DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 04 de marzo de 2004 Páx. 2.922

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 46/2004, do 20 de febreiro, polo que se desafecta do dominio público o edificio denominado Cambón, situado na rúa Palma número 2, antes 4, de Vigo (Pontevedra).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a titularidade do edificio denominado Cambón, situado na rúa Palma, 2, antes 4, de Vigo (Pontevedra).

O dito inmoble figura no Inventario Xeral de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia como ben de dominio público para dependencias administrativas, co código de centro P0271. Na actualidade consta sen adscrición, unha vez que foi desocupado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, como consecuencia do traslado das dependencias da dita consellería ó novo edificio múltiple de Vigo, segundo consta na acta de entrega do 28 de outubro de 2002.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, de se-lo caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa, respecto daqueles bens adquiridos por este título.

Segundo o anterior, foi tramitado pola Secretaría Xeral e do Patrimonio o expediente de desafectación do dominio público do ben de referencia, unha vez acreditada a non necesidade do edificio para a súa utilización pola Xunta de Galicia, tralo traslado das dependencias administrativas ó edificio administrativo de usos múltiples en Vigo.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de febreiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público o inmoble coñecido como edificio Cambón, situado na rúa Palma, 2, antes 4, do termo municipal de Vigo (Pontevedra), que figura inscrito no Rexistro da Propiedade de Vigo número 5, no tomo 456, folio 201, predio 6136, inscrición 22.

Artigo 2º

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda