DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 04 de marzo de 2004 Páx. 2.923

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de xaneiro de 2004 pola que se regula a proba de acceso ó grao superior das ensinanzas de música.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo establece no seu artigo 40.3 os requisitos para o acceso ó grao superior das ensinanzas de música. Así mesmo, o punto 4 deste artigo dispón a posibilidade de acceder ó grao superior destas ensinanzas sen cumpri-los requisitos académicos establecidos, sempre que o aspirante demostre ter tanto os coñecementos e as aptitudes propios do grao medio como as habilidades específicas necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

Con este fin, o Real decreto 617/1995, do 21 de abril, polo que se establecen os aspectos básicos do currículo do grao superior das ensinanzas de música e se regula a proba de acceso a estes estudios, dispón no seu artigo 8 a estructura da proba de acceso a este grao, e no artigo 9 o modelo de proba para aqueles aspirantes que non reúnan os requisitos académicos esixidos para o acceso.

En desenvolvemento da norma establecida no parágrafo anterior, o Decreto 183/2001, do 19 de xullo, DOG do 13 de agosto, polo que se establece o currículo do grao superior das ensinanzas de música e o acceso ó dito grao, regula os aspectos xerais da proba de acceso a este grao en Galicia.

Dado o carácter xeral desta normativa autonómica na regulación da proba de referencia, cómpre dicta-las concretas normas de desenvolvemento para a súa aplicación nos conservatorios superiores de música de Galicia, coa finalidade de acada-la necesaria obxectividade na organización e valoración das mencionadas probas.

En consecuencia co exposto, e en virtude da autorización prevista na disposición derradeira do Decreto 183/2001, do 19 de xullo,

DISPOÑO:

Disposición xeral

Artigo 1º

Os conservatorios de música da Comunidade Autónoma de Galicia que estean autorizados para impar

ti-las ensinanzas do grao superior establecidas no Decreto 183/2001, do 19 de xullo, desenvolverán a proba de acceso ó dito grao de acordo co disposto neste decreto e co regulado nesta orde.

Requisitos de admisión e matrícula para a proba de acceso

Artigo 2º

1. Poderán acceder ó grao superior das ensinanzas de música os aspirantes que, reunindo os requisitos académicos de estar en posesión do título de bacharelato ou titulación equivalente e de ter aprobados os estudios correspondentes ó terceiro ciclo do grao medio, superen a proba de acceso ordinaria en que os aspirantes demostren que posúen os coñecementos e habilidades profesionais necesarios para cursar con aproveitamento a especialidade en que pretenden matricularse.

2. Así mesmo, poderán acceder ó grao superior das ensinanzas de música os aspirantes que, sen reunir un ou os dous requisitos académicos ós que se refire o número anterior, superen a referida proba ordinaria, e, ademais, demostren posuír tanto os coñecementos e aptitudes propios do grao medio como as habilidades específicas necesarias para cursar con aproveitamento a especialidade en que pretenden matricularse, a través da proba de acceso extraordinaria prevista no artigo 10 desta orde.

Artigo 3º

1. Correspóndelles ós conservatorios concreta-lo calendario de realización dos exercicios das probas de acceso ás diferentes especialidades, que deberá ser anunciado ó inicio do curso académico. As probas de acceso ó grao superior de música realizaranse nunha única convocatoria anual, que terá lugar antes do 15 de xullo.

2. Os conservatorios farán públicos os prazos de matrícula, datas de exame e número de postos escolares vacantes. Así mesmo, publicarán nos taboleiros dos centros os contidos e os criterios de avaliación das probas, que serán acordes co proxecto curricular de cada centro.

Artigo 4º

Para concorrer á proba de acceso ó grao superior das ensinanzas de música, o aspirante deberá presenta-la solicitude para un só conservatorio superior.

Artigo 5º

1. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos do DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Tamén deberán mostrarlle ó tribunal o xustificante de matrícula.

2. Os aspirantes serán convocados para a proba nun único chamamento, sendo excluído dela quen non compareza, podéndose considera-los casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal, para os efectos dun posterior chamamento. A non comparecencia á proba suporá a perda da correspondente convocatoria.

Desenvolvemento da proba de acceso ordinaria

Artigo 6º.-Estructura da proba de acceso ordinaria.

1. A proba de acceso ó grao superior das ensinanzas de música regulada no Decreto 183/2001, do 19 de xullo, constará dun único exercicio que comprenderá as partes que, para cada especialidade, se determinan no artigo 17 do dito decreto.

2. Os aspirantes realizarán a inscrición para a proba indicando a especialidade ou especialidades polas que optan e xuntando a documentación que acredite que reúnen os requisitos académicos ou que realizaron a proba extraordinaria que regula o artigo 10 desta orde.

3. Os resultados faranse públicos no taboleiro de anuncios do centro.

Artigo 7º.-Aspectos de carácter específico para o acceso á especialidade de composición.

A proba desta especialidade terá as seguintes partes:

a) Interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso do canto), durante aproximadamente quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo candidato.

A relación de obras deberá incluír polo menos catro obras completas de dificultade media, pertencentes ós estilos máis representativos da literatura do instrumento, libremente elixidas polo candidato. No caso do canto, a relación constará dun mínimo de oito obras.

Non se aceptarán fotocopias das partituras.

As obras que así o requiran serán executadas co instrumento acompañante correspondente. Será responsabilidade do aspirante a presentación deste instrumentista.

O tribunal valorará a adecuación das obras elixidas ó nivel esixible para o acceso ó grao superior.

b) Presentación e defensa oral, perante o tribunal e por un tempo de 30 minutos, de obras e traballos realizados polo candidato.

c) Realización dun traballo harmónico-contrapuntístico, en clausura individual, con piano, e por un tempo non superior a 5 horas.

d) Lectura a primeira vista ó piano, cun tempo de preparación, diante do tribunal, de 5 minutos só de lectura, sen execución instrumental.

Artigo 8º.-Aspectos de carácter específico para o acceso ás especialidades instrumentais de canto, clarinete, contrabaixo, fagot, frauta travesa, guitarra, óboe, percusión, piano, saxofón, trompa, trompeta, trombón, tuba, viola, violín, violoncello e instrumentos da música tradicional e popular.

A proba destas especialidades terá as seguintes partes:

a) Interpretación dun programa dunha duración aproximada de trinta minutos, integrado por obras e/ou estudios dunha dificultade apropiada para este nivel.

A relación de obras deberá incluír obras completas pertencentes ós estilos máis representativos da literatura do instrumento, libremente elixidas polo candidato.

Non se aceptarán fotocopias das partituras.

As obras que así o requiran serán executadas co instrumento acompañante que corresponda. Será responsabilidade do aspirante a presentación deste instrumentista.

O tribunal valorará a adecuación das obras elixidas ó nivel esixible para o acceso ó grao superior.

b) Análise formal, harmónica, estilística e historicista dunha obra ou fragmento proposto polo tribunal. A realización deste exercicio farase en convocatoria colectiva e por un tempo máximo de 2 horas.

c) Lectura a primeira vista, cun tempo de preparación, ante o tribunal, de 5 minutos só de lectura, sen execución instrumental.

Artigo 9º.-Cualificación da proba de acceso ordinaria.

1. A proba de acceso ordinaria cualificarase entre cero e 10 puntos, valorándose globalmente as diferentes partes que a configuran, sendo necesario para a súa superación ter obtido unha cualificación igual ou superior a 5 puntos.

2. De se-lo caso, as diferentes partes que configuran a proba poderán estar previamente ponderadas, de acordo co grao de relación de cada unha delas coas características da especialidade que se desexa cursar. Os conservatorios farán públicos coa suficiente antelación os criterios sobre a ponderación da proba.

Desenvolvemento da proba de acceso extraordinaria

Artigo 10º.-Estructura da proba de acceso extraordinaria.

1. A proba de acceso extraordinaria á que se refire o punto 2 do artigo 2º desta orde non terá carácter eliminatorio e realizarase con antelación á proba de acceso ordinaria regulada no artigo 6 desta orde.

2. Se o aspirante non está en posesión do título de bacharelato ou equivalente, deberá realizar un exercicio escrito, de carácter humanístico, que permita avalia-la súa madurez, mediante a utilización da linguaxe, a comprensión de conceptos e a capacidade para relacionar e sintetizar.

3. Se o aspirante non ten aprobados os estudios correspondentes ó terceiro ciclo do grao medio, deberá realizar un exercicio de carácter teórico-práctico que permita avalia-la formación musical xeral do aspirante no relativo ó desenvolvemento da súa capacidade auditiva, así como os seus coñecementos sobre a teoría e a historia da música, e o seu grao de comprensión e utilización dos diferentes recursos e procedementos harmónicos.

Artigo 11º.-Aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou equivalente.

Para o desenvolvemento desta parte da proba terase en conta o seguinte:

a) Os aspirantes ó realiza-la inscrición para a proba indicarán a lingua estranxeira elixida.

b) O exercicio versará sobre os contidos das materias da parte común de segundo curso de bacharelato: lingua galega e literatura II, lingua castelá e literatura II, lingua estranxeira II, historia e filosofía II.

c) O tribunal estará formado por un número impar de membros. Será designado pola delegación provincial correspondente entre os profesores do corpo de ensino secundario de cada unha das materias obxecto de exame ademais dun profesor do conservatorio.

d) A duración do exercicio será de dúas horas. Os resultados faranse públicos no taboleiro de anuncios.

e) O exercicio será elaborado pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Con este fin, as direccións dos conservatorios comunicaranlle ó Servicio Provincial de Inspección o número de persoas inscritas para realizar esta proba, indicando os idiomas obxecto de exame.

Artigo 12º.-Aspirantes que non teñan aprobados os estudios correspondentes ó terceiro ciclo do grao medio.

Para o desenvolvemento desta parte da proba terase en conta o seguinte:

a) Os aspirantes ó realiza-la inscrición para a proba indicarán a opción elixida entre fundamentos de composición e análise.

b) Serán obxecto de exame os contidos do último curso de cada unha das seguintes materias, correspondentes ó currículo do grao medio: linguaxe musical, harmonía, historia da música e fundamentos de composición ou análise.

c) O tribunal será designado pola dirección de cada conservatorio superior, oídos os departamentos correspondentes, e estará formado por un número impar de membros.

d) Os resultados faranse públicos no taboleiro de anuncios do centro.

Superación da proba de acceso

Artigo 13º.-Cualificación definitiva da proba de acceso.

1. Para os efectos de adxudicación de prazas, outorgarase unha cualificación definitiva da proba de acceso ó grao superior que será única e global de toda a proba, incluíndose nesta a puntuación ou as puntuacións obtidas na proba extraordinaria.

2. Para calcula-la cualificación definitiva á que se refire o punto anterior terase en conta o seguinte:

a) Para o alumnado que unicamente ten que realiza-la proba de acceso ordinaria, a puntuación definitiva será a cualificación que obtivese nesa proba.

b) Para o alumnado que, por non reuni-los requisitos académicos, debe realiza-las probas de acceso ordinaria e extraordinaria, a puntuación definitiva será a media ponderada da cualificación obtida en ámbalas probas, ponderándose a primeira delas nun 70 por 100 e a segunda nun 30 por 100.

3. Entenderase superada a proba de acceso cando o aspirante acade unha puntuación definitiva igual ou superior a 5 puntos. O alumnado que supere a proba de acceso e non teña superada a proba extraordinaria ou algunha das súas partes, poderá formalizar matrícula para segui-las ensinanzas do grao superior. Pero a obtención do título superior de música estará condicionada a:

a) Estar en posesión do título de bacharelato ou equivalente e ter aprobados os estudios correspondentes ó terceiro ciclo do grao medio, ou

b) Ter superada a proba extraordinaria para o alumnado que non reúna os requisitos académicos.

4. Para os efectos da alínea b) do punto anterior, o alumnado que non superase a proba extraordinaria ou algunha das súas partes poderá presentarse ás sucesivas convocatorias que se fagan.

5. Os conservatorios expediranlles unha certificación ós aspirantes en que constará a cualificación definitiva obtida na proba de acceso, así como as cualificacións parciais da proba extraordinaria. A certificación de ter superado a proba ou algunha das súas partes terá validez en posteriores convocatorias como requisito de acceso.

6. A superación da proba de acceso faculta, unicamente, para matricularse no curso académico para o que fose convocada.

7. A adxudicación das prazas vacantes en cada especialidade realizarase de acordo coa puntuación definitiva obtida, segundo se dispón no punto 2 deste artigo, e conforme as prioridades establecidas no artigo 20 do citado Decreto 183/2001, do 19 de xullo.

Procedemento para a reclamación da cualificación da proba de acceso

Artigo 14º

1. O alumnado ou os seus representantes legais poderán presentar reclamación motivada por escrito, dentro dos dous días hábiles seguintes ó da publicación das cualificacións finais dos candidatos admitidos e, se é o caso, dos aspirantes en lista de espera e excluídos, ante a dirección do centro, quen lle dará traslado ó presidente do tribunal.

2. De presentárense reclamacións, o tribunal reunirase dentro das 24 horas seguintes para valoralas. O presidente do tribunal comunicaralle por escrito, nas 48 horas seguintes, ó director do centro a decisión razoada de ratificación ou de modificación da

cualificación revisada. O director comunicaralle ó alumno a decisión do tribunal nun prazo de 10 días.

3. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, quen resolverá, logo do informe do Servicio Provincial de Inspección. Esta resolución do delegado provincial poñerá fin á vía administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Administración educativa, no exercicio das súas competencias, poderá efectuar un seguimento e supervisión da realización das probas de acceso establecidas nesta orde.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a dictar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria