DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Martes, 24 de febreiro de 2004 Páx. 2.441

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de xaneiro de 2004, conxunta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, pola que se convocan os centros docentes públicos que imparten formación profesional dependentes das devanditas consellerías, para a súa incorporación á rede de centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 325/2003, do 18 de xullo (DOG do 4 de agosto), polo que se autorizan e regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, marca as directrices que se seguirán na procura do mellor aproveitamento dos recursos públicos empregados na formación profesional, inspirándose para tal fin nos principios de igualdade no acceso da poboación a estas ensinanzas e na participación dos axentes sociais co obxecto de dar resposta ás necesidades do tecido productivo e posibilita-la cualificación profesional dos traballadores. Isto obriga á integración nun só sistema dos tres subsistemas existentes: a formación profesional inicial ou regrada, a formación profesional ocupacional e a formación profesional continua.

Neste decreto indícase que para poñer en marcha o sistema integrado de cualificacións e formación profesional, previsto no plan galego de formación profesional, se crea unha rede de centros integrados, con carácter experimental e constituída inicialmente por seis centros, susceptible de ampliacións futuras mediante o acceso daqueles centros que o soliciten, no marco das ordes de convocatoria pública que realicen a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

En consecuencia co anteriormente exposto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais

DISPOÑEN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a apertura dun proceso que permita a incorporación de novos centros á rede de centros integrados de formación profesional creada a partir do Decreto 325/2003, do 18 de xullo,

polo que se autorizan e regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Poderán presenta-las súas solicitudes a centros integrados de formación profesional os centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que así o soliciten, de acordo co establecido no artigo 4º desta orde.

Artigo 3º.-Requisitos para acceder á rede de centros integrados de formación profesional.

Sen prexuízo do cumprimento dos requisitos básicos estatais a que fai referencia o artigo 11.1º da Lei orgánica 5/2002, das cualificacións e da formación profesional, para poder te-la consideración de centro integrado de formación profesional na Comunidade Autónoma galega o centro deberá:

1. Cumpri-los requisitos que figuran no artigo 5º do citado Decreto 325/2003.

2. Obte-la aprobación pola consellería competente do proxecto de centro integrado presentado polo centro de formación.

Artigo 4º.-Solicitudes.

Os centros que reúnan os requisitos indicados no artigo 3º poderán solicita-la autorización como centros integrados de formación profesional presentando unha instancia dirixida á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, acompañada de:

* Proxecto de centro integrado, de acordo co artigo 6º desta orde.

* Certificación da aprobación do proxecto de centro integrado.

Artigo 5º.-Prazo e lugar de presentación.

As solicitudes poderán presentarse dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e dirixiranse á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 6º.-Proxecto de centro integrado.

1. Cada centro, no exercicio da súa autonomía e no marco desta orde e demais normativa vixente, elaborará e aprobará o seu propio proxecto de centro integrado, no cal establecerá cantas disposicións se consideren necesarias para o bo funcionamento do centro e para garanti-lo correcto desenvolvemento das actividades formativas, académicas e do seu réxime administrativo e económico.

2. O proxecto de centro integrado conterá en todo caso:

2.1. Organigrama do centro, cargos e responsables, instalacións (espacios, materiais, etc.,), recursos humanos (persoal docente e non docente) e oferta formativa.

2.2. Plan anual do centro.

2.3. A experiencia acreditada do centro en implantación de plans de mellora continua.

2.4. Acordos ou proxectos de colaboración, participación e formación cos diferentes sectores implicados.

2.5. Calendario de desenvolvemento das funcións correspondentes ó centro intregrado previstas no artigo 4 do Decreto 325/2003, do 18 de xullo, polo que se autorizan e regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, ou de calquera das que figuran no artigo 4.2º da Orde do 4 de decembro de 2003 (DOG do 20 de xaneiro de 2004), pola que se regula o funcionamento e a oferta formativa destes centros.

2.6. Accións formativas integradas que se desenvolverán tendo en conta as propostas das comisións sectoriais de cualificación e formación profesional. Co fin de garanti-la participación dos axentes sociais, as anteditas comisións deberán emitir informe nos proxectos de centro integrado procedentes de centros de formación ocupacional, en exercicio das funcións previstas para elas no seu decreto de creación (Decreto 263/2002, do 31 de xullo).

3. O proxecto de centro integrado deberá reflecti-las normas de convivencia e uso axeitado das dependencias e instalacións que garantan o correcto desenvolvemento das diferentes modalidades de formación profesional.

4. O proxecto de centro integrado será, inicialmente, aprobado e modificado polo Consello Escolar en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e polo órgano equi

valente nos pertencentes á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, quen o remitirá á consellería competente, co fin de que esta decida a súa conformidade coas disposicións normativas que regulan as materias en que poida incidir, logo do informe da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional e do Consello Galego de Formación Profesional.

Artigo 7º.-Informes.

Os informes da comisión, regulada nos artigos 9.3º, 10.2º, 11 e 12 da Orde do 4 de decembro de 2003, pola que se regula o funcionamento e a oferta formativa dos centros integrados de formación profesional dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, deberán emitirse no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte a aquel en que fosen instados.

O Consello Galego de Formación Profesional deberá emiti-los informes dentro do mes seguinte ó informe da comisión de valoración e seguimento.

Artigo 8º.-Resolución.

A consellería competente deberá resolve-lo expediente dentro do mes seguinte ó informe do Consello Galego de Formación Profesional.

Disposición transitoria

Única.-Os informes das comisións sectoriais de cualificación e formación, a que fai referencia o artigo 6º.2.6 desta orde, serán emitidos pola Comisión Permanente do Consello Galego de Formación Profesional en tanto aquelas non se atopen operativas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Dirección Xeral de Formación e Colocación para dictar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2004.

Celso Currás FernándezMaría José Cimadevila Cea

Conselleiro de EducaciónConselleira de Asuntos

e Ordenación UniversitariaSociais, Emprego e Relacións

Laborais

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL