DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Luns, 22 de marzo de 2004 Páx. 3.813

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 10 de marzo de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, correspondéndolle o seu exercicio, hoxe en día, á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ó abeiro do disposto no Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a súa estructura orgánica.

Consonte o anterior, correspóndelle a esta consellería a regulación, xestión e control do aboamento de cotas á Seguridade Social ós traballadores que percibiron a prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, regulado na orde ministerial do 13 de abril de 1994, pola que se establecen as bases reguladoras da concesión das subvencións consistentes no aboamento ós traballadores que fixeran uso do dereito previsto no artigo 1 do Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, das cotas á Seguridade Social, segundo o disposto no artigo 4.2º do dito real decreto, modificado pola Lei 22/1992, do 30 de xuño.

O Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, regula o aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, polo valor actual do seu importe, como medida de fomento de emprego, en aplicación do disposto no número 3 do artigo 228 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, coa finalidade de propicia-la iniciativa de autoemprego dos traballadores desempregados con dereito á prestación por desemprego de nivel contributivo, facilitando a realización dun traballo por conta propia ou a incorporación como socios traballadores ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral.

A regulación do aboamento da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único incorpora importantes modificacións, introducidas pola Lei 22/1992, do 30 de xullo; a Lei 50/1998, do 30 de decembro; e moi especialmente pola Lei 45/2002, do 12 de decembro, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade, e pola Lei 36/2003, do 11 de novembro, de medidas de reforma económica. Como consecuencia destas reformas, na actualidade establécese que a entidade xestora poderá aboar dunha soa vez o valor actual da prestación contributiva por desemprego a que teña dereito o traballador e que estea pendente de percibir e, doutra parte, a posibilidade de aboar a través de pagamentos parciais o importe da prestación por desemprego de nivel contributivo a que teña dereito o traballador para subvenciona-la cotización do mesmo á Seguridade Social.

Polo seu encadramento no réxime económico da Seguridade Social, o recoñecemento e aboamento da prestación de pagamento único é competencia da Administración central, mais, polo seu carácter de política activa de emprego, intervén a Administración autonómica na súa xestión e tramitación, nos termos previstos no convenio subscrito entre o Inem e esta comunidade para a coordinación entre a xestión do emprego e a xestión das prestacións de desemprego.

Así mesmo, en virtude do disposto no artigo 4.2º do devandito Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, ós perceptores da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único correspóndelles unha axuda consistente no aboamento das cotas á Seguridade Social durante o período polo que percibisen a prestación de desemprego, correspondéndolle a xestión desta última á Administración autonómica.

A concesión do aboamento das cotas á Seguridade Social dependerá da existencia dunha resolución do servicio público de emprego estatal en que se conceda, dunha soa vez, a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, pola totalidade do seu valor actual, polo importe que corresponda á contribución obrigatoria establecida con carácter xeral en cada cooperativa, ou á adquisición de accións ou participacións do capital social nunha sociedade laboral, en ámbolos dous casos no necesario para acceder á condición de socio, ou o investimento necesario para desenvolve-la actividade no caso de traballadores con discapacidade.

Na súa consecuencia, esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento de aboamento das ditas cotas, co fin de contar con normativa autonómica adecuada e adaptada ás normas de procedemento, organización e xestión desta comunidade autónoma.

As bases reguladoras destas axudas e da súa convocatoria axústanse ó disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, en especial no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A subvención obxecto desta orde financiarase con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2004 a dita determinación recóllese na disposición adicional cuarta desta orde.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e requisitos.

O obxecto desta orde é establece-las bases reguladoras e a súa convocatoria para o ano 2004 do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social dos traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter percibido a prestación por desemprego de nivel contributivo na súa modalidade de pagamento único.

b) Ter optado polo aboamento dunha soa vez da totalidade da prestación por desempregado.

c) Terse constituído como socio traballador ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral en Galicia; ou como traballador autónomo sempre que se trate dunha persoa con minusvalidez igual ou superior ó 33 por 100.

d) Ter iniciado a actividade nos termos previstos no Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño.

e) Estar dado de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Artigo 2º.-Axuda.

Esta axuda consistirá no aboamento do 50 por 100 da cota ó réxime correspondente á Seguridade Social como traballador autónomo, calculada sobre a base mínima de cotización, ou o 100 por 100 da contribución do traballador nas cotizacións ó correspondente réxime da Seguridade Social, durante o período polo que se percibiría a prestación por desemprego de non percibirse na súa modalidade de pagamento único, computándose, para efectos desta axuda, a partir da data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Artigo 3º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As solicitudes presentaranse, por duplicado exemplar, no modelo normalizado que figura como anexo a esta orde, na correspondente oficina de emprego ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dirixiranse á delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais competente por razón do territorio en que se desenvolva a actividade.

2. Cada solicitude deberá ir acompañada, tamén por duplicado exemplar, sendo un deles orixinal ou fotocopia compulsada, dos seguintes documentos:

a) Boletíns de cotización mensuais correspondentes ás mensualidades por que se solicita o aboamento das cotas.

b) Cando se trate da primeira solicitude, copia do DNI ou NIF do solicitante, copia da resolución do director provincial do servicio público de emprego estatal pola que se aproba o aboamento da totalidade da prestación contributiva por desemprego nun único pagamento, ficha de transferencia bancaria e certificado da entidade financeira acreditativo de que o solicitante é titular da conta corrente que indica.

c) Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados (segundo o modelo do anexo III), ou, de se-lo caso, unha declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións (no modelo de solicitude).

3. As solicitudes de aboamento de cotas á Seguridade Social reguladas nesta orde presentaranse a medida que o beneficiario vaia realizando o ingreso das súas cotas mensuais no réxime da Seguridade Social correspondente.

O prazo de presentación das solicitudes será de seis meses contados desde o derradeiro día do mes obxecto de aboamento.

Artigo 4º.-Tramitación e instrucción.

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á delegación provincial, para que o servicio de Promoción do Emprego competente comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos esixidos nos artigos anteriores e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición.

Artigo 5º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servicios, dictarase resolución en que, de se-lo caso, se proporá o seu pagamento.

2. A resolución das solicitudes de aboamento de cotas á Seguridade Social dos perceptores da prestación de desemprego, na súa modalidade de pagamento único, corresponderalle por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións

Laborais ós delegados provinciais da consellería en función do lugar onde se desenvolva a actividade.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento serán notificadas ós interesados, debéndose motivar axeitadamente.

4. O prazo para resolver será de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dicte resolución expresa, poderase entender desestimada a solicitude de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que subsista a obriga legal de dictar resolución expresa sobre a solicitude presentada.

5. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderase formular, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Para a valoración das solicitudes teranse en conta as formuladas por membros de colectivos con especial dificultade para acceder ó traballo: menores de 30 anos, maiores de 45 anos, mulleres ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social.

Artigo 6º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Esta axuda será incompatible coa percepción trimestral do importe da prestación por desemprego de nivel contributivo, na súa modalidade de pagamento único, para subvenciona-la cotización do traballador á Seguridade Social.

2. O importe das axudas reguladas nesta orde non poderá ser, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de tal contía que supere o custo da cotización á Seguridade Social satisfeita polo beneficiario.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos

e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

b) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administracion do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 8º.-Modificación de resolución concesoria.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 9º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 26 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento destes programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ó dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-As delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderán requirir, en todo momento, a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións

Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvención previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñece-la obriga e propoñe-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas nesta orde quedará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias.

O aboamento de cotas á Seguridade Social regulado nesta orde financiarase con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente.

En virtude do anterior, no exercicio 2004 o financiamento do aboamento de cotas á Seguridade Social ós perceptores da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único realizarase con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria 16.04.241A.480.3, código proxecto 2002.14.442, cun importe de 311.024 euros ó abeiro do disposto na Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposición transitoria

As solicitudes de axudas realizadas ó abeiro das ordes de convocatoria correspondentes ós exercicios anteriores, que quedasen pendentes no momento da entrada en vigor desta norma e sempre que reunisen e observasen os prazos e condicións establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios destinados para o dito fin para o ano 2004, en función da normativa que lles era de aplicación no momento de presentación da solicitude.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2004.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais