DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Martes, 02 de marzo de 2004 Páx. 2.850

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECREETO 43/2004, do 26 de febreiro, polo que se declara servicio público de titularidade autonómica a recollida, transporte, eliminación e destrucción dos animais mortos nas explotacións gandeiras.

No Regulamento (CE) 1774/2002, do Parlamento Europeo e do Consello do 3 de outubro de 2002, establécense as normas sanitarias aplicables ós subproductos animais non destinados ó consumo humano, dispoñendo que estes serán recollidos, transportados, almacenados, manipulados, transformados, eliminados, postos no mercado, exportados, conducidos no tránsito e utilizados de conformidade co disposto nel. Sinalando que os estados membros garantirán o establecemento de réximes adecuados, así como, a esixencia de infraestructuras suficientes, con vistas ó cumprimento de tal esixencia.

O regulamento clasifica os subproductos animais en tres categorías, definindo cada unha delas e os procesos que terán que sufrir no seu tratamento. Os cadáveres de animais que conteñan materiais específicos de risco (MER), bovinos, ovinos e cabrúns, están incluídos na categoría 1; mentres que as demais especies animais se encadran na categoría 2. Para uns e outros o regulamento establece a prohibición de que se destinen á alimentación animal e regula a súa retirada, transporte e transformación.

Se ben a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, vén garantindo a prestación do servicio, faise preciso regula-la actividade dando á prestación un marco estable que permita a creación das infraestructuras que fagan posible tanto que os nosos gandeiros poidan cumprir nas mellores condicións coas obrigas resultantes da posesión destes residuos como garantir que estes productos non entrañen ningún tipo de risco para a saúde humana ou animal.

A este respecto, cómpre acudir á Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, que ten por obxecto, no que agora nos interesa, a prevención da producción de residuos e o establecemento do réxime xurídico da súa producción e xestión, sinalando que é de aplicación a todo tipo de residuos, e no seu artigo 12.3º, sinálase expresamente que as comunidades autónomas poderán declarar servicio público, de titularidade autonómica ou local, todas ou algunhas das operacións de xestión de determinados residuos.

No presente caso, a declaración de servicio público de titularidade autonómica xustifícase na necesidade de garantir que tódalas explotacións gandeiras da nosa Comunidade Autónoma, con independencia da súa localización, dimensións e características, dispoñan dun servicio universal que garanta a todas elas, tanto a mesma existencia do servicio, como a prestación en condicións homoxéneas.

Na súa virtude e de acordo co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e á vista das atribucións que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente e por proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de febreiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declaración do servicio público de titularidade autonómica.

Declárase servicio público de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, a prestación a terceiros das operacións de retirada, transporte e eliminación dos corpos dos animais mortos nas explotacións gandeiras, de conformidade co disposto no artigo 12.3º da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

Artigo 2º.-Alcance do servicio.

O servicio público comprende as actividades ou operacións de recollida, transporte, eliminación, transformación e manipulación ou almacenamento intermedios, dos corpos dos animais pertencentes ás especies bovina, ovina, cabrúa, porcina, equina, avícola é cunícola, garantindo que estes subproductos animais teñan o destino establecido no Regulamento (CE) nº 1774/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 3 de outubro de 2002.

Artigo 3º.-Formas de xestión.

O servicio público poderá ser xestionado directamente pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, a través das entidades que sinala o artigo 154.2º de Lei de contratos das administracións públicas (LCAP), ou indirectamente mediante a súa contratación en calquera das modalidades de contratación da xestión de servicios públicos reguladas na mesma LCAP.

No caso de xestión indirecta, de todas ou parte das actividades que comprende o servicio, a selección do adxudicatario do servicio farase mediante concurso público. A Administración conservará os poderes de policía necesarios para asegura-la boa marcha do servicio, dictando as correspondentes instruccións en materia de transformación e eliminación dos residuos animais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O réxime xurídico da prestación do servicio regularase, no caso de xestión indirecta, polo establecido neste decreto, nos correspondentes pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas do contrato de explotación e na Lei de contratos das administracións públicas e o seu regulamento xeral.

Segunda.-Autorízase o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural a dicta-las resolucións e instruccións que sexan precisas para a aplicación deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

En Santiago de Compostela, vinteseis de febreiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural