DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 23 de febreiro de 2004 Páx. 2.386

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 16 de febreiro de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2004 a concesión de subvencións ós titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia para a instalación de sistemas de seguridade nos seus vehículos.

Os profesionais dos vehículos destinados ó servicio público de taxi (provistos da preceptiva autorización administrativa de transportes da serie VT-N) veñen soportando actos de delincuencia que, en moitos dos casos son extremadamente perigosos e que poñen en risco a vida de algúns destes profesionais, polo que a sociedade galega está moi sensibilizada ante a demanda de novas medidas de seguridade para os vehículos do sector.

Neste sentido, a Xunta de Galicia ten procedido nos últimos anos á promoción de actuacións que contribúan á consecución de sistemas que garantan unha maior seguridade dos titulares de autorizacións de transporte documentadas en tarxetas VT-N. Así, xa se instrumentou unha canle de axudas ó sector

para tal fin pola Orde do 6 de agosto de 1999 (DOG nº 156, do 13 de agosto); e no ano 2003 realizouse unha actuación concorrente de distintos departamentos desta administración (consellerías de Cultura, Comunicación Social e Turismo; de Xustiza, Interior e Administración Local; de Innovación, Industria e Comercio; e de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda), para a fin de instrumentalizar e canaliza-lo interese de todos eles cara á consecución daqueles sistemas de seguridade.

A dita actuación contribuíu a dotar de sistemas de seguridade (GPS e anteparos) a cantos interesados o solicitaron cumprindo os requisitos esixidos pola normativa aplicable.

Por tanto, e considerando a acollida no sector destas medidas, debe neste exercicio continuarse coa liña trazada, procedendo a unha nova convocatoria de axudas ó sector para tal fin, e simplificando no máis posible as tramitacións que os interesados deban efectuar

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

1. Por esta orde establécense as bases reguladoras e convócanse para o ano 2004, as axudas para a dotación de equipos de seguimento e localización e outros mecanismos de seguridade (anteparos) para vehículos de transporte que dispoñan de autorización administrativa vixente documentada en tarxeta de transportes da serie VT-N expedida pola Dirección Xeral de Transportes, co fin de facilita-la instalación nos taxis galegos de sistemas que resulten eficaces en consideración ás tecnoloxías que incorporan e que contribúan ó incremento da seguridade no seu traballo profesional.

2. Os sistemas de seguridade que se van instalar poderán ser de dúas clases:

a) Sistema GPS, consistente nun dispositivo tecnolóxico embarcado no taxi, mediante o que nunha situación de emerxencia de inseguridade física do taxista se activa un sinal que se recibe no Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

b) Anteparo de seguridade e protección física do conductor do taxi que permita a separación e imposibilite o contacto físico entre o taxista e os ocupantes da parte traseira do vehículo, permitindo a comunicación verbal entre eles; deberá consistir nun material polimérico altamente resistente a golpes.

Para os efectos desta orde, e de xeito inicial, só devengará axuda respecto de cada beneficiario un dos sistemas de seguridade previstos na alínea anterior, a elección dos solicitantes; sen embargo, de se solicita-la axuda para os dous sistemas, tomarase en consideración inicialmente só aquel que sexa seleccionado en primeiro lugar podendo a administración aplica-lo remanente resultante á subvención do segundo sistema de seguridade que, se é o caso, se teña solicitado, de resultar dispoñibilidades orzamentarias de acordo co artigo 5º.3 desta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta liña de axudas os titulares de autorizacións administrativa de transporte vixentes documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Transportes ou órganos periféricos desta consellería competentes para o efecto, e domiciliadas en Galicia. Para tal fin, xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das que sexa titular o solicitante.

As ditas autorizacións deberán estar adscritas, no momento da solicitude, ó vehículo para o que se solicita a correspondente axuda.

Artigo 3º.-Imputación orzamentaria e contía.

Esta convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 2004.06.04.413A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2004, na que existe un crédito para este efecto de 120.000 euros, e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias. Nembargantes, as solicitudes de axuda que reúnan tódolos requisitos e non resulten beneficiarias poderán ser tidas en consideración, se é o caso, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, na seguinte convocatoria de axudas que, se é o caso, se convoque, coa previa confirmación do mantemento da solicitude polo interesado, e no marco das condicións técnicas e requisitos que se establezan.

Os equipamentos que se prevén nesta orde como obxecto da subvención poderán acadar unha axuda económica do 50 por cento (sen IVE) do seu prezo, incluíndo neste tanto o do propio equipamento como os correspondentes ós gastos de colocación, man de obra, equipamento adicional necesario e verificación do seu funcionamento; en todo caso, e para os efectos do previsto neste artigo, considerarase como importe máximo da subvención os seguintes:

-Sistema GPS: 500 euros.

-Anteparo: 550 euros.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de subvención serán formuladas polo titular da autorización administrativa de transportes VT-N, segundo o modelo normalizado que se xunta como anexo I a esta orde, e dirixiranse ó director xeral de Transportes; fíxase como prazo límite para a súa presentación o de corenta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

2. A presentación das solicitudes efectuarase no rexistro xeral desta Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda sito nos seus servicios centrais (complexo administrativo de San Caetano s/n, Santiago de Compostela), ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto coa solicitude unirase a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do DNI e do NIF ou CIF, cando corresponda, do solicitante.

-Certificación bancaria do número de conta.

-Marca e modelo do/s sistema/s de seguridade elixido/s polo interesado con factura pro-forma do provedor.

-Certificado de homologación do sistema de seguridade.

-Informe de validación do sistema GPS expedido polo Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, de ser este o sistema de seguridade solicitado; en caso de non dispor del en tal momento, deberá achegarse certificación de telo solicitado e que estea pendente de realización das oportunas probas previstas na disposición adicional desta orde.

-Autorización expresa á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte, segundo anexo II, para solicitar de calquera organismo público cantos documentos sexan precisos para a verificación dos datos indicados polo solicitante, así como para a tramitación informatizada dos seus datos de carácter persoal que fosen precisos para a fin desta orde de axudas.

-Declaración responsable segundo modelo normalizado incluído no anexo III desta orde referente ós aspectos seguintes:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Non ter instalado no vehículo para o que se solicita a axuda ningún sistema de seguridade dos previstos no artigo 1º desta orde, ou, en caso positivo, xustificativa do sistema que xa estea instalado.

d) Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requirir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas, ou previstas nesta orde.

e) Compromiso de non beneficiarse nin se ter beneficiado de máis subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que illada ou conxuntamente coa outorgada por esta Administración, superen o custo da actividade obxecto desta orde.

Artigo 5º.-Resolución.

1. Delégase no director xeral de Transportes o exercicio das competencias para resolve-los procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. Para tal efecto, a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte exercerá as funcións de instrucción do procedemento previstas polo artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e procederá á avaliación das peticións recibidas con base nos criterios establecidos nesta orde e formulará proposta de concesión, ata os límites dos créditos orzamentarios destinados para tal fin.

Para tal fin, o indicado órgano poderá solicitar cantos informes técnicos considere convenientes para as súas fins.

3. Fíxanse os seguintes criterios de selección para o outorgamento da subvención respecto das solicitudes formuladas:

-Consideraranse preferentes as solicitudes dos interesados que non teñan instalado nos seus vehículos ningún sistema de seguridade dos previstos nesta orde; dentro dos que, de acordo co anterior, se atopen na mesma situación, establécense os seguintes criterios de selección por orde de preferencia:

1º A menor antigüidade do vehículo no que se vaia instala-lo sistema de seguridade.

2º En caso de igual antigüidade do vehículo, a maior antigüidade do solicitante na titularidade da autorización de transporte da serie VT-N.

3º A prioridade temporal na presentación da solicitude; para este fin, considerarase como elemento temporal a considerar o da día da súa presentación.

-En segundo lugar, de resultar crédito orzamentario, tomaranse en consideración conxuntamente as solicitudes formuladas por titulares de autorizacións VT-N que xa dispoñan dalgún sistema de seguridade dos previstos nesta orde instalado nos seus vehículos, e o segundo sistema, non preferente, solicitado, se é o caso, polos interesados; respecto destes supostos, aplicaranse os mesmos criterios de selección previstos nos tres puntos da alínea anterior.

4. O prazo para resolve-las solicitudes e notifica-la dita resolución ó abeiro desta orde será de seis meses, que se computarán a partir do seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dicte e notifique resolución expresa, determinará que os interesados poidan entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, consonte co previsto polo artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Compatibilidades.

Esta subvención será compatible coas que poida conceder calquera outra administración pública ou

organismo público ou privado, nacional ou internacional, sempre e cando, e en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas, illada ou conxuntamente, poida ser tal que supere o custo da actividade subvencionada que debe desenvolver o beneficiario, segundo o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

Unha vez notificada a resolución á que se refire o artigo 5º desta orde, os interesados que resulten beneficiarios das subvencións concedidas disporán dun prazo dun mes para proceder á instalación dos respectivos equipos e presentar ante a Administración os correspondentes certificados da empresa instaladora e facturas de pagamento; a dita documentación deberá ser achegada no referido prazo ante a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte, presentándoa no rexistro xeral desta Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda nos servicios centrais (complexo administrativo de San Caetano s/n, Santiago de Compostela) ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Condicionantes.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral de Transportes calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou correcta aplicación da concesión concedida.

2. Non obstante o disposto na alínea anterior e no artigo 2º desta orde, de xeito excepcional, o interesado poderá en calquera momento do procedemento anterior ó da emisión da súa resolución, modifica-lo vehículo no que se pretenda instala-lo sistema de seguridade, por renovación deste, achegando tanto copia cotexada do permiso de circulación do novo vehículo como da documentación acreditativa de ter iniciado o procedemento administrativo de autorización de cambio de vehículo adscrito á autorización de transporte da serie VT-N; neste caso, o outorgamento da correspondente axuda efectuarase para o novo vehículo que se pretenda adscribir, suposto no que, e en todo caso, o interesado terá que acredita-la resolución favorable da indicada solicitude de cambio de vehículo adscrito á autorización VT-N no mesmo prazo establecido no artigo 7º desta orde e xunto coa documentación nel prevista.

3. Os beneficiarios das subvencións non poderán alterar de ningún xeito a finalidade das mesmas, para o cal a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegura-lo cumprimento das normas e requisitos fundamento da concesión.

4. Os solicitantes e beneficiarios das subvencións deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas; tamén facilitarán toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control das axudas.

5. O incumprimento de calquera obriga mencionada nesta orde poderá ser causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, das subvencións percibida e dos xuros de demora correspondentes, todo isto de acordo e nos termos previstos polo artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 9º.-Réxime xurídico e de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou desestimacións presuntas recaídas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que as dictou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos, consonte co disposto polo artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou ben poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de ser resolución expresa ou no de seis a contar a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto polos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da

xurisdicción contencioso-administrativa.

3. Igualmente, os beneficiarios das subvencións reguladas por esta orde quedan suxeitos ó réxime

de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e ó previsto polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

Cando o taxista solicitante da subvención opte pola instalación do sistema GPS, e este non estea validado e operativo polo Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, a empresa instaladora do mesmo deberá presentar previamente para a súa validación un equipo no Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Os equipos deben estar preparados para a súa integración dentro do sistema TAXGAL (Sistema de Emerxencias de Taxis de Galicia, que consta dun número elevado de elementos: sistemas embarcados nos taxis, operador de telefonía, equipos receptores de alarmas, equipo integrador de alarmas e postos de atención e seguimento) no contorno da plataforma de operacións Séneca-Galicia do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, sendo imprescindible para a dita validación a realización dunha batería de probas desde o Centro de Emerxencias con presencia in situ do persoal da empresa instaladora e do persoal técnico do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Tódolos custos que se deriven da dita integración e das probas necesarias serán por conta da empresa instaladora, sendo responsable o Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia unicamente da atención das alarmas que entren directamente nel, e o correcto tratamento destas.

De non se ter obtido e acreditado ante a Dirección Xeral de Transportes, a validación e integración do equipo proposto no sistema do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia no prazo máximo dun mes contado desde o vencemento do prazo de presentación de solicitudes, a Administración non admitirá a solicitude formulada, sen prexuízo da súa consideración para a seguinte orde de convocatoria que, se é o caso, se puidese dictar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para que, no ámbito das súas competencias, dicte os actos necesarios para a correcta aplicación e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2004.

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda