DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 23 de febreiro de 2004 Páx. 2.383

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 17 de febreiro de 2004 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia, nas eleccións xerais ó Congreso dos Deputados e ó Senado.

Convocadas eleccións xerais ó Congreso dos Deputados e ó Senado polo Real decreto 100/2004, do 19 de xaneiro, que terán lugar o vindeiro día 14 de marzo do ano que corre, é preciso adopta-las medidas oportunas para facilita-lo exercicio dos dereitos e deberes do persoal ó servicio desta Administración autonómica.

En consecuencia, en virtude do previsto nos artigos 28, 76, e 78 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, e no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e demais disposicións concordantes, esta consellería, de conformidade coas facultades que lle confire o artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia,

DISPÓN:

Artigo 1º

1. O persoal ó servicio da Administración pública da Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal, terá dereito a un permiso retribuído de catro horas libres para exerce-lo seu dereito ó voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 14 de marzo de 2004, coincida polo menos en catro horas co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente reducción proporcional do permiso.

2. O persoal ó servicio da Administración pública de Galicia que teña previsto que na data da votación non se vaia atopar na localidade onde lle corresponda exerce-lo seu dereito ó voto, ou que non poida exerce-lo dereito de sufraxio o día das eleccións, disporá no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poida formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo, que se recolle no artigo 72 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, así como para a remisión do voto por correo.

Artigo 2º

1. O persoal nomeado presidente ou vocal de mesas electorais, e os que acrediten a súa condición de interventores, teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal,

e a unha reducción da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. Os que acrediten a súa condición de apoderados teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.

Artigo 3º

De conformidade co disposto na Orde do 20 de novembro de 1989, o persoal ó servicio da Administración pública de Galicia que se presente como candidato ás eleccións que se celebrarán o vindeiro 14 de marzo poderá ser dispensado, logo de solicitude do interesado, da prestación do servicio nas súas respectivas unidades durante a campaña electoral, que terá lugar entre o 27 de febreiro e o 12 de marzo do ano que corre, ámbolos dous incluídos. A competencia para a concesión do referido permiso corresponderalle ó secretario xeral de cada consellería.

Artigo 4º

Os directores ou xefes de persoal das dependencias onde presta os seus servicios o persoal afectado por esta orde, esixiranlle ó mencionado persoal os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que foi exercido o seu dereito ó voto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública