DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 09 de marzo de 2004 Páx. 3.113

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 25 de febreiro de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2004.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e

servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio das cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ó abeiro do disposto no Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a súa estructura orgánica.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea, ó abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados ó Programa operativo integrado de Galicia para o período 2000-2006.

No marco da estratexia europea para o emprego, e co obxectivo de favorece-la creación de novos empregos estables e a inserción laboral de persoas en desemprego, así como para contribuír ó desenvolvemento e crecemento de pequenas unidades productivas, en Galicia estableceuse un programa específico para apoiar e incidir naquelas empresas sen asalariados, que con potencialidade para a creación de emprego, non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñe-la contratación do seu primeiro traballador e o cambio na dimensión do seu negocio, o que ten unha especial relevancia nesta Comunidade Autónoma polo significativo número de microempresas en que se detecta tal situación. Pola súa propia definición e polas condicións esixidas, as contratacións incentivadas mediante este programa supoñen, en todo caso, un incremento neto do emprego e do emprego fixo.

Nesta orde regúlanse os incentivos á contratación indefinida do primeiro traballador fixo de empresarios sen asalariados. As axudas contempladas nesta orde están amparadas na súa adecuación ó dereito comunitario pola autorización da Comisión Europea C (-2002) 1884 fin de 22-5-2002. Cando se trate de empregos ligados a un investimento polo seu sometemento ó Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10; 13-1-2001).

Co obxecto de incidir no favorecemento de inserción de colectivos desfavorecidos, as contratacións para poder seren subvencionables, deberán realizarse con desempregados que no momento da súa contratación estean inscritos no Servicio Público de Emprego e que pertenzan a determinados colectivos que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder ó mercado de traballo.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras deste programa axústanse ó disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e

orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, en especial, o relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos vindeiros anos, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2004 a dita determinación recóllese na disposición adicional quinta desta orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto fixa-las bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2004 dos incentivos á contratación indefinida, a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os fixos-descontinuos, do primeiro traballador por parte dos empresarios sen asalariados, coa finalidade de impulsa-la capacidade de creación de emprego das pequenas empresas e favorece-la inserción laboral de desempregados.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

1. Poderán ser obxecto de subvención as contratacións indefinidas iniciais que se realicen con traballadores desempregados, inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da súa contratación indefinida inicial e pertenzan a algún dos colectivos desfavorecidos relacionados no artigo 3º desta orde.

2. Os contratos indefinidos para que poidan ser obxecto de subvención deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

3. Cando se trate de contratacións a tempo parcial, a contía dos incentivos previstos nesta orde serán proporcionais ó tempo efectivo de traballo en función

da xornada establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.

4. Para efectos das axudas consideradas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Artigo 3º.-Colectivos desfavorecidos.

Para os efectos desta orde terán a consideración de colectivos desfavorecidos con maiores desvantaxes para o acceso ó mercado de traballo os seguintes:

a) Menores de 25 anos, ou que finalizasen a súa educación a tempo completo nos dous anos anteriores á súa contratación e que non tivesen antes un primeiro emprego fixo.

b) Maiores de 45 anos que non teñan estudios de segundo ciclo de ensino secundario ou dun nivel equivalente.

c) Desempregados que no momento da contratación estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia, segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro).

d) Desempregados, cun tempo en desemprego igual ou superior a doce meses dos anteriores dezaseis, ou durante seis dos anteriores oito, se fose menor de 25 anos.

e) Mulleres desempregadas, cando se contraten para prestaren servicios en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino, de acordo co disposto na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do 16 de setembro de 1998, e mulleres desempregadas que se reincorporen á actividade laboral tras unha ausencia prolongada dun mínimo de dous anos.

f) Perceptores da renda de integración social de Galicia, ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

g) Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

h) Penados ou ex-reclusos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

i) Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral.

j) Mozos que estean ou estiveran ata a súa maioría de idade baixo tutela ou garda da Administración autonómica.

k) Inmigrantes e persoas que formen parte de familias, grupos, colectivos ou minorías dos que as características poidan condiciona-las súas posibilidades de integración social.

l) Persoas con discapacidade.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten con carácter indefinido o seu primeiro empregado para prestar servicios en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que os ditos empresarios iniciasen a actividade cunha antelación mínima dun ano ó comezo da prestación de servicios polo traballador.

2. Para estes efectos, entenderase que se trata do primeiro empregado cando na empresa, nos 24 meses anteriores á contratación indefinida, non prestasen servicios traballadores por conta allea, agás con contratos de duración determinada ou temporal que, no seu conxunto, non superen os 180 días.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 5º.-Exclusións e contratacións de familiares.

1. Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestasen servicios noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) As contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será, tamén, de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que a solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

c) Traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral

finalizase por causa dun despedimento declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

d) Non poderán acceder a estas axudas as cooperativas e sociedades laborais pola contratación do seu primeiro asalariado.

2. Sempre que se reúnan os requisitos e demais condicións esixidos nesta orde e poidan te-la consideración de asalariados, os incentivos establecidos no artigo 6º tamén poderán ser de aplicación ás contratacións do primeiro traballador fixo que se realice co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive. En todo caso, nestes supostos, e como condición indispensable na solicitude de axuda, deberá declararse expresamente a condición de familiar do traballador contratado e cumpri-los requisitos establecidos nos artigos 2º e 3º desta orde.

Artigo 6º.-Axudas.

As empresas que contraten con carácter indefinido o seu primeiro traballador de acordo cos requisitos e condicións establecidos nesta orde, poderán obter unha axuda, pagadoira dunha soa vez, que consistirá nunha subvención por unha contía equivalente ó importe do 30% da base mínima do grupo de cotización, ó que pertenza o traballador contratado, establecida para o ano de cada convocatoria, calculada sobre tres anualidades, ata un máximo de 6.000 euros, se o contrato se realiza a xornada completa, ou a parte proporcional se se realiza a tempo parcial.

Cando a dita contratación se realice con mulleres, a dita porcentaxe elevarase ó 32% e o límite incrementarase ata 6.600 euros.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 7º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais respecto das contratacións que se realicen para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nesta orde dirixiranse ó órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral, sempre que a contratación sexa posterior á data de entrada en vigor desta orde.

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde e deberán ir acompañadas, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF e, se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Alta no imposto de actividades económicas ou, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda, e documentación que acredite que se trata da creación do primeiro posto de traballo de carácter fixo (vida laboral da empresa referida ós 24 meses anteriores á data da contratación indefinida do traballador polo que solicita a subvención, incluíndo todas as contas de cotización).

3. DNI do traballador.

4. Documentos acreditativos das características que determinen a súa pertenza ó correspondente colectivo.

5. Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego e do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social, así como contrato de traballo e a alta na Seguridade Social do traballador contratado.

6. Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo III).

7. Declaración da estructura da empresa e do emprego (anexo IV).

8. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo V).

9. Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece no artigo 12º.1 b) desta orde (anexo VI).

Artigo 10º.-Instrucción e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os docu

mentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 11º.-Resolución, recursos e criterios de valoración.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servicios, as resolucións serán dictadas polo órgano competente por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesión ou denegación, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Para a valoración da contía das subvencións terase en conta, con carácter de prioritario, o seguinte: a localización da empresa en zonas especialmente desfavorecidas, así como os colectivos de mulleres, mozos, maiores de 45 anos e parados de longa duración.

Artigo 12º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións, quedará condicionado á presentación, no prazo e nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas coa Seguridade Social.

b) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegue á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo VI para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

c) Declaración complementaria da establecida no artigo 9º.6 desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación esixida para a fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude, á opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 14º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior, enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 15º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións indefinidas por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como

medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os beneficios establecidos á contratación indefinida nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde:

1. Ter acreditado, previamente ó cobramento, que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

3. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

4. Manter no seu cadro de persoal fixo os traballadores contratados ó abeiro desta orde, por un período mínimo de tres anos.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los requisitos do traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ó órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención.

E, cando se trate de empregos ligados a un investimento deberán mante-los postos de traballo durante un período de cinco anos.

5. As empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento do posto de traballo estable creado obxecto de subvención, deberán presentar, dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha declaración do mantemento do emprego xunto co TC2 do mes de decembro do ano anterior.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

Artigo 17º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais, poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ó dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñece-la obriga e propoñe-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Quinta.-No exercicio 2004, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 16.04.241A.470.2, código de proxecto 2002 14 439 cun crédito de 11.144.231 euros, 16.04.241A.470.3., código de proxecto 2002 14 823 cun crédito de 4.969.750 euros,

16.04.241B.475.0. código de proxecto 2002 14 105 cun crédito de 638.225 euros, 16.04.241B.475.0. código de proxecto 2002 14 106 cun crédito de 4.395.599 euros, 16.04.241B.475.1. código de proxecto 2002 14 444 cun crédito de 8.507.370 euros, e 16.04.241B.475.2., código de proxecto 2004 00 340 cun crédito de 3.078.798 euros. Estas contías están recollidas na Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 e constitúen o importe global para o financiamento desta orde, da orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2004 os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241A e 241B.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo realizadas ó abeiro das ordes de convocatoria correspondentes a exercicios anteriores que quedaran pendentes no momento da entrada en vigor desta norma, e sempre que reunisen os requisitos legais establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzados para o exercicio 2004 e resolveranse en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Segunda.-As contratacións do primeiro traballador fixo celebradas por empresarios sen asalariados realizadas con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde, solicitaranse respectando os prazos e demais requisitos establecidos na Orde do 9 de maio de 2003, e poderán ser atendidas con cargo os créditos orzamentarios que financian esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2004.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais