DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Martes, 02 de marzo de 2004 Páx. 2.851

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 23 de febreiro de 2004 pola que se convoca o premio Galicia-Medio Ambiente 2004.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º, 15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Ademais, e de conformidade co disposto no Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, en concreto, no artigo 8, punto 2.2, realizará as funcións relativas á formación e consolidación dunha conciencia social para a protección e mellora do contorno.

O Decreto 293/2003, do 4 de xuño, polo que se crea o premio Galicia-Medio Ambiente e se establecen as súas modalidades, establece que o premio Galicia-Medio Ambiente ten como finalidade potenciar unha cultura ambiental na Comunidade Autónoma, mediante o recoñecemento de empresas, concellos, universidades e centros de investigación, ademais de centros educativos non universitarios que traballen e destaquen na defensa dos valores ambientais en diferentes ámbitos da Comunidade Autónoma galega, así como promove-la difusión de tales valores pola repercusión que estes premios teñen nos medios de comunicación e sobre a opinión pública.

En virtude do anterior, en consonancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e no uso das abritucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Esta orde ten por obxecto premia-lo traballo das empresas, concellos, universidades e centros de

investigación, ademais de centros de educación non universitaria que desenvolvan un labor significativo no estudio, coidado e promoción do medio natural.

Artigo 2º.-Categorías e destinatarios.

O premio Galicia-Medio Ambiente outorgarase nas seguintes modalidades e destinatarios:

a) Para empresas:

-Mellor iniciativa empresarial en sustentabilidade (empresa sustentable).

b) Para concellos:

-Mellor acción local en desenvolvemento sustentable e na conservación da biodiversidade.

c) Universidades e centros de investigación:

-Mellor traballo de investigación científica sobre temática ambiental.

d) Centros educativos non universitarios:

-Mellor iniciativa ou actividade escolar no ámbito ambiental.

Artigo 3º.-Dotación económica.

Os premiados recibirán unha placa acreditativa. Ademais, establécese unha dotación económica de 6.000 euros para cada unha das modalidades. Os premios concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.05.342A.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004. En tódolos casos están suxeitos ás retencións fiscais correspondentes.

Artigo 4º.-Participación.

1. As entidades que desexen acceder a estes premios deberán enviar unha memoria, co formato estipulado no punto c) do artigo 5º desta orde, para cada unha das categorías nas que participen, na que se describan e acrediten os traballos realizados no transcurso do ano 2003 e os logros acadados relativos ó obxecto destes premios.

2. Os traballos non terán sido premiados anteriormente.

3. A Consellería de Medio Ambiente poderá solicitar información adicional á presentada e verificar calquera extremo referente á documentación achegada.

Artigo 5º.-Presentación e prazos.

a) Os participantes enviarán a documentación mediante instancia dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, en sobre pechado, ó Centro de Desenvolvemento Sostible, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) O prazo de presentación será de 40 días naturais, contado a partir do día seguinte, este inclusive, da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

c) Para tódalas categorías, a memoria que se presente non excederá as 40 follas tamaño A4, por unha cara a dous espacios con letra Arial de 12 puntos e marxe de 2,5 cm en tódolos seus lados; poderá ser complementada con gráficos, debuxos, fotos ou calquera material audiovisual, así como con aqueles anexos que se consideren necesarios.

Artigo 6º.-Xurado e concesión dos premios.

1. O xurado terá a composición seguinte:

Presidente: o conselleiro de Medio Ambiente ou persoa en quen delegue.

Vocais: o director xeral de Montes e Industrias Forestais, o director xeral de Conservación da Natureza, o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ou persoas en quen deleguen respectivamente, e un representante dos colectivos ecoloxistas galegos.

Secretario: o director xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible ou persoa en quen delegue.

2. O xurado tomará o acordo de concesión dos premios, que porá fin á vía administrativa; ademais, poderá deixar deserta total ou parcialmente a convocatoria e outorga-los accesits que considere oportunos.

3. Os traballos premiados non lles serán devoltos ós seus autores. A Consellería de Medio Ambiente reserva para si o dereito a proceder á súa publicación en tódalas linguas do Estado español coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. Poderá publicar estes traballos sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os beneficiarios dos premios comprométense a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos.

4. Os traballos non premiados poderán ser recollidos polos seus autores, no prazo que se indicará despois da resolución do xurado no taboleiro de anuncios da Consellería de Medio Ambiente. Os que non se retiren serán destruídos.

5. A concesión dos premios terá lugar ós 40 días hábiles despois da data de remate do prazo de presentación das memorias, e será notificada persoalmente ós adxudicatarios polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente