DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Mércores, 25 de febreiro de 2004 Páx. 2.546

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 10 de febreiro de 2004 pola que se establece o procedemento para solicita-las axudas destinadas ás explotacións gandeiras e industrias cárnicas para a mellora das condicións de eliminación dos subproductos, residuos e materiais específicos de risco.

A evolución da enfermidade da encefalopatía esponxiforme bovina fixo necesario que se adoptasen medidas que afectan tanto ás explotacións gandeiras coma ás industrias cárnicas, co fin de garanti-la seguridade alimentaria.

Estas medidas recóllense no Regulamento (CE) 999/2001, do 22 de maio, polo que se establecen disposicións para prevención, control e erradicación de determinadas encefalopatías esponxiformes transmisibles, así como as súas modificacións e lexislación de desenvolvemento.

Ademais o Real decreto lei 9/2001, do 6 de abril, polo que se adoptan medidas adicionais no marco de erradicación de encefalopatías esponxiformes transmisibles, contémplase no seu artigo 4 o financiamento de medidas de apoio adicionais á reestructuración do sector vacún, subscribindo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación o oportuno convenio de colaboración co ICO (Instituto de Crédito Oficial) para a instrumentación de préstamos bonificados ata un máximo de 300.506.050 euros. A bonificación do tipo de xuro destes préstamos financiarase con cargo ó orzamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ata un importe máximo de 36.890.123 euros.

Na súa virtude dictouse a Orde APA/3260/2003, do 21 de novembro (BOE do 25 de novembro de 2003) pola que se establecen axudas destinadas a explotacións gandeiras e industrias cárnicas para a mellora das condicións de eliminación dos subproductos, residuos e materiais específicos de risco.

Na dita orde, contémplase o financiamento dos investimentos necesarios tanto pola aparición do focos de encefalopatía esponxiforme bovina nas explotacións de vacún, como os destinados a favorece-lo cumprimento, por parte das explotacións gandeiras e das industrias cárnicas, das esixencias comunitarias para garantir-la máxima seguridade alimentaria. Eses investimentos non son conducentes a incrementa-la capacidade producitiva.

É necesario, polo tanto, establece-lo procedemento para que tanto explotacións como industrias, poidan acceder na Comunidade Autónoma de Galicia, ás axudas obxecto da dita orde para a mellora das condicións de eliminación dos subproductos, residuos e materiales específicos de risco.

Neste sentido a normativa estatal establece os distintos aspectos desta axuda, como os beneficiarios,

requisitos destes, obxecto das axudas, etc. quedando pendentes de establecer determinados aspectos de caracter procedemental.

De acordo co anterior, o obxecto desta orde é establece-lo procedemento para o financiamento de investimentos considerados na Orde APA/3260/2003, do 21 de novembro.

Ó abeiro do disposto no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspóndenlle á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria e á Dirección de Industrias e Promoción Agroalimentaria a xestión destas axudas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto, ó abeiro da Orde APA/3260/2003, do 21 de novembro (BOE do 25 de novembro de 2003), pola que se establecen axudas destinadas a explotacións gandeiras e industrias cárnicas para a mellora das condicións de eliminación dos subproductos, residuos e materiais específicos de risco, establece-lo procedemento para solicita-las liñas de axuda en forma de bonificación ó tipo de xuro dos préstamos directos concedidos polo Instituto de Crédito Oficial (ICO), e se é o caso, o custo do aval necesario para a súa obtención, co obxecto de favorece-lo cumprimento das actuacións sinaladas no seguinte artigo, por parte das explotacións gandeiras e as industrias cárnicas.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

Os investimentos subvencionables serán destinados a:

1. Explotacións gandeiras: instalación de depósitos e sistemas de almacenamento de animais mortos ata a súa retirada da explotación, así como sistemas de destrucción e tratamento que se autoricen de acordo co establecido no Regulamento (CE) 1774/2002 e que contribúan a diminuí-lo risco de enfermidades.

2. Productores de vacún: reposición de reproductores sacrificados por mor da encefalopatía esponxiforme bovina (EEB) nas explotacións.

3. Sector agroindustrial: axudas dirixidas a industrias cárnicas e a industrias de transformación de subproductos de orixe animal, para a súa adaptación no previsto no Regulamento (CE) 999/2001 e no Regulamento (CE) 1774/2002. Os investimentos subvencionables son os que se indican a seguir:

a) Adquisición e instalación de maquinaria e equipamento de extracción e manipulación de materiais específicos de risco (MER).

b) Adquisición e instalación de equipamentos para almacenamento de subproductos e MER ata a súa retirada e/ou destrucción.

c) Investimentos para a adaptación das industrias de transformación e/ou destrucción de subproductos e MER á normativa vixente en materia de sanidade e protección do medio ambiente.

d) Investimentos para adquisición de equipos, que permitan utilizacións alternativas dos subproductos de orixe animal.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios desta axuda:

1. Titulares de explotacións que tiveran que sacrificar animais como consecuencia da aparición de focos de EEB.

2. Titulares de explotacións ou agrupación de explotacións nas que se realicen investimentos en depósitos ou sistemas de almacenamento de animais.

3. Industrias cárnicas: nas que se inclúen matadoiros, salas de despezamento e industrias de transformación de carne.

4. Industrias de transformación de subproductos de orixe animal: que realicen os investimentos previstos no punto 3 do artigo 2º.

Tanto as explotacións como as industrias que se acollan a estas axudas deberán amosa-la súa viabilidade económica a través do correspondente estudio, ademais de cumprir coas normas mínimas de medioambiente, hixiene e benestar dos animais. O dito estudio, no caso de explotacións, será feito de acordo co previsto para as axudas establecidas na orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural do 23 de decembro de 2003, pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias. Ademais, no caso de explotacións, deberá ser amosada a axeitada formación que acredite a competencia e habilidade do beneficiario da axuda, de igual xeito que no previsto na precitada orde.

Artigo 4º.-Tipos de axudas.

As axudas consisten na bonificación dos puntos de xuro dos préstamos que se suscriban, de xeito que o xuro resultante para o prestatario sexa de 1 punto porcentual. Os préstamos financiarán investimentos realizados entre o 26 de novembro de 2003 e o 30 de setembro de 2004.

Tamén será obxecto de bonificación a totalidade do importe de comisión de xestión do aval no caso de explotacións gandeiras e productores de vacún.

Artigo 5º.-Contía máxima dos préstamos.

1. O importe do préstamo suporá como máximo o 100% dos total do investimentos.

2. Para a axuda ós productores de vacún, o importe máximo dos préstamos será o resultado de multiplicar cada animal de reposición polo importe unitario previsto no anexo II desta orde. Os animais

deberán estar rexistrados na base de datos prevista no Real decreto 1980/1998, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina.

Artigo 6º.-Condicións dos préstamos.

As condicións dos préstamos no relativo ó volume máximo global, prazo, tipo de xuro, marxe máxima de intermediación, risco, e vencementos de pagamento serán as establecidas no artigo 6 da Orde APA/3260/2003, do 21 de novembro (BOE do 25 de novembro de 2003).

Artigo 7º.-Solicitudes e prazo.

Os solicitantes que teñan a súa explotación ou industria situada na Comunidade Autónoma de Galicia, poden presentar, desde a data de entrada en vigor desta orde e antes do 31 de marzo de 2004, unha solicitude dirixida ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, de acordo cos modelos incluídos como anexos, acompañada da documentación que se indica no artigo seguinte.

Artigo 8º.-Documentación.

As solicitudes de bonificación dos xuros dos préstamos solicitados irán acompañadas dos seguintes documentos:

a) Copia do NIF/CIF do solicitante.

b) Xustificante de estar dado de alta no rexistro de actividades económicas.

c) Xustificante de estar autorizadas e rexistradas para desenvolve-la súa actividade de acordo coa normativa vixente.

d) Memoria descritiva e económica dos investimentos que se van realizar. Incluirase un orzamento detallado no que se reflectirán os gastos e os investimentos que se realizarán entre o 26 de novembro de 2003 e o 30 de setembro de 2004.

e) Xustificación de atoparse ó día no cumprimento das obrigas tributarias e de Seguridade Social, ou ben autorización para que a Administración solicite no seu nome os ditos datos, mediante a presentación do modelo do anexo III que corresponda.

f) Declaración do solicitante pola que se compromete a comunicar, se é o caso, a obtención de subvencións ou axudas de calquera Administración que teñan o mesmo obxecto que o previsto nas liñas de axuda desta orde.

Artigo 9º.-Tramitación e concesión.

1. As solicitudes presentadas ó abeiro desta orde serán tramitadas polas delegacións provinciais correspondentes da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural que, unha vez instruído o expediente, farán a oportuna proposta.

2. Antes do 30 de abril de 2004 a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, comunicaralle ó MAPA a relación de solicitudes e o importe dos préstamos obxecto de bonificación, para os efectos do disposto no punto 4º do artigo 10 da orde APA/3260/2003.

3. Unha vez coñecido o resultado da aplicación do artigo 10.4º, citado no parágrafo anterior, e elaborada polo MAPA a prelación de solicitudes en aplicación do dito artigo, a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria e a Dirección de Industrias e Promoción Agroalimantaria, proporán ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural as aprobacións das solicitudes, para que dicte as correspondentes resolucións de concesión ou denegación do recoñecemento do dereito á bonificación de xuros dos préstamos correspondentes.

4. O prazo para dictar e notifica-la citada resolución de recoñecemento do dereito ó préstamo, notificaráselle o solicitante no prazo de tres meses contados a partir do día da entrada en vigor desta orde. Trancorrido o dito prazo sen que se dictase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. Os investimentos deberán estar realizados entre a data de presentación da solicitude e antes do 30 de setembro de 2004.

6. Antes do 30 de novembro de 2004 os beneficiarios deberán achega-las facturas xustificativas dos investimentos realizados, que deben cumpri-los requisitos establecidos no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro.

7. En caso de non presenta-las facturas xustificativas do investimento realizado antes da data prevista no punto anterior, non se bonificará ningún punto de xuro do préstamo subscrito coas condicións previstas na presente orde, e obrigarase ó reembolsamento das cantidades indebidamente percibidas, máis os xuros correspondentes, de conformidade co establecido no artigo 8 da Orde APA/3260/2003, do 21 de novembro.

Artigo 10º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, esgotan a vía administrativa e, contra elas, cabe interpo-los seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Financiamento.

Unha vez comunicadas ó MAPA as solicitudes de axuda que se presenten na Comunidade Autónoma, para que este comprobe o establecido no artigo 10.4º da Orde APA/3260/2003, do 21 de novembro, e coa previa contestación do MAPA aplicando, de se-lo caso o dito artigo 10.4º, o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural dictará a correspondente resolución de recoñecemento do dereito á bonificación de xuros dos préstamos correspondentes.

As axudas outorgadas financiaranse con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria 21.01.711 A.770 Apoio financieiro polos danos ocasionados pola seca e outras causas extraordinarias dos orzamentos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, circunstancia que será reflectida nas correspondentes resolucións.

Artigo 12º.-Compatibilidade e contía das axudas.

A compatibilidade e contía das axudas, rexerase polo establecido no artigo 10º da Orde APA/3260/2003.

Disposición adicional

Solicitude de datos pola Administración.

O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesourería Xeral da Seguridade Social e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ou, se é o caso, sinalar expresamente na solicitude de axuda mediante a presentación do (1), que autoriza a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para que poida solicitar no seu nome, a dita información por vía informática.

Disposición transitoria

As solicitudes presentadas ó abeiro da Orde APA/3260/2003, do 21 de novembro, no ámbito desta Comunidade Autónoma antes da publicación desta orde, tramitaranse de acordo co establecido nesta orde, coa previa ratificación do solicitante nese sentido.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

(1) Do modelo do anexo III que corresponda.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2004.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

ANEXO II

IMPORTES UNITARIOS

-Bovino de aptitude cárnica:

Desde 3 meses e un día, ata 12 meses: 901,52 A.

Desde 12 meses e un día, ata 24 meses: 1.081,82 A.

Maiores de 24 meses e un día: 1.292,18 A.

-Bovino de aptitude leiteira:

Desde 3 meses e un día, ata 12 meses: 643,08 A.

Desde 12 meses e un día, ata 24 meses: 1.081,82 A.

Miores de 24 meses e un día: 1.392,33 A.