DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 09 de marzo de 2004 Páx. 3.124

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 26 de febreiro de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2004 os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio das cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ó abeiro do disposto no Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a súa estructura orgánica.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea, coa finalidade de promove-la estabilidade no emprego, fomenta-la inserción laboral dos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral e favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, incorporados ó Programa operativo integrado de Galicia para o período 2000-2006.

Nesta liña de actuación, e tendo en conta un dos piares básicos das directrices anuais establecidas na Estratexia Europea para o Emprego que incide na necesidade de reforza-la política de igualdades de homes e mulleres, articúlase un conxunto de incentivos dirixidos a garanti-lo principio de igualdade entre homes e mulleres, a promove-la repartición das responsabilidades familiares e a facilita-la reincorporación ó mercado de traballo tras unha interrupción temporal da actividade profesional por permisos parentais.

En consecuencia, nesta orde fíxanse as bases reguladoras e convócanse para o ano 2004 os incentivos á contratación para favorece-la conciliación da vida laboral e familiar.

Como antecedente debe citarse que o incentivo de orixe autonómica, o denominado programa dobre custo cero, trala reforma laboral do ano 2001 é aplicable a todo o territorio estatal. Isto determinou que no ano 2001 a Xunta de Galicia reorientase os incentivos dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, poñendo en marcha unha nova liña de axudas para as persoas traballadoras que se reincorporen á empresa logo dun proceso de maternidade/paternidade.

O Real decreto lei 2/2003, do 25 de abril, de medidas de reforma económica, na súa disposición derradeira segunda, establece unha bonificación á cota empresarial durante os doce meses seguintes á reincorporación efectiva da muller ó traballo tralo período de suspensión do contrato por maternidade e por excedencia por coidado de fillo. Esta bonificación está recollida no artigo 44 da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, que regula o programa de fomento do emprego para o ano 2004. Co obxecto de non subvenciona-las situacións xa previstas pola normativa estatal, nesta orde exclúense das axudas

as situacións que dean lugar ás bonificacións establecidas no devandito artigo.

Pola súa vez, prevense axudas pola substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares, nos termos e casos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores. Como novidade, na programación do ano 2003, amplíanse estas axudas ás substitucións de persoas traballadoras con reducción da xornada de traballo por motivos familiares, de acordo co previsto no artigo 37.5º do Estatuto dos traballadores.

Introdúcese como innovación máis salientable o establecemento dun novo sistema no prazo de presentación das solicitudes, as cales poderán presentarse en calquera momento do ano, respectando sempre o prazo dos dous meses a partir da data de alta na Seguridade Social, o que simplifica e clarifica as datas de presentación e axiliza a tramitación administrativa.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras destes incentivos e a súa convocatoria, axústanse ó disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, en especial no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos vindeiros exercicios económicos, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos proxectos de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2004 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta da orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Coa finalidade de promove-la igualdade de oportunidades no acceso e permanencia no emprego de homes e mulleres e remove-los obstáculos que sobre o emprego pode produci-la maternidade e outras situacións pertencentes ó ámbito da familia, esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras e convoca para o ano 2004 os incentivos dirixidos directamente a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, a través das seguintes axudas:

a) Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporen á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade.

b) Axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares

ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten ou reincorporen a traballadores para prestar servicios en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 3º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios establecidos nesta orde as relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como os traballadores contratados para prestar servicios noutras empresas a través de contratos de posta á disposición.

Non obstante o anterior, non quedan afectadas por esta exclusión as relacións laborais de carácter especial do persoal de alta dirección que poderán acollerse ós beneficios previstos nesta orde.

Non poderán acollerse ás subvencións previstas nesta orde as reincorporacións efectivas ó traballo das mulleres que, segundo o establecido no artigo 44 da Lei 62/2003, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, do 30 de decembro, teñan dereito ás bonificacións establecidas na dita lei.

Artigo 4º.-Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade-paternidade.

1. Poderán ser obxecto de subvencións as reincorporacións ó posto de traballo na empresa das persoas traballadoras tras períodos de descanso por causa de maternidade, adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente de menores de 6 anos, en virtude do establecido no artigo 45.1º e no artigo 48.4º e 5º do Estatuto dos traballadores, así como as reincorporacións ó exercicio da actividade profesional dos traballadores autónomos, socios traballadores ou de traballo das sociedades cooperativas, nos mesmos casos e supostos.

Para os efectos das axudas a que se refire este artigo, entenderase que a reincorporación ó posto de traballo se produce cando finaliza definitivamente o permiso de maternidade, tanto no caso de que se colla a xornada completa ou a tempo parcial, nos termos regulados na disposición adicional primeira do Real decreto 1251/2001, do 16 de novembro, que desenvolve o artigo 48.4º da Lei do Estatuto

dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

2. Só serán subvencionables as reincorporacións ás que se refire o nº 1 deste artigo, cando ademais concorran as seguintes circunstancias:

a) Que o período de descanso collido pola persoa traballadora que se reincorpora tras un proceso de maternidade/paternidade, fose igual ou superior á metade do período máximo legal.

b) Que durante os períodos de descanso por maternidade se formalizasen contratos de interinidade para a substitución dos traballadores polos que se solicita a axuda pola súa reincorporación, cunha duración equivalente, como mínimo, ó 80% do período de descanso do traballador substituído.

c) Que o traballador se reincorpore ó seu posto de traballo en virtude dunha relación laboral de carácter indefinido, ou, no caso dos autónomos, para o desempeño dunha actividade profesional, habitual, persoal e directa.

3. A axuda, pagadoira dunha soa vez, consistirá nunha subvención en contía equivalente ó importe das cotas empresariais á Seguridade Social por continxencias comúns, correspondentes á base mínima para o ano 2004 do grupo de cotización ó que pertenza o traballador que se reincorpora; ou, se é o caso, ó importe do 100% das cotas correspondentes á base mínima de cotización do correspondente réxime da Seguridade Social para traballadores autónomos, en ámbolos dous casos calculada sobre 12 mensualidades.

Artigo 5º.-Axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares.

1. Poderán ser obxecto de subvención os contratos de interinidade que se realicen con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación, para substituír persoas traballadoras en excedencia por coidado de familiares -nos supostos e termos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores- por un período non inferior a catro meses nin superior a tres anos, e sempre que en virtude de disposición legal ou convenio colectivo se trate dunha excedencia con reserva de posto de traballo, ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares nos supostos e termos previstos no artigo 37.5º do Estatuto dos traballadores.

2. Para efectos destas axudas, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

3. Os contratos de interinidade para que poidan ser obxecto de subvención deberán cumpri-los requisitos e formalidades establecidos no artigo 15.1.c) do Estatuto dos traballadores e normas regulamentarias de aplicación, así como formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

4. Os contratos de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares, incentivaranse cunha axuda de ata 2.400 euros que se reducirá proporcionalmente cando a súa duración sexa por un período inferior a un ano, ou a parte proporcional correspondente cando o contrato de interinidade se celebre a tempo parcial.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 6º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, cando a contratación ou a reincorporación se produza para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 7º.-Solicitudes e prazos.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ó órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será de dous meses contados desde a data en que se produza a reincorporación ó posto de traballo tras un proceso de maternidade/paternidade ou se inicie a relación laboral en virtude dun contrato de interinidade.

Artigo 8º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF; e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo anexo III). Ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (no modelo de solicitude).

3. Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establecen no artigo 11.1 desta orde (segundo o modelo anexo IV).

4. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo anexo V).

5. Nas axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade:

-DNI do traballador que se reincorpora.

-Documentos acreditativos da baixa por maternidade, adopción ou acollemento, así como da súa reincorporación á empresa logo do período de descanso correspondente.

-Boletíns de cotización do último mes anterior dispoñible á data na que se produza a baixa e o correspondente ó mes da reincorporación.

-Contratos de interinidade celebrados para substituí-los traballadores que se reincorporan, e documentación acreditativa das datas de alta e baixa na Seguridade Social do traballador substituto.

6. Nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares:

-DNI do traballador substituto e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina de emprego, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

-Contrato de interinidade e alta na Seguridade Social.

-Documentación acreditativa da baixa e da situación de excedencia, ou, se é o caso, da reducción da xornada, e DNI do traballador substituído.

Artigo 9º.-Emenda da solicitude.

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 10º.-Resolución, recursos e criterios de valoración.

1. Logo da fiscalización das propostas de resolución polas respectivas intervencións emitidas polos correspondentes servicios, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses que se computarán desde a data da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dictase a resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1º e 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo,

no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Para a valoración das solicitudes, terase en conta, para a súa prioridade, que os contratos de interinidade se celebrasen con desempregados pertencentes ós seguintes colectivos: mulleres, mozos, maiores de 45 anos ou parados de moi longa duración.

Artigo 11º.-Xustificación do pagamento.

1. De non se achegar con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se sinale na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Documentación acreditativa de que están ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social.

b) Documentación acreditativa de que están ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, agás que o beneficiario xuntase á solicitude a debida autorización para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas (no modelo anexo IV).

c) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas, ou, de se-lo caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

d) No caso de axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade, o boletín de cotización á Seguridade Social do mes correspondente á incorporación, se non se achegou con anterioridade.

e) Declaración complementaria da establecida no número 2 do artigo 8º desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos. Ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 12º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outor

ga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social, agás nos supostos do artigo 44 da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social ó que se refire a exposición de motivos desta orde.

2. Os beneficios establecidos nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas das empresas beneficiarias:

a) Acreditaren, previamente ó cobramento, que se encontran ó corrente nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

b) Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

d) As persoas traballadoras que se reincorporen á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade deberán permanecer nela, como mínimo, durante un ano, contado desde a data da reincorporación. Se antes de transcorre-lo dito prazo se produce, por calquera causa, a extinción da relación laboral, do traballador reincorporado, a empresa deberá proceder a reintegra-la subvención concedida nos termos sinalados no artigo 15º desta orde.

A empresa beneficiaria, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte ó da reincorporación, deberá presentar a documentación acreditativa da situación de alta na empresa do traballador obxecto de subvención.

e) Nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares a empresa beneficiaria ten, ademais, as seguintes obrigas:

-No suposto de cesamento do traballador interino, a cobertura do posto por un novo traballador desempregado terá que realizarse durante o período da substitución, dentro dos 20 días seguintes ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, dentro dos vinte días seguintes ó da cobertura do posto.

-Comunica-la data de incorporación ó seu posto de traballo da persoa substituída dentro do mes seguinte a aquel en que esta se produza, ou, se é o caso, da súa reincorporación á xornada ordinaria.

Artigo 14º.-Modificacións da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras Administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 15º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16º.-Seguimento e control.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 17º.-Axudas baixo condicións de mínimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ó réxime de axudas de mínimis, polo tanto non poderán excede-los límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento CE nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro).

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se con

sidere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer e recoñece-la obriga e propoñe-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Quinta.-As solicitudes de axudas á contratación dirixidas a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar de exercicios anteriores e as solicitudes de axudas á contratación por conta allea presentadas ó abeiro dos programas regulados nas ordes do 19 de maio de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 o programa de fomento da estabilidade e da contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos, a Orde do 7 de maio de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 os programas de fomento dos contratos en prácticas e para a innovación tecnolóxica e a Orde do 30 de xullo de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 o programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, que non puidesen ser atendidas no exercicio 2003 e sempre que reunisen os requisitos e observaren os prazos establecidos na súa normativa

reguladora, poderán ser atendidas con cargo ós creditos orzamentarios das aplicacións dos programas 241A e 241B que figuran nesta orde.

Sexta.-No exercicio 2004, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 16.04.241A.470.2, código de proxecto 2002 14 439, cun crédito de 11.144.231 euros; 16.04.241A 470.3, código de proxecto 2002 14 823 cun crédito de 4.969.750 euros; 16.04.241B 475.0, código de proxecto 2002 14 105, cun crédito de 638.225 euros; 16.04. 241B 475.0 código de proxecto 2002 14 106 cun crédito de 4.395.599 euros; e 16.04 241B 475.1 código de proxecto 2002 14 443 cun crédito de 4.347.980 euros e 16.04.241B.475.1 código de proxecto 2002 14 444 cun crédito de 8.507.370 euros. As ditas aplicacións están recollidas na Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 e constitúen o importe global para o financiamento desta orde e das demais ordes que establecen as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a

emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241A e 241B.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de

Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposición transitoria

As solicitudes de axudas pola reincorporación á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade ou polas contratacións de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con reducción de xornada por motivos familiares, realizadas entre o 1 de outubro do ano 2003 ata a entrada en vigor desta orde, poderán presentarse ata o 30 de abril de 2004.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2004.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais