DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 03 de marzo de 2004 Páx. 2.884

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDEN do 26 de febreiro de 2004 pola que se modifica a Orde do 23 de decembro de 2003 pola que se regula a solicitude única, no ano 2004, de axudas a superficies, animais e indemnización compensatoria, así como a solicitude doutras primas gandeiras.

A Orde do 23 de decembro de 2003, publicada no DOG nº 253, do 31 de decembro, regula o procedemento para a solicitude, tramitación e conce

sión, ós titulares de explotacións agrarias situadas en Galicia, para o ano 2004, das axudas incluídas na solicitude única de axudas superficies, primas gandeiras e indemnización compensatoria, así como a prima especial ós productores de carne de vacún, a prima por sacrificio de bovinos e os pagamentos adicionais a productores de gando bovino, precisando no seu capítulo II a regulación específica das solicitudes de axuda por superficie, de conformidade coa regulamentación comunitaria e estatal de aplicación.

No ámbito estatal, o Real decreto 1026/2002, do 4 de outubro, sobre pagamentos por superficie ós productores de determinados productos agrícolas,

establece a normativa básica aplicable ós réximes de axuda comunitarios a determinados cultivos herbáceos, arroz e leguminosas gran.

Como consecuencia da reforma da política agrícola común (PAC), o Regulamento (CE) 1782/2003, do Consello, do 29 de setembro, establece as disposicións comúns aplicables ós réximes de axuda directa no marco da PAC, e instaura desde a campaña 2004/2005 novos réximes de axuda. Ademais, o Regulamento (CE) 2237/2003, da Comisión, do 23 de decembro, establece normas detalladas de aplicación de determinados réximes de axuda previstos no título IV do regulamento anterior.

Esta normativa comunitaria afecta a determinadas disposicións do Real decreto 1026/2002, polo que esta norma foi modificada recentemente polo Real decreto 218/2004, do 6 de febreiro. En base a iso, procede adecua-la Orde do 23 de decembro de 2003 ó previsto nas modificacións introducidas na normativa básica estatal.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do EAG e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, modificado polo 161/2003, do 13 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 23 de decembro de 2003 pola que se regula a solicitude única, no ano 2004, de axudas a superficies, animais e indemnización compensatoria, así como a solicitude doutras primas gandeiras:

Modifícanse os artigos 1º.1, 7º.2 e 3, 10º, 37º d.3, 54º.1 e 3, e o impreso DP do anexo I, e se introduce un novo artigo 9º bis, da Orde do 23 de decembro de 2003, pola que se regula a solicitude única, no ano 2004, de axudas a superficies, animais e indemnización compensatoria, así como a solicitude doutras primas gandeiras, conforme o seguinte:

Un.-Engádese unha alínea i) no artigo 1º.1, coa seguinte redacción:

«i) Prima específica ás proteaxinosas e axuda específica ós cultivos enerxéticos, establecidas no Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro».

Dous.-O parágrafo primeiro do artigo 7º.2 queda redactado do seguinte xeito:

«Os productores non incluídos no número 1, que soliciten un pagamento por superficies de cereais, oleaxinosas, proteaxinosas ou liño, deberán retirar da producción un 5% da superficie da explotación pola que se solicitan pagamentos por eses cultivos, incluída a retirada, percibindo a correspondente compensación».

Tres.-O artigo 7º.3 queda redactado do seguinte xeito:

«Considérase retirada voluntaria a realizada nunha porcentaxe superior á establecida como básica e obrigatoria pola regulamentación comunitaria para a campaña de comercialización 2004/2005.

A retirada total de terras das explotacións, é dicir, a suma da retirada obrigatoria e a voluntaria, poderá ser de ata o 20% da superficie total pola que se solicitan pagamentos en secaño ou en regadío, ou superala nos casos previstos no número 3º do artigo 12 do Real Decreto 1026/2002, do 4 de outubro».

Catro.-Engádese un novo artigo 9º bis, denominado «Utilización de terras con fins enerxéticos», coa seguinte redacción:

«Para a percepción da axuda específica ós cultivos enerxéticos recollidos no artigo 88 do Regulamento (CE) 1782/2003, tanto os solicitantes da axuda como os primeiros transformadores das materias primas deberán respecta-las respectivas obrigas que figuran no anexo 9 do Real decreto 218/2004, do 6 de febreiro».

Cinco.-Engádese ó final do artigo 10º, un parágrafo terceiro coa seguinte redacción:

«A superficie mínima por solicitude da prima específica ás proteaxinosas e da axuda específica ós cultivos enerxéticos será de 0,3 hectáreas por cada tipo de cultivo».

Seis.-O artigo 37º, letra d), punto 3, queda redactado do seguinte xeito:

«3. No caso de animais sacrificados noutro país da Unión Europea, copia lexible e autenticada do documento de identificación para intercambios dos animais incluídos na solicitude e certificados de sacrificio deles, conforme o número 1º do artigo 15 do Real decreto 138/2002».

Sete.-A alínea a) do artigo 54º.1 queda redactada do seguinte xeito:

«a) No período comprendido entre o 16 de novembro do ano 2004 e o 31 de xaneiro do ano 2005: os pagamentos por superficie correspondentes a cereais, oleaxinosas, proteaxinosas, liño e retirada de terras, agás no caso recollido na alínea c). A prima específica ás proteaxinosas e a axuda específica ós cultivos enerxéticos aboaranse no período comprendido entre o 1 de decembro do ano 2004 e o 30 de xuño do ano 2005».

Oito.-O artigo 54º.3 queda redactado do seguinte xeito:

«Os importes unitarios das axudas por superficie para a campaña de comercialización 2004/2005 serán os establecidos pola normativa comunitaria, de 63 euros/tonelada no caso de cereais, oleaxinosas, proteaxinosas, liño e retirada de terras.

No caso da prima específica ás proteaxinosas, da axuda específica ós cultivos enerxéticos e da axuda ás leguminosas gran, a normativa comunitaria establece uns importes en euros/hectárea, que poderán verse reducidos no caso de se superaren as respectivas superficies máximas garantidas para toda a Unión Europea. Estes importes máximos son:

Prima específica ás proteaxinosas: 55,57 euros/hectárea.

Axuda específica ós cultivos enerxéticos: 45 euros/hectárea.

Axuda ás leguminosas gran: 181 euros/hectárea».

Nove.-Substitúese o impreso DP do anexo I polo impreso contido no anexo desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Fondo Galego de Garantía Agraria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e será de aplicación ás axudas solicitadas no ano 2004.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2004.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO