DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 26 de febreiro de 2004 Páx. 2.626

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 4 de febreiro de 2004 pola que se crea a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/Sida.

Unha vez que a pandemia causada pola infección por VIH/Sida se mostrou coma un dos máis importantes problemas de saúde con graves implicacións sociais, a Organización Mundial da Saúde (OMS) creou no ano 1987 o Programa especial sobre a Sida, recomendando que cada comunidade elaborase ó seu nivel un plan de actuación específico adaptado á súa realidade.

Seguindo esas directrices en Galicia creouse, en virtude da Orde do 10 de marzo de 1987, a Comisión de Seguimento e Control da SIDA. Así mesmo, pola Orde do 19 de setembro de 1988 aprobouse o Plan Autonómico para a Prevención e Control da Sida e das infeccións relacionadas co virus de inmunodeficiencia humana (VIH).

Durante estes anos realizáronse en Galicia múltiples actividades, tanto no campo da vixilancia epidemiolóxica e da prevención, como na atención dos afectados, que foron impulsadas desde as institucións responsables e con ampla colaboración doutras organizacións sociais. Froito deste traballo colectivo son os importantes avances conseguidos en Galicia para afrontar esta infección e as súas consecuencias.

Neste período de tempo a problemática ligada á infección por VIH modificouse substancialmente tanto no eido sanitario como social.

Así pois, como órgano de apoio e colaboración coas entidades encargadas de executa-las tarefas para a prevención da infección do VIH/SIDA, faise necesario crear unha comisión para o control e seguimento das actividades encamiñadas a este fin.

En consecuencia, conforme as facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto a creación da Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á infección por VIH/Sida e o establecemento da súa constitución, composición e funcións.

2. Esta comisión estará adscrita á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Artigo 2º.-Composición.

1. Integran a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á infección por VIH/Sida os seguintes membros:

a) Presidente: o conselleiro de Sanidade.

b) Vicepresidentes:

O director xeral de Saúde Pública.

O director xeral da División de Asistencia Sanitaria.

O director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social (Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais).

A directora xeral de Xuventude (Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado).

A directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria).

c) Secretario:

O xefe do Servicio de Prevención e Control das Enfermidades Transmisibles, designado polo secretario xeral por proposta do director xeral de Saúde Pública.

d) Vocais:

O subdirector xeral responsable do plan na Dirección Xeral de Saúde Pública.

O Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

Un/unha representante da Subdirección Xeral de Atención Especializada, designado/a polo director xeral da División de Asistencia Sanitaria.

Un/unha representante da Subdirección Xeral de Atención Primaria, designado/a polo director da División de Asistencia Sanitaria.

Un/unha representante da Subdirección Xeral de Programa de Atención Sociosanitaria, designado/a polo secretario xeral.

Un/unha representante da Sociedade Galega Interdisciplinaria de Sida (SOGAISIDA).

Un/unha representante do colectivo de ATS/DUE das unidades hospitalarias de atención sanitaria a esta problemática, designado/a polo director xeral da División de Asistencia Sanitaria.

Un/unha representante do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

Un/unha representante dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia.

Un/unha representante dos Colexios Oficiais de Médicos de Galicia, designado/a polo Consello Galego de Colexios de Médicos.

Un/unha representante do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia.

Un/unha representante dos Comités Anti-Sida con actividade en Galicia, designado/a de forma rotatoria.

Un/unha representante das outras organizacións non gobernamentais (ONG) con participación activa na loita contra esta infección en Galicia, designado/a de forma rotatoria polo director xeral de Saúde Pública.

Un técnico/a da Dirección Xeral de Saúde Pública designado/a polo director xeral de Saúde Pública.

2. Os membros da comisión serán nomeados por un período de dous anos, transcorrido o cal deberán proceder a confirmarse ou renovarse os ditos nomeamentos.

3. Nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo director xeral de Saúde Pública. Respecto do resto dos membros, estes serán substituídos polos seus suplentes.

Artigo 3º.-Asesoramento.

1. A comisión, por acordo dos seus membros e a proposta do conselleiro de Sanidade, poderá solicita-la colaboración, participación e o asesoramento naqueles temas e asuntos que considere de interese, de persoas de recoñecido prestixio e de entidades científicas.

2. Por proposta da comisión poderán crearse grupos de traballo específicos en función das necesidades e dos temas que se vaian tratar. Estes grupos disolveranse unha vez conseguidos os obxectivos para os que foron creados.

Artigo 4º.-Funcións.

Á Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/SIDA corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Coñece-la situación da infección por VIH e a sida en tódolos campos -epidemiolóxico, sanitario e social- así como a estratexia e actividades que se realizan en Galicia para afrontala.

b) Propoñer todas aquelas medidas que se consideren positivas para orienta-la política sanitaria e social na loita contra este problema.

c) Avalia-las actuacións realizadas e, con base nos seus resultados, propoñer liñas de mellora co fin de aumenta-la súa efectividade e eficiencia.

d) Incorporar, actualizar ou redefinir liñas de actuación dentro do Plan de Acción anti VIH/Sida en Galicia.

Artigo 5º.-Normas de organización e funcionamento.

1. A Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/SIDA actuará segundo ás súas propias normas de organización e funcionamento.

2. A comisión deberá reunirse, por primeira vez, en sesión constitutiva, no prazo dun mes desde o día seguinte ó da publicación dos nomeamentos no Diario Oficial de Galicia.

3. Para o non previsto nesta orde, a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/SIDA rexerase no seu funcionamento polo disposto no título II, capítulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto tódalas disposicións do mesmo ou inferior rango que se opoñan ó establecido nesta orde, e expresamente os artigos 4, 5, 6 e 7 da Orde do 19 de setembro de 1988 pola que se crea o Plan Autonómico para a Prevención e Control da Sida e das Infeccións relacionadas co Virus da Inmunodeficiencia Humana (VIH).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para adopta-las medidas necesarias para a aplicación, o desenvolvemento e a execución do disposto neste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2004.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade