DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 16 de febreiro de 2004 Páx. 1.992

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións para a creación de empresas e a integración laboral da muller como estímulo a mulleres emprendedoras de Galicia (programa Emega) e se procede á súa convocatoria.

O Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, determina no artigo 1 que esta consellería é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de familia, infancia e menores, muller, xuventude, deportes e voluntariado, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

Ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de elaborar plans de actuación, programas piloto e plans-ponte para fomenta-lo emprego e facilita-la formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

Por outra banda, no IV plan de igualdade de oportunidades das mulleres galegas, dedícase unha área específica á formación, emprego e conciliación da vida persoal, familiar e laboral e, dentro dela, un dos obxectivos prioritarios é o fomento do acceso das mulleres ó emprego e á creación de empresas.

Esta resolución pretende apoia-las mulleres emprendedoras, estimulándoas mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se establezan como empresarias e deste xeito acaden a súa propia integración laboral e contribúan á creación de postos de traballo.

As iniciativas empresariais que, ó abeiro desta resolución, poidan promove-las mulleres baixo fórmulas de asociación en cooperativas, sociedades laborais e autoemprego como traballadoras autónomas ou mediante a constitución de calquera outro tipo de sociedade legalmente prevista, son medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos e corrección de desequilibrios rexionais que sirvan para reduci-la taxa de paro feminino que certamente segue sendo máis elevada cá do home.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime

financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establécense os requisitos xerais ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia se adaptará esta resolución, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo o exposto, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta resolución é establece-las bases que rexerán a concesión de axudas e subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o establecemento da muller como empresaria, como medio axeitado para a súa integración laboral, baixo calquera forma de sociedade, cooperativa, ou establecemento como traballadora autónoma, con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria.

Artigo 2º.-Financiamento.

As accións incluídas nesta resolución financiaranse con cargo á partida orzamentaria 14.50.212A.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 e cos fondos reflectidos no Marco Comunitario de Apoio da Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo (FSE) e o importe global destinado a estas ascende a 2.210.000 euros. Esta contía poderá incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Normativa aplicable.

A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ó disposto nesta resolución, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2004 e no Regulamento (CE) nº 69/2001, da comisión, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis.

En canto á información e publicidade das accións que se realicen ó abeiro desta resolución haberá que aterse ó disposto no Regulamento (CE) nº 1159/2000, da comisión, do 30 de maio, sobre as actividades de información e publicidade que deben levar a cabo os estados membros en relación coas intervencións dos fondos estructurais (DO L 130, 21-5-2000) e demais normativa de aplicación.

Artigo 4º.-Beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As mulleres individualmente consideradas que, atopándose en situación de desemprego cunha antigüidade mínima de 3 meses inmediatamente anteriores ó inicio da actividade, se establezan como traballadoras autónomas ou se constitúan baixo unha forma societaria de carácter unipersoal e creen alomenos un posto de traballo por conta allea desempeñado por unha muller.

b) As mulleres que, atopándose en situación de desemprego, e alomenos unha delas cunha antigüidade mínima de 3 meses inmediatamente anteriores ó inicio da actividade, se unan ou asocien e creen postos de traballo de, alomenos, dúas das mulleres, tendo que ser unha delas obrigatoriamente a que leve os tres meses desempregada.

Os postos de traballo, sexan por conta propia ou por conta allea, que se creen para dar cumprimento ó establecido neste artigo, teñen que estar cubertos por un período mínimo de cinco anos, computados desde que se producen as altas correspondentes no sistema da Seguridade Social ou mutualidades profesionais.

2. Para os efectos do cumprimento do requisito de creación de postos de traballo por conta allea non se computarán os contratos de interinidade.

Artigo 5º.-Axudas.

1. As axudas consistirán nunha subvención, e por unha soa vez, que como máximo será de 18.000 euros. Esta subvención non poderá supera-lo 50% do orzamento total do proxecto reflectido no programa de investimentos (anexo IV) deducido o importe correspondente á provisión de fondos e a súa concesión será compatible con outros programas elaborados polas administracións públicas, agás que se trate de subvencións do mesmo tipo, concepto e finalidade. A suma total das axudas percibidas para o desenvolvemento do proxecto empresarial non pode exceder do 55% do seu custo total, respectando os límites establecidos nesta resolución. Non procederá este tipo de subvención cando se tivese percibido con anterioridade.

2. Estas axudas están destinadas a sufragar gastos derivados da posta en marcha e funcionamento das empresas que teñan o inicio da súa actividade entre o 1 de marzo de 2003 e o 28 de febreiro de 2004. Consideraranse gastos susceptibles de subvención os destinados á man de obra empregada na reforma ou adecuación do local, a adquisición de primeiras mercadorías (durante o primeiro mes da actividade) co límite máximo de 3.000 euros, o material funxible, o aluguer do local e maquinaria, os gastos correntes

(auga, luz, teléfono e similares), e os gastos de elaboración do cartel informativo esixido no artigo 14º. Non se consideran gastos subvencionables os derivados de obrigas tributarias, taxas por autorizacións administrativas, stock, construcción de edificios, leasing, gastos de persoal e todos aqueles que poidan ser considerados como investimentos en capital fixo.

Capítulo II

Procedemento

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes presentaranse, no modelo normalizado que se publica como anexo I, no rexistro do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, xunto coa documentación que se relaciona:

a) Se a solicitante é persoa física, copia compulsada do DNI; se é persoa xurídica, copia compulsada do documento de constitución da sociedade, copia compulsada do DNI de tódalas socias, da documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade e do CIF da empresa.

b) Datos da promotora (anexo II). Cando se trate de sociedades, presentarase un anexo por cada socia.

c) Informe orixinal de vida laboral, actualizado, emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social, e/ou pola mutualidade profesional, da empresaria autónoma ou de tódalas socias, segundo corresponda.

d) Copia compulsada das altas das promotoras no réxime correspondente da Seguridade Social e/ou mutualidade profesional, segundo corresponda.

e) Copia compulsada da alta fiscal da empresa na actividade económica.

f) Memoria descritiva e memoria económica do proxecto da actividade, segundo os anexos III e IV desta resolución que permitan a avaliación da súa viabilidade.

g) Compromiso expreso de creación de postos de traballo por conta allea (anexo V).

h) Declaración actualizada do conxunto de tódalas axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (anexo VI).

i) Declaración orixinal expresa de aceptación das actuacións de supervisión e control do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller; e as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda, as previstas na lexislación do Consello de Contas ou as daqueloutros organismos públicos que, de se-lo caso, procedan (anexo VIII).

j) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta da solicitante na que conste: o código de banco, o código de sucursal, o díxito de control e o código de conta corrente.

k) De se-lo caso, autorización para a solicitude de certificacións sobre débedas tributarias estatais e autonómicas (anexo VII).

Artigo 7º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes é de corenta días naturais desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, as unidades administrativas encargadas da tramitación dos expedientes requirirán as interesadas para que, no prazo de dez días, acheguen os documentos preceptivos ou emenden os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixesen, se lles terá por desistida a súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

A directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller designará unha comisión de valoración, composta por tres membros, para o estudio e avaliación das solicitudes recibidas e debidamente cubertas. Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a directora xeral.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas, valorando os proxectos debidamente xustificados conforme o seguinte baremo:

a) Viabilidade do proxecto con base a criterios técnico-económicos.

a.1) Experiencia laboral da promotora: máximo 10 puntos.

a.2) Rendibilidade: máximo 20 puntos.

a.3) Recursos achegados: máximo 20 puntos.

b) Número de postos de traballo que se vaian crear, tendo en conta a duración e características do contrato na súa totalidade, con consideración especial para aqueles que vaian ser desempeñados por mulleres desempregadas e paradas de longa duración con especiais dificultades de acceso ó mercado laboral, así como os postos de traballo desempeñados por mulleres procedentes de minorías étnicas e as que se atopen en situación de especial dificultade derivada da violencia de xénero.

b.1) Características dos compromisos das contratacións por conta allea: máximo 30 puntos.

b.2) Tipos de contratos a mulleres por conta allea: máximo 40 puntos.

b.3) Postos de traballo das propias promotoras do proxecto: máximo 30 puntos.

b.4) A valoración dos postos de traballo que se creen por conta propia e os que se creen por conta allea con contrato indefinido incrementarase en 5 puntos cando sexan desempeñados por mulleres que se incorporan ó mercado laboral despois dunha interrupción causada pola dificultade de compaxina-la vida laboral e familiar.

c) Achega de carácter privado das promotoras do proxecto: máximo 10 puntos, aplicable sempre que as achegas superen a contía equivalente ós gastos subvencionables.

d) Interese da acción que se vai executar desde o punto de vista do desenvolvemento económico da área beneficiada, para os efectos da cal se terán en conta aquelas empresas que se implanten en zonas con maior índice de desemprego feminino na actividade que se pretenda desenvolver, tanto no ámbito urbano coma no rural: máximo 10 puntos.

e) Carácter innovador do proxecto: máximo 5 puntos.

f) Incorporación de novas tecnoloxías: máximo 5 puntos.

g) Utilización de materias primas autóctonas: máximo 5 puntos.

h) Adaptación e mellora medioambiental: máximo 5 puntos.

i) Localización dos proxectos de nova instalación en parques empresariais: máximo 10 puntos.

Unha vez avaliados os expedientes e determinados os gastos subvencionables previstos para cada proxecto, a comisión de valoración establecerá a puntuación mínima tendo en conta o crédito orzamentario establecido no artigo 2 e presentará, á directora xeral, a correspondente proposta de adxudicación.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, unha vez fiscalizada a proposta da comisión de valoración pola Intervención delegada, correspóndelle á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. As resolucións dictadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

3. O prazo para resolver será de seis meses, que se computarán a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención.

Notificada a resolución de concesión de subvención, as beneficiarias deberán manifestar por escrito a súa aceptación comprometéndose a cumpri-los prazos e requisitos establecidos nesta convocatoria. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais contados desde a recepción da notificación da resolución, entenderase que as beneficiarias renuncian á subvención inicialmente concedida e procederase, logo de resolución, ó arquivo do expediente.

Artigo 12º.-Obrigas.

1. As adxudicatarias das axudas están obrigadas a:

a) Non altera-lo destino da subvención.

b) Inicia-la actividade entre o 1 de marzo de 2003 e o 28 de febreiro de 2004. Para os efectos desta resolución enténdese que se inicia a actividade cando se producen a alta fiscal da empresa na actividade

económica e as altas das promotoras na Seguridade Social ou mutualidade profesional, sen prexuízo da facultade do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller de comproba-la realización material das actuacións propias da empresa de que se trate fronte ó público en xeral.

c) Comunicar, no prazo de 15 días, tódalas variacións que se produzan na empresa.

d) Face-lo investimento previsto para a creación da empresa.

e) Ter unha permanencia ininterrompida na actividade de cinco anos como mínimo. Durante este tempo deberá permanecer exposto o cartel ó que se refire o artigo 14.

f) Cumpri-los compromisos asinados de creación de emprego.

g) Efectua-la xustificación do gasto conforme o establecido nesta resolución.

h) Facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa de revogación da subvención, ou do reintegro, se é o caso, dos importes percibidos e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez concedida e aceptada a subvención, o seu pagamento quedará condicionado a que as beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Orixinais das facturas ou documentos equivalentes dos gastos para os que se concedeu a axuda polos conceptos subvencionables. Estes documentos estarán emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse, de se-lo caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes.

b) Copia compulsada da inscrición da empresa no sistema da Seguridade Social, de se-lo caso.

c) Copias compulsadas dos documentos de alta na Seguridade Social das/os traballadoras/es por conta allea e dos contratos correspondentes, segundo o compromiso de creación de emprego incorporado á solicitude.

d) Declaración responsable acreditativa do cumprimento total do orzamento previsto no proxecto, na que constarán os importes dos gastos realmente

efectuados e os datos das facturas correspondentes, asinada pola promotora ou promotoras.

e) Certificacións orixinais de que as promotoras, ou de se-lo caso a empresa, se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, sempre que non se presentase a autorización recollida no anexo VII.

f) Declaración complementaria, actualizada, do conxunto de tódalas axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

2. A xustificación deberá referirse a gastos efectuados ata o 30 de novembro de 2004, sen que en ningún caso poida exceder dun ano desde o inicio da actividade, e necesariamente presentarase antes do 5 de decembro de 2004.

Artigo 14º.-Publicidade.

No lugar onde se leven a cabo as accións correspondentes ós proxectos subvencionados deberá figurar, de forma visible para o público en xeral, un cartel informativo que indique que a acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e o Fondo Social Europeo, cos seus respectivos anagramas.

Nas demais accións que correspondan a proxectos subvencionados ó abeiro desta resolución non se reproducirán, en ningún documento, os anagramas das entidades e organismos cofinanciadores agás que, en aplicación da normativa vixente, se produza autorización ou instrucción expresa da dirección xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 15º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación, así como o reintegro total ou parcial da axuda percibida e a esixencia dos xuros de demora, nos casos e termos previstos nesta resolución, no Decreto 287/2000 e na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá dictar resolucións de concesión de axudas de carácter complementario, cando existan fondos provenientes de renuncias expresas, de remanentes de subvencións inicialmente concedidas ou por ampliación do crédito inicialmente destinado no artigo 2º desta resolución. A comisión de valoración realizará propostas motivadas de adxudicacións complementarias que atenderán proxectos inicialmente desestimados por razón do baremo aplicado.

Segunda.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración estatal e autonómica, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderán realiza-las comprobacións e verificacións que consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Terceira.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta resolución.

Cuarta.-Nas solicitudes que se presenten ó abeiro desta resolución, indicarase expresamente se se solicitaron ou se van solicita-las axudas dos programas de autoemprego individual ou colectivo da Administración autonómica.

Quinta.-Ás beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller dictará as instruccións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2004.

Marta González Vázquez

Directora xeral do Servicio Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA