DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Martes, 17 de febreiro de 2004 Páx. 2.029

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 35/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulan as subvencións ós arrendatarios no marco do programa Bolsa de Vivenda en Aluguer do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo, no marco das súas competencias, vén levando a cabo ó longo dos últimos anos actuacións tendentes a favorece-lo acceso a unha vivenda pola mocidade e os colectivos economicamente máis desfavorecidos.

No novo Plan de Vivenda 2002-2005 establécese como un dos eixes prioritarios da política de vivenda o fomento do aluguer. Coa finalidade de lle dar cumprimento a este obxectivo, o IGVS pon en marcha o programa Bolsa de Vivenda en Aluguer.

Actualmente, en Galicia un 16,54% das vivendas están baleiras, representando esta a segunda maior porcentaxe no ámbito estatal. Ademais, o parque de vivendas en aluguer existente presenta unha escaseza notable de inmobles a un prezo razoable que garanta o acceso a tódolos sectores da poboación.

Este programa nace coa pretensión de iniciar unha nova liña de actuación de carácter social, que ten por finalidade paliar este déficit de vivenda en aluguer e facilita-lo acceso a unha vivenda ós sectores da poboación con ingresos comprendidos entre unha e dúas con cinco veces o salario mínimo interprofesional (SMI).

O artigo 14, que regula as relacións do IGVS e o arrendador, fundadas no interese xeral, incide na relación arrendaticia, sen perder por iso esta o seu carácter de relación xurídico-privada entre arrendador e arrendatario.

Implantarase preferentemente nas sete grandes cidades galegas: A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e nas súas áreas de influencia.

En virtude do anterior, e por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de febreiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto promocionar e incentivar mediante subvencións a fondo perdido, en réxime de concorrencia competitiva, o aluguer de vivendas preferentemente nas sete grandes cidades galegas coas súas áreas de influencia. Deste xeito inténtaselles facilita-lo acceso a unha vivenda ós sectores da poboación con ingresos comprendidos entre 1 e 2,5 veces o SMI, amplia-la oferta de vivendas de aluguer introducindo vivendas actualmente baleiras neste mercado e facilita-la mobilidade xeográfica da poboación.

Artigo 2º.-Concepto de aluguer.

Considérase, para os efectos deste decreto, arrendamento de vivenda aquel arrendamento que recae sobre unha edificación habitable que teña por destino primordial satisface-la necesidade permanente de vivenda do arrendatario. Tamén se aplicará ó mobiliario, rochos, prazas de garaxe e calquera outra dependencia, espacio arrendado ou servicio cedido como accesorio do predio polo mesmo arrendador.

Para efectos desta subvención, só se considerarán os arrendamentos de vivenda habitual. Para que sexa considerado aluguer de vivenda habitual, a súa duración deberá ser dun ano.

Artigo 3º.-Concepto de área de influencia.

Entenderase por área de influencia os municipios contiguos coas sete grandes cidades, que teñan unha estructura urbana e estean estreitamente vinculados con elas.

Concretamente, para os efectos desta subvención, consideraranse áreas de influencia:

-A Coruña: A Coruña, Arteixo, Oleiros, Cambre e Culleredo.

-Ferrol: Ferrol, Fene e Narón.

-Santiago de Compostela: Santiago, Ames, Teo e Oroso.

-Pontevedra: Pontevedra, Marín e Poio.

-Vigo: Vigo, O Porriño, Redondela, Mos e Nigrán.

-Lugo: Lugo.

-Ourense: Ourense.

Artigo 4º.-Requisitos das vivendas.

As vivendas que se inclúen no ámbito de concesión da subvención que se establece neste decreto deberán cumpri-lo seguinte:

-Cumprir uns requisitos mínimos de aptitude que serán comprobados por un organismo de control técnico independente contratado polo IGVS que visitará as vivendas coa finalidade de determina-lo estado, e emitirá un informe para o efecto.

-A renda máxima de aluguer mensual deberá ser inferior a 450 A con carácter xeral, salvo as excepcións que xustificadamente se prevexan, aplicadas con carácter restrictivo.

-A vivenda alugada deberá estar situada en calquera das sete grandes cidades ou nas súas áreas de influencia.

-A vivenda alugada non poderá estar sometida a limitación ningunha derivada da súa cualificación como de protección pública que impida o seu alugamento.

Artigo 5º.-Alugueres subvencionables.

Para os efectos deste decreto, consideraranse subvencionables os seguintes alugueres:

-Aqueles que se celebrasen dentro do programa do IGVS Bolsa de Vivenda en Aluguer, sendo xestionados por este organismo.

-Aqueles que se celebrasen no marco do convenio de colaboración entre o IGVS e o Colexio Oficial de Administradores de Predios ou no marco do convenio de colaboración entre o IGVS e os colexios provinciais de axentes da propiedade inmobiliaria

e que se incorporan á bolsa, ou calquera outra asociación segundo a previsión da disposición adicional segunda.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as unidades convivenciais que formalicen un contrato de arrendamento dun aluguer subvencionable e que obteñan uns ingresos ponderados comprendidos entre unha e dúas con cinco veces o SMI.

O arrendatario deberá destina-la vivenda alugada a residencia habitual e permanente durante a vixencia do contrato.

No caso de que residan varias persoas na vivenda alugada, todas deberán contratar solidariamente, facéndose constar expresamente no contrato esta circunstancia.

Será requisito imprescindible para beneficiarse da subvención a constitución dun aval bancario por un importe equivalente ás 6 primeiras mensualidades completas de renda de aluguer por unha duración que cubra a vixencia do contrato e os seis meses posteriores á extinción do arrendamento. As sucesivas prórrogas do contrato de arrendamento suporán a renovación do aval bancario.

Os solicitantes terán que estar ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non debe existir vinculación familiar co arrendador ata o terceiro grao de consanguinidade ou segundo de afinidade por ningunha das persoas que habiten a vivenda.

Ningún membro da unidade convivencial poderá ter facultade efectiva de uso dunha vivenda na mesma área de influencia en que se atope a vivenda que se vai alugar.

Artigo 7º.-Axudas.

A Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo ós orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo e dentro das dispoñibilidades orzamentarias que se poidan consignar en cada exercicio económico, que se cuantificarán nas respectivas ordes anuais, poderá subvenciona-la renda de aluguer nos seguintes termos:

Os inquilinos asumirán, en todo caso, a parte da renda de aluguer que represente o 20% dos ingresos ponderados da unidade convivencial.

O IGVS subvencionará a fondo perdido a diferencia entre este custo asumido polo inquilino e a renda máxima de aluguer subvencionable. Considérase renda máxima de aluguer subvencionable o seguinte:

-Para unidades convivenciais con ingresos ponderados comprendidos entre 1 e 1,5 veces o SMI: o que represente o 50% dos ingresos ponderados da unidade.

-Para unidades convivenciais con ingresos ponderados comprendidos entre 1,5 e 2 veces o SMI: o que represente o 40% dos ingresos ponderados da unidade.

-Para unidades convivenciais con ingresos ponderados comprendidos entre 2 e 2,5 veces o SMI: o que represente o 30% dos ingresos ponderados da unidade.

No caso de que a renda de aluguer da vivenda supere a renda máxima de aluguer subvencionable, será o inquilino o que teña que asumi-lo exceso.

A subvención concederase por doce meses, e producirá efectos desde a data do asinamento do contrato de arrendamento.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

No caso de prórrogas dos contratos de aluguer ou de contratos superiores a un ano, o beneficiario deberá achegar, nos dez primeiros días do mes anterior ó vencemento de cada anualidade do contrato, a documentación pertinente para que lle sexan revisadas as condicións de outorgamento da subvención para a seguinte anualidade. Para o caso de que o beneficiario non reúna os requisitos establecidos, non se concederá a subvención. Unicamente seguirá tendo dereito a subvención o beneficiario que, cumprindo as condicións no momento inicial, presente no momento da revisión uns ingresos inferiores a unha vez o SMI, quedando establecida a subvención nas contías aprobadas inicialmente.

Artigo 8º.-Ingresos da unidade convivencial.

Para os efectos do determinado no artigo 7º desta disposición, enténdese:

1. Por unidade convivencial, a integrada polos cónxuxes non separados legalmente e polas parellas que convivan con lazos de afectividade análogos ó matrimonio. Inclúense os fillos menores e os maiores que dependan economicamente dos seus pais, así como os incapacitados e ascendentes a cargo.

Tamén se considerará unidade convivencial a integrada a título individual por persoas maiores de idade, con capacidade económica suficiente.

2. Por ingresos, a contía, en número de veces o salario mínimo interprofesional, da parte xeral e especial da base impoñible reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, da Lei 40/1998, do 9 de decembro, sobre a renda das persoas físicas, isto é, os ingresos netos correspondentes á declaración do solicitante e ás declaracións de cada un dos demais membros da unidade convivencial, presentadas no período impositivo inmediatamente anterior (con prazo de presentación vencido) á solicitude das axudas.

Se o interesado non presentase declaración por non estar obrigado, a acreditación dos seus ingresos familiares farase mediante declaración responsable relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base reguladas nos artigos 38 e 39 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, respectivamente, sen prexuízo da achega dos documentos acreditativos que se establecen para a súa comprobación no artigo 9º desta disposición.

3. Por ingresos convivenciais ponderados, os resultantes de aplicarlles ós ingresos convivenciais o seguinte coeficiente multiplicador de ponderación en función do número de membros da unidade:

Unidades de 1-2 membros: 1.

Unidades de 3 membros: 0,97.

Unidades de 4 membros: 0,93.

Unidades de 5 membros: 0,88.

Unidades de máis de 5 membros: 0,83.

4. Para efectos de ingresos tidos en conta para a concesión desta subvención considéranse ingresos da unidade convivencial:

-No caso de que na vivenda alugada convivan máis dunha persoa con ingresos, a suma dos ingresos de tódolos membros.

-No caso de que ningunha das persoas teña ingresos propios, consideraranse os ingresos ponderados da última unidade fiscal na que estivesen incluídas. Terase en conta a que teña os maiores ingresos ponderados.

Artigo 9º.-Solicitudes.

Para poder solicita-la subvención regulada neste decreto, os solicitantes deberán achegar con anterioridade á solicitude de concesión da subvención a seguinte documentación xunto co modelo de solicitude de entrada na bolsa que aparece no anexo deste decreto, que se presentará nas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro:

a) Fotocopia do DNI de cada un dos membros da unidade convivencial e do libro de familia, no caso de existir menores de 14 anos na unidade convivencial sen DNI.

b) Copia compulsada do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ó exercicio inmediatamente anterior ó momento da solicitude, e certificado das rendas expedido nos termos do Real decreto 1190/2000, do 23 de xuño, pola Axencia Estatal da Administración Tributaria. De non estar obrigado a presenta-la declaración do IRPF, copia de notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria para os que presentaron o modelo de solicitude de devolución 104-105, e certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria. Nos demais casos, declaración responsable de tódolos ingresos obtidos e certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria que corresponda, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado das retribucións e retencións da empresa o

empresas nas que estivese de alta no devandito exercicio e, se é o caso, certificado de pensións ou prestacións periódicas, certificado do Inem e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

c) Declaración xurada de non desfrutar de dereito de uso dunha vivenda situada na mesma área de influencia.

d) Certificados acreditativos de estar ó corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) No caso de non ter nacionalidade española, o beneficiario deberá achegar, ademais, a fotocopia compulsada da tarxeta de identidade de extranxeiro e, no seu defecto, un visado ou a autorización para traballar.

Unha vez presentada esta documentación, expedirase unha declaración conforme a cal se lle recoñece ó beneficiario o dereito a solicita-la subvención e resulta incorporado á bolsa.

Unha vez establecido, no marco do programa Bolsa Vivenda en Aluguer do IGVS, un acordo entre as partes do contrato de arrendamento, o arrendatario disporá dun prazo de dez días hábiles para achega-lo orixinal da constitución do aval bancario.

Achegado isto, o solicitante procederá a solicita-la concesión da subvención, trámite que se realizará simultaneamente ó asinamento do contrato de arrendamento, cubrindo o modelo de solicitude de subvención recollido no anexo deste decreto, e xuntando a declaración xurada relativa ós seguintes puntos:

-Declara-las persoas que van habitar na vivenda alugada.

-Destina-la vivenda a residencia habitual e permanente.

-Non ter concedida ningunha outra subvención destinada ó aluguer.

-Non existir vinculación familiar de consanguinidade ata o terceiro grao ou afinidade ata o segundo grao entre ningunha das persoas que vaian habita-la vivenda e o arrendador.

A concesión da subvención producirá efectos a partir do asinamento do contrato e será notificada a resolución definitiva.

Artigo 10º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes das vivendas incluídas na bolsa e, de se-lo caso, da correspondente subvención, rematará o 1 de decembro de 2004.

Artigo 11º.-Sistema de pagamento.

Para proceder ó aboamento da subvención, o seu beneficiario deberá ter efectuado o ingreso da parte da renda que lle corresponde pagar na conta do IGVS designada para o efecto durante os 7 primeiros días de cada mes. A contía que o inquilino deberá ingresar limitarase ó 20% dos seus ingresos familiares ponderados tal e como establece o artigo 7º deste decreto ademais do importe que exceda a renda máxima subvencionable, de se-lo caso.

Para o caso de que exista pluralidade de inquilinos, efectuarase un único pagamento pola contía que estes deban asumir, respondendo solidariamente todos eles da obriga de pagamento.

O IGVS reintegrará este ingreso realizado polo inquilino ó arrendador nos últimos quince días de

cada mes. Ó mesmo tempo, aboaralle a contía da renda de aluguer subvencionada ó arrendador, existindo deste xeito unha cesión de cobramento da subvención por parte do arrendatario ó arrendador.

O IGVS verificará, a través das entidades bancarias, os pagamentos efectuados polos inquilinos sen que xurda o dereito a percibi-la subvención en caso de non-pagamento da parte da renda que deberá asumi-lo arrendatario.

Adóptase este sistema de cobramento para poder verificar de forma que faga fe o cumprimento das obrigas de pagamento do inquilino, antes de proceder ó pagamento da subvención.

Artigo 12º.-Procedemento.

A concesión da subvención efectuarase con efectos desde o asinamento do contrato de arrendamento, tras ter comprobado a documentación acreditativa achegada polo arrendatario.

A orde de prelación que se vai considerar para efectos de concesión de subvención atenderá á data de solicitude da subvención que resulta simultánea á data do asinamento do contrato de arrendamento.

O réxime de notificacións atenderá ó establecido nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, poderáselles notificar por medios telemáticos calquera cuestión previa á concesión da subvención a aqueles usuarios da páxina web do programa da Bolsa Vivenda en Aluguer do IGVS.

Artigo 13º.-Obrigas do beneficiario.

O beneficiario deberá cumpri-las seguintes obrigas:

-Realiza-la actividade ou adopta-lo comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

-Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión o desfrute da subvención.

-Someterse ás actuacións de comprobación que deberá efectua-lo órgano concedente así como calquera outras de comprobación e control financeiro que poidan realiza-los órganos de control competentes tanto autonómicos como estatais, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

-Comunicarlle ó órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionables. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada ós fondos percibidos.

-Acreditar con anterioridade a dictarse a resolución da concesión estar ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas de calquera natureza e fronte á Seguridade Social.

-Conserva-los documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control.

-Proceder ó reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 15º deste decreto.

Artigo 14º.-Relacións xurídicas IGVS-arrendador derivadas da xestión da bolsa.

Pola posta á disposición da vivenda por dous meses prorrogables por parte do arrendador, o IGVS prestará os seguintes servicios:

-Esixencia ó arrendatario dun aval bancario, que quedará en depósito no IGVS, por un importe equivalente ás 6 primeiras mensualidades completas de renda que cubra a vixencia do contrato e seis meses suplementarios.

-O IGVS prestará gratuitamente un servicio de defensa xurídica, nos aspectos máis salientables, sempre que exista causa apreciada polo IGVS e, en todo caso, a reclamación por desafiuzamento e reclamación de rendas. Para o caso de que o arrendador opte por prescindir da asistencia xurídica ofertada polo IGVS e decida asumi-la representación procesual por un avogado da súa confianza, o IGVS aboará a contía máxima de 240 A. Asumirá, ademais, a xestión, administración e o cobramento así como velar pola relación contractual.

-Contratación dun seguro multirrisco gratuíto.

A cambio o arrendador comprométese a:

-Introduci-la vivenda na bolsa por un período de dous meses prorrogables.

-Arrendar no caso de que exista un inquilino que reúna os requisitos, con dereito de elección.

-Asinar un contrato de arrendamento de vivenda nos termos establecidos na Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e segundo o modelo establecido por resolución do director xeral do IGVS, e que estará totalmente sometido a xurisdicción ordinaria.

-Outorga-los poderes de representación oportunos para a súa defensa xurídica por avogado e procurador, designados polo IGVS, para beneficiarse das garantías que ofrece o instituto. No caso de acudir á cobertura do seguro multirrisco, deberá outorga-los debidos poderes para a súa defensa procesual que requira a compañía de seguros.

Para o caso de que o arrendatario perda o dereito á subvención, o sistema de pagamentos non se realizará tal e como establece o artigo 11º, senón que atenderá ó establecido polas partes. Neste caso, a custodia do aval corresponderalle ó propietario.

Artigo 15º.-Garantías.

O incumprimento das condicións establecidas para a concesión das subvencións suporá, ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga do reintegro por parte do beneficiario dos recursos achegados polo IGVS.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do xuro legal correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data do efectivo reintegro, nos seguintes casos:

1. Obtención da subvención falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o teñan impedido.

2. Incumprimento total ou parcial do obxectivo ou non-adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

3. Incumprimento da obriga de xustificar ou xustificar insuficientemente.

4. Resistencia, escusa, obstrucción ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas neste decreto.

5. Incumprimento das obrigas impostas pola Administración así como os compromisos asumidos con motivo da concesión da subvención.

Artigo 16º.-Causas de revogación.

A resolución da concesión poderase revogar polas seguintes causas:

a) A achega de datos falsos ou que induzan a erro na documentación presentada.

b) O incumprimento da obrigas estipuladas no contrato de arrendamento imputables ó arrendatario.

c) En xeral, o incumprimento de calquera outra estipulación contida neste decreto.

Artigo 17º.-Facultades de inspección.

Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar tódalas inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verifica-la exactitude dos datos achegados e o destino da subvención concedida.

Os beneficiarios estarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Os beneficiarios e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou a súa xustificación estarán obrigados a prestar colaboración e a facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ó Tribunal de Contas ou ó Consello de Contas.

A negativa ó cumprimento desta obriga considerarase resistencia, escusa, obstrucción ou negativa para os efectos previstos no artigo 15º, sen prexuízo das sancións que, se é o caso, poderán corresponder.

Artigo 18º.-Cesión de datos.

Segundo a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a solicitude de incorporación á bolsa suporá a prestación do consentimento por parte do solicitante para cede-los datos necesarios para a xestión da subvención. O IGVS garantirá a confidencialidade dos datos subministrados.

Artigo 19º.-Réxime sancionador.

Aplicarase o réxime sancionador establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 20º.-Compatibilidade.

Esta subvención resulta incompatible con calquera outra axuda destinada ó aluguer de vivenda.

Artigo 21º.-Dispoñibilidade económica.

O importe máximo previsto en concepto de subvencións para este exercicio ascende á cantidade de 1.728.000 A, que se satisfarán con cargo ó concepto orzamentario 06.60.331A.480.1. do orzamento de gastos do IGVS para o exercicio 2004. O orzamento máximo autorizado para o exercicio 2005 ascende a 1.209.600 A con cargo á mesma aplicación orzamentaria.

A dotación inicial prevista poderase incrementar en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo á mesma aplicación.

Artigo 22º.-Resolucións e recursos.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá expresamente o que conforme o dereito corresponda sobre a procedencia do outorgamento da subvención ou, de se-lo caso, sobre a denegación dela.

Contra a resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderase recorrer en alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación.

O IGVS notificará a concesión da subvención por un prazo de 12 meses, quedando supeditado o seu pagamento mensual ó establecido no artigo 11º.

O prazo máximo para dictar e notifica-la resolución será de tres meses desde a data da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dictase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as axudas convocadas por este decreto e as sucesivas ordes anuais poderán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Este decreto desenvolverase nos sucesivos anos mediante ordes anuais que determinarán a contía dos recursos para cada exercicio orzamentario.

Segunda.-Co obxecto de acada-las finalidades previstas no programa Bolsa de Vivenda en Aluguer, o IGVS poderá asinar convenios de colaboración con colexios profesionais e asociacións, especialmente con aqueles que teñan como obxecto a intermediación e xestión no mercado de vivendas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá dictar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2004.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO