DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 09 de marzo de 2004 Páx. 3.098

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de febreiro de 2004 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de cooperación ó desenvolvemento no exterior por organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento e pola que se convocan as correspondentes ó ano 2004.

As políticas de cooperación ó desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade.

Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola mellora das condicións de vida dos pobos máis necesitados da comunidade internacional.

A política de cooperación ó desenvolvemento que realiza a nosa Comunidade Autónoma experimenta unha evolución positiva nos últimos anos, tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros como á extensión da cobertura xeográfica que abarca, prestándose unha especial atención á cooperación que se realiza cos países latinoamericanos.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propicia-lo seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus

habitantes e aliviar e corrixi-las situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e o reparto máis xusto dos froitos do crecemento económico.

A letra b) do artigo 23 desta lei considera axentes da cooperación ás organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, que como entidades con especial dedicación a actividades de solidariedade da sociedade galega cos pobos máis desfavorecidos, constitúense en interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

Procede, xa que logo, establece-las bases que regulen o réxime de concesión de subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma destinadas á cooperación ó desenvolvemento a través de proxectos no exterior canalizados polas ONGD establecidas en Galicia.

Pola súa vez, procede aproba-la convocatoria da concesión de subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 de acordo coas bases reguladoras que se aproban e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e para procura-la normalización e simplificación dos procedementos,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aproba-las bases reguladoras que figuran no anexo desta orde para a concesión de subvencións a proxectos de cooperación ó desenvolvemento no exterior promovidos por organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento (ONGD).

2. Convoca-las subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2004 e 2005 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.03.213B.490.0 (polas contías máximas de 1.000.000 de euros - 2004- e de 300.000 euros -2005-) e 04.03.213B.790.0 (polas contías máximas de 500.000 euros -2004- e 150.000 euros -2005-).

Disposición adicional

Deléganse no secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior as atribucións para a resolución dos procedementos de concesión, de revogación e reintegro das subvencións, de modificación destas, e dos sancionadores que procedan, de se-lo caso, agás cando a competencia resida no Consello da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior para dictar cantas disposicións e instruccións sexan precisas para o mellor desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO I

Bases reguladoras da concesión de subvencións a organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento para a execución de proxectos no exterior:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Estas bases teñen como obxecto a regulación da concesión de subvencións a organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento para a execución de proxectos no exterior.

2. Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a axuda humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegura-la súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Artigo 2º.-Solicitudes, requisitos que deben reuni-los beneficiarios/as, requisitos dos proxectos, documentación e prazo de presentación.

1. As solicitudes dirixiránselle ó secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior (rúa dos Feáns, 5-baixo, 15706 Santiago de Compostela, cooperacion.exterior*xunta.es), cubertas no modelo que figura como anexo destas bases reguladoras, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As entidades solicitantes deben reuni-los seguintes requisitos:

a) Estar inscrita no Rexistro Galego de Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ó Desenvolvemento creado pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública (agora Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública) do 4 de abril de 1994, con polo menos un ano de antelación ó da publicación da convocatoria.

b) Careceren de ánimo de lucro.

c) Teren domicilio social ou delegación permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste último suposto, esta asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprométese ó mantemento da documentación, contabilidade e coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación polo menos, na identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto.

d) Teren xustificado, se é o caso, e antes do remate do prazo de solicitude desta convocatoria, as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos de cooperación ó desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, cómpre ter efectuado o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre os beneficiarios/as de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

e) Non estaren inhabilitadas, administrativa ou xudicialmente, para obter axudas.

f) Estaren ó corrente nas súas obrigas tributarias, sociais e fiscais e non estaren incursas en procedemento ningún de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia sobre axudas.

Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados por varias ONGD que cumprindo os requisitos anteriores se presenten asociadas. Neste caso, cada unha das entidades deberá cumpri-los requisitos sinalados anteriormente. As entidades asociadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán un responsable e enderezo único para efectos das notificacións administrativas dos expedientes.

3. Requisitos dos proxectos:

a) Non estaren iniciados na data da solicitude e teren unha duración non superior a 18 meses.

b) Que teñan unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas da poboación das zonas máis desfavorecidas de países en vías de desenvolvemento.

c) Que os resultados perseguidos se acaden nun prazo razoable de tempo.

d) Que conten coa participación dos beneficiarios/as no desenvolvemento do proxecto.

e) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución

material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso no proxecto.

f) Que o proxecto se axeite tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e da súa contraparte, co fin de asegura-la súa viabilidade.

g) Que o proxecto sexa viable e sustentable, de forma que se acheguen especificacións técnicas e financeiras suficientes e que as súas repercusións continúen cando cesen as axudas da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Que o proxecto sexa coherente, no senso de gardar relación entre a problemática que se presenta e os obxectivos marcados para superala.

i) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias.

j) Que as accións non teñan como obxectivo único o financiamento de servicios públicos de saúde, a educación regrada, a investigación oficial e os seminarios e viaxes de estudios, agás razóns excepcionais.

k) Que sexan respectuosos cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción, e das comunidades beneficiarias.

l) Que non sexan discriminatorios por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe.

m) Que sexan respectuosos coa protección do ambiente e fomenten a igualdade entre homes e mulleres.

4. Documentación.

As entidades que concorran ás convocatorias deberán presenta-la seguinte documentación:

1. Solicitude de subvención no modelo que figura como anexo destas bases reguladoras e identificación do proxecto, que deberá presentarse en soporte papel, segundo o formulario que será facilitado por medio de correo electrónico polo órgano xestor.

2. Anexos.

Carpeta 1: información relativa á ONGD solicitante.

a) Documento acreditativo da representación e documento de identificación persoal da persoa que formula a solicitude.

b) Declaración doutras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

c) Documentación acreditativa de dispor de sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma.

d) Organigrama e estructura organizativa da ONGD en Galicia e número de socios en Galicia.

e) Memoria da organización na que se inclúan os proxectos de cooperación ó desenvolvemento levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.

f) Cando varias ONGD se agrupen en consorcio para a realización dun proxecto, deberase xuntar á solicitude contrato ou acordo de colaboración asinado entre os seus representantes legais polo que se obrigan solidariamente perante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, no seu caso, ó reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se concedeu a subvención. Neste documento designarán un representante legal e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberá detalla-las actuacións nas que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ó financiamento, ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, se é o caso.

Carpeta 2: información relativa á contraparte local:

a) Datos sobre a personalidade xurídica do socio ou contraparte local.

b) Domicilio social.

c) Documento ou cédula de identidade do seu representante legal e do responsable local do proxecto.

d) Documento do código de identificación fiscal, cando exista o rexistro correspondente no seu país.

e) Informe doutros proxectos nos que participase.

Carpeta 3: información relativa ó proxecto de desenvolvemento segundo o formulario que será facilitado por medio do correo electrónico polo órgano xestor.

a) Nome e cargo do persoal responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

b) Identificación e formulación precisa do proxecto que deberá incluír:

b.1) Mapa de localización exacta do proxecto (país, rexión, departamento ou provincia, concello).

b.2) Beneficiarios/as e criterio para a súa determinación.

b.3) Información socioeconómica axeitada e actualizada sobre a situación existente no contexto local no que se prevé actuar.

b.4) Obxectivos que cómpre acadar.

b.5) Cronograma de actividades que se van desenvolver.

b.6) Documentación acreditativa da titularidade e réxime de cesión, se é o caso, dos inmobles vinculados ó proxecto. No caso de construcción de infraestructuras ou vivendas incluirase documento de conformidade das autoridades locais.

b.7) Criterios e indicadores que permitan medi-lo grao de realización dos obxectivos fixados.

b.8) Sinalamento no proxecto das obrigas das contrapartes locais e das actividades que se compro

meten a desenvolver e, se é o caso, participación dos beneficiarios/as na elaboración, execución e valoración do proxecto.

b.9) Mecanismos de viabilidade da acción para que o seu impacto continúe despois do cofinanciamento.

c) Desagregación e xustificación das distintas partidas do proxecto que hai que desenvolver segundo o formulario facilitado polo órgano xestor. Así mesmo, sinalarase a porcentaxe de custos directos e indirectos (estes últimos non excederán do 10% do orzamento do proxecto) e as achegas propias ou alleas que financien o custo total do proxecto.

Os orzamentos presentaranse en euros.

d) Informe e documentación xustificativa da contía dos gastos indirectos relativos ó proxecto.

e) Documentación acreditativa, se é o caso, do valor das contribucións en especie dos socios locais.

f) Facturas proforma ou cuantificación razoada nos seguintes casos:

f.1) Calquera custo cuantificado polo socio local ou persoas beneficiarias.

f.2) Nas construccións cando o investimento supere os 12.000 A.

f.3) En equipos e materiais cando o custo unitario dun equipo, mercadoría ou material supere os 4.000 A, ou cando o monto total do dos bens ou servicios que teña que prover unha soa empresa sexa superior a 12.000 A.

g) Os solicitantes anexarán calquera outra documentación de soporte técnico que demande a natureza do proxecto para facilita-la súa comprensión e valoración como planos, fotos, certificados, convenios, escrituras, estudios, cálculos de rendibilidade, regulamentos ou calquera outro.

5. Toda documentación será presentada por duplicado exemplar. Os documentos da carpeta I presentaranse debidamente cotexados.

A falta de documentación nalgunha das carpetas ou da xustificación das devanditas faltas, impedirán a avaliación do proxecto, se non tivo lugar a súa emenda dentro dos prazos establecidos.

6. Prazo de presentación.

As solicitudes presentaranse no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación da orde da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Instrucción, prazo de resolución, condicións de financiamento, gastos subvencionables, valoración e resolución.

1. A instrucción do procedemento corresponderalle á subdirección xeral competente en materia de cooperación exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados ou carece de falta de documentación, requirirase os interesados para que, nun prazo de dez días, emenden a falta ou xunten os

documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixera, serán tidos por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses. De non terse notificado resolución expresa neste prazo as solicitudes poderanse entender desestimadas.

3. Os criterios de valoración ordénanse de acordo coas seguintes prioridades:

1ª) Prioridades xeográficas:

Os dirixidos a países con extensas capas da súa poboación especialmente desfavorecidas e desestructuradas e, entre eles, a aqueles cos que existen relacións de tipo histórico e cultural.

Consideranse prioritarios os seguintes países: América Central (Honduras, O Salvador, Nicaragua e Guatemala); Caribe (República Dominicana e Cuba); América do Sur (Perú, Ecuador e Bolivia); África (Mozambique, Mauritania, Namibia, Cabo Verde, Guinea Ecuatorial e Angola).

2ª) Prioridades sectoriais:

1. Investimentos en infraestructuras básicas, en especial as relativas a augas, saneamento, comunicacións, sanidade e vivenda.

2. Mellora da cobertura de necesidades básicas, en especial mellora da saúde e atención materno infantil e mellora da calidade do sistema educativo.

3. Apoio ó desenvolvemento económico sustentable en especial o medio rural, agropecuario, artesanal, industrial, apoio ás economías sociais e populares.

4. Promoción do respecto ós dereitos humanos e do fortalecemento do sistema democrático.

5. Defensa dos dereitos do menor e erradicación da explotación infantil.

6. Promoción da protección do ambiente.

7. O respecto e promoción da identidade cultural dos pobos.

8. Promoción da igualdade entre homes e mulleres con especial valoración daquelas intervencións que incidan en aspectos de mellora da posición social das mulleres, mellora do seu acceso ós recursos, educación, saúde, postos de decisión, cambio cultural para a erradicación de todo tipo de violencia contra as mulleres (física, psicolóxica ou cultural).

9. Serán especialmente valorados nos países africanos os proxectos de política de xestión administrativa de recursos mariños e a pesca; investigación mariña e dos recursos pesqueiros; desenvolvemento pesqueiro; formación e capacitación; acuicultura e servicios pesqueiros (Programa Nauta); programas de saúde materno-infantil, loita contra as enfermidades tropicais e infecciosas e xestión sanitaria (Programa Vita).

3ª) Prioridades relativas ós beneficiarios/as do proxecto:

Serán prioritarios aqueles proxectos con maior número de beneficiarios/as e así como aqueles que atendan á infancia, mulleres, comunidades indíxenas, refuxiados e desprazados.

4ª) Outras prioridades:

-Que sexan presentados por un consorcio de entidades.

-Que complementen programas institucionais de desenvolvemento.

-Que teñan unha elevada porcentaxe doutro financiamento distinto ó da Xunta de Galicia, procedente de fondos propios ou doutras entidades.

-Que prevexan a realización dunha auditoría externa que hai que presentar co informe final, na que conste o grao de cumprimento dos obxectivos acadados, e a xustificación económica do gasto.

-Que sexan solicitados por entidades que presenten unha auditoría externa das contas sobre resultados da súa xestión do último ano.

-Que a súa sustentabilidade estea garantida unha vez rematada a acción exterior.

-Que teñan un maior grao de implicación dos beneficiarios/as e da contraparte local no proxecto, tanto na súa formulación como na súa execución.

4. Condicións de cofinanciamento.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 90% do orzamento total do proxecto non superando en ningún caso a subvención concedida os 125.000 euros. Nos proxectos presentados por varias entidades, a subvención concedida non superará o límite de 300.000 euros.

Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia reinvertiranse en custos directos, de modo que non poderán ser imputados a custos indirectos.

5. Subvencionaranse os seguintes gastos:

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e os custos indirectos dos proxectos.

2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto. Para efectos de concesión da axuda terase en conta os seguintes:

a) Partida destinada á construcción ou rehabilitación de edificacións e infraestructuras, dos que se especificará o réxime de propiedade e a titularidade delas, achegando a documentación probatoria suficiente. A man de obra ligada de forma puntual a estas tarefas e os materiais de construcción ou rehabilitación necesarios entenderanse incluídos nesta partida.

No caso de ser achegada a man de obra ligada a estas tarefas pola contraparte local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de forma suficiente a prezos de mercado local.

b) Equipos e materiais. A compra e transporte de equipos e materiais necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

c) Persoal local. Os custos de persoal local adscritos explícita e exclusivamente ó proxecto. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato do país ou zona onde se execute o proxecto. Considérase persoal local toda persoa do país de execución do proxecto contratada polo socio local ou pola entidade solicitante segundo a lexislación vixente. O importe máximo aplicable por este concepto non poderá supera-lo 25% do orzamento do proxecto, agás nos que o seu contido sexa de carácter predominantemente inmaterial, nos que poderá ascender ata o 50% da contía do orzamento do proxecto.

d) Persoal expatriado. Os custos de persoal expatriado que inclúe seguros, salarios, aloxamento e manutención. O importe máximo aplicable por este concepto non poderá supera-lo 15% do orzamento do proxecto e non excederá de 2.500 euros brutos por persoa e mes. Destes límites exclúense os gastos de desprazamento.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible ós recursos humanos locais. Para o envío de expatriados achegarase unha memoria xustificativa da necesidade de envío do dito persoal e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.

e) Funcionamento. Os custos de funcionamento do proxecto na localidade que corresponda, relativos ós alugueres de bens mobles ou inmobles e a adquisición de materiais funxibles necesarios para o desenvolvemento do proxecto. Non poderán incluírse outros gastos de funcionamento da entidade solicitante para a execución do proxecto, que deberán incluírse nos gastos indirectos.

f) Fondo fiduciario. Entenderase por tal as contías que se empregan como préstamos directos ás persoas beneficiarias que deben ser devoltos por elas.

3. Custos indirectos: son os gastos de índole administrativa, loxística ou organizativa imputables ó proxecto e os gastos derivados exclusiva e directamente da identificación, formulación, seguimento e avaliación de cada un dos proxectos. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto será do 10% do importe total do orzamento do proxecto.

6. Valoración dos proxectos.

1. Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 30 puntos.

1. Presentación en consorcio por varias entidades.

2. Base social e experiencia en accións de cooperación ó desenvolvemento.

3. Nº de proxectos/experiencia no país ou zona onde se vai executa-lo proxecto.

4. Experiencia no sector de actuación do proxecto.

5. Achega financeira da ONGD ó proxecto.

II. Aspectos relacionados co socio local: ata 10 puntos.

1. Experiencia en proxectos de cooperación ó desenvolvemento.

2. Nº de proxectos/experiencia no país ou zona onde se vai executa-lo proxecto.

3. Experiencia no sector de actuación do proxecto.

4. Achega cuantificada ó proxecto.

5. Experiencia previa coa ONGD solicitante.

6. Relación da entidade local coas persoas beneficiarias directas.

7. Capacidade de fortalecemento do tecido social.

III. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 60 puntos.

1. Sinerxias cos seguintes programas: Programa Nauta (de ámbito rexional en África): política de xestión administrativa dos recursos mariños e a pesca; investigación mariña e dos recursos pesqueiros; desenvolvemento pesqueiro; formación e capacitación; acuicultura e servicios pesqueiros). Programas de saúde (de ámbito rexional en África): materno-infantil; loita contra as enfermidades tropicais e infecciosas e xestión sanitaria.

2. Identificación do proxecto con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural dos beneficiarios/as, zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación del.

3. Coherencia dos obxectivos coa problemática presentada.

4. Actividades que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal.

5. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos).

6. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto, cofinanciamento da ONGD e do socio local con achegas propias ou doutras entidades.

7. Recursos humanos e técnicos suficientes para acada-los obxectivos do proxecto.

8. Poboación beneficiaria: descrición precisa dos destinatarios/as, criterios de determinación, grao de participación nas distintas fases do proxecto.

9. Viabilidade técnica e sostibilidade do proxecto.

10. Impacto de xénero.

11. Impacto ambiental.

2. Será necesario acadar unha puntuación do 65% da máxima en cada un dos tres puntos sinalados para supera-la fase de valoración.

3. Para unha mellor valoración deles poderán solicitarse previamente á resolución os informes técnicos que se estimen oportunos ou da Comisión Técnica Asesora de Actividades de Desenvolvemento. Estes informes non terán carácter vinculante.

A Comisión Técnica Asesora de Actividades de Desenvolvemento estará integrada por cinco vocais nomeados pola Coordinadora Galega de ONGD.

7. Resolución.

Á vista dos expedientes instruídos e do resultado da valoración dos proxectos, o instructor elevará proposta de resolución ó conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, que resolverá.

Artigo 4º.-Compatibilidade de subvencións.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outras procedentes doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de tódalas obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

Artigo 5º.-Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación de beneficiario/a, contía, país de execución do proxecto e finalidade.

Artigo 6º.-Aceptación da subvención e compromiso de cofinanciamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará no prazo máximo de 20 días naturais, declaración por escrito de aceptación da axuda na que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferencia entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financia-las cantidades adicionais que correspondan.

De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro del, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente fose posible e sen que se altere a finalidade do proxecto aprobado, presentar unha reformulación económica del, que será obxecto dunha nova valoración. A non presentación no dito prazo de comunicación ningunha, entenderase que a entidade beneficiaria renuncia á subvención concedida, procedéndose ó seu arquivo.

No caso de reformulación do proxecto o centro directivo con competencias en materia de cooperación para ó desenvolvemento dictará nova resolución, que será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producirse renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas os seus importes poderán destinarse a incrementa-la axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a atende-los que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, foran mellor valorados.

Artigo 7º.-Anticipos e pagamentos.

1. Con base no artigo 29.5ª da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade

das subvencións, unha vez concedidas aboarase o cincuenta por cento do límite anual previsto nas normas financeiras e orzamentarias das contías outorgadas en concepto de anticipo.

Para tal efecto, as entidades beneficiarias deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do anticipo.

b) Certificación de inicio do proxecto expedida polo responsable da entidade beneficiaria.

c) Declaración responsable complementaria e actualizada das outras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

d) Compromiso específico de cesión dos bens mobles ou inmobles que resulten da execución do proxecto subvencionado ós beneficiarios/as ou socio local, se é o caso.

e) Orixinal ou fotocopia compulsada das certificacións acreditativas de estar ó corrente das súas obrigas cos seguintes organismos:

Axencia Estatal Tributaria.

Consellería de Economía e Facenda.

Tesourería da Seguridade Social.

f) Orixinal ou fotocopia compulsada do certificado de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

g) Certificación bancaria das contas da entidade e do socio local afectas á xestión do proxecto. Nestas contas asignadas ó proxecto terán o seu destino tódolos pagamentos que se realicen con cargo ó cofinanciamento da consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

2. A entidade solicitante transferirá, en función da execución do proxecto, as cantidades aprobadas á conta especificada polo socio local.

3. O 50% restante da subvención concedida librarase coa súa completa xustificación de acordo coas previsións do artigo 7 destas bases reguladoras.

Non obstante, os beneficiarios/as deberán acreditar, previamente a este último pagamento, que se atopan ó corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Facenda autonómica, máis unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

4. De conformidade coas previsións do artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, para o pagamento de anticipos que superen o importe de 30.050,61 euros ou os pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda da citada contía, nos

supostos de que se traten de subvencións de capital (capítulo VII do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma), os beneficiarios/as deberán constituír garantía a favor da Xunta de Galicia mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, e ésta deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ó remate do prazo de xustificación previsto nesta convocatoria.

Artigo 8º.-Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

1. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas coa documentación que se sinala no seguinte punto antes do día 15 do mes do peche do exercicio. Os proxectos con subvención plurianual, antes do día 15 de decembro do derradeiro ano subvencionado.

2. A entidade beneficiaria xustificará o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención mediante a presentación dun informe final integrado dos seguintes documentos:

a) Memoria de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados coa execución do proxecto e que deberá estar firmado polo responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia, xunto cun estudio do socio local sobre a repercusión do proxecto realizado e a súa continuidade ou viabilidade.

b) Memoria financeira final desagregada por conceptos de gastos aprobados, debendo constar:

1. Certificación dos gastos co importe total do proxecto por partidas orzamentarias e no que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado polo representante da entidade beneficiaria.

2. Relación de facturas que se xuntan co seu contravalor en euros.

3. Facturas que soporten a relación anterior, expedidas consonte a lexislación do país no que se adquirisen os bens ou prestasen os servicios. En todo caso incluirán: nome e apelidos se se tratase dunha persoa física ou a denominación social, enderezo e número de identificación fiscal ou tributaria, no caso de persoas xurídicas, do expendedor e destinatario; descrición da operación e contraprestación total; lugar e data de emisión e importe na moeda na que se emite.

Presentaranse orixinais de tódalas facturas que se aboen con cargo ó orzamento total do proxecto, que unha vez comprobadas serán devoltas ós interesados de oficio. No suposto de que a contraparte local non poida desprenderse dalgún documento xustificativo de gasto, presentará informe motivando a dita imposibilidade. Neste caso, será necesario que se achegue una fotocopia compulsada por funcionario público.

4. Relación de persoal contratado e voluntario da entidade solicitante e local que participaron na execución do proxecto, achegándose no primeiro caso as súas correspondentes nóminas.

5. Informe e documentación xustificativa da contía dos gastos indirectos que se imputan ó proxecto.

6. Xustificante da contabilidade individual do proxecto e das transferencias ás contas afectas á execución do proxecto das contrapartes locais e da súa recepción mailo extracto nos que consten os movementos daquelas contas bancarias.

7. Xustificante onde conste o importe dos xuros obtidos e indicación da partida ou partidas de gasto ás que se aplicasen.

8. Xustificación do emprego do fondo fiduciario coa relación de préstamos concedidos onde consten os seguintes datos: obxecto, tipo monetario, importe do préstamo, tipo de xuro, prazo de carencia, garantías e outras condicións esixidas ás persoas beneficiarias, reintegro e destino deses retornos.

Artigo 9º.-Seguimento, control dos programas e outras obrigas do beneficiario/a.

1. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de maneira inmediata ó centro directivo con competencia en materia de cooperación para o desenvolvemento sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado.

2. Nos proxectos cun prazo de execución superior a seis meses, a entidade beneficiaria deberá remiti-lo órgano xestor informes semestrais de seguimento técnico e económico no que se deberá facer constar:

a) A situación na que se atope o desenvolvemento do proxecto en relación cos indicadores sobre resultados, obxectivos acadados, impacto xeral e as posibles sinerxias do proxecto.

b) Xustificantes de gastos e copias das transferencias realizadas ó socio local.

De non remiti-lo informe sinalado anteriormente no prazo indicado, notificaráselle para que así o faga no prazo de 15 días, transcorrido o cal se iniciará o procedemento de reintegro da axuda recibida.

3. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución e unha vez finalizada por representantes do centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, para o que a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos.

4. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ó órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados.

5. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en tódalas accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) o logotipo oficial da cooperación galega, todo iso en formato duradoiro e material resistente,

para a debida difusión da orixe da subvención. Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da cooperación galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condición de seguridade. O logotipo será facilitado polo órgano xestor.

Artigo 10º.-Reintegro por incumprimentos.

Os beneficiarios/as que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ó reintegro da totalidade delas en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional en caso dunha parcial falta de xustificación, sen prexuízo da esixencia das responsabilidades administrativas e penais a que houber lugar.

Así mesmo, os beneficiarios/as deberán reintegra-las subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras.

Artigo 11º.-Información ós órganos fiscalizadores.

Os beneficiarios/as estarán obrigados/as a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, polo Tribunal de Contas Español e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 12º.-Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte ós seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e seren formuladas por escrito dirixido ó centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 13º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas na aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñe-los seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición perante o mesmo órgano que dictou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente desa orde, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se teña por producido o acto presunto.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA