DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Xoves, 18 de marzo de 2004 Páx. 3.745

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Cristalería Pontevedresa, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Cristalería Pontevedresa, S.A., con nº de código 3603832, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 3-2-2004, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 22-1-2004. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 9 de febreiro de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para a empresa Cristalería Pontevedresa, S.A.

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto do convenio.

Este convenio ten por obxecto establece-las condicións de traballo entre a empresa Cristalería Pontevedresa, S.A., e o persoal incluído no ámbito desta, de acordo co disposto no artigo siguiente.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afecta a tódolos traballadores que prestan os seus servicios na empresa Cristalería Pontevedresa, con exclusión do persoal superior a que fai referencia o Estatuto dos traballadores no punto a), artigo 2.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

As normas deste convenio serán de aplicación en tódolos centros de traballo que na actualidade ten a empresa Cristalería Pontevedresa en Pontevedra ou os que se poidan establecer durante a vixencia do presente convenio.

Artigo 4º.-Duración e vixencia.

O convenio entrará en vigor ó día siguiente da súa sinatura, sen prexuízo da súa publicación no BOP.

Terá una duración de cinco anos, contados desde o 1º de xaneiro de 2004 e ata o 31 de decembro de 2008.

Entenderase prorrogado de ano en ano, salvo denuncia de calquera das partes con tres meses de antelación, polo menos, á data da súa terminación.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó convenio viñese gozando de condicións máis beneficiosas que as aquí pactadas, deberá conservalas.

Capítulo II

Prestacións sociais

Artigo 6º.-Incapacidade temporal.

Durante as situacións de incapacidade temporal derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional debidamente acreditados pola Seguridade Social, a empresa completará a correspondente prestación económica da Seguridade Social ata o 100% do salario do convenio.

Artigo 7º.-Seguro colectivo de accidentes laborais.

A empresa contratará ó seu cargo un seguro colectivo a favor dos seus traballadores que cubra os riscos derivados de accidente de traballo, cun capital asegurado de 6.000 euros, en caso de incapacidade permanente total para a profesión habitual; e de 27.000 euros, en caso de morte, incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez.

Capítulo III

Condicións laborais

Artigo 8º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 1.826 horas efectivas de traballo en cómputo anual; a distribución poderase establecer de forma irregular ó longo do ano, en función das necesidades de producción da empresa.

Durante os meses de xullo e agosto realizarase xornada continuada.

Cando a súa distribución supoña a superación das 40 horas semanais de traballo efectivo, o control e cómputo da xornada verificarase trimestralmente en termos de media.

Artigo 9º.-Vacacións.

Os traballadores afectados polo presente convenio gozarán de 30 días naturais de vacacións entre os meses de maio a outubro, ambos inclusive.

Artigo 10º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará o seu persoal das adecuadas pezas de roupa de traballo. O persoal recibirá dúas fundas por ano, ou peza similar. A primeira funda será entregada o primeiro de xaneiro de cada ano e a outra o primeiro de xullo, sendo obrigatorio o uso do mesmo para o persoal ó que se lle entreguen as ditas pezas de roupa de traballo.

Artigo 11º.-Retribucións.

Para o primeiro ano de vixencia do convenio, os salarios para percibir polos traballadores son os que figuran na táboa salarial anexa.

Para os anos sucesivos, e ata a finalización da vixencia do convenio, a táboa anexa incrementarase no IPC previsto polo Goberno máis medio punto.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 2004 un incremento respecto ó 31 de decembro de 2003, superior ó IPC previsto polo Goberno para o ano 2004, procederase a unha revisión sobre o exceso resultante, aplicada sobre a táboa anexa.

A dita revisión aboarase con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 2004.

Da mesma forma se actuará no resto dos anos de vixencia do convenio respecto á revisión.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Con efectos de 1º de xaneiro de 2004, acórdase a supresión definitiva do complemento persoal de antigüidade, tanto nos seus aspectos normativos como retributivos.

Como consecuencia da dita supresión, os traballadores manterán e consolidarán os importes ós que tiveran dereito polo complemento persoal de antigüidade en data 31 de decembro de 2003, como un complemento retributivo ad personam, reflectíndose nos recibos salariais como antigüidade consolidada.

As ditas cantidades incrementaranse na mesma porcentaxe da táboa salarial, segundo o disposto no artigo 11º do convenio.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio colectivo percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro (Nadal), polo importe dunha mensualidade cada unha delas, incrementadas coa antigüidade consolidada se é o caso.

Estas pagas serán aboadas cunha anterioridade de tres días á data que correspondan.

Así mesmo, a empresa aboará ós seus traballadores unha paga extraordinaria durante o mes de marzo, equivalente a una mensualidade da táboa anexa do convenio, incrementada coa antigüdade consolidada se é caso.

Artigo 14º.-Complemento de transporte.

Durante o ano 2004 establécese un complemento de transporte, que será aboado por día efectivo de traballo, na contía de 3 euros.

En anos sucesivos, e ata a finalización da vixencia do convenio, o dito complemento incrementarase no IPC previsto polo Goberno máis medio punto.

O dito complemento non terá a consideración de salario para ningún efecto, non computándose, por conseguinte, no aboamento de gratificacións extraordinarias, vacacións, antigüidade consolidada, etc.

Artigo 15º.-Festividade do patrón.

Acórdase considerar como festivo e aboable para tódolos efectos, a tarde correspondente á festividade do patrón (San Miguel) que coincide co 29 de setembro.

Artigo 16º.-Noiteboa e ano vello.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a descanso nas tardes dos días 24 e 31 de decembro.

Artigo 17º.-Xubilación.

A empresa e os seus traballadores poderán pactar, de común acordo por ámbalas partes, xubilacións

anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985 do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación, por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 18º.-Recoñecemento médico.

A empresa comprométese a solicita-la información pertinente no Gabinete de Seguridade e Hixiene de Rande para que os traballadores que o desexen poidan ser sometidos a un recoñecemento médico anual.

Artigo 19º.-Comisión paritaria.

As partes acordan nomear unha comisión paritaria composta por un representante dos traballadores e outro da empresa, para a interpretación das cláusulas do convenio.

Artigo 20º.-Lexislación subsidiaria.

En todo aquilo que non quede determinado especialmente neste convenio, serán de aplicación as normas establecidas na lexislación xeral.

Vigo, 22 de xaneiro de 2004.

Táboa salarial anexa

(Vixencia do 1 de xaneiro de 2004 ó 31 de decembro de 2004)

Persoal obreiro mensualSalario

Oficial de primeira690,85

Oficial de segunda653,63

Oficial de terceira539,57

Peón especialista596,37

Peón ordinario568,02

Aprendiz473,70

Persoal administrativo

Oficial de primeira administrativo727,91

Oficial de segunda administrativo677,53

Auxiliar administrativo636,05

Servicios varios

Limpadora568,02

Traballadores en formación: SMI

Vigo, 22 de xaneiro de 2004