DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 03 de marzo de 2004 Páx. 2.877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 45/2004, do 26 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado Plan Galicia: acondicionamento da estrada AC-400 (antiga AC-403 Muros-Santa Comba), treito: Muros-As Paxareiras. (Clave: AC/01/080.01.3).

Con data do 20 de febreiro de 2004 o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto de trazado Plan Galicia: acondicionamento da estrada AC-400 (antiga AC-403 Muros-Santa Comba). Treito: Muros-As Paxareiras. Clave: AC/01/080.01.3.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materias de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada a referida declaración pola súa incidencia na seguridade vial, toda vez que os usuarios poderán utilizar para os seus desprazamentos unha vía con parámetros e características que melloran as súas condicións de circulación e, ó mesmo tempo, con tal actuación conséguese avanzar no cumprimento dos obxectivos do Plan de Dinamización Económica-Plan Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 23 de xaneiro de 2003.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de febreiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de trazado Plan Galicia: acondicionamento da estrada AC-400 (antiga AC-403 Muros-Santa Comba). Treito: Muros-As Paxareiras. Clave: AC/01/080.01.3.

Santiago de Compostela, vinteseis de febreiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda