DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 09 de marzo de 2004 Páx. 3.083

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de febreiro de 2004 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de bolsas de formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento nas oficinas técnicas de cooperación e pola que se convocan dúas bolsas.

A política de cooperación ó desenvolvemento está experimentando na nosa Comunidade Autónoma un importante crecemento, que concorre xunto coas executadas polo Reino de España, a Unión Europea e os organismos internacionais -singularmente os programas das Nacións Unidas-, tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros como á extensión xeográfica que abarca, sendo necesaria a formación de recursos humanos para o desenvolvemento das accións neste campo, especialmente trala aprobación e publicación da Lei 3/2003, do 19 do xuño, de cooperación para o desenvolvemento, pola que a Comunidade Autónoma de Galicia asume a responsabilidade de cooperar con outros países para propicia-lo seu desenvolvemento integral.

Coa aprobación das bases reguladoras para a concesión de bolsas preténdese apoia-la formación de expertos/as en cooperación internacional, coa finalidade de complementa-la formación académica dos titulados/as superiores con prácticas nas oficinas técnicas de cooperación (no que segue, OTC) dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional de acordo co previsto no convenio subscrito entre esta axencia e a Xunta de Galicia.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos para o fin para o que foron orzados

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aproba-las bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento nas oficinas técnicas de cooperación (OTC) que se inclúen como anexo I desta orde.

2. Convoca-la concesión de dúas bolsas de acordo coas bases reguladoras que figuran no anexo I, con cargo á aplicación orzamentaria 04.03.213B.490.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia pola contía global de 39.606,06 euros, da cal 27.606,06 euros se imputarán ós do exercicio 2004 e 12.000 euros ós do exercicio 2005.

Disposición adicional

Única.-Deléganse no secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior as atri

bucións para a resolución dos procedementos de concesión, de revogación e reintegro das bolsas, de modificación destas e dos sancionadores que procedan, de se-lo caso, excepto cando a competencia resida no Consello da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior para dictar cantas disposicións e instruccións sexan precisas para o mellor desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-A todo o non previsto na presente orde, aplicarase o disposto no Decreto lexisativo 1/1999, de 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Estas bases, a convocatoria e cantos actos administrativos se deriven delas, poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de expertos en cooperación internacional para o desenvolvemento nas oficinas técnicas de cooperación dependentes da AECI.

Primeira.-Obxecto.

Estas bases teñen por obxecto regula-la concesión de bolsas para a formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento nas oficinas técnicas de cooperación dependentes da AECI.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Os solicitantes deben reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ser natural de Galicia ou ter veciñanza administrativa en Galicia ou te-la condición de residente ausente.

c) Non supera-la idade de 30 anos na data en que acabe o prazo de presentación de solicitudes.

d) Estar en posesión de título universitario superior.

e) Non ter transcorrido máis de catro anos desde a data de finalización dos estudios superiores.

f) Non manter relación laboral en vigor co organismo que promove a bolsa nin coas entidades colaboradoras.

Terceira.-Solicitude, documentación e prazo de presentación.

1. Os interesados/as deberán cubri-la solicitude que figura no anexo I dirixida ó secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior e presentada por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude presentaranse, ademais, os seguintes documentos:

a) Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura, xunto co título ou depósito do título.

b) Certificado de inscrición no padrón de habitantes do concello da súa residencia ou na oficina consular no suposto de residentes ausentes.

c) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante, por ámbalas dúas caras, e do libro de familia.

d) Certificado médico que acredite non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desempeño das funcións do posto de traballo.

e) CurrÍculum vitae, acompañado da documentación cotexada acreditativa dos méritos e experiencia alegada co obxecto da súa avaliación.

f) Memoria explicativa do seu coñecemento das accións internacionais de cooperación exterior.

g) Declaración do conxunto de tódalas axudas solicitadas ou concedidas para as actividades obxecto desta orde das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Certificación de vida laboral emitida pola Tesourería da Seguridade Social.

i) Documento acreditativo do coñecemento de galego con especificación do grao.

j) No caso de alega-lo coñecemento de idiomas estranxeiros, será necesario acreditalo mediante títu

los ou diplomas expedidos por escolas ou centros públicos oficiais, españois ou estranxeiros.

k) Dúas fotografías tamaño carné co seu nome e apelidos ó dorso.

2. O prazo para a presentación da solicitude e a documentación sinalada no parágrafo anterior será de 40 días hábiles a partir do día seguinte ó da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou que a documentación presentada tivese erros ou fose incompleta, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos necesarios con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición procedendo ó arquivo do seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Duración das bolsas, contía e obrigas dos bolseiros/as.

1. O período de desfrute das bolsas comezará a contarse a partir do primeiro día do seguinte mes ó da data que se fagan públicos os resultados da convocatoria, sempre que conste a aceptación da bolsa e terá unha duración de doce meses. A dotación de cada unha delas é de 1.500 euros brutos mensuais.

Para facilitarlles ós bolseiros/as o pagamento dos gastos de viaxe, seguros e instalación, farase un pagamento por importe de 1.803,03 euros e dunha mensualidade, con antelación á súa partida a fin de que dispoña de fondos tanto para os gastos en España previos á viaxe (billete e seguro) como para os que se xeren durante o primeiro mes de estadía no país de destino, aboándose, a partir do segundo mes de duración da bolsa, a mensualidade correspondente na contía sinalada.

2. A aceptación da bolsa xera a obriga do bolseiro/a de subscribir un seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade, que terá cobertura internacional e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da susodita cobertura, así como a obriga de asumi-los gastos de desprazamento ordinario en España, de se-lo caso, que deba realizar por instruccións da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior (en diante, secretaría).

3. O bolseiro/a quedará baixo a dependencia mediata da secretaría e inmediata do coordinador xeral da OTC á que se incorpore, quen lle asignará os traballos atendendo á súa formación e capacidades. Ademais, os beneficiarios/as realizarán o seguimento dos programas e proxectos financiados pola Xunta de Galicia.

Para a adxudicación dos destinos, a Axencia Española de Cooperación Internacional terá en conta o coñecemento por parte dos bolseiros/as seleccionados dos idiomas dos países en que o español non sexa o idioma predominante.

Igualmente, antes da súa incorporación ás OTC, os bolseiros/as seleccionados incorporaranse durante un período mínimo de dous días á Axencia Española de Cooperación Internacional en Madrid, a fin de coñece-la estructura do dito organismo, as súas estratexias e programas, así como ós responsables dos países onde van realiza-las súas prácticas, que lles sinalarán os seus principais cometidos na OTC de destino.

4. O bolseiro/a tamén se obriga pola aceptación a:

-Non desempeñar ningún traballo remunerado durante o período de vixencia da bolsa.

-Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

-Menciona-la súa condición de bolseiro/a nas teses de doutoramento ou nos traballos de investigación que poida realizar.

-Realiza-lo plan de traballo baixo as directrices da secretaría e do coordinador/a xeral da OTC e someterse ás normas en canto á xornada laboral e funcionamento que esta determine.

-Desprazarse por instrucción da secretaría e da OTC.

-Utiliza-los medios dispoñibles no centro de traballo para a realización das actividades que lle sexan encomendadas.

Quinta.-Procedemento de adxudicación das bolsas e baremo.

1. Para a adxudicación das bolsas constituirase unha comisión de avaliación, que adaptará o seu funcionamento ó previsto na presente convocatoria e, supletoriamente, ós regulamentos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comisión comporase dos seguintes membros:

1. Presidente: o subdirector/a xeral con competencia en materia de cooperación exterior.

2. Secretario: un xefe de servicio da secretaría.

3. Vocais: dous funcionarios/as da secretaría designados polo presidente da comisión avaliadora con rango de xefe de servicio. Un representante designado pola AECI.

Os membros da comisión non cobrarán indemnización por asistencia.

2. A comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando os méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

A) Formación (de 0 a 6 puntos).

-1 punto por unha licenciatura a maiores da titulación esixida e 0,50 puntos por unha diplomatura a maiores da titulación esixida como requisito para acceder á bolsa (máximo 1 punto).

-Por cursos de galego: 0,50 puntos en grao de iniciación e 1 punto en grao de perfeccionamento.

-Por coñecemento de idiomas estranxeiros: 0,50 puntos por cada un ata un máximo de 1,50 puntos.

-Por cada curso de formación relacionado coa cooperación e acción exterior, de máis de 40 horas: 0,10 puntos ata un máximo de 0,50.

-Por cursos de posgrao ou máster en materias relacionadas coa cooperación para o desenvolvemento, Unión Europea, comercio exterior ou relacións internacionais: 1 punto (máximo 1 punto).

-Por cursos relacionados coa informática e/ou a Internet, de máis de 20 horas: 0,10 puntos por cada un ata un máximo de 0,50 puntos.

-Por outros méritos documentados que serán valorados pola comisión como contratos laborais, bolsas desfrutadas, outros cursos, etc., (ata 0,50 puntos).

B) Experiencia (ata 4 puntos).

-Experiencia en tarefas de voluntariado social debidamente acreditada: 1 punto por cada seis meses e ata un máximo de 2 puntos.

-Experiencia acreditada en cooperación ó desenvolvemento: 1 punto por cada 6 meses ata un máximo de 2 puntos.

3. Entrevista persoal.

A comisión de selección poderá realizar ós aspirantes que conseguirán na avaliación da formación e da experiencia unha puntuación mínima de 4 puntos, unha entrevista en que se valorarán as aptitudes e actitudes persoais dos aspirantes para a realización das funcións que se van desempeñar, o coñecemento dos temas de cooperación así como a facilidade de expresión oral. A entrevista será valorada de 0 a 5 puntos.

A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico ou profesional que considere necesario e que poderá asistir ás sesións con voz pero sen voto.

4. A comisión proporá unha lista de adxudicatarios/as entre os solicitantes que acaden unha maior puntuación, facéndoa pública mediante a inserción

no taboleiro de anuncios da secretaría. Incluirase unha lista de reserva, integrada polos solicitante, valorados cun mínimo de 4 puntos na fase de entrevista segundo a orde de puntuación consecutiva, que se terán en conta para os supostos de renuncias ou baixas dos adxudicatarios/as.

5. A comisión elevará a súa proposta ó conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, que resolverá, logo da súa fiscalización, sobre a concesión das bolsas.

6. O prazo máximo para resolver será de tres meses. De non dictarse resolución no indicado prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

7. No suposto de que, unha vez adxudicadas as bolsas, os beneficiarios/as que non declarasen a súa aceptación ou renunciasen unha vez aceptada, poderase adxudica-la bolsa ó seguinte aspirante con maior puntuación procedéndose, do mesmo xeito, no caso de inaceptación ou renuncias sucesivas.

8. De non presentarse solicitudes, ou non acadaren as rexistradas na fase de avaliación da formación e da experiencia a puntuación mínima esixida, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da secretaría que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Sexta.-Aceptación, renuncia e reintegro.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios/as, estes, no prazo máximo de cinco días naturais, comunicarán á secretaría a súa aceptación ou renuncia. No caso de aceptación, adxuntarase con ela certificación bancaria da conta onde deberá ser aboada a bolsa e acreditación de dispoñer da cobertura asistencial esixida na base cuarta, parágrafo dous. Transcorridos os sinalados cinco días, se os beneficiarios/as non se declararan en ningún sentido, entenderase que renuncian á bolsa, procedéndose a adxudicala ó seguinte solicitante que figure por orde de puntuación na lista de reserva confeccionada inicialmente.

Seguirase este mesmo procedemento cando durante o tempo de vixencia da bolsa se producise algunha vacante por calquera circunstancia, incluída a renuncia.

2. A renuncia durante a vixencia da bolsa dará lugar ó reintegro das cantidades percibidas, logo da instrucción do correspondente procedemento de reintegro, excepto supostos de enfermidade, de accidente ou derivados do cumprimento de obrigas legais.

Sétima.-Natureza xurídica da relación.

A aceptación da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra

natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica ou a Administración xeral do Estado e o beneficiario/a, nin suporá a súa alta en ningún réxime da Seguridade Social. Os dereitos e as obrigas cínguense en exclusiva ós estipulados nas presentes bases reguladoras.

Oitava.-Pagamento das bolsas.

As bolsas serán aboadas por mensualidades vencidas despois da correspondente certificación da subdirección xeral competente en materia de cooperación exterior do bo aproveitamento das prácticas.

Novena.-Causas de extinción e revogación da bolsa.

1. A condición de bolseiro/a se extingue por:

-Expiración do período de duración da bolsa.

-Renuncia.

-Enfermidade ou accidente que o incapacite para o desenvolvemento das prácticas.

2. Darán lugar á revogación da bolsa, logo de instrucción de procedemento contradictorio:

-O incumprimento por parte do bolseiro/a das obrigas relacionadas na base cuarta, contraídas coa aceptación da bolsa.

-A ausencia inxustificada.

-Obtención da bolsa sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión ou destinala para finalidades distintas para a que foi concedida.

3. A revogación da bolsa obrigará o beneficiario/a ó reintegro das cantidades percibidas incluídos os xuros de demora, logo de instrucción do procedemento de reintegro previsto na normativa de aplicación.

Décima.-Memoria final.

No prazo dun mes desde que finalice o período de formación, os bolseiros/as presentarán á secretaría unha memoria resumo das actividades realizadas no seu destino así como certificación do coordinador xeral da OTC correspondente, que será avaliada pola subdirección xeral competente en materia de cooperación exterior, expedíndose, á súa proposta, polo secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior, diploma acreditativo do bo aproveitamento das prácticas e aptitude con indicación da súa duración, de seren estas avaliadas positivamente en función do grao de cumprimento das tarefas encomendadas.