DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 09 de marzo de 2004 Páx. 3.109

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 20 de febreiro de 2004 pola que se dictan normas para a cesión en propiedade de material para o Plan de salvamento en praias de Galicia (Sapraga), para misións de protección civil, ós concellos e mancomunidades de concellos galegos.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determina que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas, a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia; actitude fundamentalmente desenvolta polas agrupacións de voluntarios de protección civil na maior parte dos concellos para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección da súa comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 226/2003, do 11 de abril, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como das necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados ós concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para o Plan de salvamento en praias de Galicia (Plan Sapraga), revisado e actualizado por Resolución do 22 de maio de 2001.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os

requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que en consecuencia, se adaptará a esta orde, tendo en conta en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo co exposto, preténdese por medio desta orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de material de prevención e intervención en praias ós concellos e mancomunidades de concellos da Comunidade Autónoma galega, segundo se recolle no Plan de salvamento en praias de Galicia (Sapraga).

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, co fin de colaborar cos concellos e mancomunidades de concellos, facilitándolle-lo exercicio das súas competencias na atención e seguridade dos usuarios nas praias, cederalle material de prevención e intervención nelas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os interesados deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Dispoñer alomenos dunha praia marítima ou fluvial que estea incluída no Plan Sapraga.

b) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada a temas de seguridade e protección civil, especialmente en salvamento de praias.

c) Dispor dun número axeitado de socorristas con titulación.

d) Dispor de Servicio Municipal de Protección Civil ou, no seu defecto, de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire a esta orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de 250.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.231A.623.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2004.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os interesados que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de corenta días naturais contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das adminis-

tracións públicas e de procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello ou da mancomunidade:

a) De se-lo caso, da existencia de Servicio Municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos do ano 2004 destinados ás funcións de seguridade e protección civil, e concretamente para salvamento en praias.

c) Relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada nesta orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Se faculta o alcalde do concello ou o presidente da mancomunidade para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-la correspondente acta, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3. Memoria asinada polo alcalde, como xefe local de Protección Civil, ou polo presidente da mancomunidade, na que se indiquen:

-Nome das praias atendidas no seu concello ou mancomunidade, no programa de salvamento en praias de Galicia (Sapraga), con indicación da súa lonxitude e demanda media dos usuarios.

-Número de socorristas titulados por cada praia do punto anterior, que atenderon as praias no ano 2003, as súas quendas diarias e horarios, así como as previsións para o ano 2004.

-Número de voluntarios de protección civil que apoiaron as tarefas do Sapraga, no ano 2003, as súas quendas diarias e horarios, así como as previsións para o ano 2004.

-Ter creada ou estar en trámite de creación da xunta local de protección civil.

-Ter aprobado ou estar elaborando o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu), e/ou Plans de Actuación Municipal (PAM).

-Ter medios de titularidade do concello ou da mancomunidade, destinados ó salvamento en praias con indicación detallada dos mesmos.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, concedéndolles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita enmenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei

de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederáse ó seu exame e análise polos servicios de Protección Civil da provincia correspondente.

2. Os delegados provinciais emitirán un informe en relación ás peticións recibidas, que contará co soporte técnico dos servicios provinciais de Protección Civil, remitíndoa á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

3. A comisión de avaliación, estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil, e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actuando como secretario o xefe de sección de estudios e apoio técnico xurídico da Subdirección Xeral de Protección Civil, que non terá dereito a voto.

4. A referida comisión, fará a proposta de resolución, tendo en conta o informe técnico do Servicio Provincial de Protección Civil, e elevaraa posteriormente ó organo competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, así como para a asignación de material, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

-Xerais:

* Número de praias atendidas no seu concello ou mancomunidade, no programa de salvamento en praias de Galicia (Sapraga), con indicación da súa lonxitude e demanda media dos usuarios, ata un 18%.

* Número de socorristas titulados que atenderon as praias do concello no ano 2003, as súas quendas diarias e horarios, así como as previsións para o ano 2004, ata un 22%.

* Número de voluntarios de protección civil que apoiaron as tarefas do Sapraga, no ano 2003, as súas quendas diarias e horarios, así como as previsións para o ano 2004, ata un 10%.

* Ter creada ou se é o caso, estar en trámite de creación a xunta local de protección civil, ata un 6%.

* Ter aprobado ou se é o caso, estar elaborando o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu), e os Plans de Actuación Municipal (PAM), ata un 7%.

* Ter medios propios destinados ó salvamento en praias con indicación detallada deles, ata un 5%.

* Se é o caso, existencia de Servicio Municipal de Protección Civil, ata un 5%.

* Gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos do ano 2004 destinados ás funcións de seguridade e protección civil, e concretamente para salvamento en praias, ata un 6%.

-Específicos:

* Que non dispoñan de embarcación neumática para misións de salvamento en praias, e de contar xa con algunha, en función das características das praias do concello, se considere que poida ser necesaria unha nova embarcación como apoio da anterior ou a súa renovación, ata un 5%.

* Que non dispoñan de material específico de prevención e intervención en praias e, de contar con algún, se considere necesaria a súa renovación ou ampliación, ata un 5%.

* Praias que obtiveran galardón de bandeira azul no ano 2003, ata un 10%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución adoptaraa o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, supoñendo a concesión en propiedade do material para o Plan Sapraga.

2. A notificación da resolución efectuaraa a Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ou o presidente da mancomunidade, ó que se lle concedese material, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunica-la aceptación.

2. Considerase como medio de xustificación, para facer efectiva a entrega do material correspondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade

para a que solicita a axuda e da aplicación dos fondos destinados a tal efecto, segundo se recolle no artigo 15º.2 c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo indicado no número 1º deste artigo, sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización de cesión.

Para a formalización da cesión, aplicarase o disposto no artigo 96.bis.4 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da Comunidade Autónoma, e realizarase mediante acta subscrita polo alcalde do concello ou o presidente da mancomunidade, ou persoa en quen delegue, e o secretarío xeral da consellería ou funcionario en quen delegue, na que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Os gastos de matriculación, seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, serán por conta dos concellos.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na Comunidade Autónoma.

1. Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local estará dotada de facultades de vixilancia e control, para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2004.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local