DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Luns, 08 de marzo de 2004 Páx. 3.021

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 51/2004, do 4 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas de corpos e escalas de Administración xeral e especial da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

A Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, no seu artigo 29 establece os criterios en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, concibida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ó servicio das administracións públicas, nos que deben prima-los principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

O artigo 34 da dita Lei 4/1988 establece os sistemas de acceso para o ingreso á Función Pública, mediante convocatoria pública, baseados nos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Así mesmo, e de conformidade co disposto no artigo 22.1º da Lei 30/1984, de 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, a promoción interna poderá levarse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso.

En aplicación do disposto na Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, e co obxecto de favorece-la estabilidade no emprego, a presente oferta de emprego incluirá as prazas de Administración xeral e especial desempeñadas por persoal interino, nomeado ou contratado nos dous exercicios anteriores, excepto aquelas sobre as que exista unha reserva do posto ou que estean incursos en procesos de provisión.

Nalgúns postos de funcionarios presta servicios, con carácter definitivo, persoal laboral fixo afectado polo establecido na disposición adicional décimo terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, engadida pola Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo. Este precepto prevé a posibilidade de levar a cabo determinados procesos para tal persoal adscrito, definitivamente, a postos reservados a funcionarios.

Polo anterior, e tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial desta Comunidade Autónoma que afectan ó funcionamento dos servicios públicos esenciais, de conformidade co previsto no artigo 27 da Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos

xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, así como no artigo 20 da Lei 61/2003, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2004, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa ó persoal funcionario de distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial, no ano 2004.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais correspondentes, logo de informe da comisión de persoal, cos votos a favor de CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF, e de conformidade co establecido no artigo 12.8º da Lei 4/1988, do 26 de maio, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación da oferta de emprego público.

Apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial da Xunta de Galicia para o 2004 nos termos que se establecen no presente decreto, e de conformidade co disposto no artigo 29.6º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Artigo 2º.-Cuantificación da oferta de emprego público.

Nesta oferta de emprego público inclúense as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, de acordo cos criterios e segundo a composición que se detalla no anexo.

Artigo 3º.-Persoal de novo ingreso.

3.1. Nos corpos e escalas de Administración xeral da Xunta de Galicia, ofertaranse as prazas que especificamente se detallan no anexo e o sistema de selección será o de oposición.

3.2. Na Administración especial da Xunta de Galicia, ofertaranse as prazas correspondentes ó corpo facultativo superior de Administración da Xunta de Galicia, escala de veterinarios, que especificamente se detallan no anexo, nos termos previstos nas disposicións transitorias décima e décimo primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e o sistema de selección será o de concurso-oposición.

Artigo 4º.-Promoción interna.

4.1. En 2004, en consonancia co acordo da mesa sectorial de funcionarios do 8 de outubro de 2003, de fomenta-la promoción interna, convocaranse 402 prazas para os distintos grupos de persoal funcionario, coa distribución por corpos que determine a Consellería da Presidencia, Relacións Institucio

nais e Administración Pública. Estes procesos selectivos de promoción interna levaranse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso.

Por grupos de titulación, a distribución de prazas é a seguinte:

Grupo A: 47.

Grupo B: 55.

Grupo C: 200.

Grupo D: 100.

4.2. Realizarase unha promoción interna separada a través dun concurso-oposición para permitir que os funcionarios dos corpos de Administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ó grupo inmediato superior sempre e cando teñan a titulación necesaria e teñan prestados servicios efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario de carreira no corpo do grupo de titulación inmediatamente inferior ó do corpo ó que pretendan acceder.

A determinación de a que colectivos será susceptible a aplicación desta medida será efectuada pola Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública nas convocatorias correspondentes.

Ós aspirantes que superen este proceso de promoción interna adxudicáraselles destino no mesmo posto que veñan desempeñar sempre que estivese aberto ó corpo do grupo de titulación ó que se acceda.

Artigo 5º.-Probas de acceso establecidas na disposición adicional décimo terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio.

a) Convocarase un proceso selectivo para o acceso ós corpos de funcionarios que se especifican no punto b) deste artigo, no que se ofertarán as prazas que, así mesmo, se sinalan, no que só poderá participar o persoal laboral fixo que preste servicios con carácter definitivo en postos reservados a persoal funcionario do corpo ó que aspire ingresar, sempre que posúan a titulación académica esixida pola normativa vixente para o acceso ó correspondente corpo e os restantes requisitos ós que se refire este artigo. Nas mesmas condicións, poderá participar o persoal laboral que se atope en situación de excedencia con dereito a reserva do posto de traballo conforme a normativa laboral aplicable.

b) O persoal laboral fixo que participe nesta probas deberá pertencer ós grupos e categorías que a seguir se detallan para o acceso, exclusivamente, ós corpos de funcionarios que tamén se indican:

Grupo e categoría de pertenzaGrupo e corpo de funcionarios ó que poderá accederPrazas

Grupo IV, categoría (1) auxiliar gravación. Oficial 2ª linotipista. Auxiliar administrativo/a. Oficial 2ª administrativo/a. Técnico/a auxiliar en informática. Operador/a máquina elemental. Auxiliar.Grupo D. Corpo de auxiliares da Xunta de Galicia.247

Grupo V, categoría (3) Ordenanza. Celador/a. Vixilante oficinas. Vixilante nocturno/a. Vixilante. Subalterno/a. Porteiro/a. Recepcionista. Telefonista. Sereno. Garda. Garda xuramentado. Grupo V, categoría (12) mozo subalterno.Grupo E. Corpo subalterno da Xunta de Galicia.80

Non poderá participar o persoal fixo a extinguir integrado polo Regulamento aprobado polo Decreto 289/2001, de 15 de novembro, nin o restante persoal afectado polas disposicións transitorias décima e decimoprimeira da Lei 4/1988, de 26 de maio, da Función Pública de Galicia.

c) O persoal laboral fixo que supere as probas será nomeado funcionario/a do correspondente corpo e quedará destinado no mesmo posto de traballo que viña ocupando e poderá participar nos concursos de traslados sen necesidade de permanecer dous anos en tal posto.

Artigo 6º.-Persoas con discapacidade.

6.1. Nos procesos selectivos para o ingreso en corpos e escalas de funcionarios, así como nos de promoción interna, serán admitidas as persoas con minusvalidez nos termos previstos no presente artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou período de prácticas, estableceranse, para as persoas con minusvalidez que o soliciten, as adaptación posibles de tempo e/ou medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formula-la correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais ou comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

6.2. En cada convocatoria reservarase o cinco por cento das vacantes ofertadas para seren cubertas por quen teña a condición legal de persoa con minusvalidez, de conformidade co previsto na disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas de reserva computarase como unha praza a incluír en tal cota.

Cando o número de vacantes ofertadas en cada convocatoria sexa igual ou superior a 10 pero inferior ó número necesario para aplica-lo sinalado nos parágrafos anteriores reservarase, en todo caso, unha praza á devandita cota.

En todo caso, en cada convocatoria establecerase o número concreto de prazas que quedan reservadas para persoas con minusvalidez ás que puidera corresponder esta cota. Farase constar, así mesmo, que non se reserva ningunha praza no suposto de que non se alcanzase o mínimo necesario para isto de acordo co previsto nos puntos anteriores.

A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reuni-la con

dición esixida ó respecto, que se acreditará se obtivese praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas realizaranse en condicións de igualdade co resto dos aspirantes de promoción interna ou de novo ingreso, segundo corresponda, sen prexuízo das adaptacións previstas neste artigo.

Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ó tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvoltas polos funcionarios do corpo ou escala ó que se opta, poderán solicita-lo correspondente dictame do órgano competente.

Con anterioridade ó nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, poderá requirir, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, dictame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

Ademais do anterior, os procesos selectivos deberán incluí-la posibilidade de que nas convocatorias nas que se estableza unha cota de reserva para discapacitados, unha vez cubertas as prazas desta cota, os aspirantes que superasen a fase de oposición, sen obteren praza pola devandita cota, poidan optar, en igualdade de condicións, ás prazas do sistema xeral, tanto no caso de acceso por promoción interna como no da quenda libre.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dictar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO

* Corpos e escalas de Administración xeral e especial.

-Grupo A:

Superior de Administración da Xunta de Galicia40.

Escala de letrados8.

Escala superior de finanzas10.

Escala superior de estatísticos5.

Escala de veterinarios258.

-Grupo B:

Escala técnica de finanzas10.

-Grupo D:

Auxiliar da Xunta de Galicia200.

-Grupo E:

Subalterno da Xunta de Galicia200.

* Persoal a funcionarizar.

-Grupo D:

Auxiliar da Xunta de Galicia247.

-Grupo E:

Subalterno da Xunta de Galicia80.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL