DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Xoves, 25 de marzo de 2004 Páx. 4.065

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 11 de marzo de 2004 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas a empresas e a agrupacións de empresas que realicen investimentos encamiñados á prevención e reducción da contaminación a través das melloras tecnolóxicas, cambios nas materias primas e productos e reutilización ou valoración non enerxética.

A lexislación sobre o ambiente é un piar fundamental da estratexia comunitaria para alcanza-lo desenvolvemento sustentable, pero para poder resolve-los problemas ecolóxicos actuais é preciso supera-la concepción exclusivamente lexislativa e adoptar un enfoque máis estratéxico para induci-los cambios necesarios nos nosos modelos de producción e consumo. É preciso que explotemos ó máximo unha gama completa de instrumentos e medidas para influír sobre as decisións que toman as empresas, impulsando o establecemento de medidas para evitar ou reduci-las emisións das instalacións industriais máis contaminantes na atmosfera, a auga e o solo para alcanzar un nivel elevado de protección do medio natural, considerado no seu conxunto.

Para a consecución destes obxectivos, así como para promove-la utilización das mellores técnicas dispoñibles, as administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias, poden establecer instrumentos de carácter económico e medidas de incentivación.

Na súa virtude, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Capítulo I

Cuestións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto, conforme os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, a concesión de axudas para ampliación ou modificación de instalacións existentes, para o fomento da protección do medio natural, co fin de minimiza-la contaminación para reduci-lo impacto sobre o medio e de obter melloras ambientais a través de cambios nos productos ou nas materias primas e na súa utilización, reutilización en fábrica dos residuos xerados e cambios tecnolóxicos.

2. Estas axudas concederanse para a realización de investimentos en instalacións para a prevención e reducción da contaminación do medio natural.

3. As solicitudes de axuda deberán presentarse antes de comeza-la execución dos proxectos de investimento consonte prevé o artigo 8.4º do Decreto 172/2001, do 12 de xullo, de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial. As actuacións obxecto desta orde deberán estar rematadas antes do 30 de setembro de 2004.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas ou agrupacións de empresas legalmente constituídas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teren o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e materializa-lo proxecto obxecto de axuda no ámbito territorial de Galicia.

b) Estar ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.

d) Posuír personalidade xurídica propia, suficiente capacidade para obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente e deberán ser presentadas no modelo normalizado para o efecto no anexo desta orde. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de axuda poderán ser presentadas na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, nas delegacións provinciais ou nos servicios centrais.

2. As solicitudes deberán ser presentadas no prazo de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Documentación xeral que hai que presentar.

Coas solicitudes xuntaranse os seguintes documentos con carácter xeral:

1. A instancia de solicitude, segundo as indicacións recollidas no artigo 3º.1.

2. Acreditación da personalidade:

2.1) Persoas xurídicas:

a) Copia compulsada da certificación rexistral na que conste a súa constitución e os estatutos vixentes.

b) Copia compulsada do documento acreditativo do poder co que actúa o representante en nome da entidade, no caso de que tal poder non conste na certificación, e copia compulsada do seu documento nacional de identidade.

c) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

2.2) Persoas físicas:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade do titular ou titulares solicitantes, así como do seu representante, se é o caso.

b) Copia compulsada da declaración censual de alta en obrigas tributarias (modelo 037) na Axencia Estatal Tributaria, referida a tódolos titulares, se é o caso.

3. Acreditación, cando proceda, de estar ó día no cumprimento do programa de autocontrois de emisións

á atmosfera, remitindo unha copia compulsada do libro de rexistro de emisións e as analíticas dos autocontrois do último ano.

4. Copia compulsada da autorización de vertido expedida polo organismo de cunca correspondente ou polo organismo competente.

5. Outras autorizacións esixidas pola lexislación sectorial para o funcionamento da actividade.

6. Declaración xurada de cumprimento da lexislación ambiental e sectorial vixente. O cumprimento desta lexislación ten que ser previo á publicación desta orde.

7. Licencia de actividade municipal.

8. Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale o número de conta do beneficiario onde se debe realiza-lo pagamento.

9. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

10. Documentación requirida no capítulo II.

No caso de que non proceda a presentación dalgunha da documentación esixida nalgún dos puntos anteriores, xustificarase convenientemente.

Artigo 5º.-Gastos non subvencionables.

Non se considerarán subvencionables os seguintes conceptos:

1. IVE satisfeito pola adquisición de bens e, en xeral, calquera outro imposto pagado pola entidade.

2. Gastos financeiros derivados do investimento.

3. Gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, como poden ser estudios, proxectos, etc., así como gastos non imputables directamente ó investimento.

4. Gastos de adquisición de terreos e adquisición ou construcción de naves, así como aluguer de maquinaria.

5. Gastos de persoal, tanto propio como externo.

Capítulo II

Obxecto, documentación e avaliación

Artigo 6º.-Obxecto.

Concederanse axudas a aqueles investimentos destinados ás instalacións para a prevención e reducción da contaminación do medio natural. Para conseguir este obxectivo poderán ser beneficiarios de subvención aqueles proxectos que propoñan:

a) Mellora tecnolóxica.

b) Cambio nas materias primas.

c) Reutilización ou valorización non enerxética na propia industria.

d) Cambios nos productos.

Artigo 7º.-Contía.

As axudas poderán acadar ata un 50% do investimento subvencionable. En ningún caso esta subvención poderá ser superior a 60.101 euros.

Artigo 8º.-Documentación específica que hai que presentar.

Xunto ó impreso de solicitude publicado como anexo, deberá presentarse a documentación xeral requirida no artigo 4º desta orde, xuntándose por duplicado un estudio que conteña:

a) Memoria técnica explicativa e proxecto, cando proceda, da acción que se vai desenvolver, con mención expresa do epígrafe do artigo 6º ó que corresponda. Esta memoria técnica incluirá, como mínimo, os seguintes puntos:

-Antecedentes e descrición da situación de partida (datos da empresa, evolución, situación actual...).

-Obxecto do investimento.

-Descrición das actuacións obxecto do investimento.

-Obxectivos ambientais que se pretende acadar.

b) Orzamento detallado dos traballos que se vaian realizar.

c) Factura pro forma de cada un dos conceptos orzamentarios.

d) Calendario de prazos de execución.

e) Certificado do cumprimento destes prazos, expedido pola empresa subministradora ou responsable de levar a cabo o investimento.

f) Así mesmo, farase constar se a empresa dispón dun sistema de xestión ambiental mediante adhesión ó sistema EMAS ou certificado conforme as normas internacionais ISO 14001.

A documentación que hai que presentar non superará as 50 páxinas de extensión.

No suposto de que a documentación presentada exceda das 50 páxinas de extensión, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días proceda á concreción ou clarificación da dita documentación.

Artigo 9º.-Criterios de priorización.

1. As solicitudes avaliaranse en réxime de concorrencia competitiva e para avalia-la prioridade entre elas teranse en conta os seguintes criterios enumerados por orde decrecente de importancia:

a) Investimentos dirixidos á mellora tecnolóxica da instalación.

b) Investimentos dirixidos ó cambio de materias primas ou productos.

c) Investimentos dirixidos á reutilización ou valorización non enerxética na propia industria.

2. Considerando os anteriores criterios, a comisión de avaliación creada polo artigo 10º desta orde estudiará as solicitudes presentadas e avaliaraas tendo en conta as letras a), b), c), d) e f) da documentación a que se refire o artigo 8º, puntuando da seguinte forma:

Letra a): ata un máximo de 5 puntos.

Letra b): ata un máximo de 3 puntos.

Letra c): ata un máximo de 3 puntos.

Letra d): ata un máximo de 3 puntos.

Letra f): ata un máximo de 3 puntos se a empresa dispón dun sistema de xestión ambiental mediante

adhesión ó sistema EMAS e de 2 se dispón dun certificado conforme as normas internacionais ISO 14001.

As solicitudes que non obtivesen unha puntuación mínima de 7 puntos entenderanse desestimadas.

3. A porcentaxe subvencionable de cada proxecto, tendo en conta que a contía máxima non poderá supera-lo establecido no artigo 7º, determinarase do seguinte xeito:

1) Adscribirase cada solicitude admitida a un dos grupos definidos no número 1 deste artigo, adxudicando, segundo o grupo ó que pertenza, un coeficiente de ponderación polo que se multiplicará a puntuación obtida na valoración de cada solicitude. Deste xeito asígnase á totalidade dos proxectos, a orde de prioridade establecida no número 1 deste mesmo artigo.

