DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 16 de febreiro de 2004 Páx. 1.968

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 30 de xaneiro de 2004 pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para o exercicio do ano 2004, e se procede á súa convocatoria.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos Decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia, 23/2003, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e mailo Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a súa estructura orgánica, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais asume o exercicio das competencias e funcións que ata o momento correspondían á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Correspóndelle, agora, a esta consellería a xestión das subvencións e axudas públicas da política de emprego, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese social e xeral e o de contratación de axentes de emprego e técnicos locais de emprego.

Estas medidas de fomento do emprego público dirixidas ás anteditas entidades, ás outras administracións e ás entidades sen ánimo de lucro, agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica, baixo a rúbrica de programas de cooperación, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais dos que traen causa.

A filosofía dos denominados programas de cooperación corresponde á necesidade de dar un tratamento global e coordinado ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral que, inicialmente impulsadas e subvencionadas pola Administración, sexan capaces de perdurar e de seren mantidas ben por outras instancias da Administración autonómica, ben polas propias entidades afectadas ou, na medida do posible, pola propia iniciativa privada, a través do mantemento do emprego xerado a través do mantemento do servicio.

Os programas de cooperación concíbense, ademais, como medida de fomento do emprego a través

da adquisición de experiencia profesional dos traballadores desempregados participantes na realización das obras ou servicios, de xeito que, coa mellora da súa empregabilidade, poidan situarse en mellores condicións para acceder a un posto de traballo, unha vez rematada a súa participación neles. Nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos anteditos programas, se dirixen especificamente ás administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Por outra banda, non poden perderse de vista as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo sobre o Emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ó desenvolvemento do espírito de empresa, ó fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ó reforzamento da política de igualdade de oportunidades, presentes no deseño dos programas regulados nesta orde, e que deben materializarse cando se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas ás que a esta dea lugar.

Noutra orde de cousas, esta convocatoria axústase ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento das axudas previstas nesta orde, realizarase con fondos finalistas transferidos pola Administración do Estado e con fondos propios libres da Comunidade Autónoma, con cargo ás aplicacións 16.04.241A.400.0, 16.04.241A.419.0, 16.04.241A.439.0, 16.04.241A.440.0 e 16.04.241A.480.1 e 480.2 da Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, por un importe de 310.500, 353.190, 193.000, 4.030.392, 2.661.387 e 5.116.161 euros, respectivamente.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que se establezan pola Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Consecuentemente con todo o anterior, informado o Comité Autonómico de Emprego, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, da Inspección Xeral de Servicios e da Intervención Delegada, e, en exercicio das facultades que me

confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo primeiro

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Finalidade.

Esta orde ten por finalidade a definición, regulación e convocatoria dos distintos programas de axudas da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego no ámbito da colaboración coas administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

1. Dentro dos programas de cooperación, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais subvencionará as entidades que estando previstas no artigo seguinte contraten traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e axentes de emprego e/ou unidades de apoio, nos termos establecidos, respectivamente, nos capítulos II e III desta orde.

2. A subvención consistirá no financiamento dunha contía equivalente ós custos salariais e de Seguridade Social dos traballadores que se contraten e, cando estes sexan beneficiarios do Programa Labora: xuventude con experiencia ou do Programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica que reúnan os requisitos para percibilo, no financiamento do incentivo á mobilidade xeográfica, previsto no artigo 16º desta disposición.

3. Estas axudas e subvencións financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.04.241A.400.0, 16.04.241A.419.0, 16.04.241A.439.0, 16.04.241A.440.0 e 16.04.241A.480.1 e 480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os órganos, organismos e entidades dependentes ou vinculadas ás administracións públicas distintas da local e ás universidades, así como as entidades sen ánimo de lucro que dispoñan de recoñecida solvencia e capacidade técnica e de xestión suficientes para a correcta execución dos correspondentes proxectos.

Artigo 4º.-Solicitudes documentación e prazo.

1. As entidades que estando previstas no artigo anterior pretendan beneficiarse destas subvencións deberán formaliza-la correspondente solicitude nos modelos que se publican como anexos a esta orde, de acordo co disposto no artigo 70º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. As solicitudes, que se publican como anexo I, que en todo caso deberán ser subscritas polo titular ou representante legal da entidade, debidamente acreditado, deberán ir acompañadas, en duplicado exemplar, da seguinte documentación:

a) Acreditación da representación que desempeña a persoa que asina a solicitude e, no caso de entidades sen ánimo de lucro, ademais fotocopias compulsadas do seu documento nacional de identidade e da documentación do apoderamento.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Fotocopia compulsada da escritura pública e/ou dos estatutos de constitución da entidade solicitante en que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro, para os supostos en que tivese esa natureza.

d) Ficha de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo VI.

e) Unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo VII.

f) Exclusivamente no caso das axudas e subvencións previstas no capítulo II:

-Se é o caso, proxecto global do conxunto de plans de obras e servicios que se realizarán, no modelo que se publica como anexo II.

-Unha memoria de cada obra ou servicio que se vai realizar, no modelo que se publica como anexo III, acompañada do proxecto e planos cando o tipo de obra así o esixa.

g) Exclusivamente no caso das axudas e subvencións previstas no capítulo III, unha memoria, no modelo que se publica como anexo IV, fundamentando a solicitude, incluíndo unha descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación, as tarefas que teña que desempeña-lo axente de emprego e, se é o caso, a composición e funcións que vai desempeña-la unidade de apoio.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Promoción de Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. O último día hábil do prazo para a presentación de solicitudes será o 31 de xullo do ano 2004, agás no suposto das solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, que se poderán presentar durante todo o ano.

Artigo 5º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, o órgano competente para instruí-lo procedemento requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992,

do 26 de novembro, terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución que se deberá dictar nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes e completados, de se-lo caso, remitiranse á comisión de valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde, a comisión de valoración estará composta polo subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Programas de Cooperación e un funcionario adscrito ó servicio actuando este último como secretario.

Artigo 6º.-Resolución e recursos.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, logo do informe da comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada, o director xeral de Promoción do Emprego, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, dictará a resolución que proceda, debendo ser notificada ós interesados. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

2. A resolución administrativa que poña fin ó expediente conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Denominación da obra ou servicio aprobado.

b) Denominación do proxecto global.

c) A pertenza dos traballadores que se van a contratar ó Programa Labora ou o de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, se é o caso.

d) Duración e data de inicio.

e) Contía da subvención que se vai outorgar.

f) Categoría profesional e grupo de cotización dos traballadores que se van contratar.

g) Localización xeográfica provincial da realización da obra ou servicio.

h) Se é o caso, código que hai que incluír nos contratos para a súa posterior mecanización e rexistro para efectos estatísticos.

i) Referencia ó cofinanciamento polo Fondo Social Europeo da subvención concedida, cando proceda.

j) A modalidade contractual, cando se trate da subvención da contratación de beneficiarias do Programa de inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica.

3. A determinación da contía da subvención correspondente ó incentivo á mobilidade xeográfica dos traballadores que reúnan os requisitos para percibilo, realizarase mediante resolución complementaria de conformidade co previsto no artigo 8.2º.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa,

contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto administrativo recorrido no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación, se o acto fose expreso; se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Neste caso, non se poderá interpoñe-lo o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto o recurso de reposición.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 7º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego co código que, se é o caso, figure no anexo á resolución da concesión da subvención.

b) Orixinais ou copias compulsadas dos partes de alta na Seguridade Social.

c) Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria en que consten as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mailas cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) No caso das axudas e subvención establecidas no capítulo II, o certificado previsto no artigo 15.3º desta orde, relativo á selección e contratación de traballadores.

e) Unha declaración complementaria do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2. O aboamento da subvención correspondente ó incentivo á mobilidade xeográfica dos traballadores contratados, previsto no artigo 16º, farase efectivo unha vez comprobado o número de beneficiarios contratados que reúnan os requisitos para acceder a ese incentivo e dictada a correspondente resolución complementaria de concesión de subvención, logo de fiscalización da proposta pola Intervención Delegada.

3. A documentación xustificativa deberá remitirse á Dirección Xeral de Promoción do Emprego no prazo dun mes desde o inicio da obra ou servicio e, en todo caso, antes do 15 de decembro de 2004, agás autorización expresa de ampliación do prazo por aquela, logo da solicitude motivada da entidade beneficiaria.

Artigo 9º.-Incompatibilidades e obrigas dos beneficiarios.

1. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para man de obra, outorgada por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá superar, conxuntamente coa subvención da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, o custo total da contratación, incluídas as cotizacións á Seguridade Social.

2. As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde virán obrigadas á:

a) Realiza-la actividade ou adopta-lo comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute da axuda.

c) O sometemento ás actuacións de comprobación e control que poida efectua-la Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e ás que lle poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

d) Comunicarlle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional, no momento da solicitude e no da xustificación previa ó pagamento.

e) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as obras e servicios que se realicen, de conformidade co disposto nos artigos 18.2º e 24.2º, respectivamente, desta orde.

f) Satisfacer, ó seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos ser

vicios subvencionados, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

g) Cumpri-las demais obrigas que se poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

Artigo 10º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde ou a normativa que a desenvolva, dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, da axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo segundo

Das subvencións para a contratación

de traballadores desempregados para a realización

de obras e servicios de interese xeral e social

Artigo 11º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, a través da subvención, para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social, da contratación de:

a) Beneficiarios do Programa Labora: xuventude con experiencia.

b) Beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica.

c) Traballadores desempregados, preferentemente, con especiais dificultades de inserción laboral, tales como parados de longa duración, discapacitados, mulleres e maiores de 45 anos.

2. No caso de contratación de beneficiarios dos programas previstos nas alíneas a) e b) do parágrafo anterior, teranse en conta as especificidades previstas no Decreto 148/2002, do 18 de abril, (modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro), na Orde do 5 de xuño de 2003 (modificada pola Orde do 29 de setembro) e nos artigos 2.2º, 6.2º c), 6.3º, 8.2º, 12.1º b), 14.3º, 16º e nas disposicións adicionais cuarta, sexta e sétima desta orde.

Artigo 12º.-Contía.

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias, sen prexuízo do establecido na disposición adicional sétima, será:

a) Para efectos salariais, a equivalente á base mínima do grupo de cotización ó que corresponda a categoría profesional desempeñada polo traballador contratado, maila cotización empresarial á Seguridade Social derivada do dito salario, todo isto con independencia da retribución que finalmente perciba o traballador.

b) Para efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, será de 180 euros mensuais por cada beneficiario/a contratado que reúna os requisitos para percibilo.

2. A contía da subvención prevista na alínea a) do parágrafo anterior reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

Artigo 13º.-Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.

1. As obras e servicios que se vaian realizar deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que sexan executados ou prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais dos desempregados.

c) Que a súa duración máxima sexa de 12 meses.

2. De entre as obras e servicios que cumpran os anteditos requisitos, farase unha selección dando maior preferencia ós proxectos que:

a) Na súa realización, permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

b) Vaian dirixidos ás titulacións correspondentes ós beneficiarios incorporados ó Programa Labora do seu ámbito territorial ou a aquelas con menor índice de colocación a través do programa, á contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica ou de parados de longa duración, discapacitados ou mulleres e maiores de 45 anos.

c) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade beneficiaria á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde entre a entidade beneficiaria e o órgano competente para resolver ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

d) Incidan nos novos viveiros de emprego e fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

e) Os proxectos que teñan un ámbito de actuación superior ó municipal e impliquen, no seu deseño e execución a outros organismos ou entidades do contorno, así como ós actores sociais presentes no territorio.

f) Os proxectos de maior interese xeral e social.

3. En ningún caso serán obxecto de subvención aquelas solicitudes presentadas polas institucións sen ánimo de lucro coa finalidade de executar obras.

Artigo 14º.-Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servicios polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia.

2. No suposto de contratación dos traballadores previstos no artigo 11.1º c), as entidades benefi

ciarias da subvención solicitarán os traballadores desempregados necesarios mediante a presentación de oferta de emprego nas oficinas de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia ós requisitos e características que deben reuni-los traballadores que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes ós postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación.

A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda ós criterios preferenciais establecidos nos parágrafos seguintes.

Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ó posto de traballo ofertado, proporcionando, de ser posible, o número de candidatos por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dous, tendo preferencia os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, tales como:

a) Parados de longa duración.

b) Discapacitados.

c) Mulleres.

d) Desempregados maiores de 45 anos.

Así mesmo, teranse en conta os seguintes criterios:

a) Nivel de protección por desemprego dos posibles beneficiarios.

b) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador desempregado que se contrata o cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

Os candidatos serán remitidos á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que deberá ser notificada ó Servicio Público de Emprego de Galicia.

As oficinas de emprego, á hora de realiza-las sondaxes, deberán ter en consideración a dispoñibilidade dos demandantes para formaliza-lo contrato de inserción de conformidade co establecido no parágrafo primeiro do artigo seguinte.

3. Cando a concesión da subvención estea vinculada á contratación de beneficiarios do Programa Labora ou do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, a selección dos traballadores desempregados será realizada polas entidades subvencionadas contra a base de datos de incorporados ó programa, logo da presentación por parte daquelas da correspondente oferta de emprego específica nas oficinas de emprego e nos centros asociados do Servicio Galego de Colocación habilitados para o efecto. Os modelos e características desta oferta específica estableceranse por resolución dos órganos competentes do Servicio Público de Emprego.

Excepcionalmente e, logo de autorización expresa da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, poderán utilizarse ofertas especiais cando se trate de

seleccionar a beneficiarios do Programa Labora que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ó 33% ou a beneficiaciarias do Programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica.

Artigo 15º.-Contratación dos traballadores.

1. Seleccionados os traballadores na forma prevista no artigo anterior e, con carácter xeral, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación, antes do 1 de decembro de 2004, nos termos expresados na solicitude en relación coa resolución de concesión de axudas, utilizando a modalidade de contrato temporal de inserción. Os traballadores que sexan parte nestes contratos non poderán repeti-la súa participación ata transcorridos tres anos desde o remate do anterior contrato desta natureza, sempre e cando o traballador fose contratado baixo esta modalidade por un período superior a nove meses nos últimos tres anos, de acordo co disposto no artigo 15.1º d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores na súa redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo.

Excepcionalmente e, cando non sexa posible a formalización do contrato de inserción, poderá utilizarse a modalidade de contrato de obra ou servicio determinado para a contratación de beneficiarias do Programa de inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica.

2. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores seleccionados comunicaránselle á oficina de emprego correspondente coa indicación de Programas de cooperación Xunta de Galicia-outras administracións ou entidades, debendo incluírse, en cada contrato, o código reflectido na resolución de concesión das axudas.

3. A entidade beneficiaria remitiralle á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, no prazo e xunto coa documentación prevista no artigo 8º desta orde, un certificado do órgano competente en que consten os seguintes extremos:

a) A formulación da correspondente oferta no Servicio Público de Emprego de Galicia.

b) Se é o caso, a relación nominal de traballadores desempregados facilitados polo Servicio Público de Emprego de Galicia, así como a dos traballadores seleccionados e contratados.

Artigo 16º.-Incentivo á mobilidade xeográfica.

1. Os beneficiarios do Programa Labora e do Programa de inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica contratados percibirán un incentivo á mobilidade xeográfica, sempre que cumpran os requisitos previstos no artigo 7.3º do Decreto 148/2002, do 18 de abril, (modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro), e no artigo 9 da Orde do 5 de xuño de 2003 (modificada pola Orde do 29 de setembro).

2. As oficinas de emprego, unha vez recibidos os contratos de traballo de conformidade co previsto no artigo 15.2º, comprobarán cales e cantos dos traballadores contratados reúnen os requisitos para a

percepción do incentivo á mobilidade xeográfica. Unha vez determinados, o director da oficina de emprego deberá remitir á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, por cada expediente, unha relación certificada destes para os efectos de dicta-la correspondente resolución complementaria, nos termos previstos no artigo 8.2º.

Artigo 17º.-Inicio das obras ou servicios.

Con carácter xeral, a obra ou servicio iniciarase no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data de inicio prevista na resolución. Non obstante, cando concorran causas debidamente xustificadas, o director xeral de Promoción do Emprego poderá autoriza-lo inicio da obra ou servicio con posterioridade ó devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria. En todo caso, deberá iniciarse antes do 1 de decembro de 2004, tendo en conta o prazo máximo para a remisión da documentación xustificativa prevista no artigo 8º.

Artigo 18º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servicio subvencionado, a entidade beneficiaria remitirá á Dirección Xeral de Promoción do Emprego un informe pormenorizado sobre as obras ou servicios realizados, características dos contratos celebrados e práctica profesional adquirida polos traballadores contratados, así como sobre as súas perspectivas de integración laboral, reintegrando, se é o caso, as cantidades non aplicadas á actividade subvencionada.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras ou servicios, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado que se facilitará pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego, en que constará o cofinanciamento pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Capítulo terceiro

Das subvencións para a contratación de axentes

de emprego e unidades de apoio para a creación

de emprego

Artigo 19º-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto regula-la concesión de axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio para a creación de emprego, para a realización de funcións relacionadas coa dinamización e xeración de novas actividades, colaborando na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, desenvolvéndose a antedita colaboración no marco de actuación conxunta e acordada da entidade contratante e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. Os axentes de emprego e as unidades de apoio realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados e de proxectos empresariais de promoción económica e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego.

b) Difusión e estímulo das potenciais oportunidades de creación de actividades entre desempregados, promotores, emprendedores e institucións colaboradoras.

c) Acompañamento técnico na iniciación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio ós promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento.

3. As unidades de apoio estarán compostas polo persoal necesario para a realización das tarefas que van desenvolver.

Artigo 20º.-Contía.

1. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ó resultado de multiplica-lo número de traballadores desempregados contratados polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social do traballador contratado, conforme o establecido no parágrafo seguinte.

A citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

2. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización dos traballadores contratados serán os seguintes:

Módulo A: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán ó salario mínimo interprofesional mensual, vixente cada ano, maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos que correspondesen a ese salario mínimo por cada traballador contratado nos grupos de cotización da Seguridade Social 10 e 11.

Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 9 ó 5, ambos inclusive.

Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 4 ó 1, ambos inclusive.

Artigo 21º.-Selección dos axentes de emprego e dos integrantes das unidades de apoio.

1. A selección dos axentes de emprego e dos traballadores que formen parte da unidade de apoio, será realizada por un grupo de traballo mixto, a través da presentación da correspondente oferta de emprego ante o Servicio Público de Emprego.

2. Ó grupo mixto corresponderalle, entre outras, a realización das seguintes funcións:

a) O establecemento dos criterios para a formulación da oferta de emprego.

b) A determinación do procedemento para a realización da selección, de entre os candidatos remitidos polo Servicio Público de Emprego, procurando a maior adecuación ó posto de traballo, velando polo cumprimento dos requisitos sinalados no parágrafo seguinte.

3. Os axentes de emprego e o persoal integrante das unidades de apoio deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia.

b) No caso dos axentes de emprego, ademais, deberán cumprir algún dos seguintes requisitos:

-Ter superado con éxito os estudios de segundo ou primeiro ciclo dalgún dos seguintes estudios universitarios: economía, administración e dirección de empresas, socioloxía, dereito, ciencias políticas e da administración, enxeñería de montes ou agrónoma, ciencias empresariais, relacións laborais ou enxeñería técnica forestal ou agrícola.

-Ter superado con éxito os estudios de segundo ou primeiro ciclo doutras disciplinas distintas das enumeradas no punto anterior e acreditar, ademais, dous anos de experiencia profesional ou coñecementos adquiridos en cursos universitarios de posgrao (mestrados ou de especialización), en ámbolos dous casos en materias relacionadas coas funcións propias dos axentes de emprego sinaladas no artigo 19.2º desta orde.

4. Para os efectos previstos neste artigo, o grupo de traballo mixto estará integrado por:

a) Un representante da entidade subvencionada.

b) Un representante da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, que a presidirá.

c) Un funcionario da Dirección Xeral de Promoción do Emprego que exercerá de secretario con voz e sen voto.

Artigo 22º.-Contratación.

1. Con carácter xeral, os contratos de traballo subscritos cos traballadores seleccionados celebraranse, antes do 1 de decembro de 2004, baixo a modalidade contractual de obra ou servicio determinado e comunicaranse á oficina de emprego correspondente coa indicación de Programas de cooperación Xunta de Galicia-outras administracións ou entidades.

2. A subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio concederase por un período máximo dun ano, podendo prorrogarse por iguais períodos ata un máximo de catro anos, incluído o inicial.

Artigo 23º.-Prórroga da subvención.

1. As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas neste capítulo ó abeiro da Orde do 3 de febreiro de 2003, poderán solicitar á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a prórroga da subvención concedida por cada axente contratado e/ou unidade de apoio, achegando coa solicitude (anexo I) unha memoria das actividades desenvolvidas, valorando especialmente a xeración de iniciativas empresariais e o número de postos de traballo creados como consecuencia da súa actuación, especificando os obxectivos que se levarán a cabo no período para o que se solicita a prórroga e o tempo estimado da súa execución (anexo V).

Así mesmo, a entidade solicitante deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga poderá ter efectos retroactivos, sempre que o remate do período subvencionado se produza dentro do ano 2004 e non se interrompese a contratación e a prestación de servicios.

Artigo 24º.-Seguimento e publicidade.

1. As entidades beneficiarias deberán remitirlle á Dirección Xeral de Promoción do Emprego unha memoria descritiva das actividades realizadas polos axentes de emprego en cada semestre natural do ano, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento de Emprego. Esta memoria presentarase durante o mes de xullo e durante o mes de xaneiro do ano seguinte, agás que o axente de emprego remate a súa prestación de servicios. Neste caso, a memoria deberá remitirse con anterioridade á finalización do contrato.

2. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realice o servicio, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado que facilitará a Dirección Xeral de Promoción do Emprego, en que constará o cofinanciamento pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións reguladas por esta orde, estará supeditada á existencia de crédito nas aplicacións 16.04.241A.400.0, 16.04.241A.419.0, 16.04.241A.439.0, 16.04.241A.440.0 e 16.04.241A.480.1 e 480.2 da Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Promoción do Emprego para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para así como para autorizar, dispoñer, recoñece-la obriga e propoñe-los correspondentes pagamentos.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes de subvención, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o director xeral de Promoción do Emprego.

Cuarta.-Poderán financiarse con cargo ós créditos previstos nesta orde as resolucións complementarias relativas a incentivos á mobilidade xeográfica correspondentes a expedientes do ano 2003 que non puidesen tramitarse antes do 31 de decembro de 2003.

Quinta.-Por resolución do director xeral de Promoción do Emprego poderanse establece-los criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto ós colectivos prioritarios, se poidan cumpri-los obxectivos establecidos polo Servicio Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego europeas e o Plan Nacional de Acción para o Emprego e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Sexta.-A retribución dos traballadores que se contraten a través do contrato temporal de inserción, de conformidade co disposto no artigo 15.1º d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, na súa redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo, será a que se acorde entre as partes sen que poida ser inferior á establecida, se é o caso, para os contratos de inserción no convenio colectivo aplicable.

Sétima.-Cando para a contratación das beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica, teña que utilizarse a modalidade de contrato de obra ou servicio, a contía da subvención será a necesaria para sufraga-los custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente, por cada traballador contratado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego a dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2004.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais