DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Martes, 02 de marzo de 2004 Páx. 2.841

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 30 de xaneiro de 2004, de anulación e baixa en contabilidade de liquidacións das que a súa xestión en período executivo corresponde a esta consellería.

O artigo 23.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia autoriza o conselleiro de Economía e Facenda para que poida dispoñe-la non liquidación de débedas ou a anulación e baixa en contabilidade de débedas xa liquidadas cando a súa execución resulte antieconómica.

A Orde do 19 de febreiro de 1999 que desenvolve o artigo 23.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario afecta ás débedas de menor contía de carácter tributario e xestionadas pola Consellería de Economía e Facenda. Nembargantes a xestión recadatoria en vía executiva desta consellería abrangue outros ingresos de dereito público tributarios e non tributarios, xestionados en período voluntario por outras consellerías, organismos autónomos ou outros entes públicos e para estes ingresos non existe unha previsión semellante á establecida na orde citada en canto a consideración de insuficiente a contía que se vai recadar que non chegue ó mínimo para cubri-lo custo que esixe a súa xestión e este é o que se fixa nesta orde en aplicación do principio de eficacia fixado nos artigos 103 da Constitución de España e 3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O ámbito de aplicación desta orde está constituído por todo tipo de débedas, ingresos de dereito público dos que a súa xestión en período executivo corresponda ó Servicio Central de Recadación da Dirección Xeral de Tributos.

Por todo iso, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Serán anuladas e dadas de baixa en contabilidade as liquidacións xiradas a un mesmo debedor e integradas nun expediente executivo do que o importe total, excluída a recarga de constrinximento, non exceda da contía fixada na Orde do 19 de febreiro de 1999, que desenvolve o artigo 23.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario ou a que de se-lo caso a modifique e sen prexuízo dos convenios subscritos en materia de recadación executiva coa Axencia Estatal de Administración Tributaria ou con outras administracións.

Artigo 2º

Non se admitirán por parte da Consellería de Economía e Facenda débedas procedentes doutras consellerías, órganos autónomos e outros entes dos que a xestión recadadora teña asumido en virtude de lei que non superen o límite fixado no anterior artigo.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2004.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA