DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 09 de marzo de 2004 Páx. 3.092

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de febreiro de 2004 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento con domicilio social en Galicia e pola que se convocan as correspondentes ó ano 2004.

As políticas de cooperación ó desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade.

Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola mellora das condicións de vida dos pobos máis necesitados da comunidade internacional.

A política de cooperación ó desenvolvemento que realiza a nosa Comunidade Autónoma experimenta unha evolución positiva nos últimos anos, tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros como á extensión da cobertura xeográfica que abarca, prestándose unha especial atención á cooperación que se realiza cos países latinoamericanos.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixi-las situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e un reparto máis xusto dos froitos do crecemento económico.

Unha das prioridades sectoriais desta lei é potencia-los axentes de cooperación ó desenvolvemento de Galicia co fin de crear unha rede de solidariedade na nosa sociedade, así como impulsar e promove-la participación social e cidadá nas accións de cooperación para o desenvolvemento.

Pola súa parte, entre os axentes de cooperación recoñecidos pola lei, concédeselle especial relieve ás organizacións non gobernamentais que se constitúen como interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

Así, xa que logo, cómpre establece-las bases que regulen o réxime de concesión de subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para a consolidación e fortalecemento das organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento con sede social en Galicia.

Á súa vez, procede aproba-la convocatoria da concesión de subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 de acordo coas bases reguladoras que se aproban e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e para procura-la normalización e simplificación dos procedementos,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aproba-las bases reguladoras que se xuntan como anexo desta orde para a concesión de subvencións para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento con domicilio social en Galicia.

2. Convoca-las subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2004 de acordo coas bases reguladoras aprobadas por esta orde, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 04.03.213B.480.1 dotándoas cun importe máximo de 140.000 euros. Os gastos correspondentes ós exercicios de 2005, por importe de 42.000 euros, de 2006 por importe de 42.000 euros, imputaranse ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia deses anos.

Disposición adicional

Deléganse no secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior as atribucións para a resolución dos procedementos de concesión, de revogación e reintegro das subvencións, de modificación destas, e dos sancionadores que procedan, de se-lo caso, agás cando a competencia resida no Consello da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior para dictar cantas disposicións e instruccións sexan precisas para o mellor desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO I

Bases reguladoras da concesión de subvencións para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento con domicilio social en Galicia:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Estas bases teñen como obxecto a regulación da concesión de subvencións para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento con domicilio social en Galicia.

Artigo 2º.-Solicitudes, requisitos, documentación e prazo de presentación.

1. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior (rúa dos Feáns, 5-baixo, 15706 Santiago de Compostela, cooperacion.exterior*xunta.es), cubertas no modelo que figura como anexo destas bases reguladoras, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Requisitos.

2.1. As entidades solicitantes deben reuni-los seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ó Desenvolvemento creado por orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública (agora Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública) do 4 de abril de 1994.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Te-lo seu domicilio social en Galicia.

d) Ter xustificado, se é o caso, e antes do remate do prazo de solicitude desta convocatoria, as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia para proxectos de cooperación ó desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, cómpre ter efectuado o correspondente ingreso, nos casos nos que recaera resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

e) Non estar inhabilitadas, administrativa ou xudicialmente, para obter axudas.

f) Estar ó día nas súas obrigas tributarias, sociais e fiscais e non estar incursas en procedemento ningún de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia sobre axudas.

g) Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos de actividades formulados por varias ONGD agrupadas. Neste caso, cada unha das entidades agrupadas deberá cumpri-los requisitos sinalados anteriormente. As entidades asociadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán un responsable e enderezo único para efectos das notificacións administrativas dos expedientes.

2.2. Subvencionaranse preferentemente aquelas organizacións non gobernamentais que conten coa participación de máis persoas en calidade de socios así como as que se presenten agrupadas.

3. Documentación.

As entidades que concorran ás convocatorias deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude de subvención no modelo que figura como anexo destas bases reguladoras e identificación do proxecto, que deberá presentarse en soporte papel, segundo o formulario que será facilitado por medio de correo electrónico polo órgano xestor.

b) Documento acreditativo da representación e documento de identificación da persoa que formula a solicitude debidamente cotexados.

c) NIF compulsado da entidade.

d) Declaración das outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

e) Documentación acreditativa de dispor de sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma.

f) Certificación da secretaría da entidade referida ós estatutos consonte esta ten o seu domicilio social no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Escritura de compravenda ou de doazón ou contrato de aluguer do local social ou, se é o caso, acordo, certificación ou documento que acredite a cesión ou posta á disposición do local a nome da ONGD.

h) Facturas de gastos de funcionamento a nome da entidade do último mes dispoñible (teléfono, electricidade, auga).

i) Documentos acreditativos da relación ou vinculación existente entre a entidade e o persoal ó seu servicio (contratos laborais, declaración responsable, etc.).

j) Certificación da secretaría da entidade sobre o número de socios/as.

k) Certificación da secretaría da entidade con referencia ó estado de ingresos da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade na que figuren os ingresos obtidos polas achegas periódicas dos socios/as.

l) Memoria da ONGD na que se inclúan os proxectos de cooperación ó desenvolvemento levados a cabo nos últimos catro anos.

m) Orzamento detallado e desagregado dos gastos previstos nos exercicios para os que se solicita a subvención, amparados nestas bases reguladoras coa indicación da contía da subvención solicitada para cada un deses anos.

n) Cando varias ONGD se agrupen para a realización dun proxecto, deberase xuntar á solicitude contrato ou acordo de colaboración asinado entre os seus representantes legais polo que se obrigan solidariamente perante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ó reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se concedeu a subvención; neste documento designarán un/unha representante legal e un enderezo único para os efectos de notificacións. Asemade deberá detalla-las actuacións nas que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ó financiamento, actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, se é o caso.

4. Prazo de presentación.

As solicitudes presentaranse no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Instrucción, prazo de resolución, condicións de financiamento, gastos subvencionables, valoración e resolución.

1. A instrucción do procedemento corresponderá á subdirección xeral competente en materia de cooperación exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados ou está afectada de falta de documentación, requirirase o/a interesado/a para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, coa indicación de que se así non o fixera, terase por desistido/a da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses. De non terse notificado resolución expresa neste prazo as solicitudes poderanse entender desestimadas.

3. Condicións de cofinanciamento.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 90% do orzamento total dos gastos. A subvención distribuirase por anualidades do seguinte xeito: 40% en 2004, 30% en 2005, 30% en 2006, non superando o importe total da subvención concedida para os tres anos ós 15.000 euros, agás nos supostos de que varias entidades se presenten agrupadas para a recepción de servicios comúns nos que poderá ascender á contía de 25.000 euros.

4. Subvencionaranse os seguintes gastos:

-Asistencias técnicas para a constitución ou transformación en fundacións, estudios de viabilidade, organizativos e outros de natureza análoga.

-Aluguer do local da entidade.

-Gastos de contratación de persoal experto.

-Adquisición de material funxible como material de oficina consumible, libros, material informático non inventariable e outros gastos en bens e servicios correntes.

-Subministracións de auga, gas, electricidade ou outros servicios ou abastecementos.

-Comunicacións: servicios telefónicos incluído Internet, servicios postais e telegráficos.

-Gastos de formación do persoal, de socios/as e de voluntarios/as.

-Outros gastos de funcionamento ordinario.

En ningún caso se subvencionarán gastos de capital.

5. Valoración dos proxectos.

5.1. Os proxectos avaliaranse consonte os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa traxectoria da entidade solicitante: ata 30 puntos.

1) Experiencia e traxectoria da entidade en proxectos de cooperación ó desenvolvemento.

2) Solicitudes presentadas por entidades que presenten unha auditoría externa das contas sobre resultados da súa xestión do último ano.

II. Outros aspectos: ata 50 puntos.

1) Previsións de contratación de persoal.

2) Porcentaxe de financiamento da entidade solicitante ou doutras entidades.

3) Ingresos obtidos das achegas económicas dos socios/as no último exercicio.

4) Número de socios/as.

5) Solicitudes que prevexan a realización dunha auditoría externa para presentar co informe final, na que conste o grao de cumprimento dos obxectivos acadados, e a xustificación económica do gasto.

6) Solicitudes que se formulen para a realización dunha auditoría da xestión económica da entidade durante os últimos catro anos.

III. Presentación en consorcio: ata 20 puntos.

5.2. Será necesario acadar unha puntuación do 65% da máxima en cada un dos puntos I e II para supera-la fase de valoración.

5.3. Para unha mellor valoración deles poderán solicitarse previamente á resolución os informes técnicos que se estimen oportunos ou da Comisión Téc

nica Asesora de Actividades de Desenvolvemento. Estes informes non terán carácter vinculante.

A Comisión Técnica Asesora de Actividades de Desenvolvemento estará integrada por cinco vocais nomeados pola coordinadora galega de ONGD.

6. Resolución.

Á vista dos expedientes instruídos e do resultado da valoración dos proxectos, o instructor elevará proposta de resolución ó conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, que resolverá.

Artigo 4º.-Compatibilidade de subvencións.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outras procedentes doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de tódalas obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

Artigo 5º.-Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da entidade beneficiaria, contía e finalidade.

Artigo 6º.-Aceptación da subvención e compromiso de cofinanciamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará no prazo máximo de 20 días naturais, declaración por escrito de aceptación da axuda na que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferencia entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida e, se é o caso, solicitude de libramento do anticipo achegando a documentación sinalada no artigo seguinte. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financia-las cantidades adicionais que correspondan.

De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente fose posible e sen que se altere a finalidade do proxecto aprobado, presentar unha reformulación económica do mesmo, que será obxecto dunha nova valoración. A non presentación no dito prazo de comunicación ningunha, entenderase que a entidade beneficiaria renuncia á subvención concedida, procedéndose ó seu arquivo.

No caso de reformulación do proxecto o centro directivo con competencias en materia de cooperación para o desenvolvemento dictará nova resolución, que será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producirse renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas o importe delas poderá destinarse a incrementa-la axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a atender ós que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, foran mellor valorados.

Artigo 7º.-Anticipos e pagamentos.

1. Con base no artigo 29.5ª da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, unha vez concedidas aboarase un anticipo do 50% do límite anual previsto no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999 tendo en conta do seu carácter de compromiso plurianual.

Para tal efecto, as entidades beneficiarias deberán presenta-la seguinte documentación.

a) Solicitude de libramento do anticipo.

b) Certificación de inicio das accións previstas.

c) Declaración responsable complementaria e actualizada das outras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para as accións subvencionadas.

d) Orixinal ou fotocopia compulsada das certificacións acreditativas de estar ó día das súas obrigas cos seguintes organismos:

-Axencia Estatal Tributaria.

-Consellería de Economía e Facenda.

-Tesourería da Seguridade Social.

e) Orixinal ou fotocopia compulsada do certificado de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

f) Certificación bancaria da conta bancaria da entidade na que se deben ingresa-los pagamentos.

2. Os importes restantes da subvención concedida libraranse coa súa completa xustificación de acordo coas previsións do artigo 7 destas bases reguladoras.

Non obstante, as entidades beneficiarias deberán acreditar con carácter previo a este último pagamento, que se atopan ó día das obrigacións tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Facenda autonómica, máis unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

Artigo 8º.-Prazo e forma de xustificación das subvención outorgadas.

1. As subvencións concedidas terán que xustificarse por anualidades antes do día 15 de decembro de cada ano.

2. A entidade beneficiaria xustificará o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención mediante a presentación dun informe final integrado polos seguintes documentos:

a) Memoria de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados coa subvención que deberá estar asinado polo/a responsable da xestión técnica-económica do proxecto.

b) Memoria financeira desagregada por conceptos de gastos aprobados, debendo constar:

1. Certificación dos gastos co importe total do proxecto por partidas orzamentarias, asinado polo/a representante da entidade beneficiaria.

2. Relación de facturas que se xuntan coa indicación do seu importe.

3. Facturas que soporten a relación anterior. Presentaranse orixinais de tódalas facturas que se aboen con cargo ó orzamento anual da solicitude, que unha vez comprobadas serán devoltas ós/ás interesados/as de oficio.

4. Relación de persoal contratado con cargo á subvención.

5. Xustificante en que conste o importe dos intereses obtidos e indicación da partida ou partidas de gasto ás que se aplicasen.

Artigo 9º.-Seguimento, control das actividades e outras obrigas.

1. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de maneira inmediata o centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento das accións subvencionadas.

2. A xestión das actividades poderá ser examinada durante a súa execución e unha vez finalizada por representantes do centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, para o que a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos.

3. As entidades beneficiarias obríganse a lle facilitar ó órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto das actividades subvencionadas.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en tódalas accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) o logotipo oficial da cooperación galega, todo iso en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención. Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da cooperación galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condición de seguridade. O logotipo será facilitado polo órgano xestor.

Artigo 10º.-Reintegro por incumprimentos.

As entidades beneficiarias que incorreran en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditaran, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ó reintegro da totalidade delas en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional en caso dunha parcial falta de xustificación, sen prexuízo da esixencia das responsabilidades, administrativas ou penais, ás que houbera lugar.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegra-las subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras.

Artigo 11º.-Información ós órganos fiscalizadores.

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 12º.-Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, beneficiarios, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ó centro directivo con competencias en materia de cooperación exterior, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 13º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas na aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñe-los seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición perante o mesmo órgano que dictou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente desa orde, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se teña por producido o acto presunto.