DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Mércores, 24 de marzo de 2004 Páx. 4.018

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 368/2004, do 5 de marzo, sobre ampliación dos medios patrimoniais traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 3317/1982, do 24 de xullo, en materia de estradas.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27, parágrafos 7º e 8º a competencia exclusiva en materia de obras públicas que non teñan a cualificación legal de interese xeral do Estado ou a execución ou explotación da cal non afecte a outra Comunidade Autónoma e en materia de estradas non incorporadas á rede do Estado e o itinerario das cales se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma.

Polo Real decreto 3317/1982, do 24 de xullo, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios da Administración do Estado en materia de estradas.

Finalmente, o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, establece as normas reguladoras da transferencia de servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias.

Na súa virtude, e en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta da ministra de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 5 de marzo de 2004,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o Acordo da Comisión Mixta de Transferencias, prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, adoptado polo pleno da dita comisión na súa sesión do 18 de febreiro de 2004, polo que se amplían os medios patrimoniais traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estradas, e que se transcribe como anexo a este real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia os bens patrimoniais a que se refire o acordo que se inclúe como anexo deste real decreto, nos termos e condicións que alí se especifican.

Artigo 3º

A ampliación de medios a que se refire este real decreto terá efectividade a partir da data sinalada no acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Fomento produza, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Disposición derradeira

Única.-Este real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario

Oficial de Galicia, adquirindo vixencia o día seguinte ó da súa publicación.

Dado en Madrid, 5 de marzo de 2004.

Juan Carlos R.

Julia García-Valdecasas Salgado

Ministra de Administracións Públicas

ANEXO

Antonio Bueno Rodríguez e Pedro Puy Fraga, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, certifican:

Que no pleno da comisión mixta, do día 18 de febreiro de 2004, se adoptou un acordo sobre ampliación de medios patrimoniais adscritos ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 3317/1982, do 24 de xullo, en materia de estradas, nos termos que a continuación se expresan:

a) Referencia a normas constitucionais, estatutarias e legais nas que se ampara a ampliación de medios.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27, parágrafos 7º e 8º, a competencia exclusiva en materia de obras públicas que non teñan a cualificación legal de interese xeral do Estado ou a execución ou explotación dos cales non afecte a outra Comunidade Autónoma e en materia de estradas non incorporadas á rede do Estado e o itinerario das cales se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma.

Polo Real decreto 3317/1982, do 24 de xullo, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios en materia de estradas.

En consecuencia co exposto, procede formaliza-lo acordo sobre ampliación dos medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estradas, nos termos que a continuación se determinan.

b) Medios que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia.

Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia os medios patrimoniais que se indican na relación adxunta número 1.

c) Bens, dereitos e obrigas do Estado que se traspasan.

O traspaso de medios patrimoniais formalizarase de acordo co establecido na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía e demais disposicións aplicables neste caso.

A partir da efectividade deste traspaso, a Comunidade Autónoma subrógase nos dereitos e obrigas que, con posterioridade a esta, sexan inherentes á propiedade e titularidade dos medios traspasados.

d) Documentación e expedientes dos medios que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes dos medios traspasados realizarase no prazo dun mes

desde a data de efectividade deste acordo, subscribíndose para tal efecto a correspondente acta de entrega e recepción, de conformidade co establecido no artigo 8 do Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro.

e) Data de efectividade da ampliación.

A ampliación de medios patrimoniais, obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de abril de 2004.

E para que conste, expedímo-la certificación en Madrid, 18 de febreiro de 2004. Antonio Bueno Rodríguez e Pedro Puy Fraga. Secretarios da comisión mixta.

Relación nº 1

Relación de bens inmobles que se traspasan

Comunidade Autónoma de Galicia

Unidade: Demarcación de Estradas do Estado. Ministerio de Fomento.

Enderezo: Rúa Caballeros, esquina coa Rúa Chile. Parcela nº 97 do Polígono de Elviña, 1ª fase, 2ª ampliación.

Poboación: A Coruña.

Situación xurídica: propiedade do Estado, afectada ó Ministerio de Fomento.

Superficie en m: 550,61.

Observacións: