50 páxinas de extensión, que conteña:

a) Memoria técnica explicativa da acción que se vaia desenvolver. Esta memoria técnica incluirá, como mínimo, os seguintes puntos:

-Avaliación ambiental da instalación.

-Política ambiental que hai que seguir (compromiso de mellora continua, prevención da contaminación e conformidade regulamentaria...).

-Cronograma en referencia ó establecemento dos pasos para logra-lo rexistro en EMAS.

b) Proxecto e orzamento detallados dos traballos que hai que realizar para os obxectivos establecidos no artigo 1º.2, así como polo menos unha factura pro forma de cada un dos conceptos orzamentarios.

c) Beneficios ambientais esperados.

No suposto de que a documentación presentada exceda das 50 páxinas de extensión requirirase o interesado para que no mesmo prazo proceda á concreción ou clarificación da dita documentación.

Artigo 6º.-Gastos non subvencionables.

Non se considerarán subvencionables os seguintes conceptos:

1. Calquera imposto pagado pola entidade, salvo o IVE soportado en servicios.

2. Gastos financeiros derivados do investimento.

3. Gastos de persoal, tanto propio como externo.

Artigo 7º.-Criterios de priorización.

1. As solicitudes avaliaranse en réxime de concorrencia competitiva e para avalia-la prioridade entre elas terase en conta os seguintes criterios enumerados por orde decrecente de importancia:

a) Empresas que como resultado da axuda recibida poidan acredita-la súa inscrición no rexistro EMAS.

b) Empresas que como resultado da axuda recibida poidan acredita-la súa inscrición no rexistro EMAS a partir de ISO 14.001.

2. Considerando os anteriores criterios, a comisión de avaliación creada polo artigo 8º desta orde, estudiará as solicitudes presentadas e avaliará estas tendo en conta as letras a), b) e c) do punto 5 da documentación á que se refire o artigo 5º, puntuando do seguinte xeito:

Letra a): ata un máximo de 5 puntos.

Letra b): ata un máximo de 2 puntos.

Letra c): ata un máximo de 3 puntos.

As solicitudes que non obtivesen unha puntuación mínima de 5 puntos entenderanse desestimadas.

3. A porcentaxe subvencionable de cada proxecto, tendo en conta que a porcentaxe máxima non poderá supera-lo establecido no artigo 2º, determinarase do seguinte xeito:

1) Adscribirase cada solicitude admitida a un dos grupos definidos no número 1 deste artigo, adxudicando, segundo o grupo ó que pertenza, un coeficiente de ponderación polo que se multiplicará a puntuación obtida na valoración de cada solicitude. Deste xeito asígnase á totalidade dos proxectos, a orde de prioridade establecido no punto 1 deste mesmo artigo.

2) Para realiza-lo cálculo da porcentaxe que se vai subvencionar de cada solicitude, establecerase unha relación liñal de proporcionalidade considerando as puntuacións máxima e mínima do conxunto de solicitudes, e asignado a porcentaxe máxima de axuda á solicitude que obteña a máxima puntuación. A porcentaxe mínima establecerase de xeito que a cantidade presupostada indicada no artigo 14º sexa distribuída na súa totalidade entre tódalas solicitudes de axuda admitidas.

Capítulo II

Tramitación, resolución, xustificación e pagamento

Artigo 8º.-Comisión de avaliación.

Presentada a solicitude xunto á documentación correspondente, procederase á súa valoración por unha comisión de avaliación de proxectos constituída polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e o subdirector xeral de Avaliación Ambiental e, no caso de carencias ou defectos de forma, requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non se fixese deste xeito, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución da concesión será dictada polo conselleiro de Medio Ambiente nun prazo de catro meses a partir da publicación da convocatoria no

DOG. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, conforme o disposto no artigo 2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O outorgamento da axuda debe ser aceptado polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, a subvención outorgada considerarase desestimada.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 10º.-Control e seguimento.

Constitúese unha comisión de seguimento integrada polos mesmos membros da comisión de avaliación, que se encargará do control da execución da actividade obxecto da axuda.

Artigo 11º.-Acreditación de traballos realizados.

Para proceder ó cobramento das axudas será indispensable a presentación, antes do 30 de setembro de 2004, da seguinte documentación:

a) Informe final dos traballos realizados e investimento.

b) Orixinal ou copia compulsada das facturas, xustificantes bancarios dos pagamentos realizados ou outros xustificantes do investimento solicitado que deberán estar debidamente acreditados ante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que outorgará a súa conformidade.

c) Declaración ambiental verificada polo verificador ambiental, ou no seu defecto, escrito certificando os logros obtidos, que deberán ser debidamente acreditados por un organismo de control.

d) No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para un mesmo proxecto, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Resolución do 30 de novembro de 1999 acordo do consello de novembro de 1999, no que se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación das axudas públicas).

e) Deberá acreditarse polo beneficiario da subvención o compromiso de mante-lo investimento de que se trate, e as responsabilidades pertinentes,

durante o período mínimo de 5 anos, así como non supera-las porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas pola normativa europea.

Artigo 12º.-Pagamento.

O beneficiario deberá acreditar previamente ó cobramento:

a) Que se atope ó corrente das obrigas tributarias e de Seguridade Social.

b) Certificación de non ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 13º.-Reducción do pagamento.

No suposto de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda concedida verase diminuída en relación ós logros obtidos para a súa adhesión a EMAS.

Artigo 14º.-Aplicación orzamentaria.

1. Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinaranse ata un máximo de 180.000 euros que se imputarán na aplicación orzamentaria 15.04.342A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2004, quedando condicionada a súa tramitación á existencia de crédito axustado e suficiente por parte da Consellería de Medio Ambiente nos referidos orzamentos.

2. Esta orde de subvencións acóllese ó Regulamento (CE) nº 69/2001 da Comisión do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DO C L nº 10, do 13 de xaneiro), onde a axuda total de minimis concedida a calquera empresa non deberá exceder de 100.000 euros nun período de 3 anos.

Artigo 15º.-Compatibilidade de axudas.

A axuda contida nesta orde é compatible con outras subvencións de calquera Administración pública con diferente finalidade, dentro dos límites establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, no que se sinala que o importe das axudas non poderá en ningún caso, illada ou conxuntamente con outras, supera-lo custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

Artigo 16º.-Reintegro.

Procederá o reintegro total ou parcial das axudas reguladas nesta orde e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido

da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 17º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan esixi-los órganos correspondentes da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 18º.-Recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposición adicional

Única.-Ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, así como as previsións contidas no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o citado decreto lexislativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para dictar cantas disposicións complementarias sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente