DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 16 de marzo de 2004 Páx. 3.562

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 25 de febreiro de 2004 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas extraordinarias de cooperación exterior por razón de interese social ou humanitario e pola que se convocan as correspondentes ó ano 2004.

A actividade de carácter social ou humanitario no exterior a miúdo vén condicionada por feitos e circunstancias imprevisibles que, non obstante, dada a extrema gravidade das consecuencias que xeran, requiren unha resposta urxente ou case sumaria para evitar que dereitos e bens de primeiro nivel, xuridicamente protexidos polo ordenamento internacional, non se vexan abocados a unha situación irremediable. A vida, a saúde e os restantes dereitos subxectivos que atinxen á propia existencia da persoa e que, á súa vez, son o soporte dos seus restantes dereitos, merecen pois ser atendidos do xeito máis dilixente posible, compatibilizando esa urxencia na atención coa observancia dos procedementos establecidos para garanti-lo correcto funcionamento da Administración pública.

Así, xa que logo, a cooperación galega para o desenvolvemento, segundo proclama o artigo 3 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, ten como un dos seus principios o recoñecemento do ser humano como protagonista último da cooperación para o desenvolvemento, dentro dun modelo de desenvolvemento social e político baseado na redistribución da riqueza e nos valores democráticos e o recoñecemento das persoas como suxeitos de dereitos fundamentais e acredores de condicións de vida dignas, alimentos, saúde e educación entre outras.

Por isto, é conveniente establecer unha liña específica de axudas, destinadas a atende-las necesidades vitais ou urxentes xurdidas nos países cun menor índice de desenvolvemento humano segundo os parámetros de Nacións Unidas, apremadas pola concorrencia de crises sanitarias, grandes fames, fenómenos naturais, conflagracións bélicas, inestabilidade política grave ou calquera outras circunstancias de análoga natureza.

A finalidade das axudas aquí instrumentadas será, consecuentemente, coadxuvar a paliar, na medida do posible, estados carenciais sobrevidos pola alteración da orde natural das cousas, alí onde se produzan e da forma máis expeditiva posible para non malograr, precisamente, o obxecto e a finalidade da propia intervención asumida pola Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior.

Esta é a razón pola que se establecen as bases reguladoras dun procedemento sumario no que prime o principio de economía procesual e a axilidade na instrucción e resolución, sen prexuízo do respecto

ós criterios de obxectividade na concesión e de cumpri de tódalas garantías administrativas durante a tramitación, intentando que non se malogre ó tempo o obxectivo de cumprir eficazmente a pronta cobertura dos estados de extraordinaria necesidade xurdidos no contexto socioeconómico do país de que se trate.

Así mesmo, existindo crédito orzamentario adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2004, procede aproba-la convocatoria destas axudas con cargo a estes orzamentos.

Por todo isto, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aproba-las bases reguladoras, que se xuntan como anexo desta orde, para a concesión de axudas extraordinarias de cooperación exterior por razón de interese social ou humanitario.

2. Convoca-las axudas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2004, que se financiarán con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.03.213B.490.0, cunha dotación máxima de 180.000 euros e de acordo coas bases reguladoras que figuran no anexo desta orde.

Disposición adicional

Deléganse no secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior as atribucións para a resolución dos procedementos de concesión, de revogación e reintegro das subvencións, de modificación destas, e dos sancionadores que procedan, de se-lo caso, agás cando a competencia resida no Consello da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior para dictar cantas disposicións e instruccións sexan precisas para o mellor desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO I

Bases reguladoras da concesión de axudas extraordinarias de cooperación exterior por razón de interese social e humanitario.

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases reguladoras teñen por obxecto regula-la a concesión de axudas extraordinarias e urxen

tes a persoas xurídicas por razón de interese social ou humanitario en países cun baixo índice de desenvolvemento humano, nos que se produza unha alteración da orde habitual das cousas debido a crises sanitarias, grandes fames, fenómenos naturais, conflagracións bélicas, inestabilidade política grave ou calquera outra circunstancia de análoga configuración.

As axudas estarán destinadas á cobertura de necesidades de carácter puntual, individuais ou colectivas, ou á realización de intervencións polas entidades que executen programas sociais ou asistenciais que inclúan unha pluralidade de beneficiarios/as e non dispoñan de axudas ordinarias, públicas ou privadas, para o desenvolvemento de proxectos e accións nas situacións descritas.

As axudas dirixiranse preferentemente a prestacións básicas de alimentación, saúde, educación, atención á infancia e discapacitados, aloxamento, reagrupamento familiar, reparación, adecuación ou restablecemento de redes de abastecemento e tratamento de augas ou doutras utilidades elementais análogas, que non poidan ser atendidas polos servicios regulares de protección social, fosen públicos ou privados.

Artigo 2º.-Solicitudes, requisitos que deben reuni-los beneficiarios/as, documentación e prazo de presentación.

1. As solicitudes irán dirixidas ó secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior (Rúa dos Feáns, 5 baixo, 15706 Santiago de Compostela, cooperacion.exterior* xunta.es), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. As solicitudes procedentes do exterior poderán ser canalizadas por correo certificado.

2. Poderán solicita-las axudas as persoas xurídicas españolas sen ánimo de lucro que no seu obxecto social inclúan a prestación de servicios básicos ás persoas, ás familias ou ás comunidades damnificadas.

3. Documentación que se deberá achegar coa solicitude:

a) Memoria descritiva da situación de emerxencia social ou humanitaria acaecida, con indicación das causas detonantes, valoración dos danos producidos ou das medidas reparadoras necesarias, relación de axudas solicitadas e obtidas para ese fin e contía solicitada á Xunta de Galicia.

b) Tódolos documentos acreditativos que o solicitante coide pertinentes e que corroboren os feitos ou datos reflectidos na memoria.

c) Copia fidedigna dos estatutos vixentes da entidade, con indicación do rexistro oficial no que constasen depositados.

d) Copia do pasaporte ou doutro documento de identificación persoal do representante da entidade e acreditación bastante da representación.

e) Certificado bancario que acredite a titularidade da conta á que sería transferida a axuda. Se non o presentar, poderá reclamárselle previamente o pagamento no caso de resultar beneficiaria.

f) Declaración do conxunto das solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade.

4. Prazo de presentación:

As solicitudes poderán presentarse desde a publicación da orde de convocatoria anual de concesión das subvencións ata o 30 de setembro dese ano. A súa tramitación queda supeditada á subsistencia de crédito orzamentario dispoñible. O centro directivo con competencias en materia de cooperación para o desenvolvemento fará público o feito do esgotamento do crédito orzamentario mediante resolución inserida no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Instrucción, prazo de resolución, criterios de adxudicación e resolución.

1. As solicitudes tramitaranse por orde de entrada. O prazo de resolución e notificación será de dous meses. A instrucción do procedemento corresponderá á subdirección competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

2. En todo caso, tendo en conta o obxecto e finalidade das axudas, aplicarase o procedemento de tramitación de urxencia nos termos previstos polo artigo 50 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O órgano instructor avaliará a procedencia ou improcedencia da axuda solicitada considerando os seguintes criterios:

-Situación en consideración ó índice de desenvolvemento humano do país no que se atopen os posibles beneficiarios/as.

-Urxencia vital.

-Pertenza a un colectivo singularmente desfavorecido por razóns de idade, xénero, discapacidade, orixe étnica ou outras que deriven no desamparo na sociedade da que son integrantes.

-Dificultade para acceder a outras axudas, nacionais ou internacionais.

-Grao de carencia de recursos.

-Incidencia no contorno social ou comunitario.

4. As axudas graduaranse á vista das circunstancias concorrentes e nunca poderán exceder do cincuenta por cento dos deméritos económicos ocasionados pola causa detonante da situación de urxencia ou das accións reparadoras precisas, de seren susceptibles de valoración económica.

5. Á vista do expediente instruído, o instructor elevará proposta de resolución ó conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, que resolverá. De non recaer resolución

expresa nos prazos previstos no número 1 do artigo 3º, a solicitude poderase entender desestimada.

Artigo 4º.-Compatibilidade das axudas.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente de administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de tódalas obtidas non supere o custo de reposición dos bens ou dereitos afectados ou reparación das necesidades evidenciadas dos solicitantes, aínda que sexa con carácter paliativo.

Artigo 5º.-Publicidade da concesión das axudas.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas coa indicación do beneficiario, contía, país de destino e finalidade.

Artigo 6º.-Anticipos e pagamentos.

En atención á coherencia co obxecto e finalidade das axudas, unha vez concedidas aboaranse o oitenta por cento da contía outorgada en concepto de anticipo, con base no previsto no número 5 do artigo 29 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

Para tal efecto, as entidades beneficiarias deberán presenta-la seguinte documentación.

a) Solicitude de libramento do anticipo.

b) Certificación de inicio da acción expedida polo responsable da entidade beneficiaria.

c) Declaración responsable complementaria e actualizada das outras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para a acción subvencionada.

d) Orixinal ou fotocopia compulsada das certificacións acreditativas de estar ó día das súas obrigas cos seguintes organismos:

Axencia Estatal Tributaria.

Consellería de Economía e Facenda.

Tesourería da Seguridade Social.

e) Orixinal ou fotocopia compulsada do certificado de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

f) Certificación bancaria da conta da entidade á que se debe efectua-la transferencia dos fondos. Os comprobantes dos ingresos e gastos operados na devandita conta, estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

A orde de transferencia efectuarase en euros, non asumindo a Xunta de Galicia ningún risco de cambio se o cobro se culminase noutra divisa con cotización oficial ou noutra moeda de curso legal no país do beneficiario/a cando a normativa do mesmo imposibilitase o cobro en euros.

Artigo 7º.-Prazo e forma de xustificación das axudas outorgadas.

Unha vez efectuada a transferencia dos fondos, os beneficiarios/as disporán dun prazo de dous meses

para xustifica-la correcta aplicación destes no curso do exercicio económico corrente. Esta considerarase idónea cando se presenten facturas, recibos ou xustificantes válidos no ordenamento do país no que se atope o beneficiario/a acreditativos de ter adquiridos os bens e/ou desfrutados os servicios, acorde co estado de carencia detallado na memoria adxunta á súa solicitude orixinaria.

Artigo 8º.-Reintegro por incumprimentos.

Os beneficiarios/as que falseasen a situación real na que se atopasen ou que non acreditaran, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ó reintegro da totalidade destas en caso de falseamento ou incumprimento pleno, ou a parte proporcional no caso dunha parcial falta de xustificación, sen prexuízo da esixencia das responsabilidades a que houber lugar.

Artigo 9º.-Información a órganos fiscalizadores.

Os beneficiarios/as obríganse, polo simple feito de cursa-la súa solicitude, a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 10º.-Modificación de condicións.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais que, agregadas, superen a contía solicitada, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión. En todo caso, o beneficiario/a comunicará puntualmente ó centro directivo con competencias en materia de cooperación ó desenvolvemento a obtención doutras axudas, doazóns ou dádivas coa mesma finalidade.

Artigo 11º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos procedementos singulares instruídos en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñe-los seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición perante o mesmo órgano que dictou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente desa orde, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se teña por producido o acto presunto.