DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 16 de febreiro de 2004 Páx. 1.990

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2004 pola que se convocan as Xornadas informativas: novidades normativas sobre réxime xurídico e xestión económico-financeira das corporacións locais de Galicia.

Dentro do Plan de actividades da EGAP para 2004, e a través do Centro de Estudios Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse as Xornadas informativas: novidades normativas sobre réxime xurídico e xestión económico-financeira das corporacións locais de Galicia, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Coñecemento e debate das novidades normativas sobre réxime xurídico e xestión económico-financeira das corporacións locais de Galicia.

Segunda.-Contido.

Trataranse estes temas:

-Novidades no réxime xurídico do patrimonio das entidades locais.

-Regulación xeral das subvencións públicas e a súa aplicación ás entidades locais.

-Modificacións en materia de xestión económico-financeira das entidades locais contidas na Lei 57/2003, de medidas para a modernización do Goberno local, na Lei 61/2003, de orzamentos xerais do Estado e na Lei 62/2003, de medidas fiscais, administrativas e da orde social.

-Modificacións en materia de organización e funcionamento das entidades locais contidas na Lei para a modernización do Goberno local.

-A nova regulamentación dos tributos.

-O Fondo Galego de Cooperación Local do exercicio 2004.

Terceira.-Destinatarios.

Persoal ó servicio da Administración local galega e da Xunta de Galicia e interesados en xeral.

Cuarta.-Desenvolvemento.

Horario: mañá e tarde.

Lugar e data: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos de Escola Galega de Administración Pública. R/ Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, os días 2 e 3 de marzo de 2004.

Quinta.-Inscrición.

Prazo: remata o venres día 27 de febreiro de 2004.

Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

Nº de prazas: limitado á capacidade do local.

Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 1 de marzo, das 8.30 ás 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 57 ou 981 54 62 56.

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como a de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Entregaráselles ó remate desta xornada a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME

E DA MULLER