Con data do 28 de novembro de 2003 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 20 de novembro de 2003, pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Fernández Espín, adscribíndoa á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
O obxecto da fundación, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, é facilitarlles ó xubilados, anciáns e desvalidos un lugar de recreo e, se é o caso, residencia para o seu benestar e o da comunidade á que pertencen, remediando na medida do posible as necesidades da xente de idade, así como facilitarlle á infancia ensinanzas complementarias ás recibidas nas escolas ordinarias.
Por todo isto, en virtude das competencias que me confiere o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, e no Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia.
DISPOÑO:
Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Fernández Espín, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.
Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Fernández Espín, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.
Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a pre
sentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2004.
María José Cimadevila Cea
Conselleira de Asuntos Sociais,
Emprego e Relacións Laborais