DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Xoves, 18 de marzo de 2004 Páx. 3.707

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de febreiro de 2004 pola que se efectúa convocatoria pública de axudas ós estudiantes universitarios interesados en solicita-la prórroga para o financiamento dos xuros do préstamo concedido ó abeiro da Orde do 5 de febreiro de 2003 (Diario Oficial de Galicia do 21 de febreiro) pola que se convocaron axudas para a solicitude de créditos bancarios para financiamento dos seus estudios universitarios de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, como medida transitoria para facer fronte ás consecuencias do accidente do Prestige.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE nº 16, do 19 de xaneiro de 1988) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG nº 66, do 6 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG nº 156, do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: Universidade da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ós estudiantes de ensino universitario, coas que se pretende favorece-la calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinou un convenio de colaboración o día 13 de marzo de 2001, e unha addenda a este o día 12 de xuño de 2002, coas entidades financeiras: Banco Pastor, Caixa de Aforros de Galicia, Caixanova, Banco Gallego, Banco Simeón e Banco Etcheverría, para facilitarlles ós estudiantes universitarios que realicen estudios en calquera universidade do Sistema Universitario de Galicia, así como para os estudiantes universitarios que teñan a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia e cursen os seus estudios nalgunha universidade de fóra do Sistema Universitario de Galicia, créditos bancarios a baixos xuros para o financiamento dos seus estudios universitarios.

O accidente do buque Prestige fixo necesaria a toma de medidas urxentes para facer fronte ás súas

consecuencias co fin de compensa-las familias dos estudiantes universitarios especialmente afectadas polo cesamento da súa actividade e que puidesen ter dificultades para a continuación dos estudios.

En virtude de todo o anterior, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas para os estudiantes universitarios interesados en solicita-la prórroga para o financiamento dos xuros do préstamo concedido ó abeiro da Orde do 5 de febreiro de 2003 (DOG do 21 de febreiro) pola que se convocaron axudas para a solicitude de créditos bancarios para financiamento dos seus estudios universitarios de 1º, 2º ciclo ou 3º ciclo, como medida transitoria para facer fronte ás consecuencias do accidente do Prestige e que reúnan os requisitos e condicións establecidas na presente orde.

Estas axudas son compatibles con calquera outra destinada para a mesma finalidade polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará a parte correspondente dos xuros do préstamo con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 cunha contía de 1.682,87 euros, acadando unha contía global de 48.080,96 euros en axudas, de acordo co estipulado no convenio asinado coas entidades bancarias.

Artigo 3º.-Requisitos.

Poderán ser beneficiarios da prórroga do préstamo subsidiado unicamente os estudiantes universitarios, afectados polo accidente do Prestige, que teñan concedida axuda da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na convocatoria realizada para o efecto e asinado contrato de préstamo cunha das entidades bancarias asinantes do convenio de colaboración.

Artigo 4º.-Características do préstamo.

Os préstamos concedidos pola entidade bancaria, de acordo cos termos do convenio, terán un tipo de xuro do 5,5%. O prazo de amortización de capital será de tres anos, tendo un prazo de carencia adicional de ata tres anos. Tódolos prazos se computarán contando desde o inicio do trimestre natural seguinte á data de formalización, sendo a cota trimestral de capital e xuros constante. Os préstamos poderán ser obxecto de cancelación anticipada, sen ningunha penalización.

Artigo 5º.-Financiamento dos xuros.

Os xuros serán financiados da seguinte forma:

a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contribuirá ó pagamento dos dous tercios dos xuros (3,5%) nos dous anos de carencia que restan, sempre que o beneficiario solicite a prórroga na correspondente convocatoria anual e as dispoñibilidades orzamentarias da consellería así o permitan. A subvención será aboada á entidade finan

ceira con carácter anual, facéndose as dilixencias administrativas para o seu aboamento antes do primeiro vencemento anual.

b) A entidade financeira pola que opte o alumno farase cargo do outro tercio dos xuros (2%), sempre e cando permaneza vixente a axuda relacionada na letra a) anterior.

Para ter dereito á prórroga da axuda da consellería, o alumno prestameiro deberá solicitala de acordo co establecido na presente convocatoria.

No caso de que o alumno non acredite a prórroga da axuda da consellería, citada na letra a) anterior, o préstamo pasará automaticamente a liquidarse ó tipo de xuro do 5,5% nominal anual, segundo o exposto no artigo 4º.

Artigo 6º.-Solicitude, documentación e prazo de presentación.

As solicitudes, segundo modelo desta orde, anexo I, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias.

Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

Os estudiantes que soliciten a prórroga do préstamo deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Anexo I desta orde.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade.

c) Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin por parte doutros organismos públicos.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria e emendada, no caso de ser requirida, a documentación necesaria no prazo de dez días desde a súa notificación, a Dirección Xeral de Universidades elevará proposta de aprobación de cada expediente, no caso de cumprirse os requisitos esixidos, ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria quen, á vista desta, resolverá.

Transcorrido o prazo de dez días sinalado no parágrafo anterior sen que se emende ou complete a documentación requirida, arquivarase o expediente sen máis trámites.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Destina-lo crédito para a finalidade para a que se concede.

b) Amortiza-lo capital obxecto do préstamo.

c) Cumpri-las condicións específicas que as entidades financieras determinen, de acordo coas súas normas de funcionamento e o convenio e addenda do 13 de marzo de 2001 e 12 de xuño de 2002, respectivamente.

Artigo 9º.-Resolución.

A Dirección Xeral de Universidades elevará un informe proposta motivado ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-Para os efectos establecidos no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de tres meses contados a partir da publicación da orde no DOG, producindo efecto desestimatorio a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria