DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Mércores, 25 de febreiro de 2004 Páx. 2.554

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2004, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se constitúe o Servicio Común de Atención ó Cidadán e Asistencia á Víctima dependente do Decanato dos xulgados da cidade da Coruña.

O artigo 438 da Lei orgánica do poder xudicial (LOPX), na redacción aprobada pola Lei orgánica 19/2003, recoñece a competencia do Ministerio de Xustiza e das comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos territoriais, para o deseño, creación e organización dos servicios comúns procesuais. Este precepto define os servicios comúns como unidades das oficinas xudiciais que, sen estaren integrados nun órgano xudicial concreto, asumen labores centralizados de xestión e apoio ás oficinas dos órganos xudiciais.

O acordo do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial do 14 de abril de 1999, a través da introducción do título VII no Regulamento 1/1995, sobre aspectos accesorios das actuacións xudiciais, define os servicios, as súas clases e establece a normativa relativa á súa homoxeneización e coordinación.

A Lei 35/1995, de axudas e asistencia ás víctimas de delictos violentos e contra a liberdade sexual, preveu o establecemento nas sedes xudiciais de oficinas de asistencia ás víctimas de delictos e faltas.

A disposición adicional terceira do Regulamento 1/1998, de tramitación de queixas e denuncias relativas ó funcionamento dos xulgados e tribunais, aprobado polo Acordo do 2 de decembro de 1998 do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, prevé a posibilidade de establecer servicios comúns para a atención ó cidadán, que asumirán as actividades de recepción de queixas e denuncias e de información e atención ó cidadán.

Cómpre lembrar que, en desenvolvemento do previsto no Pacto de Estado para a reforma da xustiza, asinado o 28 de marzo de 2001, a Carta dos dereitos dos cidadáns ante a xustiza, aprobada no Pleno do Congreso dos Deputados por unanimidade dos grupos parlamentarios, deulle un impulso decisivo á creación e dotación de oficinas de atención ó cidadán, para desenvolve-los principios de transparencia, información e atención adecuada, básicos nunha xustiza moderna e aberta ós cidadáns. Así mesmo, a carta insta as administracións públicas para potencia-los cometidos das oficinas de atención á víctima e amplia-las súas funcións buscando un servicio integral ó cidadán afectado polo delicto.

O Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, de conformidade co previsto no artigo 98 do Regulamento 1/1995 anteriormente mencionado, aprobou con data do 24 de setembro de 2002 a proposta de creación dun Servicio Común de Atención ó Cida

dán e Asistencia á Víctima dependente do maxistrado xuíz decano da Coruña. O dito acordo foille trasladado a esta consellería para os efectos de constitución do servicio.

En virtude do establecido no artigo 20.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2397/1996, sobre transferencia a esta comunidade de medios para o servicio da Administración de xustiza, o artigo 438 da LOPX e o artigo 7 do Decreto 226/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local; esta dirección xeral

ACORDA:

1. Constituí-lo Servicio Común de Atención ó Cidadán e Asistencia á Víctima, dependente do Decanato dos xulgados da Coruña, nos termos que constan no acordo do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial do 28 de maio de 2003, polo que se aproba a creación do servicio.

2. O Servicio Común de Atención ó Cidadán e Asistencia á Víctima será atendido por persoal ó servicio da Administración de xustiza, segundo os cadros de persoal que se establecen para o dito servicio, e iniciará as súas actividades o próximo día 27 de febreiro de 2004.

3. O servicio, que actuará en coordinación coa Unidade de Atención ó Cidadán do Consello Xeral do Poder Xudicial e con dependencia funcional do xuíz decano e do secretario do decanato, asumirá a atención personalizada ó cidadán, a información xeral, tanto persoal como telefónica, o tratamento de suxestións e queixas, así como a asistencia ás víctimas dos delictos e das faltas.

4. A atención personalizada ó cidadán supón a recepción e acollida dos cidadáns que acudan á sede xudicial para facilitárlle-la orientación e a axuda que precisen, tanto se o fan por instancia do órgano ou servicio xudicial coma se é por iniciativa propia. Esta atención debe ser personalizada, isto é, adaptada ás características sociais, culturais e psicolóxicas de cada un dos cidadáns que acudan ós xulgados solicitando atención ou información.

A atención personalizada implica a actividade de información xeral e esixe a colaboración do servicio para cubri-los formularios ou as solicitudes que os interesados poidan realizar directamente sen necesidade de representación.

En particular, o servicio asesorará os cidadáns e asistiraos respecto dos trámites e documentos precisos para reclama-las indemnizacións económicas que lles corresponda percibir pola intervención en procesos xudiciais como testemuñas ou peritos.

5. A información xeral comprende a identificación, localización e competencia de calquera órgano ou servicio da Administración de xustiza e especialmente os situados na mesma sede, así como responde-las demandas concretas de información sobre

competencia dos órganos, procedementos, trámites, requisitos e documentación para as actuacións que o cidadán se propoña realizar.

En ningún caso a atención e información facilitada debe entrañar unha interpretación normativa, consideración ou asesoramento xurídicos nin ningunha valoración económica, senón unha simple información de carácter xeral sobre posibles procedementos legais e órganos competentes, requisitos que a normativa vixente lles impoña ás actuacións que o interesado poida precisar, así como sobre as características xerais dos distintos tipos de procedemento.

O servicio informará os cidadáns sobre a existencia dos servicios de orientación xurídica dependentes dos colexios de avogados e dirixiraos cara a eles respecto das consultas referidas ó seu ámbito de actuación.

6. O tratamento de suxestións e queixas comprende a recepción das iniciativas formuladas polos cidadáns para mellora-la atención ós usuarios ou a calidade do servicio prestado, así como das queixas por dilacións, atención incorrecta ou calquera outra cuestión relativa ó funcionamento dos órganos ou oficinas xudiciais.

En ningún caso o servicio coñecerá das denuncias que expresamente se refiran a cuestións disciplinarias.

No momento de presentación da queixa ou denuncia, o servicio advertirá o cidadán de que estas non terán en ningún caso a cualificación de recurso administrativo, de que a súa interposición non paralizará os prazos establecidos na normativa vixente, e de que tampouco condicionarán o exercicio das accións, recursos ou dereitos que, de conformidade coa normativa reguladora de cada procedemento, poida exerce-lo interesado.

Nesta materia o servicio rexerase polo previsto no Regulamento 1/1998 do Consello Xeral do Poder Xudicial, de tramitación de queixas e denuncias relativas ó funcionamento dos xulgados e tribunais, sen prexuízo das facultades que este lle atribúe ó xuíz decano.

7. A asistencia ás víctimas dos delictos e faltas comprende a información das posibilidades de obter a través do proceso penal a restitución, a reparación do dano e a indemnización dos prexuízos materiais e morais, así como dos seus dereitos en relación co proceso penal. Tamén comprenderá a información sobre as axudas e medidas de asistencia ás víctimas establecidas polos poderes públicos.

O servicio orientará as víctimas de delictos en relación cos servicios sociais e recursos públicos dispoñibles para a súa atención.

8. O servicio elaborará as estatísticas que estableza o Consello Xeral do Poder Xudicial, así como a memoria anual de actividades que lle remitirá á Dirección Xeral de Xustiza. Así mesmo, o servicio aplicará os protocolos de actuación que elabore o

dito órgano de conformidade co previsto no artigo 122 bis do Regulamento 1/1986, de organización e funcionamento do Consello Xeral do Poder Xudicial.

9. O servicio utilizará os documentos informativos aprobados polo Consello Xeral do Poder Xudicial, así como aqueles confeccionados pola Xunta de Galicia en materias de competencia autonómica.

10. O servicio integrarase na oficina do decanato para procurar atender na mesma dependencia as demandas de información relativas á repartición concreta de asuntos entre os órganos xudiciais da sede e as referidas ás normas de repartición, así como as relativas ás horas e salas de realización das vistas, xuízos e actos xudiciais públicos (poxas, xuntas, etc.) que poidan ser de interese.

11. Correspóndelles ás oficinas dos órganos xudiciais e servicios comúns realiza-la información de carácter particular concernente ó estado e fase dos procedementos en tramitación, sen prexuízo de que desde o servicio común poida concertarse entre o cidadán e a respectiva oficina unha cita previa para esta información ou para a realización de trámites na oficina xudicial.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2004.

Juan José Martín Álvarez

Director xeral de Xustiza