DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Mércores, 24 de marzo de 2004 Páx. 4.016

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 367/2004, do 5 de marzo, sobre ampliación das funcións e servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación (escolas viaxeiras).

A Constitución, no seu artigo 149.1º.30ª resérvalle ó Estado a competencia exclusiva sobre regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución, co fin de garanti-lo cumprimento das obrigas dos poderes públicos nesta materia.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 31 que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia plena para a regulación e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo co disposto no artigo 27 da Constitución e leis orgánicas que, conforme o epígrafe 1º do artigo 81 desta, o desenvolvan, e sen prexuízo das facultades que lle atribúe ó Estado o número 30ª do punto 1 do artigo 149 da Constitución, e da alta inspección do Estado para seu cumprimento e garantía.

Polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

Finalmente, o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, establece as normas reguladoras da transferencia de servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias.

Na súa virtude, e en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta da ministra de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 5 de marzo de 2004,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias, prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, adoptado polo pleno da dita comisión, na súa sesión do 18 de febreiro, polo que se amplían as funcións e servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, e que se transcribe como anexo a este real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios, así como os créditos orzamentarios a que se refire o acordo que se inclúe como anexo deste real decreto, nos termos e condicións que alí se especifican.

Artigo 3º

A ampliación de funcións e servicios a que se refire este real decreto terá efectividade a partir da data sinalada no acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte produza, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Disposición derradeira

Única.-Este real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, adquirindo vixencia o día seguinte ó da súa publicación.

Dado en Madrid, 5 de marzo de 2004.

Juan Carlos R.

Julia García-Valdecasas Salgado

Ministra de Administracións Públicas

ANEXO

Antonio Bueno Rodríguez e Pedro Puy Fraga, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, certifican:

Que no pleno da comisión mixta, que tivo lugar o día 18 de febreiro de 2004, se adoptou un acordo sobre ampliación das funcións e servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de educación (escolas viaxeiras), nos termos que a continuación se expresan:

a) Referencia a normas constitucionais, estatutarias e legais nas que se ampara a ampliación de funcións e servicios.

A Constitución, no seu artigo 149.1º.30ª, resérvalle ó Estado a competencia exclusiva sobre regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución, co fin de garanti-lo cumprimento das obrigas dos poderes públicos nesta materia.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 31 que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia plena para a regulación e administración da ensinanza en toda súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo co disposto no artigo 27 da Constitución e leis orgánicas que, conforme o epígrafe 1º do artigo 81 desta, o desenvolvan, e sen prexuízo das facultades que lle atribúe ó Estado o número 30ª do punto 1º do artigo 149 da Constitución, e da alta inspección do Estado para o seu cumprimento e garantía.

Polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

En consecuencia co exposto, procede formaliza-lo acordo sobre ampliación das funcións e servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación (escolas viaxeiras), nos termos que a continuación se determinan.

b) Funcións que asume a Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumirá a contratación dos axudantes de coordinación das actividades do programa de escolas viaxeiras no número de prazas e período necesario para o desenvolvemento deste.

c) Valoración das cargas financeiras das funcións e servicios que se amplían.

1. A valoración provisional no ano base 1999 que corresponde ó custo efectivo anual dos medios que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia elévase a 4.154,91 euros. A dita valoración será obxecto de revisión nos termos establecidos no artigo 16.1º da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía.

2. O financiamento en euros de 2004, que corresponde ó custo efectivo anual é o que se recolle na relación número 1.

3. Transitoriamente, ata tanto se produza a revisión do Fondo de Suficiencia como consecuencia da incorporación ó mesmo do custo efectivo deste traspaso, este custo financiarase mediante a consolidación na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos ós distintos compoñentes do dito custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada Lei de orzamentos.

d) Documentación e expedientes das funcións e servicios que se amplían.

A entrega da documentación e expedientes relativos ás funcións e servicios que se amplían realizarase no prazo dun mes desde a data de efectividade deste acordo, subscribíndose para tal efecto as correspondentes actas de entrega e recepción, de conformidade co establecido no artigo 8 do Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro.

e) Data de efectividade da ampliación de funcións e servicios.

A ampliación de funcións e servicios obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de abril de 2004.

E para que conste, expedímo-la certificación en Madrid, 18 de febreiro de 2004. Antonio Bueno Rodríguez e Pedro Puy Fraga. Secretarios da comisión mixta.

Relación nº 1

Valoración do custo efectivo da ampliación

de funcións e servicios (euros 2004)

Aplicación orzamentaria:

18.04.423C.131: 4.173,13.

18.04.423C.160.00: 1.377.

Total: 5.550,13 euros