2) Para realiza-lo cálculo da porcentaxe que se vaia subvencionar de cada solicitude, establecerase unha relación lineal de proporcionalidade, considerando as puntuacións máxima e mínima do conxunto de solicitudes e asignando a porcentaxe máxima de axuda á solicitude que obteña a máxima puntuación. A porcentaxe mínima establecerase de xeito que a cantidade orzada indicada no artigo 16º sexa distribuída na súa totalidade entre tódalas solicitudes de axuda admitidas.

Capítulo III

Tramitación, resolución, xustificación e pagamento

Artigo 10º.-Comisión de avaliación.

Presentada a solicitude xunto á documentación correspondente, procederase á súa valoración por unha comisión de avaliación de proxectos constituída polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a subdirectora xeral de Calidade Ambiental e o subdirector xeral de Avaliación Ambiental e, no caso de carencias ou defectos de forma, requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Se non se fixese deste xeito, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 11º.-Resolución.

1. A resolución da concesión será dictada polo conselleiro de Medio Ambiente nun prazo de catro meses contado a partir da publicación da convocatoria no DOG. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, conforme o disposto no artigo 2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O outorgamento da axuda debe ser aceptado polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, a subvención outorgada considerarase desestimada.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas

outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 12º.-Control e seguimento.

Constitúese unha comisión de seguimento integrada polos mesmos membros da comisión de avaliación, que se encargará do control da execución da actividade obxecto da axuda.

Artigo 13º.-Acreditación de traballos realizados.

Para proceder ó cobro das axudas será indispensable a presentación, antes do 30 setembro de 2004, da seguinte documentación:

a) Informe final dos traballos realizados e investimento.

b) Copia compulsada das facturas orixinais, nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, xustificantes bancarios dos pagamentos realizados ou outros xustificantes do investimento solicitado previstos ou referidos no artigo 15.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que deberán estar debidamente acreditados ante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que outorgará a súa conformidade.

c) No momento da xustificación da execución do proxecto, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para un mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Resolución do 30 de novembro de 1999, no que se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación das axudas públicas).

d) O beneficiario da subvención deberá acredita-lo compromiso de mante-lo investimento de que se trate ou emprego ligado a este durante o período mínimo de 5 anos, así como non supera-las porcentaxes máximas de acumulación establecidas pola normativa europea.

Artigo 14º.-Pagamento.

1. O beneficiario deberá acreditar previamente ó cobro:

a) Que se atopa ó día das obrigas tributarias e de Seguridade Social.

b) Certificación de non ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. Así mesmo e consonte o previsto no artigo 16, parágrafo 2, número 2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán facerse pagamentos parciais á conta da liquidación sempre que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que o interesado o solicite.

b) Que se xustifique non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto da subvención concedida ata ese momento con cargo ó proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario nin tampouco supera-lo 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ó resultado da liquidación definitiva da subvención.

3. Será obrigatoria a presentación de garantía para o suposto daqueles pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda de 30.050,60 euros, consonte prevé o artigo 17.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15º.-Reducción do pagamento.

No suposto de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda concedida verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Artigo 16º.-Aplicación orzamentaria.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinaranse ata un máximo de 263.358 euros que se imputarán na aplicación orzamentaria 15.04.342A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2004.

Artigo 17º.-Compatibilidade de axudas.

Só serán compatibles con estas axudas as convocadas pola Consellería de Medio Ambiente para implantación dun sistema de xestión ambiental mediante adhesión ó sistema EMAS comunitario ou certificado conforme as normas internacionais ISO 14001, dentro dos límites establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, no que se sinala que o importe das axudas non poderá en ningún caso, illada ou conxuntamente con outras, supera-lo custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

Artigo 18º.-Reintegro.

Procederá o reintegro total ou parcial das axudas reguladas nesta orde e dos xuros de demora reportados dende o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro e o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora reportados desde o pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ós beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas axudas a que se refire o artigo 17 (adhesión ó sistema EMAS), supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Artigo 19º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan esixi-los órganos correspondentes da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 20º.-Recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposición adicional

Única.-Ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, así como as previsións contidas no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o citado decreto lexislativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para dictar cantas disposicións complementarias sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente