DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Mércores, 25 de febreiro de 2004 Páx. 2.577

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións para o desenvolvemento das liñas de actuación e estímulo á formación de mulleres e se procede á súa convocatoria.

O Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería

de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, no seu artigo 1 atribúelle a esta consellería as competencias en materia de muller, que serán exercidas a través do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados na Constitución española.

Ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre

outras funcións, a de facilita-la formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

Por outra banda, no IV Plan de igualdade de oportunidades das mulleres galegas dedícase unha área específica á formación, emprego e conciliación da vida persoal, familiar e laboral e, dentro dela, un dos obxectivos prioritarios é elimina-las barreiras que lles impiden ás mulleres incorporarse ó mercado laboral, consolidando a formación como medida prioritaria para a mellora e o incremento do emprego e estimulando, especialmente, a utilización de novas tecnoloxías.

Neste marco, a consolidación das actividades económicas existentes, sobre todo a aparición de actividades novas na súa concepción, vén a esixir un incremento na capacitación dos recursos humanos utilizados nelas.

A innovación técnica e organizativa das actividades económicas, a incorporación da muller ó mundo do traballo e a preocupación que leva consigo a plena integración comunitaria demandan plans adecuados á realidade actual, nos que a formación que se imparta se adapte ás necesidades existentes.

A formación para o emprego débese conformar como unha acción programática co fin de superar concepcións tradicionais de ofertas de emprego en profunda transformación.

Esta resolución pretende concreta-los principios xerais da formación ocupacional, coordinando as accións de formación coas actividades de orientación profesional e a execución de accións e programas que faciliten a inserción laboral das mulleres e a mellora da súa cualificación profesional.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establécense os requisitos xerais ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta resolución, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade e réxime das axudas

Artigo 1º.-Finalidade.

1. O obxecto desta resolución é fixa-las bases reguladoras e a convocatoria pública, para o ano 2004, das axudas e subvencións para a realización dos plans de actuación e de programas de formación profesional do Servicio Galego de Promoción da

Igualdade do Home e da Muller a prol das mulleres mediante a execución das seguintes actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo:

a) Apoio a programas destinados a facilita-la inserción laboral das mulleres, impulsando a súa cualificación profesional, naquelas profesións demandadas polo mercado de traballo.

b) Apoio a programas de formación ocupacional coordinados con actividades de orientación profesional e plans de fomento da economía social e a promoción de empresas.

c) Apoio a proxectos formativos de carácter singular que poidan achegar un valor engadido ás accións anteriores.

2. A concesión destas subvencións realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva segundo os criterios que se establecen no artigo 14º e resolverase dentro das dispoñibilidades orzamentarias definidas no artigo 2º.

Artigo 2º.-Financiamento.

As accións incluídas nesta resolución están cofinanciadas cos fondos reflectidos no Marco Comunitario de Apoio da Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo e financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.50.212A 460.1 (552.500 A), 14.50.212A 460.2 (60.000 A), 14.50.212A 470.1 (100.000 A), 14.50.212A 480.1 (739.275 A), 14.50.212A 480.2 (208.000 A) recollidas na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004. O importe global destinado a elas ascende a 1.659.775 A. As citadas contías poderán incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Normativa aplicable.

A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ó disposto nesta resolución, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2004 e no Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro, da Comisión das Comunidades Europeas, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (CE) ás axudas á formación e demais normativa de aplicación.

En canto á información e publicidade das accións que se realicen ó abeiro desta resolución observarase o disposto no Regulamento (CE) nº 1159/2000, da comisión, do 30 de maio, sobre as actividades de información e publicidade que deben levar a cabo os estados membros en relación coas intervencións dos Fondos Estructurais (DO L 130, 21.5.2000) e demais normativa de aplicación.

Artigo 4º.-Beneficiarias das axudas.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento das accións formativas reguladas nesta convocatoria as entidades que se citan:

a) As entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades de iniciativa social que carezan de ánimo de lucro.

b) As centrais sindicais ou as organizacións empresariais legalmente constituídas.

c) As empresas, exclusivamente para a formación das súas propias traballadoras.

2. As entidades sinaladas nas letras a) e b) estarán inscritas no último día de presentación de solicitudes na Área de Muller do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais.

3. As entidades que obteñan a concesión de axudas poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria tendo en conta as seguintes limitacións, obrigas e requisitos:

a) A subcontratación en ningún caso suporá un aumento do custo da acción formativa.

b) A necesidade de subcontratación estará debidamente motivada pola entidade beneficiaria da subvención.

c) A coordinación da acción formativa está excluída de calquera subcontratación.

d) A subcontratación abranguerá a totalidade da acción formativa (agás a coordinación) ou unicamente a docencia.

e) A subcontratación pola totalidade da acción formativa só poderá realizarse con centros homologados de formación ocupacional.

f) A entidade beneficiaria en ningún caso poderá subcontratar máis de tres cursos, tendo en conta que cada subcontratación terá que realizarse con subcontratistas diferentes.

g) A subcontratación esixe autorización previa das/os delegadas/os provinciais deste organismo que se solicitará no formulario que aparece como anexo IV. O contrato formalizarase por escrito.

h) As entidades beneficiarias das subvencións son as responsables de que nas accións subvencionadas se respecten os límites establecidos na normativa aplicable en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e esixirán ás/ós subcontratistas a relación de persoal docente, os documentos acreditativos do pagamento das correspondentes retribucións e os acreditativos do pagamento das bolsas e axudas segundo o establecido no punto 4 do artigo 7º.

i) As/os subcontratistas están obrigadas/os a facilitar ós organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións formativas subcontratadas.

j) A solicitude de calquera modificación respecto da execución da acción formativa subcontratada só poderá presentala a entidade beneficiaria da subvención.

Artigo 5º.-Destinatarias das accións formativas.

a) Mulleres desempregadas que poidan acreditar esta situación segundo o establecido no artigo 20º. Terán preferencia as mulleres que desexen incor

porarse á vida laboral despois dunha interrupción causada pola dificultade de compaxina-la súa vida laboral e familiar.

b) Mulleres que exerzan unha actividade laboral, con exclusión das que presten os seus servicios en calquera Administración pública ou organismos dependentes, sexa cal sexa o seu vínculo contractual, e acrediten esta situación segundo o establecido no artigo 20º.

Nos anexos I e II da resolución indicarase o colectivo específico para o cal se solicita a subvención.

Artigo 6º.-Axudas.

1. Os programas formativos levaranse a cabo por cursos, que serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución, sempre que se trate de gastos elixibles e que se xustifiquen de acordo co establecido nesta resolución e demais normativa de aplicación.

2. Os custos de cada curso determinaranse por módulos económicos. Cada curso constará de dous módulos (A e B) cando se trate de formación dirixida a mulleres ocupadas e de tres (A, B e C) cando sexa para mulleres desempregadas. Os gastos que se incluirán en cada módulo determínanse no artigo 7º.

3. As subvencións terán unha contía máxima para cada curso que será a resultante do número de horas polo número de alumnas e polo importe do correspondente módulo. Os importes de cada módulo asignaranse, polas comisións de valoración, a cada curso segundo a súa clasificación en función do nivel formativo e do grao de dificultade da técnica utilizada.

4. Cando as adxudicatarias das axudas sexan entidades referidas nas letras a) e b) do artigo 4º o importe da subvención financiará o 100% dos custos da acción formativa; cando se trate das referidas na letra c) o importe subvencionable será o 80%.

5. O cobramento destas subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza e para a mesma acción.

Artigo 7º.-Gastos subvencionables.

1. No módulo A inclúense os gastos de persoal, o B abrangue o resto dos custos aboables do curso e o C está referido ás bolsas e axudas de transporte das alumnas. A cada un destes módulos fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual ó custo máximo subvencionable.

2. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ó módulo A os seguintes gastos de persoal desagregados que se xustifiquen debidamente:

a) Soldos ou honorarios de persoal docente, ou o prezo do servicio externo docente, e os correspondentes gastos de seguros sociais.

b) Gastos da actividade de coordinación, que deberá ser realizada por persoa física distinta das encargadas da impartición do curso. Os gastos de coordinación non poderán supera-lo 15% do total do módulo A.

3. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ó módulo B os seguintes gastos correntes que se xustifiquen debidamente:

a) Gastos de seguros de accidentes das alumnas e, de se-lo caso, gastos de seguros de responsabilidade civil.

b) Gastos de medios e materiais didácticos e dos materiais de traballo funxibles utilizados durante as actividades de formación, quedando excluídos os gastos de amortización de equipos e ferramentas.

c) Gastos xerais que teñan a súa orixe na actividade do curso: enerxía eléctrica, combustibles, mantemento das instalacións e dos equipamentos formativos; alugueres e seguros, tanto de instalacións como de maquinaria; teléfonos e comunicacións; gastos de transporte necesarios para a realización de viaxes didácticas previstas no programa formativo ou as que así sexan apreciadas como necesarias e autorizadas expresamente polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, podendo tamén incluí-lo importe das entradas para alumnas e persoal docente pero non a manutención durante as visitas; e publicidade expresamente autorizada e realizada de conformidade coas normas establecidas nesta resolución, para a execución dos cursos aprobados e programados.

4. Os custos aboables ou subvencionables correspondentes ó módulo C son exclusivamente para aquelas accións formativas dirixidas a mulleres desempregadas, sempre e cando a súa duración sexa superior a 4 horas diarias e 20 semanais, e estarán constituídos por:

a) Bolsas para alumnas cun mínimo do 33% de discapacidade acreditada mediante certificado expedido polo organismo competente.

b) Axudas de transporte para aquelas alumnas que residan polo menos a 3 quilómetros do lugar de impartición da acción formativa, circunstancia que acreditará o órgano municipal correspondente.

A percepción das axudas das letras a) e b) son incompatibles.

Capítulo II

Especialidades formativas

Artigo 8º.-Modalidades.

1. Os cursos serán de carácter presencial e os programas formativos que se poden impartir ó abeiro desta resolución comprenden as seguintes modalidades:

a) Accións formativas incluídas no ficheiro de especialidades formativas do Instituto Nacional de Emprego.

b) Accións formativas incluídas no directorio do Servicio Galego de Igualdade de formación socio-laboral para mulleres.

c) Accións formativas, non incluídas nos puntos anteriores, caracterizadas como proxectos experimentais ou innovadores.

2. As entidades que desexen levar a cabo as accións comprendidas nas letras b) e c) deberán xuntar á solicitude a seguinte documentación:

-Informe motivado sobre as necesidades de formación nesa especialidade.

-Programa formativo definido segundo a estructura dos cursos normalizados de formación ocupacional.

-Orzamento do custo da formación desagregado por módulos de acordo co disposto no artigo 7º.

3. As accións formativas ou cursos distribúense por módulos formativos que conforman unidades formativas diferenciadas. Cada curso cunha duración superior a 300 horas poderá impartirse pola totalidade ou por parte das unidades das que consta o programa ou especialidade, sempre que esta circunstancia se especifique na solicitude.

4. Aquelas entidades que impartiran cursos de formación subvencionados polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller no exercicio 2003 e que necesiten acada-la formación necesaria, de acordo cos programas oficiais para optar ó certificado de profesionalidade, poderán presentar solicitudes para imparti-los módulos correspondentes e así completa-la formación establecida. Deberán incluír a continuación da denominación do curso, nos anexos da solicitude, a indicación complementario e acompaña-los seguintes documentos:

-Informe motivado sobre as necesidades formativas.

-Programa indicativo das unidades formativas impartidas.

-Programa modular das unidades formativas que se van impartir.

-Orzamento desagregado por módulos económicos.

-Relación de alumnas demandantes da formación.

Artigo 9º.-Módulo de igualdade de oportunidades.

Tódalas accións formativas incluirán obrigatoriamente un módulo de igualdade de oportunidades que terá unha duración entre 8 e 12 horas e conterá como mínimo os seguintes aspectos:

-Transversalidade de xénero.

-Situación histórica e socio-laboral das mulleres.

-Políticas de igualdade. Obxectivos. Accións positivas.

-Servicio Galego de Igualdade como organismo promotor da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Este módulo impartirao persoal con formación en políticas de igualdade.

Artigo 10º.-Módulo de orientación profesional.

As accións formativas destinadas a mulleres desempregadas incluirán un módulo de orientación e información profesional que terá unha duración entre 5 e 20 horas e conterá información sobre as posibilidades de emprego abertas para a formación recibida e orientación sobre as técnicas de busca de emprego, posibilidades de autoemprego e fórmulas de economía social.

Capítulo III

Convocatoria pública

Artigo 11º.-Competencia e procedemento.

1. A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de subvencións previstas nesta resolución correspóndelles ás delegadas e ós delegados provinciais do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, por delegación da directora xeral do organismo.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes desenvolverase segundo o establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e demais normativa de aplicación.

Artigo 12º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para imparti-las accións formativas presentaranse, no modelo normalizado que se publica como anexo I, acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI da/o solicitante e documentación acreditativa de representatividade suficiente para actuar en nome da entidade.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

c) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado (anexo II).

d) Memoria detallada xustificativa da acción (anexo III) na que se indicarán os criterios que se van utilizar para a selección das alumnas (un modelo por cada curso solicitado).

e) Declaración orixinal asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade de non percibir ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

f) Declaración orixinal asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade na que se exprese o acordo coas actuacións de control e supervisión do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

g) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta na que conste: código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

h) Solicitudes de autorización para subcontratacións (anexo IV), de se-lo caso, xunto co informe motivado sobre as súas necesidades.

i) Xustificación do grao de inserción laboral acadado polas alumnas formadas en cursos incluídos na programación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller no exercicio 2003.

j) As entidades que soliciten formación directamente vinculada cunha contratación laboral ou promoción profesional, por un período de alomenos seis meses para un mínimo do 15% das alumnas, presentarán o correspondente compromiso, que estará asinado pola entidade que vaia realiza-la contratación ou promoción das alumnas formadas.

k) As entidades que presenten solicitudes para completar especialidades formativas deberán xuntar, ademais, os documentos esixidos no punto 4 do artigo 8º.

2. Cando se trate de asociacións, federacións ou confederacións, consignarase o número de membros que as integran no recadro correspondente do anexo I.

3. As solicitudes dirixiranse á Delegación Provincial do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller competente, segundo a provincia na que se vaian desenvolve-las accións formativas solicitadas; cando unha entidade de ámbito autonómico pretenda realizar accións formativas en distintas provincias, as solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais correspondentes. Presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 13º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. Se as solicitudes non estivesen debidamente cubertas ou a documentación presentada tivese erros ou fose insuficiente, as unidades administrativas encargadas da tramitación dos expedientes requirirán as/os solicitantes para que, no prazo de dez días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen se considerarán desistidos da súa petición, logo de resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Comisión de valoración. Criterios de avaliación.

1. Cada delegación provincial designará unha comisión de valoración, para o estudio e avaliación das solicitudes recibidas e debidamente cubertas,

que estará composta por tres membros, designados pola/o delegada/o provincial do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Se, por calquera causa, no momento no que as comisións de valoración teñan que examina-las solicitudes algún dos seus membros non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a/o delegada/o provincial.

2. A comisión de valoración estudiará e avaliará as solicitudes debidamente cubertas atendendo ós seguintes criterios, relacionados por orde de importancia:

a) Existencia de compromiso de contratación laboral ou promoción profesional.

b) Accións formativas que promovan unha cualificación das mulleres de cara á obtención dos certificados de profesionalidade.

c) Accións formativas que promovan unha cualificación das mulleres naquelas profesións nas que se atopan subrepresentadas.

d) Accións formativas para profesións directamente ligadas a sectores económicos prioritarios nas comarcas onde se van impartir.

e) Accións formativas que se refiran a novas actividades profesionais e a novos viveiros de emprego.

f) Accións formativas que fomenten o autoemprego e a constitución de empresas de economía social.

g) Accións formativas dirixidas preferentemente a mulleres en risco de exclusión social ou con especiais dificultades de acceso ó emprego.

h) Menor taxa de ocupación feminina no ámbito municipal para o que se solicitan os cursos.

i) Entidades que recibiron axudas no exercicio anterior con óptimo rendemento estimado segundo o cumprimento de obxectivos e a súa xustificación.

Terán preferencia aquelas accións formativas que inclúan unha fase de prácticas profesionais non laborais axeitada ós coñecementos impartidos.

Artigo 15º.-Resolución.

1. As resolucións dos expedientes de axudas, logo da fiscalización das propostas das comisións de valoración polas intervencións correspondentes, correspóndelles, por delegación da directora xeral, ás/ós delegadas/os provinciais do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. O prazo para resolver será de seis meses, que se computarán a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. As resolucións dictadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas

e do procedemento administrativo común; ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 16º.-Aceptación da subvención.

Notificada a resolución de concesión, as/os adxudicatarias/os deberán manifestar por escrito a súa aceptación comprometéndose a executa-lo proxecto formativo subvencionado no prazo e condicións establecidos na convocatoria. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais, contados desde a recepción da notificación da resolución, entenderase que renuncia á subvención e procederase, logo de resolución, ó arquivo do expediente.

Artigo 17º.-Publicidade.

1. No lugar onde se realicen as accións formativas deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo no que se indique que a acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado; Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e Fondo Social Europeo, cos seus respectivos anagramas.

2. Toda a documentación elaborada especificamente para a impartición do curso deberá inclui-los logotipos das entidades e organismos mencionados no punto anterior.

Artigo 18º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, e, de se-lo caso, á súa revogación.

Artigo 19º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia dos xuros de demora, nos casos e termos previstos nesta resolución, no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000.

Capítulo IV

Xestión das accións formativas

Artigo 20º.-Selección de alumnas.

1. Con carácter xeral, o número de alumnas participantes en cada curso estará comprendido entre 15 e 20, sen que en ningún caso poidan terse en conta máis de 15 alumnas para o cómputo da subvención, non podendo iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 10.

2. Para a selección das alumnas, a entidade que vai imparti-lo curso realizará unha convocatoria

pública mediante anuncio, publicado polo menos a través dun dos xornais de maior tirada da provincia e obrigatoriamente en domingo, que requirirá a supervisión previa do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Neste anuncio especificarase como mínimo: a entidade ofertante, o cofinanciamento da acción por parte do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e do Fondo Social Europeo, as prazas existentes, o curso do que se trata, o perfil requirido das alumnas e o enderezo, teléfono, localidade e data de realización das probas de selección.

3. Quedan exceptuadas do requisito do anuncio en prensa as empresas. Neste caso a convocatoria realizarase por medio dun anuncio que se exporá no taboleiro de anuncios que, destinado para o efecto, se atope situado nos locais da propia empresa, e requirirase a súa supervisión a este organismo nos termos establecidos no parágrafo anterior.

4. O custo dos anuncios que non se adapten ós anteditos requisitos e a calquera outro que puidese ser establecido polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller non será aboado con cargo ás axudas previstas nesta resolución.

5. O día da realización das probas de selección, a entidade requiriralles ás alumnas interesadas que presenten, coa maior brevidade, os seguintes documentos:

-Copia compulsada do DNI.

-Orixinal do informe de vida laboral, actualizado, expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

-Copia compulsada da tarxeta de demandante de emprego, de se-lo caso.

6. A entidade concluirá a selección levantando a correspondente acta, que se lle deberá remitir ó órgano competente do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller con sete días de antelación ó comezo do curso xunto coa documentación acreditativa da situación laboral das seleccionadas.

7. Nas accións formativas destinadas a mulleres desempregadas, a entidade impartidora deberá remitirlle á oficina de emprego correspondente a relación de candidatas seleccionadas para os cursos e comunica-las incidencias (altas/baixas) que se produzan durante o seu transcurso.

Artigo 21º.-Inicio da acción formativa.

1. As alumnas deberanse incorporar ó curso na data do seu inicio. De non incorporarse ou producirse baixas dentro da primeira cuarta parte do curso, poderanse substituír por alumnas procedentes da convocatoria pública.

2. Os cursos nos que, a pesar de que se intentase completa-lo número de alumnas, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50% do número programado poderán ser suspendidos polo órgano competente do Servicio Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller. Neste caso, a entidade terá dereito a unha indemnización calculada de acordo co principio de proporcionalidade, que será proposta pola comisión de valoración prevista no artigo 14º e aprobada, de se-lo caso, pola/o delegada/o provincial do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 22º.-Dereitos e deberes das alumnas.

1. As alumnas que resulten seleccionadas para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente, nin causar baixa nun para acceder a outro incluído dentro da programación de formación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. No momento da incorporación teñen que cubrir correctamente a ficha individual e presentar, de se-lo caso, a documentación acreditativa de ter dereito á percepción de bolsas ou axudas de transporte.

3. Teñen a obriga de asistir e segui-los cursos con aproveitamento e facilita-la documentación que lles solicite a entidade impartidora. Será causa de exclusión incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas no mesmo mes.

4. As que rematen os cursos con aproveitamento e polo menos asistiran ó 75% das horas lectivas terán dereito a un diploma oficial, no modelo que estableza o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, no que constarán os seguintes datos:

-No anverso: denominación da entidade impartidora; nome, apelidos e DNI da alumna; denominación do curso; número de horas; localidade e datas de realización.

-No reverso: programa que indique os módulos impartidos agrupados en unidades formativas e a súa duración.

5. Computaranse como alumnas que remataron o curso aquelas que precisen abandonalo antes da súa finalización por ter atopado un emprego, acreditando tal extremo e sempre que asistiran ó 75% das horas e a/o docente considere que teñen os coñecementos equivalentes ó nivel do curso. O número de alumnas que rematen o curso non pode supera-lo previsto no número 1 do artigo 20º.

Artigo 23º.-Obrigas das entidades impartidoras.

1. As entidades adxudicatarias das axudas están obrigadas a presentar na delegación provincial correspondente a documentación que se relaciona nos prazos que se indican:

a) O modelo do anuncio de convocatoria pública para a súa conformidade, antes da publicación en prensa ou no taboleiro de anuncios da empresa, segundo corresponda.

b) Dentro dos 7 días anteriores ó comezo dos cursos:

b.1. O programa docente completo, estructurado por módulos, indicando o tempo en horas de cada un deles así como os seus contidos teórico-prácticos.

b.2. As datas de inicio e remate dos cursos e, de se-lo caso, a planificación temporal das actividades relacionadas co curso.

b.3. O enderezo completo do lugar de impartición.

b.4. A relación de docentes que van imparti-lo curso xunto cos currículos e documentación acreditativa de que posúen a formación e experiencia suficientes, de acordo coas esixencias específicas establecidas para cada acción formativa.

b.5. O resultado da selección de alumnas.

b.6. Copia da páxina do xornal que conteña o anuncio da convocatoria.

Unha copia da documentación relacionada na letra b) estará exposta no taboleiro de anuncios do centro onde se imparta. Calquera modificación posterior destas circunstancias estará supeditada á previa autorización do órgano competente do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

c) O día de inicio do curso:

c.1. Certificación xustificativa do seu comezo.

d) Dentro dos dez días seguintes ó inicio do curso:

d.1. A ficha de inicio do curso.

d.2. Fotocopias compulsadas dos DNI e orixinais dos informes de vida laboral expedidos pola Tesourería Xeral da Seguridade Social de tódalas alumnas. Nos cursos dirixidos a mulleres desempregadas, deberán xuntar, ademais, fotocopia compulsada da tarxeta de demandante de emprego de cada alumna.

d.3. Documentación do órgano municipal competente para a percepción das axudas de transporte.

d.4. Certificación de discapacidade, expedida polo organismo competente, para a percepción de bolsas.

d.5. As fichas das alumnas.

e) Con carácter mensual:

e.1. A folla de control de asistencia.

e.2. As nóminas das alumnas perceptoras de bolsas ou axudas de transporte nos cursos dirixidos a desempregadas.

2. Aboarlles mensualmente ás alumnas as axudas previstas no punto 4 do artigo 7º e ó persoal docente a súa remuneración. Non exime desta obriga o feito de que a entidade impartidora non percibise o anticipo previsto nesta resolución.

3. Contratar un seguro de accidentes para as alumnas que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso como os do traxecto ó lugar de impartición das clases e das prácticas.

A súa duración abranguerá estrictamente o período do curso, incluíndo expresamente as prácticas non laborais en empresas que figuren na programación, sen que poida admitirse restricción nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado. Terá carácter obrigatorio en tódalas accións formativas impartidas ó abeiro desta resolución e dará cobertura expresa, como mínimo, ás seguintes continxencias: en caso de morte 30.000 A; en caso de invalidez permanente 42.000 A; e asistencia médico-farmacéutica durante un ano a partir do sinistro.

4. Cando se realicen prácticas en empresas ou outras actividades relacionadas coa acción formativa, contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que poidan derivar da súa realización para os bens e as persoas.

5. Introduci-lo currículo das alumnas que rematen o curso, coa súa conformidade, na base de datos do Servicio Galego de Colocación na forma que estableza a consellería competente.

6. Elabora-los diplomas segundo o disposto no punto 4 do artigo 22º desta resolución.

7. Elaborar un informe da situación laboral das alumnas formadas ós seis meses de remata-lo curso, co fin de coñece-la porcentaxe de colocación ou promoción profesional.

8. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

9. Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para realiza-las comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

10. O incumprimento de calquera destas obrigas será causa determinante de revogación e, se é o caso, de reintegro, de acordo co previsto no artigo 19º.

Artigo 24º.-Xustificación e pagamento.

1. Tódalas accións formativas realizadas ó abeiro desta resolución estarán rematadas o 15 de novembro de 2004 e a súa xustificación presentarase, necesariamente, como data límite o 30 de novembro de 2004.

2. O aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata un 50% do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, cando se trate de entidades

sen ánimo de lucro e sempre que se solicite nos cinco días seguintes ó transcurso da primeira cuarta parte do curso e se lle remita ó órgano competente do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller a documentación acreditativa do inicio do curso e das modificacións producidas ata a data. Cando se trate de corporacións locais, a porcentaxe máxima dos anticipos será do 35% da subvención concedida.

b) Para o importe restante, unha vez rematada a acción formativa, deberán presenta-la seguinte documentación:

-Certificación orixinal da/o secretaria/o co visto e prace da/o presidenta/e da entidade, ou órganos similares, que acredite que os gastos realizados foron aplicados para o fin para o que se concedeu a subvención.

-Declaración orixinal asinada pola/o representante legal da entidade de non percibir ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

-Orixinais e copias das facturas, ou documentos equivalentes, correspondentes ós gastos efectuados que xustifiquen a execución do 100% do orzamento de gastos. Estes documentos estarán emitidos conforme a normativa aplicable e xuntaranse tamén, de se-lo caso, os xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. No caso das entidades locais, observarase o disposto no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000.

c) Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que a entidade beneficiaria xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ó 80% da subvención concedida.

3. Se se trata de entidades con ánimo de lucro, antes de proceder ó pagamento da liquidación final ou, de se-lo caso, dos pagamentos parciais, terán que acreditar que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, agás que a/o adxudicataria/o xunte á solicitude a autorización establecida no anexo IV.

4. O pagamento da liquidación final estará condicionado pola presentación dos diplomas correctamente cubertos para o seu rexistro.

5. Nos supostos de proxectos formativos con compromiso de contratación ou promoción profesional, non se realizará o pagamento da liquidación final mentres non se remitan as copias dos contratos de traballo rexistrados polo organismo público competente.

6. No caso de que a xustificación fose incorrecta requirirase a entidade para que corrixa os erros observados no prazo de dez días, advertíndolle que,

de non facelo, se procederá á revogación e, de se-lo caso, ó reintegro da contía percibida e á esixencia dos xuros de demora.

Artigo 25º.-Seguimento e control das accións formativas.

O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller realizará o seguimento e control das accións formativas. Cando se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias, requiriráselle á entidade adxudicataria a súa emenda; de non realizarse no prazo concedido procederase á revogación e, de se-lo caso, ó reintegro da subvención percibida e á esixencia dos xuros de demora.

Disposicións adicionais

Primeira.-Poderán dictarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de remanentes de módulos ou por incremento dos orzamentos previstos no artigo 2º.

Segunda.-Ás/ós beneficiarias/os das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións e dos requisitos esixidos nesta resolución.

Cuarta.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller facilitaralles a tódalas entidades interesadas o directorio de formación referido na letra b) do artigo 8º. Así mesmo, remitirá a tódalas entidades adxudicatarias o manual práctico de formación co fin de facilitárlle-lo cumprimento das súas obrigas e a xestión das accións formativas; nel incluiranse os formularios normalizados para a correcta execución dos cursos. O seu contido é de obrigado cumprimento para as entidades beneficiarias da subvención.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller dictará as instruccións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2004.

Marta González Vázquez

Directora xeral do Servicio Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller