DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Martes, 02 de marzo de 2004 Páx. 2.846

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2004, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior que tivo lugar entre o Ministerio de Economía e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

Subscrito, logo da tramitación regulamentaria, entre o Ministerio de Economía e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, o día 24 de novembro de 2003, o convenio de

colaboración para o desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior que tivo lugar entre o Ministerio de Economía e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, para o establecemento do marco no que se recolla unha estratexia común para todo o sector, no que queden encadradas as iniciativas que se inclúen neste convenio. En consecuencia, procede a publicación do dito convenio, que figura como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2004.

Víctor Tello Calvo

Director xeral de Comercio e Consumo

ANEXO

Convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior celebrado entre o Ministerio de Economía e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

En Madrid, 24 de novembro de 2003.

REUNIDOS

Rodrigo de Rato y Figaredo, vicepresidente primeiro do Goberno e ministro de Economía, de conformidade coas competencias atribuídas pola disposición adicional décimo terceira da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción establecida pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, nomeado polos reais decretos 1118/2003, do 3 de setembro e 561/2000, do 27 de abril, respectivamente.

Juan Rodríguez Yuste, conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, da Xunta de Galicia, que en virtude do disposto no artigo 3 da orde da Consellería de Innovación, Industria e Comercio do 21 de xaneiro de 2003 sobre delegación das competencias en materia de subscrición de convenios no secretario xeral da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, reclama neste acto para si o exercicio da competencia delegada pola dita orde, actuando no exercicio do seu cargo e en función das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o do seu presidente.

Recoñecéndose, na representación que desempeñan, capacidade para formular este convenio,

EXPOÑEN:

Que ante o importante cambio estructural que se produciu no sector da distribución comercial nos últimos anos e o previsible mantemento desta tendencia nun futuro máis próximo, é necesario desenvolver un marco de actuación para o fomento do sector de distribución comercial, de forma que se lles proporcione ós pequenos comerciantes unha colaboración eficaz por parte dos poderes públicos para enfrontarse a este proceso de innovación.

O Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, aprobado polo Consello de Ministros na súa reunión do 12 de maio de 1995 e a súa reforma, aprobada polo Consello de Ministros na súa reunión do 13 de decembro de 1996, recolle unha serie de medidas encamiñadas a mellora-la competitividade do comercio minorista.

Que esta reforma foi presentada e adoptada na Conferencia Sectorial de Comercio, celebrada o 19 de novembro de 1996, xa que a súa execución suporá a adopción dun conxunto de medidas e estímulos económicos que se programarán de maneira conxunta por cada Comunidade Autónoma co apoio da Administración xeral do Estado.

Que é vontade do Ministerio de Economía e da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, da Xunta de Galicia, impulsar e potencia-la colaboración, a corresponsabilidade e a coordinación dos diferentes niveis das administracións públicas na realización de actuacións previstas no Plan Marco de Modernización do Comercio Interior.

En virtude do exposto, en execución da competencia exclusiva do Estado prevista no artigo 149.1º.13 da Constitución e da competencia atribuída á Xunta de Galicia no artigo 30.1º.4 do seu Estatuto de autonomía, as partes asinantes,

ACORDAN:

Primeiro.-As partes asinantes colaborarán para desenvolve-lo Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, dentro do ámbito xeográfico da Xunta de Galicia, como marco no que se recolle unha estratexia común para todo o sector e no que quedan encadradas as iniciativas que se inclúen neste convenio.

Segundo.-En desenvolvemento do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, a Xunta de Galicia comprométese a convocar axudas nos seguintes programas:

a) Programa de cooperación empresarial, dirixido a outorgar axudas ás pequenas e medianas empresas comerciais, asociadas en organizacións que realicen funcións comerciais para a implantación de redes informáticas, a reforma de establecementos retallistas e a implantación ou renovación de establecementos maioristas así como á propia organización.

b) Programa de apoio á ordenación territorial do comercio, destas axudas serán beneficiarios as asociacións de comerciantes, sempre que se orienten á súa creación ou ó seu desenvolvemento mediante a implantación de servicios comúns de xestión, así como á remodelación física dos establecementos colectivos e a adecuación dos locais particulares.

Tendo en conta as competencias que en materia urbanística teñen as corporacións locais, a partir deste convenio estimularase a participación da Administración local, como elemento indispensable, para poder senta-las bases dunha adecuada actuación territorial e, polo tanto, poderanse considerar como beneficiarios das axudas os concellos.

En canto ás actuacións para mellora e adecuación dos mercados minoristas, e tendo en conta a titularidade municipal destes mercados, os concellos poderán ser tamén beneficiarios destas axudas, mediante convenio con eles e, ocasionalmente, con asociacións de comerciantes ou empresas públicas ou privadas.

c) Programa de apoio a comerciantes independentes, dirixido ás pequenas e medianas empresas de distribución comercial minorista para realizar investimentos na transformación física dos establecementos, a adquisición de equipamento comercial e de xestión, así como a formación de empregados.

Deste programa quedan excluídas as actividades comerciais que no espírito do plan marco non se consideran de interese prioritario, tal como se acordou na Conferencia Sectorial de Comercio Interior do 15 de decembro de 1998.

d) Poderán, así mesmo, ser obxecto das axudas deste convenio, as actividades que aínda non previstas no plan marco, se poidan relacionar de forma evidente co espírito del e contribúan co seu desenvolvemento á consecución da modernización da distribución.

Terceiro.-As actuacións que se acollan ó presente convenio serán cofinanciadas por ámbalas dúas partes.

A achega do Ministerio de Economía representará un máximo do 40% para o programa previsto no punto a); do 30% para os do punto b); do 20% para os do c) e do 30% para os do d), da axuda concedida pola Comunidade Autónoma.

Estas achegas do Ministerio de Economía financiaranse, dentro dos límites orzamentarios, con cargo á partida orzamentaria 751 (transferencias de capital ás comunidades autónomas -Plan de Modernización do Comercio Interior), Programa 763 A (ordenación e modernización das estructuras comerciais), Servicio 16 (Dirección Xeral de Política Comercial)

A asignación de recursos á Xunta de Galicia é do 7,70321% da dotación territorializada da partida orzamentaria de transferencias ás comunidades autónomas do Ministerio de Economía, no concepto Plan Marco de Modernización do Comercio Interior; e que é o 75% do crédito orzamentario, (isto é, 6.761.385 euros) quedando o 25% restante para dispoñer del segundo se recolle na cláusula sexta, de conformidade co acordado na Conferencia Sectorial de Comercio Interior do 8 de outubro de 2003 e formalizado en Consello de Ministros do 7 de novembro de 2003, equivalente a 520.843,69 euros.

Cuarto.-A xestión das axudas realizarase de acordo co seguinte procedemento:

1. As solicitudes de concesión de axudas públicas presentaranse na unidade administrativa e nos termos que estableza a normativa de convocatoria que dicte a Administración da Xunta de Galicia.

2. A Administración da Comunidade Autónoma instruirá e resolverá o outorgamento das axudas solicitadas.

3. A unidade administrativa correspondente da Comunidade Autónoma enviará antes do 31 de outubro de 2003 á Dirección Xeral de Política Comercial a relación de expedientes subvencionados para os que solicita a mencionada cofinanciación, aludida no apartado terceiro.

Na elaboración da mencionada relación de espedientes terase en conta o novo programa informático.

4. A Comisión de Seguimento á que se alude no punto quinto decidirá cales dos expedientes subvencionados pola Comunidade Autónoma son cofinanciables a través do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior, tendo en conta tamén o último parágrafo do punto segundo.

5. Redactadas e asinadas as correspondentes Actas pola Comisión de Seguimento efectuaranse as transferencias de fondos á Comunidade Autónoma.

6. No suposto de que, unha vez analizadas pola Comisión de Seguimento as propostas de cofinanciación de tódalas comunidades autónomas se verifique a existencia de crédito dispoñible na partida orzamentaria correspondente do Estado, ben porque algunha Comunidade Autónoma non esgotase os recursos que se lle asignaron ou se producira algunha xeración de crédito, e a cofinanciación solicitada pola Xunta de Galicia non puidese ser atendida na súa integridade, o Ministerio de Economía poderá incrementa-la súa achega inicial prevista.

A cuantificación desta achega complementaria levarase a cabo de acordo e en aplicación dos criterios obxectivos de distribución acordados na Conferencia Sectorial de Comercio Interior do 8 de outubro de 2003 e formalizado en Consello de Ministros do 7 de novembro de 2003 e, exclusivamente, entre as comunidades autónomas que teñan un exceso de demanda de proxectos.

7. O pagamento ós perceptores do importe total das axudas será efectuado polo organismo pagador da Administración autonómica.

8. Os expedientes enviados á Dirección Xeral de Política Comercial polas comunidades autónomas para a súa cofinanciación, poderán acollerse a este convenio aínda que a concesión da axuda pola Comunidade Autónoma fose, dentro do ano 2003, anterior á data da sinatura do convenio.

9. Corresponde á Xunta de Galicia o control da execución e o seguimento dos expedientes cofinanciados por decisión da Comisión de Seguimento, comunicando á Dirección Xeral de Política Comercial as incidencias que se produzan. Para tal fin, de acordo coas comunidades autónomas poderase establecer o sistema de intercambio de información que se estime necesario. Particularmente as comunidades autónomas achegarán á Dirección Xeral de Política Comercial, as certificacións de pagamento

cando este se realizara e non máis tarde do 30 de xuño de 2005. Acomodándose ditas certificacións ó formato do mencionado programa informático. Todo isto enténdese sen prexuízo do control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Administración do Estado, e ó Tribunal de Contas.

Quinto.-Crearase unha Comisión de Seguimento para o desenvolvemento do convenio, integrada por tres representantes de cada unha das partes asinantes designados, respectivamente, polo Ministro de Economía e o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio.

Serán funcións desta comisión o seguimento da aplicación deste convenio e de todas aquelas actuacións que se regulen ou deriven del e en particular as seguintes:

a) Analiza-las solicitudes de cofinanciación a través do Plan Marco de Modernización do Comercio Interior enviadas pola Comunidade Autónoma para acollerse a este convenio, e decidi-los proxectos a cofinanciar, de acordo co apartado terceiro.

b) Realiza-lo seguimento das actuacións que se desenvolven en execución deste convenio e reflecti-lo seu grao de desenvolvemento.

c) Interpreta-lo presente convenio e dar solución ás dúbidas e controversias que no seu cumprimento poidan producirse.

Sexto.-De acordo co último parágrafo do punto terceiro, co 25% aludido, o Ministerio de Economía poderá cofinanciar, cun máximo do 50% do achegado pola Comunidade Autónoma, determinadas actuacións de especial interese polo seu efecto innovador ou porque constitúan unha acción piloto que exerza un efecto de arrastre para outras accións. A selección deste tipo de actividades a cofinanciar entre as solicitadas pola totalidade das Comunidades Autónomas farase mediante acordo en reunión de directores xerais de Comercio, como Comisión da Conferencia Sectorial, segundo delegación expresa realizada polo Pleno desta do 8 de outubro de 2003.

Como se indica no mencionado parágrafo terceiro, esta confinanciación será tamén con cargo á partida orzamentaria 751, Programa 763 A, Servicio 16 da que se retivo un 25% do crédito para o efecto e a cantidade dispoñible para ela é de 2.253.795 euros.

As actuacións singulares que aspiren a esta financiación deberán presentarse pola Comunidade Autónoma á Dirección Xeral de Política Comercial do Ministerio de Economía antes do 20 de novembro de 2003, acompañando Memoria e Desglose Presupuestario, e as transferencias de fondos ás comunidades autónomas se efectuarán unha vez que a reunión de directores xerais de Comercio decida os proxectos a cofinanciar.

As certificacións de pagamento terán como data tope tamén o 30 de xuño de 2005, razón pola que si o proxecto, pola súa contía orzamentaria pode

tardar en realizarse, se dividirá en cantas fases sexa necesario para poder cumprir coa mencionada data.

Sétimo.-Os fondos achegados polo Ministerio de Economía acóllense o Programa Operativo 2000-2006, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Por este motivo, de acordo coas recomendacións da Comisión Europea, a Comunidade Autónoma non deberá presentar a esta dirección xeral para acollerse ós beneficios deste convenio, aqueles expedientes para os que foran solicitados retornos polo mencionado Programa Operativo ou calquera outro programa da Unión Europea.

A Xunta de Galicia comunicará a cofinanciación europea (Programa Operativo para a Mellora da Competitividade e Desenvolvemento do Texido Productivo 2000-2006) ós beneficiarios dos proxectos acollidos a este convenio.

Así mesmo a Dirección Xeral de Política Comercial poderá solicitar á Comunidade Autónoma información complementaria sobre os expedientes aprobados pola Comisión de Seguimento, co fin de poder cumprimenta-la normativa contida no Programa Operativo 2000-2006.

Oitavo.-Sen prexuízo do procedemento previsto e das funcións asignadas á Comisión de Seguimento, a difusión do Plan Marco no ámbito da Comunidade Autónoma, corresponderá á Consellería de Innovación, Industria e Comercio, da Administración autonómica da Xunta de Galicia.

Noveno.-Ese convenio entrará en vigor desde a data da súa sinatura e terá unha vixencia temporal ata o 31 de decembro do ano 2003. Non obstante, poderá producirse a súa resolución antes do prazo indicado, por mutuo acordo das partes, por incumprimento ou por denuncia dalgunha delas, ata dous meses antes da data de extinción do convenio.

Décimo.-O réxime xurídico aplicable a este convenio é o establecido no Título I da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo de aplicación así mesmo as restantes normas de dereito administrativo en materia de interpretación, modificación e resolución das cuestións non recollidas no convenio que se suscribe.

As cuestións litixiosas que poidan xurdir na interpretación e cumprimento deste convenio serán de coñecemento e competencia do orde xurisdiccional do contencioso-administrativo.

E, en proba de conformidade, asinan os intervenientes, no lugar e data indicados no encabezamento.

O vicepresidente primeiro do Goberno e ministro de Economía. Rubricado. O conselleiro de Innovación, Industria e Comercio. Rubricado.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL