DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 03 de marzo de 2004 Páx. 2.877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 44/2004, do 26 de febreiro, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, do uso do inmoble denominado Pazo de Mugartegui, situado na praza da Pedreira, 10, do termo municipal de Pontevedra, para a súa utilización polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.

O Pleno da corporación municipal do Concello de Pontevedra, reunido en sesión celebrada o día 23 de xaneiro de 2004, acordou cederlle á Comunidade Autónoma de Galicia, gratuitamente, o uso do pazo municipal de Mugartegui da praza da Pedreira para a súa utilización polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, órgano desconcentrado da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos en que o Concello de Pontevedra acordou a cesión, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de febreiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión, a título gratuíto, feita polo Concello de Pontevedra a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, do uso do inmoble coñecido como Pazo de Mugartegui, situado na praza da Pedreira, 10, de Pontevedra.

O predio descrito figura inscrito a nome do Concello de Pontevedra, no Rexistro da Propiedade nº 1 de Pontevedra no tomo 456, libro 160, folio 5, predio número 5583.

Artigo 2º

O fin da cesión do uso do dito inmoble é a súa utilización polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, órgano desconcentrado da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión do uso no correspondente documento público e á súa inscrición no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinteseis de febreiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA