DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Mércores, 24 de marzo de 2004 Páx. 4.015

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 366/2004, do 5 de marzo, sobre ampliación dos medios adscritos á xestión encomendada en materia de agricultura (FEGA), traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1790/1996, do 19 de xullo.

A Constitución española reserva ó Estado, no seu artigo 149.1º.13ª, a competencia sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica.

Por outra banda, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 30.1º.3), a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e gandería, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado.

Mediante o Real decreto 1790/1996, do 19 de xullo, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia os medios adscritos á xestión encomendada en materia de agricultura (FEGA).

Finalmente, o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, establece as normas reguladoras da transferencia de servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias.

Na súa virtude, e en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta da ministra de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 5 de marzo de 2004,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias, prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, adoptado polo pleno da dita comisión, na súa sesión do 18 de febreiro de 2004, sobre modificación e ampliación dos medios adscritos á xestión encomendada en materia de agricultura (FEGA), e que se transcribe como anexo a este real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia os medios patrimoniais a que se refire o acordo que se inclúe como anexo deste real decreto, nos termos e condicións que alí se especifican.

Artigo 3º

O traspaso a que se refire este real decreto terá efectividade a partir da data sinalada no acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación produza, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de

funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Disposición derradeira

Única.-Este real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, adquirindo vixencia o día seguinte ó da súa publicación.

Dado en Madrid, 5 de marzo de 2004.

Juan Carlos R.

Julia García-Valdecasas Salgado

Ministra de Administracións Públicas

ANEXO

Antonio Bueno Rodríguez e Pedro Puy Fraga, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, certifican:

Que no pleno da comisión mixta, que tivo lugar o día 18 de febreiro de 2004, adoptouse un acordo polo que se modifican e se amplían os medios adscritos á xestión encomendada en materia de agricultura (FEGA), traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1790/1996, do 19 de xullo, nos termos que, a continuación, se expresan:

a) Referencia a normas constitucionais, estatutarias e legais nas que se ampara a ampliación de medios.

O artigo 149.1º.13ª da Constitución establece que queda reservada ó Estado a competencia sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 30.1º.3), a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e gandería, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado.

Mediante o Real decreto 1790/1996, do 19 de xullo, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia os medios adscritos á xestión encomendada en materia de agricultura (FEGA).

Finalmente, o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, establece as normas reguladoras da transferencia de servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias.

Sobre a base destas previsións constitucionais, estatutarias e normativas procédese a modificar e a amplia-los medios adscritos á xestión encomendada en materia de agricultura (FEGA), nos termos que a continuación se expresan.

b) Medios patrimoniais que se modifican e amplían.

Substitúese a relación de unidades de almacenamento do FEGA, aprobada polo Real decreto 1790/1996,

do 19 de xullo, de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos medios adscritos á xestión encomendada en materia de agricultura, (FEGA), pola relación nº 1, adxunta a este acordo, relativa ás unidades de almacenamento da rede non básica en Galicia a titularidade da cal se traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Bens, dereitos e obrigas correspondentes á modificación e ampliación de medios.

O traspaso de medios patrimoniais formalizarase de acordo co establecido na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía e demais disposicións aplicables neste caso.

A partir da efectividade deste traspaso, a Comunidade Autónoma subrógase nos dereitos e obrigas que, con posterioridade a esta, sexan inherentes á propiedade e titularidade dos medios traspasados.

d) Documentación e expedientes dos medios que se modifican e amplían.

A entrega da documentación e expedientes dos medios traspasados realizarase no prazo dun mes desde a data de efectividade deste acordo, subscribíndose para tal efecto as correspondentes actas de entrega e recepción, de conformidade co establecido no artigo 8 do Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro.

e) Data de efectividade da ampliación e modificación de medios.

A modificación e ampliación de medios obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de abril de 2004.

E para que conste, expedímo-la certificación en Madrid, 18 de febreiro de 2004. Antonio Bueno Rodríguez e Pedro Puy Fraga. Secretarios da comisión mixta.

Relación nº 1

Unidades de almacenamento da rede non básica en Galicia da que a titularidade traspásase á Comunidade Autónoma de Galicia

Provincia: Lugo.

Código: 27012.

Localización: Guitiriz.

Capacidade TM: 7.000.

Extensión superficie en m: 4.000.

Réxime de tenza: titularidade FEGA.

Provincia: Ourense.

Código: 32012.

Localización: Celanova.

Capacidade TM: 720.

Extensión superficie en m: 6.530.

Réxime de tenza: titularidade FEGA

Provincia: Pontevedra.

Código: 36012.

Localización: Portas.

Capacidade TM: 720.

Extensión superficie en m: 3.773

Réxime de tenza: titularidade FEGA.