DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Venres, 05 de marzo de 2004 Páx. 2.986

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 12 de febreiro de 2004 pola que se declara de interese galego a Fundación de Daño Cerebral (Fudace) e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 24 de novembro de 2003 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 13 de novembro de 2003, pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación de Daño Cerebral (Fudace), adscribíndoa á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego y Relacións Laborais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

O obxecto da fundación , segundo establece o artigo 4 dos seus estatutos, consiste na articulación de medidas asistenciais, prelaborais, laborais ou formativas para os paralíticos cerebrais e grandes discapacitados físicos e psíquicos que acrediten a súa condicion legal de minusválidos, e proxéctase inicialmente na provincia de Lugo.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confiere o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, e no Decreto 8/2003 do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación de Daño Cerebral (Fudace), ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación de Daño Cerebral (Fudace), no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2004.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais,

Emprego e Relacións Laborais