DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 16 de marzo de 2004 Páx. 3.604

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2004 pola que se convocan once cursos de segundo nivel sobre loita contra incendios urbanos e forestais.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de 11 cursos de segundo nivel sobre loita contra incendios urbanos e forestais, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización das tarefas que teña encomendadas, adquirindo unha especialización na prevención e loita contra os incendios, tanto urbanos como forestais.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso é de 30.

2. Duración e data: os cursos terán lugar durante o ano 2004, en datas que se confirmará coa suficiente antelación ó seu inicio e cunha duración de 40 horas lectivas.

3. Lugar: determinarase en función da localización das solicitudes recibidas.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 2 de abril de 2004.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, rela

cionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada e fax nº 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

O contido dos cursos de 2º nivel sobre loita contra incendios urbanos e forestais divídese en catro partes:

a) Introducción. Conceptos xerais.

b) Incendios urbanos.

c) Incendios forestais.

d) Primeiros auxilios.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirma-la súa admisión chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a eles e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de febreiro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade