DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 04 de marzo de 2004 Páx. 2.930

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 23 de febreiro de 2004 pola que se declara de interese galego a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 6 de febreiro de 2004 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 28 de xaneiro de 2004 pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, adscribíndoa á Consellería de Innovación, Industria e Comercio, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 7 de setembro de 1999, ante o notario Manuel Julio Reigada Montoto, co número tres mil catrocentos catro do seu protocolo, pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, polo Concello do Porriño e pola Federación Galega do Granito.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 4 dos seus estatutos, ten por obxecto principal destinar e afecta-lo seu patrimonio á realización de fins xerais de interese galego, no ámbito sectorial e territorial ós que a súa denominación e fins se contraen. En xeral son fins desta fundación o apoio ó sector graniteiro en Galicia mediante o desenvolvemento da investigación tecnolóxica de procesos e productos e o seu control de calidade, co fin de fomenta-la actividade, mellorando o rendemento das explotacións situadas en Galicia, de mellora-la súa competitividade e promociona-la súa comercialización. En concreto a fundación xestionará o Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia co seu Laboratorio.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería

de Innovación, Industria e Comercio, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2004.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO