DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 20 de febreiro de 2004 Páx. 2.318

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 12 de febreiro de 2004 pola que se crean os ficheiros de datos de carácter persoal en materia de xuventude existentes na Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia.

A Constitución española no seu artigo 18.4º dispón que a lei limitará o uso da informática para garanti-lo honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.

Neste sentido a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro (BOE nº 298, do 14 de decembro), de protección de datos de carácter persoal, regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soporte físico, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. Neste marco, a finalidade desta regulación é garantir e protexe-los dereitos fundamentais e liberdades públicas das persoas físicas, e especialmente o seu honor e intimidade, tanto persoal como familiar.

O artigo 20.1º da devandita lei dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado crea o ficheiro automatizado de carácter persoal que se especifica no anexo.

Artigo 2º.-Contido.

A información esixida no artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación dos ficheiros está contida no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal, rexistrados nos ficheiros da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, ós que se refire o anexo só serán utilizados para os fins expresamente previstos e por persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei.

Artigo 5º.-Órgano responsable.

A responsabilidade sobre o ficheiro automatizado creado por esta orde correspondelle á Dirección Xeral de Xuventude, encadrada na Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que constan no ficheiro poderán exercerse, se é o caso, ante a unidade ou dependencia responsable do ficheiro, sita no edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

O ficheiro creado por esta orde foi clasificado como de nivel básico, atendendo ó disposto no artigo 4 do Real decreto 994/1999, do 11 de xuño.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade, e os dereitos e obrigas recoñecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos ós servicios de estatística das administracións públicas haberá que aterse, ademais, ó disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado

ANEXO

Ficheiro de nova creación responsabilidade da Dirección Xeral de Xuventude.

Rexistro de Xuventude Galicia Net.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto: rexistro de mozos/as orientado a xestiona-la concesión de prazas para o encontro anual informático Xuventude Galicia Net.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal: mozos e mozas que soliciten praza para participar no encontro informático Xuventude Galicia Net.

c) Procedemento de recollida de datos: transmisións electrónicas de datos vía Internet.

d) Estructura básica do ficheiro: base de datos.-Datos de carácter identificativo: Nick/Handle/Apodo de usuarios de IRC, contrasinal para que poidan

consulta-los seus datos, DNI/NIF, nome e apelidos, enderezo (postal, electrónico) e teléfono.-Datos de características persoais: sexo e data e lugar de nacemento.-Outros datos: se teñen carné xove Euro'26 ou carné Máis.

e) Cesión de datos: non se prevén cesións.