DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Martes, 02 de marzo de 2004 Páx. 2.846

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 42/2004, do 20 de febreiro, polo que se autoriza o cambio de denominación da Escola Universitaria de Óptica, que pasará a denominarse Escola Universitaria de Óptica e Optometría da Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece no seu artigo 8.2º que a creación, modificación e supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas, así como a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, serán acordadas pola Comunidade Autónoma, ben por proposta do Consello Social ou ben por propia iniciativa co acordo do referido consello, en todo caso logo de informe do Consello de Goberno da Universidade.

Pola súa banda, a Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades, establece no seu artigo 5.f) que lle corresponde ó Consello Galego de Universidades emitir informe sobre as propostas de creación, modificación ou supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas.

A Universidade de Santiago de Compostela, en uso das súas competencias, presentou expediente para o cambio da denominación da Escola Universitaria de Óptica polo de Escola Universitaria de Óptica e Optometría. Xustifícase o cambio de denominación por razóns de tipo académico e profesional e, de adaptación ó plan de estudios conducente ó título de diplomado en óptica e optometría, que se imparte na escola universitaria. Polo que a nova denominación reflicte con máis exactitude o que é o ámbito actual propio destas ensinanzas.

Por todo isto, de conformidade co disposto no citado artigo 8.2º da Lei 6/2001, por instancia do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, co informe do Consello de Goberno da Universidade e do Consello Galego de Universidades, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de febreiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Autorízase o cambio de denominación da Escola Universitaria de Óptica, creada polo Decreto 416/1990, do 31 de xullo, que pasará a denominarse Escola Universitaria de Óptica e Optometría, da Universidade de Santiago de Compostela.

2. Na Escola Universitaria de Óptica e Optometría continuarán impartíndose os estudios, xa autorizados, conducentes ó título de diplomado en óptica e optometría, que xa se viñan impartindo na escola universitaria de óptica.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria