DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 16 de marzo de 2004 Páx. 3.605

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2004 pola que se convocan catro cursos de salvamento e socorrismo acuático.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de 4 cursos de salvamento e socorrismo acuático, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización das tarefas que teña encomendadas, adquirindo unha maior destreza e coñecementos suficientes no salvamento e socorro de persoas en situacións difíciles.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico de protección civil e teñan dominio dos tres estilos de natación seguintes: crawl, braza e de costas.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso é de 30.

2. Duración e data: os cursos terán lugar durante o ano 2004, en datas que se confirmarán coa suficiente antelación ó seu inicio e cunha duración de 80 horas lectivas.

3. Lugar: determinarase en función da localización dos solicitantes que superen as probas de acceso.

Cuarta.-Proba de acceso.

Tódolos aspirantes pasarán unha proba selectiva para optar á realización do curso. A dita proba, en que se avaliará o dominio de natación nos tres estilos, así como nadar 200 metros estilo libre, farase na Academia Galega de Seguridade en día e hora que oportunamente e coa suficiente antelación se comunicará ós interesados.

Quinta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 2 de abril de 2004.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido na proba de acceso ó curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada e fax nº 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-Contido.

Nel trataranse diversos temas relacionados coas seguintes alíneas:

a) Introducción. Conceptos xerais.

b) Salvamento acuático. Socorrismo acuático.

c) Técnicas de extracción de accidentados. Salvamento acuático en espacios naturais.

d) Primeiros auxilios. Soporte vital básico. Soporte vital básico pediátrico. Traumatismos. Picaduras e mordeduras. Lesións por axentes externos.

e) Proba de avaliación e superación do curso.

Sétima.-Relación de admitidos.

1. A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirma-la súa admisión chamando ó teléfono 986 59 00 21.

2. Os seleccionados deberán achegar un certificado médico de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das prácticas de salvamento acuático.

Oitava.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Novena.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos prácticos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adapta-los ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de febreiro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade