DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Mércores, 10 de marzo de 2004 Páx. 3.197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 27 de febreiro de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio das cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ó abeiro do disposto no Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estructura orgánica desta.

A posta en marcha do programa de iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais constitúe un paso cualitativo nas actuacións das políticas activas da Xunta de Galicia, dirixidas ó fomento da creación de postos de traballo baseados, neste caso, na introducción de novos procesos ou productos no mundo empresarial e no uso intensivo da tecnoloxía. Aquelas entidades galegas nas que se desenvolven traballos de investigación, e moi especialmente no ámbito universitario, son un valiosísimo recurso que debe ser aproveitado para a posta en marcha de iniciativas empresariais de alto valor engadido que sexan capaces de xerar riqueza e emprego de calidade. Este tipo de proxectos ten unha importancia moi significativa en rexións como Galicia, xa que ofrece a oportunidade de prosperar na nova economía do coñecemento mediante a utilización intensiva deses dous factores que son a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Nesta estratexia o programa de apoio ás IEBT configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora no trinomio investigación, tecnoloxía e emprego, para aproveita-lo potencial de investigadores e titulados universitarios, principalmente, que pretendan xestiona-lo seu propio negocio, e propicia-la transferencia do amplo coñecemento creado, principalmente, en universidades e centros de investigación, en proxectos xeradores de novas actividades e novos postos de traballo.

A estructura normativa deste programa desenvólvese en dúas ordes: a Orde do 23 de febreiro de 2001 (DOG nº 47, do 7 de marzo) pola que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica e se regulan os instrumentos e mecanismos de apoio e de avaliación técnica, así como os requisitos e condicións que deben reuni-los proxectos e o procedemento para a súa cualificación e inscrición no rexistro de IEBT, e a orde que regula as bases e a convocatoria do réxime de axudas económicas dirixidas ás IEBT.

Nesta orde fíxanse as bases reguladoras do réxime de axudas económicas dirixido ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) e a súa convocatoria para o ano 2004.

Co obxecto de promove-la creación de novos empregos, este programa establece un incentivo por cada emprego creado, graduándose a súa contía, en atención á existencia de determinados gastos.

Por outra banda, nesta orde introdúcense axustes técnicos. Entre eles, e como novidade máis salientable o establecemento dun novo sistema no prazo de presentación de solicitudes que permite a presentación destas en calquera momento do ano respectando os prazos específicos establecidos para cada modalidade de axuda, o que simplifica e clarifica as datas de presentación e axiliza a tramitación administrativa.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras deste programa e a súa convocatoria axústanse ó disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, en especial no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o establecido na Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Para os vindeiros anos, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ós creditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos proxectos orzamentarios xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2004 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta da orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto fixa-las bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas previamente cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, coa finalidade de impulsar e facilita-la posta en marcha de iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), mediante o financiamento parcial dos custos necesarios para a creación de emprego en proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico, previamente cualificados como IEBT e inscritos no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego, en virtude do establecido na Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e proceder á súa convocatoria para o ano 2004.

2. As solicitudes, tramitación e concesión desta axuda axustarase ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

Artigo 2º .-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas que teñan a consideración de Pemes de acordo co establecido na normativa europea de aplicación, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, ou, de se-lo caso, no que se

estableza na resolución de cualificación, en atención ó disposto nos artigos 3 e 12 da Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás IEBT, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

2. Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente rexistro mercantil, ou, se é o caso, no rexistro de cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

3. Entenderase que inicia a súa actividade productiva cando causen alta no imposto de actividades económicas, ou ben, cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

Capítulo II

Modalidades de axuda

Artigo 3º.-Tipos de axuda.

1. No programa de promoción de iniciativas de emprego de base tecnolóxica, recóllense os seguintes tipos de axudas:

a) Axuda á creación directa de emprego estable.

b) Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

c) Apoio á función xerencial.

d) Axuda financeira.

e) Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.

f) Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de alugamento de local.

2. Para os efectos da axuda recollida nesta orde terán a consideración de desempregados, aqueles que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

3. Cando se trate de traballadores autónomos, para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario os que, figurando inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servicios inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

4. As IEBT para poderen beneficiarse destas axudas deberán, no momento de inicia-la súa actividade productiva, segundo o disposto no artigo 2º.3. desta orde, incorporar, como mínimo, a un titulado universitario desempregado por cada catro traballadores.

Artigo 4º.-Axuda á creación directa de emprego estable.

1. A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido que sexan ocupados por desem

pregados inscritos como tales no Servicio Público de Emprego ou polos beneficiarios ós que se refiren os nº 2 e 3 do artigo anterior, incentivarase cada un deles cunha subvención de ata 5.100 euros. No suposto de que sexa ocupado por unha traballadora pertencente a un dos colectivos beneficiarios o incentivo incrementarase nunha contía de ata 600 euros.

Cando o posto de traballo o ocupe un desempregado con título universitario, o incentivo será de ata 5.400 euros e, de tratarse dunha muller con titulación universitaria, de ata 6.000 euros.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial as contías destes incentivos serán proporcionais ó tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.

2. Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme con posterioridade a tempo completo, a empresa poderá solicita-la diferencia entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro dos dous primeiros anos da actividade.

3. Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores por conta allea, esta axuda, de se-lo caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ámbolos dous beneficios poidan supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato obxecto de subvención.

4. Poderán ser obxecto da modalidade de axuda prevista neste artigo, os postos de traballo estables de carácter indefinido creados antes de transcorreren dous anos desde a data de inicio da actividade, co límite xeral de 49 traballadores, agás que na cualificación do proxecto como IEBT se tivera en conta un número superior, de acordo co disposto na disposición adicional segunda da Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio a IEBT (DOG nº 47, do 7 de marzo).

5. Non poderá concederse esta axuda cando se trate de traballadores que, con anterioridade, prestaran servicios na mesma empresa, en virtude dun contrato laboral de carácter temporal.

6. O prazo de presentación da solicitude desta axuda será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral en virtude da alta no correspondente réxime da Seguridade Social. Non obstante, deberá respectarse o prazo xeral establecido no artigo 12º.2 desta orde, aínda que nesta data non transcorreran dous meses desde a data de alta na Seguridade Social.

Artigo 5º.-Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

1. Para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación poderá concedérselles ás empresas cualificadas como IEBT unha subvención equivalente ó 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por tódolos con

ceptos, do primeiro ano, máis o equivalente ó 35% dos custos laborais totais correspondentes ó segundo ano, cando a contratación teña unha duración igual ou superior a dous anos, ou a parte proporcional se é inferior a dous anos.

2. Quedan excluídos desta modalidade de axuda os contratos realizados cos titulares ou socios da empresa cualificada como IEBT.

3. A subvención só poderá solicitarse durante o primeiro ano de actividade e concederase por unha soa vez, tendo como límite máximo por tódalas contratacións a contía de 30.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela.

4. Esta modalidade de axuda é incompatible, para o mesmo traballador, coas establecidas nos artigos 4º e 9º desta orde, e é compatible, se é o caso, coas bonificacións de cotas á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que entre ámbalas dúas poidan supera-lo 60% do custo salarial anual. Os expertos técnicos que sexan desempregados inscritos como demandantes de emprego e sexan contratados con carácter indefinido non poderán ser computados para os efectos do cálculo da axuda financeira e da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

5. O prazo de presentación de solicitudes desta axuda será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral indefinida en virtude da alta no correspondente réxime da Seguridade Social. Non obstante, deberá ser respectado o prazo xeral establecido no artigo 12º.2 desta orde, aínda que nesta data non transcorresen dous meses desde a data de alta na Seguridade Social.

Artigo 6º.-Apoio á función xerencial.

1. Para o acompañamento na instalación da empresa e coa finalidade de favorece-la permanencia dos novos empregos creados, poderán ser obxecto de apoio as funcións xerenciais para axudar ó promotor ou empresario na toma de decisións necesarias para o funcionamento da empresa. O dito apoio poderá revesti-las seguintes modalidades:

a) Axuda por titoría, entendéndose por tal o acompañamento técnico que un experto alleo á empresa, persoa física ou xurídica que reúna garantías de solvencia e profesionalidade, presta ó promotor ou empresario nas súas actividades xerenciais durante un prazo de tempo determinado.

b) Axuda por formación, que incluirá os cursos que o promotor ou empresario poida recibir para obter e mellora-los seus coñecementos sobre a función xerencial.

c) Axuda pola realización externa de estudios e informes sobre a actividade para que o promotor ou empresario poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servicios obxecto de producción, incluíndose neste epígrafe os estudios de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.

2. O gasto orixinado polo apoio á función xerencial deberá producirse no prazo de dous anos desde a constitución da empresa, e sempre que non transcorrese máis dun ano desde o inicio da actividade.

3. A contía do incentivo para o apoio á función xerencial, que se pagará por unha soa vez, será de ata o 75 por 100 do custo dos servicios recibidos cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

4. As solicitudes deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12º.2 desta orde.

Artigo 7º.-Axuda financeira.

1. A modalidade de axuda financeira ten por finalidade favorece-la creación de postos de traballo, mediante a reducción dos xuros de préstamos para financia-los investimentos en activo fixo que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como IEBT. Non obstante, poderase destinar ata un 25% do préstamo para financia-lo activo circulante.

Os préstamos, para seren subvencionados, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será como máximo o equivalente á reducción de catro puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo sen que, en ningún caso, o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia.

A contía máxima desta axuda non poderá ser superior a 5.100 euros por emprego estable creado durante o primeiro ano de actividade para os colectivos de beneficiarios previstos no artigo 3º 2 e 3 desta orde.

3. As solicitudes de subvención financeira deberán presentarse, en todo caso, con anterioridade ó inicio da execución dos proxectos de investimento, e no prazo xeral establecido no artigo 12º.2 desta orde.

Artigo 8º.-Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.

1. Esta modalidade consistirá nunha axuda de ata un 60% dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, e concederase por unha soa vez. O importe máximo desta modalidade de axuda determinarase en atención ó número de postos de traballo estables que se van crear durante o primeiro ano de actividade para os colectivos de beneficiarios previstos no artigo 3º.2 e 3 desta orde, de acordo coa seguinte escala:

-De 1 a 2 postos de traballo: ata 18.000 euros.

-De 3 a 10 postos de traballo: ata 30.000 euros.

-De 11 a 20 postos de traballo: ata 42.000 euros.

-21 ou máis postos de traballo: ata 54.000 euros.

En ningún caso o importe desta axuda poderá supera-la contía de 9.000 euros por posto de traballo

estable creado para os colectivos beneficiarios previstos no artigo 3º.2 e 3 desta orde.

Para a determinación da contía valorarase o volume do investimento do proxecto e a incidencia social e sobre o emprego no contorno xeográfico no que se desenvolva a actividade.

2. Esta axuda, que se concederá por unha soa vez, irá destinada a sufraga-los gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa sempre que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da actividade: compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, man de obra empregada na reforma ou adecuación do local e maquinaria, publicidade, subministracións; así como outros gastos que por razón da actividade, sempre que estean debidamente xustificados, sexan necesarios para a posta en marcha da actividade.

En ningún caso serán subvencionables, a través da axuda regulada neste artigo, os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo.

3. A solicitude deberá presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12º.2 desta orde.

Artigo 9º.-Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de alugamento de local.

1. Poderán concederse axudas para o mantemento dos postos de traballo estables creados para os colectivos de beneficiarios previstos nos números 2 e 3 do artigo 3º desta orde, durante os dous primeiros anos de actividade, en función da existencia de gastos de alugamento do local onde se desenvolve a actividade.

2. O incentivo será de ata 90 euros por posto de traballo estable e mensualidade, cun máximo do 80% dos ditos gastos na súa imputación mensual, cun límite máximo de 18.000 euros por proxecto e anualidade ou a parte proporcional en cómputo mensual.

3. As solicitudes de axudas en función da existencia de gastos de alugamento do local presentaranse a medida que o beneficiario vaia realizando o pagamento dos recibos, de acordo co establecido no punto seguinte.

4. As solicitudes presentaranse trimestralmente de acordo ós seguintes prazos: ata o 15 de maio os recibos correspondentes ós meses de xaneiro, febreiro e marzo; ata o 15 de agosto os correspondentes ós meses de abril, maio e xuño; ata o 15 de novembro os de xullo, agosto e setembro e ata o 15 de febreiro os de outubro, novembro e decembro.

Artigo 10º.-Beneficiarios do programa Labora: Xuventude con Experiencia.

A contía das axudas reguladas nos artigos 4º, 7º, 8º e 9º desta orde incrementarase nun 10% no caso daqueles desempregados que téndose en conta para o cálculo da subvención, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do programa Labora: Xuventude con

Experiencia, segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro), con independencia de que como consecuencia da aplicación deste incremento se superen ou non os límites porcentuais ou cuantitativos previstos para cada tipo de axuda.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 11º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalle ó director xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 12º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ó órgano competente, e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Con carácter xeral, as solicitudes de axuda deberán presentarse antes de que transcorra un ano desde que se iniciou a actividade da empresa. Non obstante o anterior, as modalidades de axuda á creación directa de emprego estable e axuda para o mantemento do emprego, poderán solicitarse durante os dous primeiros anos de actividade. En todo caso, deberán respectarse os prazos específicos establecidos nos artigos anteriores para cada tipo de axuda.

3. De acordo co previsto no artigo 4º da orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás IEBT, na presentación das solicitudes os beneficiarios poderán contar co asesoramento dos técnicos especializados en IEBT, da rede coordinada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Artigo 13º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada da documentación, común e específica, que se relaciona:

1. Documentación común para tódalas modalidades de axuda:

a) Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do número de identificación fiscal, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante que actúa en nome da entidade e NIF da empresa.

b) De tratarse de persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no rexistro mercantil ou, se é o caso, no rexistro de cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, alta no censo de obrigados tributarios do Minis

terio de Facenda. Alta no imposto de actividades económicas, ou ben alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

No suposto de que se solicite a subvención financeira con anterioridade ó inicio da actividade, a documentación deberá achegarse na fase de xustificación do pagamento.

c) Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo anexo VI). Ou, de se-lo caso, unha declaración de que non se solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (no modelo de solicitude).

d) Declaración da súa condición de PEME e de mantemento do emprego (segundo o modelo anexo VII).

e) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo anexo VIII).

f) Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece no artigo 17.1º A desta orde (segundo o modelo anexo IX).

2. Documentación específica:

a) Axuda á creación directa de emprego estable:

-Relación nominal dos traballadores contratados polos que se solicita subvención, con indicación de se son ou non titulados universitarios, con expresión da data de incorporación efectiva (segundo o modelo anexo III).

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social. E, se é o caso, certificación académica de terminación dos estudios ou copia compulsada do título universitario.

-Documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido na empresa e altas no correspondente réxime da Seguridade Social.

b) Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

-Memoria descritiva da necesidade da contratación de expertos, número e perfís profesionais deles e funcións que se van realizar en relación coas categorías profesionais e custos laborais totais.

-Contratos de traballo e altas na Seguridade Social.

c) Subvención ó apoio á función xerencial:

-Memoria descritiva da medida de apoio solicitado, na que consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial e o orzamento desagregado por conceptos, a proposta dos servicios que se van desenvolver e o calendario previsto para súa realización, así como a conformidade da empresa, entidade ou persoa física que vaia presta-lo apoio e a aceptación do solicitante.

-Documentación acreditativa da solvencia profesional da empresa, entidade física ou xurídica, que prestará ou xa prestase o servicio de apoio.

d) Axuda financeira:

-Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da axuda.

-Contrato de préstamo, ou, no seu defecto, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no que figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo anexo V).

-Plan de investimentos xunto coas facturas proforma ou orzamentos dos activos fixos e, se é o caso, xustificantes dos activos circulantes que se financiarán co préstamo.

-Declaración do número de empregos estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención (segundo o modelo anexo III).

e) Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Memoria descritiva da actividade e orzamento dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, con indicación daqueles ós que se vai destina-la subvención, así como das fontes de financiamento.

-Declaración do número de postos de traballo estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención (segundo o modelo anexo III).

f) Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de alugamento do local.

-Memoria dos gastos de alugamento, imputables a cada unha das mensualidades para as que se solicita a axuda para o mantemento do emprego e a acreditación documental da súa existencia.

-Declaración do número de postos de traballo ocupados polos colectivos de beneficiarios e relación nominal deles, en cada unha das mensualidades polas que se solicita subvención (segundo o modelo anexo IV).

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social. E, se é o caso, certificación académica de terminación dos estudios ou copia compulsada do título universitario.

Artigo 14º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os

documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 15º.-Criterios de graduación.

Para a valoración de axudas ás IEBT terase en conta aquelas accións que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego, así como as promovidas ou que incorporen a desempregados menores de 30 anos, parados de longa duración, maiores de 45 anos, mulleres e persoas con discapacidade, e daráselles especial preferencia a aqueles proxectos e iniciativas que xeren un maior número de empregos para titulados universitarios.

Artigo 16º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servicios, as resolucións serán dictadas polo órgano competente por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase a resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo que se sinale na resolución de concesión, da documentación común e específica seguinte:

A. Documentación común para tódolos tipos de axuda:

-Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da actividade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, nos prazos,

nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

-Documentación acreditativa de se encontraren ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social.

-Documentación acreditativa de se encontraren ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegase coa solicitude a debida autorización para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor (segundo o modelo anexo IX).

-Declaración complementaria da establecida no artigo 13.1º d) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos. Ou, de se-lo caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións.

B. Documentación específica:

a) Subvención ó apoio á función xerencial:

-Facturas da empresa, entidade ou persoa física acreditativas do custo do servicio recibido.

-Informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, no caso de consistir na elaboración dun estudio de mercado ou similar, presentarase copia del.

-Certificación da empresa, entidade ou persoa física da finalización do servicio de apoio prestado, coa aceptación ou conformidade da empresa solicitante cos servicios recibidos.

b) Axuda financeira:

-Copia do contrato de préstamo, de non se xuntar á solicitude.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social. E, se é o caso, certificación académica da terminación dos estudios ou copia compulsada do título universitario.

-Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social das persoas incorporadas á empresa para ocuparen postos de traballo estables.

-De non achegarse con anterioridade, se o solicitante é persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no rexistro mercantil, ou, se é o caso, no rexistro de cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda. Alta no imposto de actividades económicas, ou ben, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

O beneficiario, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida

pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

c) Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social. E, se é o caso, certificación académica da terminación dos estudios ou copia compulsada do título universitario.

-Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención.

d) Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de alugamento do local.

-Documentación acreditativa da situación de alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen empregos estables nas mensualidades polas que se solicita subvención.

2. Malia o sinalado no artigo 13º e nos números anteriores deste artigo, a documentación esixida para a fase de pagamento, común e específica, que sexa de posible achega poderá presentarse xunto coa solicitude á opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e pagamento da axuda.

3. Cando concorran varias modalidades de axudas só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

Capítulo IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 18º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Os incentivos económicos establecidos nesta orde serán complementarios e compatibles entre si, agás no disposto no artigo 5.4º, e con calquera outra axuda da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. O límite máximo dos incentivos establecidos nesta orde será equivalente ó 55% dos custos salariais totais dos postos de traballo xerados pola nova actividade correspondentes a dúas anualidades.

3. Non se poderán imputa-los mesmos gastos para as distintas modalidades da axuda previstas nesta orde, agás naqueles casos que só se toman como referencia para o cálculo da contía do incentivo.

4. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de iniciativas locais de emprego e de iniciativas de emprego rural, de promoción do emprego autónomo, de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade, así como no programa de promoción do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para a adquisición da condición de socio traballador dunha cooperativa de traballo asociado ou dunha sociedade laboral, convocados pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

5. A axuda á creación directa de emprego estable e a subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación serán incompatibles coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. Os ditos incentivos serán compatibles, de se-lo caso, con axudas ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 19º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Acreditaren, previamente ó cobramento, que se encontran ó corrente nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Realizaren a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de cinco anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira que faga fe.

c) Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

d) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

e) As empresas deberán mante-los postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de cinco anos.

2. As empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde deberán cumprir, respecto das distintas modalidades de axuda, as seguintes obrigas:

a) Subvención á creación directa de emprego estable: as empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo estables creados

que fosen obxecto de subvención, deberán presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

Cando no período de tres anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgún traballador, a empresa beneficiaria está obrigada a cubri-la vacante no prazo dun mes e, polo menos, en tempo de dedicación igual ó anterior, debendo reuni-lo novo traballador o requisito de pertencer a algún colectivo beneficiario e, de se-lo caso, a condición de posuír titulación universitaria, o que deberá ser comunicado ó órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda por creación de emprego.

b) Modalidade de axuda por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación: as empresas deberán manter no seu cadro de persoal ó experto técnico contratado, como mínimo, polo tempo subvencionado, e presentar no prazo de dous meses desde a finalización do período subvencionado:

-Unha memoria das actividades realizadas polos expertos.

-Recibos dos salarios e boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) dos expertos técnicos contratados, correspondentes ó período subvencionado.

c) Axuda financeira: o beneficiario da subvención acreditará no prazo dun ano desde a concesión da subvención, mediante facturas, escrituras públicas ou contratos que o préstamo subvencionado foi destinado a financiar investimentos para a creación e posta en marcha da IEBT.

Artigo 20º.-Modificación da resolución concesoria.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, a súa revogación.

Artigo 21º.-Revogación

Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 22º.-Seguimento e control.

A Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 23º.-Réxime de axudas.

Como axuda ó emprego ligada a unha nova actividade e a un novo investimento queda sometida á normativa europea relativa ó desenvolvemento rexional, séndolle de aplicación o réxime de exención establecido no Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro).

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo a función de control, así como da avaliación e seguimento deste programa.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ó dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Ademais, os técnicos especializados en IEBT que realizan os labores de acompañamento e asesoramento, colaborarán nas actuacións de seguimento e avaliación das empresas cualificadas como IEBT unha vez iniciada a súa actividade.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Promoción do Emprego, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñece-la obriga e propoñe-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de beneficiario do programa Labora: Xuventude con Experiencia realizarase directamente polo órgano xestor das axudas.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas para o ano 2004 nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Sexta.-No exercicio 2004 as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.04.241A.470.2, código de proxecto 2002 14439, cun

de proxecto 2002 14109, cun crédito de 1.745.065 euros, e 16.04.241B.475.2, código de proxecto 2004 00340, cun crédito de 3.078.798 euros.

Estas contías están recollidas na Lei 8 /2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, e constitúen o importe global para a financiamento desta orde, da orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2004 os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, e das demais ordes que establezan as bases reguladoras e a convocatoria dos programas de promoción do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídos nos programas orzamentarios 241A e 241B.

Así mesmo, os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de Promoción do Emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) realizadas ó abeiro das ordes de convocatoria correspondentes a exercicios anteriores, que quedarán pendentes no momento da entrada en vigor desta norma e sempre que reunisen os requisitos legais establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios para o exercicio 2004, en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Segunda.-Para aquelas IEBT que, en virtude da data da súa constitución e do inicio da súa actividade, finalizase o prazo de presentación de solicitudes de axudas entre o 1 de outubro do ano 2003 e a data de entrada en vigor desta orde, poderán acollerse ás axudas previstas nela, rematando o prazo de presentación, nestes supostos, o 30 de abril de 2004.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2004.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais